Selectividade
Sociolingüística
nta u reg
1
P
Solución
As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos, prexuízos lingüísticos: a súa repercusión e usos. A función básica dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade. Dependendo do ámbito de uso dunha lingua, a función comunicativa concrétase ou non noutras funcións máis específicas: – Función de identidade: refírese á articulación do pensamento no individuo. – Función familiar: permite a relación entre os individuos dunha familia. – Función laboral: posibilita a comunicación no mundo do traballo. En Galicia esta función repártese entre galego e castelán. – Función local: favorece os contactos entre persoas do mesmo contorno, como amigos, compañeiros, etc. – Función institucional: propicia a comunicación entre o cidadán e os diferentes estamentos políticos, administrativos, etc.
– Función cultural: serve como medio para expresar e recibir os saberes das ciencias, das artes e da cultura en xeral. Existen tamén outras funcións que pode desempeñar unha lingua, como a función internacional, que se dá cando é usada por falantes de varios países con linguas diferentes para se entenderen entre si. Actualmente, no sentido estrito, só cumpre esta función o inglés. Tanto a función de identidade como a familiar dependen da aprendizaxe directa do individuo a través dun contacto espontáneo (aprendizaxe primaria) e dáse durante a infancia; a función cultural, por exemplo, depende do estudo da lingua por parte do falante (aprendizaxe secundaria). A diglosia prodúcese cando existe un desigual reparto de usos entre variantes dunha mesma lingua ou entre linguas diferentes, de xeito que cada unha cumpre unhas funcións distintas na mesma sociedade e se usa en situacións e contextos diferentes. A diglosia pode ser de dous tipos:
– Endodiglosia, cando a diglosia se produce entre variantes dunha mesma lingua.
– Exodiglosia, se se trata de dúas linguas diferentes (galego e castelán en Galicia). A diglosia dáse, pois, en comunidades en que conviven dúas linguas (linguas en contacto) nunha situación de desequilibrio que pode provocar o conflito lingüístico. En Galicia caracterízase polo emprego dunha ou outra lingua segundo:
a) os ámbitos sociais de uso: emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social (usos informais: nas relacións familiares, de amizade, etc.), deixando o castelán para representar aquelas funcións máis cultas e de maior prestixio (usos formais: contactos comerciais, medios de comunicación...); b) os espazos xeográficos: úsase o galego no rural e nas aforas das cidades, e o castelán nos núcleos máis céntricos das zonas urbanas;
1
Selectividade
nta u reg
1
P
c) os interlocutores: dependendo da maior ou menor confianza entre os interlocutores, da súa pertenza a un nivel social medio e alto ou non, da súa adscrición ao mesmo estatus social ou non... usarán, respectivamente en cada caso, o galego ou o castelán.
Na loita entre galego e castelán por ocupar a totalidade das funcións sociais posibles —e malia ter mellorado o galego na situación legal e no mundo do ensino, etc.— o certo é que o castelán vai avanzando e o galego retrocedendo. Isto non é novo, dado que este avance e introdución progresiva do castelán na nosa comunidade é un proceso que se vén desenvolvendo —como xa sabemos— desde finais da Idade Media, e que comezou a penetrar polos usos máis formalizados ata ir ocupando outros ámbitos.
Nesta situación de convivencia en desequilibrio é cando se produce o conflito lingüístico, pois desencadéase unha pugna por ocupar espazos de comunicación (a lingua A aspira ás funcións da lingua B). A coexistencia de dúas linguas nun mesmo territorio adoita producirse por diversas razóns de carácter histórico: – Procesos de expansión e de unificación política.
– Presión cultural e económica.
– Movementos migratorios.
No caso do galego, foron procesos de expansión e unificación política os que provocaron unha situación de dominio por parte de Castela sobre Galicia. É entón a coexistencia entre galego e castelán adquire a dimensión de conflito e se produce o fenómeno da diglosia. O castelán comezou a substituír o galego nos usos cultos (literatura, etc.) e empezou a introducirse polas capas máis altas da sociedade; así mesmo, instalouse como lingua oficial nas actividades burocráticas. Fóronse establecendo deste xeito diferenzas xerárquicas e de prestixio social por razóns de lingua: o castelán sería o idioma das clases superiores e o galego quedaría adscrito ao estamento popular. Esta identificación cultural co grupo dominante conduce ao individuo, en moitos casos, a unha falta de autoestima que se traduce, entre outras cousas, no menosprezo cara á propia lingua.
O conflito lingüístico maniféstase, pois, na sociedade. Nos últimos tempos estendeuse tamén a ámbitos como o dos medios de comunicación e as novas tecnoloxías, onde a nosa lingua ten que competir non só co inglés, senón co español, candidato a ocupar os espazos comunicativos e culturais tradicionalmente galegos.
2