DÍA DA MULLER

Page 1

8 DE MARZO DíA DA MULLER I.E.S. DE PONTECESO

2012



8 de marzo 2012 Día da Muller IES Ponteceso O día oito de marzo celébrase en todo o mundo o Día da Muller, no que se reivindican publicamente os dereitos das mulleres. Dende cando se celebra esta data? O ano 1911 é o primeiro no que temos constancia de que se celebrou un Día da Muller en varios países europeos, pero a loita por conseguir facer das mulleres cidadás de pleno dereito, comezou moito antes. Por que un Día da Muller? Porque non todos somos iguais. As mulleres sofren no mundo unha discriminación social e laboral respecto dos homes. Aínda que a situación mellorou moito, no primeiro mundo as mulleres, por exemplo, seguen cobrando menos polo mesmo traballo e sofren en maior medida a violencia de xénero e o acoso laboral. Por outro lado, a maioría das mulleres do mundo sofren unha dobre discriminación, por ser mulleres e por ser pobres. Millóns de mulleres no mundo viven no maltrato e no menosprezo. Por que a cor violeta? A cor violeta é o símbolo do feminismo, das persoas que loitan por conseguir que as mulleres teñan os mesmos dereitos ca os homes. Tomouse esta cor en memoria dunhas obreiras dos EEUU que, por defenderen os dereitos de seu, morreron queimadas nunha fábrica mentres cosían teas de cor violeta. Quen están representadas nesta exposición? Trátase de 15 mulleres que loitaron polos nosos dereitos nun mundo masculino, sufrindo a falta de voz e proxección polo simple feito de ser muller.


JELINEK ELFRIEDE

Autora teatral, novelista e ensaísta austríaca, naceu en Muerzzuschlag en 1946. Dende moi nova aprendeu música e estudou composición no Conservatorio de Música de Viena. Tras diplomarse en 1964, realizou cursos de teatro e historia da arte. As súas obras literarias móvense entre a prosa e a poesía, e inclúen descricións que van desde escenas tetrais a secuencias fílmicas. No ano 2004 foi galardoada co premio Nobel de Literatura, sendo a décima muller en conseguilo. É autora de novelas sobresaíntes como Las amantes (1975), Los excluidos (1980), La pianista (1983), libros de poemas como Las sombras de Lisa (1963), e obras tetrais como Lo que ocurrió después de que Nora abandonara a su marido o pilares de las sociedades (1979) ou La Central (2003). Considerada unha das autoras contemporáneas de fala alemana máis importantes, recrea nas súas novelas a imposibilidade das mulleres de lograr unha vida completa nun mundo onde son pintadas en base a imaxes estereotipadas. Entre as súas preocupacións figuran a crítica social, a análise da condición da muller e o densenvolvemento dunha linguaxe propia, moitas veces a verdadeira protagonista das súas obras. Feminista e defensora das ideas da esquerda, sufriu no seu país os ataques dos partidos da dereita ata seren as súas obras prohibidas nos



MARCELA e ELISA O 8 de xuño de 1901 casaron na Coruña dúas mulleres: Marcela Graza Ibeas e Elisa Sánchez Loriga. Marcela e Elisa coñecéronse mentres estudaban na Escola Normal de Mestras da Coruña, onde se formaban as futuras profesoras de ensino primario. A súa amizade deu paso a unha relación máis íntima que os pais de Marcela intentaron romper, temendo un posible escándalo, enviando a súa filla a Madrid. Pasou o tempo e ambas, unha na Coruña e a outra en Madrid, terminaron os seus estudos. Volverían reencontrarse cando Elisa foi destinada como mestra interina a Couso, unha pequena parroquia de Coristanco na Coruña. Cerca, en Vimianzo, na aldea de Calo, instalouse Marcela, xa como mestra superior. Como consecuencia do mesmo decidiron vivir xuntas en Calo, onde Elisa exercía. En 1901 Elisa adoptou un aspecto masculino, inventouse un pasado e converteuse en Mario tomando como referencia a un curmán seu morto nun naufraxio. Inventouse ademais que pasara a súa infancia en Londres e que o seu pai era ateo. Ante esta última circunstancia, o pai Cortiella, párroco de San Jorge, bautizou a Mario o 26 de maio de 1901 e posteriormente casou á parella o 8 de xuño de 1901 tras a publicación das amoestacións. Os veciños non puideron seguir indiferentes ante o que a partir dese momento se coñecería como o matrimonio sen home. A parella sería portada de diarios galegos e madrileños e, como consecuencia disto, perderon o seu traballo e ditouse unha orde de busca e captura. A Garda Civil perseguiunas ata a localidade de Dumbría, onde ambas exercían como mestras. Tense constancia de que pasaron por Vigo e Porto na súa fuxida. O último que se sabe delas é que chegaron a subirse a un barco con destino a América. Cabe destacar que a voda, segundo o Arquivo Diocesano, aínda é válida. Nin a Igrexa nin o Rexistro civil anularon as actas que deste matrimonio se levantaron, polo que este é o primeiro matrimonio homosexual do que se ten constancia rexistral en España. Desde o 18 de decembro de 2008 coñécense moitas máis cousas sobre a historia deste singular matrimonio. Con esa data presentouse na Coruña o libro Elisa e Marcela. Alén dous homes, un traballo que recolle o periplo destas dúas mulleres desde que en xuño de 1901 tiveron que fuxir da Coruña ata o ano 1904. Antes de saír do Porto rumbo ás Américas, Elisa e Marcela transformáronse nunha familia pois Marcela dera a luz unha nena. Elisa Sánchez Loriga (que neste país identificábase como María Sánchez Loriga) casou en 1903 con Christian Jensen, un home 24 anos maior ca ela, como estratexia para aposentarse nun fogar ao que facer chegar despois a Marcela (baixo a identidade de Carmen) coma se fose a súa irmá. Co tempo e a negativa de Elisa a consumar o matrimonio co seu esposo, xurdiron as sospeitas neste, o que lle levou a indagar e descubrir que María e Carmen eran, en efecto, as famosas Elisa e Marcela das que dera conta, tempo atrás a prensa. Novamente víronse enfrontadas aos tribunais ao tratar Jensen de anular o seu matrimonio. Sábese que a sentenza ditaminou que o matrimonio, nesta ocasión, si era válido por terse realizado entre un home e unha muller, polo que non houbo cargos contra Elisa. Neste momento (estamos en 1904) pérdese a pista destas tenaces amantes.



MARUJA MALLO Viveiro, 1902- Madrid,1995. Maruja Mallo é unha artista da xeración do 27, e é unha desas artistas da chamada vangarda interior española; situando unha parte da súa obra creativa na órbita do surrealismo máis canónico e sobre a que se realiza un rescate intermitente, pero incompleto, en exposicións colectivas nos anos 70 e en exposicións monográficas máis recentes. A súa formación comezou en Avilés, completándose na Facultade de Belas Artes de San Fernando e asistindo ao mesmo tempo á Academia Libre de Julio Moisés. A súa primeira exposición individual foi promovida por José Ortega y Gasset, e tivo lugar en 1928 nos salóns da Revista de Occidente. Da intensa colaboración que mantivo con Alberti quedarían os decorados do drama “Santa Casilda” (1930), testeimuños nos libros “Yo era un tonto y lo que he visto me ha hecho dos tontos”, e en “Sermones e moradas”. Neses tempos Alberti poñía en palabras o que Maruja Mallo expresaba co pincel. A súa primeira exposición en París tivo lugar na galería Pierre Loeb no ano 1932. Maruja viaxa a París cunha bolsa de estudos, e alí a súa obra suscita o interese de André Breton, que merca unha das súas obras e pona en contacto con Picasso, Miró, Arp, Magritte, Péret, Aragón e co grupo Abstraction-Création, do que formaba parte Joaquín Torres-García. Unha vez de volta en España, continúa a súa relación artística con Torres-García e cun grupo de artistas que traballan sobre a Arte Construtiva. Adopta a sección áurea coma base do seu traballo e comeza os trazados harmónicos dos seus lenzos. Formula nocións como a matemática vivinte do esquelete e amosa interese pola creación dunha linguaxe universal baseada na xeometría. Fiel aos postulados de acción social da República desenvolve unha tripla adicación como profesora de Debuxo no Instituto Arévalo, no Instituto Escola de Madrid e na Escola de Cerámica. A Guerra Civil sorpréndea coas Misións Pedagóxicas en Galicia, dende onde vai cara a Lisboa, e rematará viaxando a Bos Aires, onde vivirá exiliada durante 25 anos. Entre 1945-1957, tivo unha época escura, as aparicións públicas e exposicións son escasas. En 1964 regresa a España, pero os seus contemporáneos ou están mortos ou seguen no exilio. A súa vida pública remata. No ano 1967 recibe a Medalla de Ouro de Belas Artes. Moita xente describe a Maruja Mallo coma unha muller divertida e que soubo gozar da súa vida e crer na súa liberdade. Ela vivía a vida coma unha rebelión permanente contra as convencións artísticas e sociais do mundo.



NABILA HAMZA

Nabila Hamza é unha socióloga e periodista Tunecina, experta en sociedade civil e xénero. Moi comprometida coa transición democrática do seu país e gran defensora do labor da cooperación internacional nas revoltas árabes. Nabila é a presidenta da “Foundation for the future” (Fundación para o futuro) de Túnez, unha organización internacional, independente e sen ánimo de lucro, creada no 2005, co propósito de promover a construción da democracia e a protección dos Dereitos Humanos en Oriente Medio e no Norte de África. En novembro de 2009 obtivo un premio do “Foro árabe de Pioneiros e Innovadores” como recoñecemento do seu importante rol á fronte da fundación. Previamente ocupou destacados postos no sector público tunecino e traballou como consultora para o programa de Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD), o Fondo de Poboación de Nacións Unidas (UNFPA), a Comisión Europea, e a Comisión Económica e Social para Asia Oriental (ESCWA). Tamén coordinou programas rexionais para combater a violencia contra as mulleres. Actualmente é membro da Comisión Nacional Tunecina pola Igualdade de Oportunidades. No último encontro sobre cooperación nos países árabes, organizado pola “Agencia española de cooperación internacional para el desarrollo” Nabila destacou o papel que as mulleres poderán tomar tanto no seu país coma no mundo árabe na súa totalidade. Resaltou que se están facendo moitos avances aínda que lentos. E tamén denunciou a situación de Arabia Saudí onde se denegan de forma sistemática os dereitos das mulleres. “As mulleres non imos deixar que a revolución árabe sexa confiscada por homes” expresa con firmeza Nabila cando destaca a participación activa das mulleres nos movementos das primaveras árabes.



MARÍA MIRAMONTES María de los Dolores Miramontes Matos naceu en Bergondo (A Coruña). Os seus pais, xornaleiros, van vivir á Coruña a comezos do século XX. Nesta cidade, María comeza, con 11 anos, a súa formación como modista nun obradoiro de costura. A Coruña destes anos ten unha fonda tradición republicana que se evidencia na súa vida cultural e no seu comportamento político; asemade, nesta cidade xermola o pensamento nacionalista e galeguista. María Miramontes, moza esperta, intelixente e aberta, edúcase en todo este mundo e así frecuenta os núcleos republicanos e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala. Seguramente, nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas coñece ao home co que vai compartir vida, pensamento, ilusión, esperanza, amor e militancia; mais tamén sufrimento e morte: Ánxel Casal. Con el casa en setembro de 1920 e, en sociedade económica conxunta, abren os dous un pequeno comercio de venta de teas. Como os ingresos eran cativos, María dedícase tamén á súa profesión de modista. A parella non só mantén a súa vida en común senón que alimenta economicamente iniciativas múltiples do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza, para así facer que os nenos e nenas das clases traballadoras poidan aprender e formarse no coñecemento e amor por Galicia. Tras a proclamación da República, o 14 de abril de 1931, trasládanse a Compostela por motivos económicos e políticos: estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución. Como membro do Partido Galeguista, María vai participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. Pero o 18 de xullo ten lugar a sublevación militar franquista e, durante o transcurso da guerra civil, Ánxel Casal vai ser brutalmente asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto. No mes de novembro de 1936, María embarca rumbo a Bos Aires. Cando chega alí consegue convivir co seu sufrimento e retomar a súa profesión, conservando así a súa independencia económica. María morreu o 17 de setembro de 1964 na capital arxentina.



MARGARET MEAD (1901-1978) Antropóloga e psicóloga nada en Filadelfia no seo dunha familia moi culta, estudou na Universidade de Columbia onde quedou a traballar ao rematar os estudos. Estivo tamén vencellada ao Museo Americano de Histoira Natural. Fixo campañas de traballos de campo observando e investigando a cultura en Samoa e nas Illas Almirantazgo, estudos sobre a educación primitiva e a relación entre a Psicoloxía e a personalidade individual e os condicionamentos de cada tradición; neles critica outras teorías como a de Freud sobre os mesmos temas. Viviu máis tarde (1931-1933) entre outros nativos de Nova Guinea e estudou a forma na que as condicións culturais e a educación inflúen sobre a personalidade e papeis sociais de mulleres e homes. En expedicións posteriores viviu en Bali e escribiu obras como “O sexo e o temperamento en tres sociedades primitivas”, “Cooperación e competición entre os pobos primitivos” introducindo nos seus estudos a fotografía. Durante a 2ª Guerra Mundial estudou as relacións e os cambios sociais, políticos e institucionais do momento (1949) en obras como “Varón e Muller”, “Modelos culturais e cambio técnico” e “A Antropoloxía, unha ciencia humana”. Durante toda a súa vida, Margaret Mead foi unha activista moi comprometida co feminismo e os Dereitos Humanos e foi moi popular en EE. UU. Aínda que o impacto e a importancia das súas primeiras obras foi considerable, moitos antropólogos de xeracións anteriores criticárona, poñendo en dúbida os seus métodos de observación e as interpretacións dos pobos e as culturas, que consideraron contaminadas polos prexuízos da autora e as súas propias experiencias.



JANET WATSON

Nacida en 1923 en Hampstead, Londres, no seo dunha familia de científicos. O seu pai foi paleontólogo e a súa nai investigou en embrioloxía (iso si, antes de casar e abandonar a súa carreira profesional para dedicarse a coidar da súa familia). Tras licenciarse como primeira da súa promoción empezou traballando en Bioloxía aínda que pronto decide converterse en xeóloga. Gran conferenciante, foi recoñecida entre os seus discípulos pola súa claridade nas exposicións e pola paixón que reflectía nos traballos de campo. Foi a primeira muller en presidir a Geological Society of London. Publicou a maioría dos seus artigos xunto co seu marido, John Sutton. Un deses artigos, publicado en 1962, propoñía a existencia de ciclos na construción das montañas. Os seus datos suxerían que existían probas de, polo menos, catro Ciclos Queloxénicos, os que hoxe coñecemos coma ciclos dos Supercontinentes ou de Wilson (Panxea, Rodinia e compañía). Esta publicación adiantouse tres anos á de Wilson que rematou por dar nome ao ciclo. O feito de que publicara xunto co seu home fixo que as súas contribucións pasaran desapercibidas aínda que hoxe podemos afirmar que ambos se complementaban perfectamente nas investigacións. En calquera caso, Sutton é con diferenza moito máis coñecido en ámbitos xeolóxicos que Janet Watson, ata o punto de que en varias ocasións se suxeriu cambiar o nome de ciclo de Wilson polo de ciclo de Sutton, obviando a Watson.



MARY WOLLSTONE (1759-1797) Filósofa e escritora británica que defendía que as mulleres non son por natureza inferiores ó home, senón que parecen selo porque non reciben a mesma educación. Hoxe en día está considerada unha das precursoras da filosofía feminista. Defendía a igualdade e atacaba o feminismo convencional, así como a degradación da muller. Pensaba que homes e mulleres deberían ser tratados como seres racionais, e pedía que as leis do Estado se empregaran para rematar coa tradicional subordinación feminina e para garantir un sistema nacional de ensinanza primaria gratuíta e universal para ambos sexos. Así mesmo, defendía que o Estado debía tamén reformar o matrimonio e a educación, e que as leis debían rematar dunha vez por todas coa subordinación das mulleres, que non debían ser excluídas da vida política. Desafortunadamente, durante moito tempo, a súa vida seguiuse con máis interese que os seus escritos, entre os que destacan: · “Reflexións sobre a educación das fillas”, (1787) · “Vindicación dos dereitos do home”, (1790) · “Vindicación dos dereitos da muller”, (1792) Non obstante, o feminismo dos anos 60 e 70 trouxo de novo o éxito ás súas obras, e numerosas intelectuais mostraron a semellanza entre o pensamento de Wollstonecraft e outras ideas importantes do século XVIII como a sensibilidade, a economía ou a teoría política. Foi a nai da escritora Mary Shelley, quen diría dela: “Foi un deses seres que só aparecen unha vez por xeración, para regalarlle a humanidade un raio de luz sobrenatural. Ela brilla aínda que pareza oscurecerse e os homes pensen que está apagada, pero reanímase de repente para brillar eternamente”



AMELIA EARHART

Amelia Earthart foi a primeira muller piloto en voar a través do Atlántico. Ese foi soamente un dos moitos logros que acadou ao longo da súa vida. Nada o 24 de xullo de 1897, en Atchison, Kansas, foi a primeira muller en conseguir unha licenza de voo en 1923. Máis adiante, bateu diversos récords de voo feminino, como en 1932, 1933 e 1935, cando superou varios records femininos de velocidade viaxando desde Os Ánxeles ata Nova Jersey ou desde Hawái ata California. Tristemente, en 1937, desapareceu de forma misteriosa cando intentaba voar ao redor do mundo polo Ecuador. Unha das frases célebres que escribiu no seu diario foi: “A coraxe non coñece o que é a saudade do temor, nen sabe o altas que son as montañas, pero alí é onde sente un gozo amargo ao escoitar o son das ás”.



HELEN KELLER Tuscumbia, Alhabama 1880- Easton, Connecticut 1968. Foi unha escritora, activista política e oradora xorda e cega e a primeira muller con esa discapacidade que acadou un título universitario. Cando tiña só 19 meses, unha grave enfermidade deixouna cega e xorda de por vida, o que lle impediu desenvolver a fala con normalidade ata que os seus pais contrataron unha institutriz irlandesa, Ann Sullivan, quen lle aprendeu a linguaxe de xordos, marcando así un xiro radical na súa vida. Xunto coa institutriz proseguiu os seus estudos aprendendo a falar, ler e mesmo escribir ata graduarse en estudos superiores en educación especial. A súa obra é basicamente autobiográfica xa que Hellen encontrou na escritura un magnífico xeito de comunicar a súa difícil experiencia. Os seus libros convertéronse pronto en exemplo de tenacidade e resistencia fronte ás doenzas da vida, especialmente as físicas. Entre os títulos máis coñecidos atopamos obras como Optimismo, O mundo no que vivo, O diario de Hellen Keller ou a Historia da miña vida (1902) que serviu de base para o guión de películas sobre a súa vida como “The Miracle Worker”. Hellen e Ann percorreron todo o país dando conferencias e recollendo cartos para mellorar as condicións de vida dos cegos, que moitas veces eran rexeitados ou inxustamente educados en asilos. Hellen foi ademais unha fervente sufraxista, pacifista e defensora das liberdades civís. “So long as I confine my activities to social service and the blind, they compliment me extravagantly, calling me 'archpriestess of the sightless', 'wonder woman', and 'a modern miracle,'” Helen bemoaned. “But when it comes to a discussion of poverty, and I maintain that it is the result of wrong economics – that the industrial system under which we live is at the root of much of the physical deafness and blindness in the world – that is a different matter!”



MICHELLE MOUTON Michelle Mouton é coñecida coma a piloto francesa de rallyes mais rápida do mundo. Conseguiu facerse un oco nunha categoría deportiva reservada case exclusivamente ós homes, gañándose o respecto e a admiración de todos os afeccionados deste deporte. É ademais unha das poucas mulleres que se abriu paso no automobilismo, loitando na década dos oitenta cos mellores pilotos mundiais de todos os tempos. Michelle Mouton naceu o 23 de xuño de 1951 en Grasse, ao sur de Francia. Tivo o seu primeiro contacto co deporte das catro rodas cando era pequena, pois o seu pai era un gran afeccionado ós rallies. Tras estudar Dereito durante un ano, traballou como enfermeira nun hospital para eivados. Posteriormente, comezou a traballar na axencia de seguros da súa familia ata que finalmente decidiu probar sorte no mundo do motor. Os seus comezos no mundo dos rallyes foron como copiloto pero pronto se aburriu de ir sentada á beira do condutor, e empezou a competir en diferentes probas cun Renault Alpine 1600, agasallo do seu pai, ata proclamarse vencedora no Campionato de Francia da especialidade en 1974 e 1975. A partir destes anos os triunfos sucedéronse un tras outro. No Rallye de Montecarlo de 1976, Mouton fíxose co Trofeo de Damas e coa vitoria no Rally RACE de España do Campionato Europeo. En 1978 converteuse na piloto oficial de Fiat Francia, finalizando no sétimo lugar en Montecarlo cun Lancia Stratos. Ó ano seguinte gañou a carreira francesa do Campionato Europeo de Rallyes cun Fiat 131 Abarth. Os maiores triunfos da piloto gala aínda estaban por chegar como piloto oficial de Audi. Obtivo catro vitorias no Mundial de Rallyes (a primeira en 1981 no Rallye de San Remo) así como varios podios, ó volante dun Audi Quattro xunto coa súa copiloto, a italiana Fabrizia Pons, gañando a pilotos de grande prestixio, todos eles campións do mundo, coma Hannu Mikkola, Stig Blomqvist (compañeiros de equipo da francesa) ou Walter Röhrl. En 1982 Michelle acadou o primeiro posto nos Rallyes de Portugal, Acrópoles e Brasil, facéndose cunha vitoria máis que o seu máximo rival, Walter Röhrl. Sen embargo, no Rallye Costa de Marfil tivo que abandonar por mor dun fallo na transmisión do seu Audi, o que lle custou o título mundial. A regularidade de Röhrl —a pesar de que só gañara dous rallyes ese ano, Montecarlo e Costa de Marfil— impúxose á rapidez da piloto gala, que finalmente obtivo o título de Subcampiona do Mundo. En 1985 gañou a recoñecida proba Pikes Peak, establecendo unha nova marca para esta carreira. Pouco despois, uniuse ó equipo Peugeot de Raids, co que disputou varias probas, entre elas unha Baixa España, obtendo bos resultados. En 1986, gañou o Campionato de Alemaña de Rallyes conducindo un Peugeot 205 T16. Tras o anuncio da prohibición dos potentes coches do Grupo B, Mouton decidiu pór fin á súa carreira deportiva. Dende 1988 participa xunto con Fredrik Johnsson, o seu marido, na organización da Carreira de Campións dedicada á memoria de Henri Toivonen, que se celebra ó peche da tempada. En 2011 Mouton foi designada directiva do WRC, o actual Mundial de Rallyes, nomeada polo actual presidente, Jean Todt. O seu principal labor consiste en supervisar o Campionato en canto á seguridade e ó regulamento, e todo o concernente á organización do calendario deste. Ademais, continúa participando de cando en vez en rallyes de coches clásicos e en carreiras de exhibición.



MARIE COLVIN

Esta reporteira estadounidense do "Sunday Times", falecida o pasado 22 de febreiro nun bombardeo en Siria, era unha veterana da información de guerra e unha representante da vella escola á hora de facer periodismo: sempre dende primeira liña. Colvin, que aos seus 55 anos era, dende 1986, unha das grandes firmas do dominical británico, levaba un parche negro dende que, en 2001, perdeu o ollo esquerdo ao ser alcanzada por unha granada mentres informaba da guerra en Sri Lanka. Nos seus 30 anos de carreira como enviada especial, pola que foi galardoada en numerosas ocasións no Reino Unido e gabada pola súa valentía, Colvin narrou conflitos coma os de Serra Leoa, Timor Oriental, Kosovo, Zimbabwe e Chechenia, se ben estaba sobre todo especializada en Oriente Medio e o mundo árabe. A súa última reportaxe emitiuna o día antes da súa morte na cadea pública británica BBC, un relato por teléfono acompañado por unha foto do reporteiro no que denunciou que o que pasaba en Homs era "repulsivo". "Aquí ninguén entende como a comunidade internacional está a permitir que isto aconteza", relatou a xornalista, que narrou que vira morrer un neno de dous anos ese día nunha clínica improvisada. Colvin era a única reporteira dun xornal británico presente en Homs, onde a ofensiva lanzada dende comezos do mes de febreiro polo exército sirio deixou centos de mortos, segundo os grupos opositores.



DOLORES CENTENO

Bergantiños (1872-1950). Armadora de gran espírito emprendedor nun tempo no que o transporte marítimo estaba socialmente entendido coma unha profesión exclusivamente masculina. Dolores non só era armadora senón que estaba á frente dun asteleiro onde se construían buques de madeira de toda clase, convertíndose así nunha das primeiras mulleres armadoras de cabotaxe da zona. Do “Taller de Tedín”, a fábrica de madeiras da súa propiedade, saían buques que facían diferentes rutas marítimas. Dolores non foi a única muller relacionada co transporte por mar de mercadorías e persoas, ou coa construción de barcos, como testemuña unha carta enviada por ela mesma a outra armadora de Viveiro, Antonia Vázquez.



TAWAKKUL KARMAN

Tawakkul Karman é unha periodista, política e activista iemení pola defensa dos Dereitos Humanos, que naceu no ano 1979 en Taizz, Yemen. No ano 2004, rexeitou o uso do “niqab” na Conferencia sobre Dereitos Humanos e convidou a outras mulleres a face o mesmo. No ano 2005 fundou o grupo humanitario que actualmente preside “Mulleres sen cadeas” para defender a liberdade de pensamento e de expresión, así coma os dereitos das mulleres e a modernización do seu país. O seu liderado nas manifestacións e acampadas pola democratización de Iemen supúxolle varios arrestos e algunha ameaza de morte dende 2007. Pero a súa imaxe serviu para inspirar a centos de mulleres a tomar as rúas. En marzo de 2010 foi galardoada en Nova Iorque co “Premio Internacional de Mulleres con Valentía”. E o pasado ano 2011 obtivo xunto con outras dúas destacadas mulleres, as liberianas Leymah Roberta Gbowee e Ellen Johnson Sirleaf, o “Premio Nobel da Paz”. Actualmente é nai de tres fillos e integrante do partido político “Congregación Iemení pola Reforma”. Coñecida entre os iemeníes coma “a muller de ferro” e a “nai da revolución”. Así se define no seu perfil de Facebook: “Son unha ciudadá do mundo, a terra é a miña patria e a humanidade é a miña nación”.



I.E.S. DE PONTECESO

2012


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.