A batalla naval de Rande e a Illa de San Simón

Page 1

A BATALLA NAVAL DE RANDE E A ILLA DE SAN SIMÓN

Roteiro literario do Club de Lectura do IES Santiago Basanta Silva 21 de xuño de 2016


Fragmento tirado do discurso pronunciado por Agustín Fernández Paz na Illa de San Simón. Oito doas para San Simón (xuño 2009) Por aqueles anos vin a película Tempo de amar, tempo de morrer, de Douglas Sirk. Teño na memoria as imaxes dunha batalla feroz, que remataba coa terra sementada de cadáveres. Despois viña o inverno, e a neve sepultaba tanto sangue e tanta dor, deixando unha paisaxe dun branco purísimo. Unha paisaxe dunha beleza enganosa, porque ao chegar a primavera, econ ela o desxeo, os cadáveres volvían quedar ao descuberto entre a lama, revelando todo o horror que a neve sepultara. Tamén para a miña xeración chegou paseniño o tempo do desxeo. E así fomos sabendo de feitos que nos mostraban que había outra Galicia, unha Galicia máis real e máis viva, loitando ao longo dos séculos por acadar o seu lugar na historia. Eran o fío de Ariadna que me foi levando, coma tal, ao exemplar de Sempre en Galiza que unhas mans amigas me fixeron chegar de xeito clandestino; ao coñecemento das revoltas agrarias, coas fotos que testemuñaban que tamén os labregos tiñan tras de si unha tradición reivindicativa; á fascinante Xeración Nós e á loita polo Estatuto; á guerrilla antifranquista e á cultura do exilio... E a San Simón, o foxo máis fondo, pois tardei en saber que esta illa fora un campo de concentración nos anos de chumbo e que o sufrimento enchoupara ata o máis escondido dos seus recantos. (...) Lembro agora as palabras de Martin Luther King: As nosas vidas comezan a se acabar cando gardamos silencio sobre as cousas que realmente importan.

Fragmento da novela Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz (2002) Só necesitei ler as primeiras liñas para decatarme de que estaba ante unha especie de diario. Levoume alo máis de tempo descubrir a realidade terrible que tiña nas mans: aquel caderno estaba escrito no cárcere (...) O tío Ramón estivera preso! (...)


"Debemos estar aquí máis de mil homes, amoreados como animais. A comida é escasa, a hixiene non existe, pero peores son as continuas ameazas e malos tratos. Seguen sacando xente polas noites. Calquera día pode tocarme a min, outros compañeiros mestres xa non están para contalo.” (...) Mamá calou, pero non interrompín o seu silencio. Adiviñaba que era só unha pausa, mentres pensaba como continuar: -Hai anos, quizais non te acordes, chegaches un día do colexio contando o que o profesor vos explicara da guerra civil: unha liorta entre irmáns, onde os dous bandos tiveran a mesma culpa; esa era a conclusión que o resumía todo. Lembro que calei e non dixen nada, deixei que esa amarga mentira seguise estendéndose; ao cabo, que máis tiña o que pensases ti dunha etapa que xa quedaba tan lonxe. Hoxe vexo claro que aquel día Ile dei unha labazada á memoria do meu tío, é á de todas as persoas que, coma el, un día soñaron un mundo diferente. Non ten sentido o rancor, ben o sei, pero aínda o ten menos o esquecemento e a mentira. Como se poden igualar as vítimas e os verdugos? Debes coñecer qué pasou aqueles anos para que nunca se repita, e tamén para honrar a memoria de tantos soños rotos.

Fragmento da novela O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (1998) Lévano a San Simón? A ti que che importa Case ninguén volve. Déixeme que lles faga a foto (...) Ao chegar á Illa de San Simón, o doutor saltou ao embarcadoiro, cun aire resolto. O sarxento asinou un papel e entregóullelo aos gardas (...) Aqueles da beira, dixo o barqueiro no regreso, non son lavandeiras. Son as mulleres dos presos. Mándanlles alimentos polo mar nos seiróns dos bebés.


Sedia-m'eu na ermida de San Simión e cercarom-mi as ondas, que grandes som! Eu atendendo meu amigo. E verrá?

Estando na ermida ant'o altar cercarom-mi as ondas grandes do mar. Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

E cercarom-mi as ondas, que grandes som: nom hei i barqueiro nem remador. Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

E cercarom-mi as ondas do alto mar: nom hei i barqueiro nem sei remar. Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

Nom hei i barqueiro nem remador: morrerei eu fremosa no mar maior. Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

Nom hei i barqueiro nem sei remar: morrerei fremosa no alto mar. Eu atendend’o meu amigo. E verrá? MENDINHO


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.