O
rei mandara chamar aquel pintor que tanta sona tiña no seu reino e nos da contorna. O artista era loado especialmente pola súa habelencia cos retratos, nos que, dicíase, era quen de tirar dos retratados a verdade do seu ser. Neles reflectíase a beleza ou a fealdade que ninguén antes vira nas persoas alí representadas. Mesmo tiña pintado xentes que todos consideraban feísimas e que despois se vían nos cadros como posuidoras dunha gran fermosura. E, pola contra, tamén pintara algún home que todos tiñan por santo e que, cando se viu retratado, non puido senón recoñecer a súa realidade de pecador.
O pintor presentouse diante do monarca, atemorizado pola idea de que lle mandase facer o seu retrato, pois el sabía que na pintura había de verse toda a crueldade que se agochaba naquel corazón. Pero non, o que o rei quería era que fixese o retrato da raíña, a quen todos recoñecían como posuidora da máis asombrosa beleza e das máis inestimábeis virtudes.