BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ NA NOSA BIBLIOTECA
A neve interminable Un equipo de guionistas –tres mulleres e dous homes– recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. É inverno, no hostal só viven o matrimonio que o rexenta e mais outros tres hóspedes. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo.
A praia da esperanza Raquel atopa unha buguina entre as rochas da praia e decide levala para a súa casa. Unha vez alí descubrirá que a buguina garda no seu interior un ser moi especial co que axiña fará amizade. O que Raquel e o estraño ser non sabían era que o afundimento do petroleiro Prestige e a marea que provocou ían cambiar radicalmente as súas vidas. A praia da esperanza é unha narración escrita durante os meses en que Galicia viviu a catástrofe do Prestige.
Aire negro Cando o doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor consigue que a paciente abandone a súa prisión interior e comece a lembrar o seu pasado.
Amor dos quince anos, Marilyn Unha man bota no lume unha foto, que se resiste a arder, pero que acaba feita cinza, coma un soño que se esvaece. Un vampiro solitario vaga polas rúas da noite coruñesa, na procura do seu alimento cotiá. Unha pantasma regresa, como cada vinte e cinco anos, ó vello pazo familiar.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ NA NOSA BIBLIOTECA
As flores radioactivas A historia discorre a través do diario persoal de Alba, unha nena que se ve inmersa nunha aventura de repercusión mundial. Un estraño fenómeno aparece na foxa atlántica, onde varios países europeos verteron os residuos radioactivos procedentes das súas centrais nucleares.
Avenida do Parque, 17 A vida de Marta experimenta unha brusca transformación cando os seus pais deciden trasladarse á cidade e alugan unha vella casa, sobre a que circulan mil historias raras e inquietantes. De feito, ao pouco de mudarse, Marta empeza a oír ruídos estraños no seu cuarto.
Cartas de inverno Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda.
Contos por palabras Conxunto de relatos que teñen como nexo común o estar todos eles baseados nos anuncios por palabras que aparecen na prensa. Neles critícase todo aquilo que degrada a vida, tanto do medio natural coma das persoas, ao tempo que se defende a necesidade da fantasía e a imaxinación nas nosas vidas.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ NA NOSA BIBLIOTECA
Corredores de sombra Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, ao facer unhas obras de restauración, descóbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos, cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou? Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas.
Noite de voraces sombras Sara, unha moza de dezaseis anos, narra de forma apaixonada os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. No cuarto que ocupa sentirá o inquedante desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apretada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra. Non hai noite tan longa Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar.
O centro do labirinto A mediados do século XXI, a doutora Sara Mettmann, membro da organización que rexe os destinos de Europa desde a sombra, viaxa a Galicia acompañada polo seu fillo David. A misteriosa desaparición deste será o inicio dunha cadea de desconcertantes sucesos que, coma un estraño pesadelo, acabará arrastrándoos a unha aventura que cambiará para sempre as súas vidas e talvez o destino da humanidade.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ NA NOSA BIBLIOTECA
O único que queda é o amor Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro: todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos.
Rapazas Que estraña misión trae un extraterrestre deica o noso planeta? Que sucede cando se mantén unha relación cun fantasma? Que segredo garda unha misteriosa pedra atopada na area dunha praia? Estas son algunhas das preguntas que fixeron nacer os relatos deste libro. Son seis historias moi diversas, pero cun fío común: todas elas teñen unha rapaza como protagonista.
Trece anos de Branca Branca está enferma de hepatite. Desde hai nove días está na cama e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. Unha eternidade! Encima ten que pasar o seu aniversario así, e é un aniversario importante: trece anos. Ese día regálanlle un álbum de fotos e súa nai proponlle que o complete para non se aburrir. E así, pouquiño a pouco, Branca vai lembrando distintos episodios da súa vida: a súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, o colexio, o seu primeiro amor…
Tres pasos polo misterio Nos tres relatos deste libro (A serpe de pedra, A vella foto das estrelas e As sombras do faro), unha persoa narra un suceso desacougante e inexplicable que acabou por mudar de xeito profundo a súa vida.
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16
BIBLIOTECA DO IES SANTIAGO BASANTA SILVA. CURSO 2015/16