Antigamente non se enterraba aos mortos. Deixábanos á beira dos camiños, e as aves de presa encargábanse de facelos desaparecer. Non era coma hoxe que se leva ao cemiterio, onde o crego lle di unhas oracións na campa para que vaian máis rápido para o ceo. Había daquela, un mozo que se chamaba Xosé e que vivía preto de Vimianzo. Polo serán, fora visitar á súa noiva que se atopaba nunha aldea, non lonxe de alí, e regresaba con moita présa á caída da noite porque lle tiña medo á escuridade. Avistou, á beira do camiño, un morto que o deixaran alí. Mirouno un instante e dixo: -Virxe bendita, que dentes tan grandes tes e que fortes parecen! Con iso, estou seguro de que poderías comer a madeira da miña mesa! Logo retomou o camiño para a casa. Pero detrás del, erguérase o morto e seguírao. Cando Xosé entrou na súa casa, pechou con todo coidado a porta e prendeu o lume para facer a cea. O morto entrou na casa sen pasar pola porta. Xosé, que ía empezar a comer, amosoulle a mesa e díxolle: -Come, compañeiro, por favor, sen cerimonia. Pero o morto dos dentes grandes respostoulle: -Se non che importa, preferiría pan e algo da comida que preparaches, porque non me gusta a madeira. Xosé deulle pan e compartiu a súa comida con el. Cando tiveron rematado, o morto ergueuse para se despedir. -Agradézoche a hospitalidade, dixo, pero agora, tes que vir comigo. Tesme que acompañar deica o lugar onde me atopaches. -Como? exclamou Xosé. Diso nada. Nunca acordamos iso. Para empezar, non te invitei. Viñeches por vontade propia e só te acollín por educación. -Estás nun erro, dixo o outro. Es ti quen me convidou a comer a madeira da mesa. Xosé non che tiña ningunha gana de sair á escuridade na compaña do morto dos dentes grandes. Repetiulle con obstinación que non se movería da súa casa. -Has vir comigo, pois foches ti quen me trouxo á túa casa. Pero, se non o queres facer hoxe, debes xurarme que virás mañá onda min, ao mesmo sitio. -Reunireime mañá contigo á mesma hora na que te atopei, dixo Xosé. Entón o morto dos dentes grandes saíu da casa igual que entrara. Xosé quedou aquela noite só, pero non durmiu moito. Pola mañá, foi onda o cura da parroquia e contoulle todo canto lle tiña acontecido. O crego matinou un bo anaco e logo díxolle: -Tes que asistir á cita, senón hache pesar. Pero vou axudarte tanto como poida. Debes levar un polo na man. E tranquilízate, acompañareite. E advírtoche dunha ADR CASTELAO RIANXO