Roteiro dombate cibdá

Page 1

O CASTRO DE BORNEIRO Os castros son poboados fortificados de forma oval ou circular situados xeralmente en zonas elevadas. Espalláronse por Europa entre a Idade de Bronce e a de Ferro. O castro de Borneiro coñecido como A Cibdá é un dos castros máis antigos de Galicia, de finais da Idade do Bronce. Estivo habitado entre os séculos VI a. C. e o I d.C. e parece que a vida nel foi desaparecendo lentamente. Foi descuberto en 1924 por Parga Pondal e Pérez Bustamante. Comezouse a excavar nos anos 30 primeiro, voltáronse a reanudar as excavacións nos anos 70, sendo a partir do ano 1980 cando se inicia a terceira e máis longa etapa de traballos arqueolóxicos. Na actualidade están excavadas as tres cuartas partes do recinto principal, unhas 36 construcións, sendo a maioría vivendas de planta circular e outras construcións auxiliares. As vivendas contan con fogar onde facer lume. Ademais do recinto principal coas vivendas separadas en barrios, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado, hai outras construcións diferentes: unha gran vivenda ovalada, dúas fontes e un forno. Está rodeado por un foxo e dous muros defensivos, agás polo lado leste que ten como protección natural a pendente da ladeira. Nas excavacións atopáronse materiais fabricados en ferro, bronce, pedra, vidro, fragmentos de cerámica decorada, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, no Castelo de San Antón.

10 marzo 2015


DoLMEN DE DOMBATE

ESQUEMA DUNHA MÁMOA

Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire no alto da costa de Uces de montesía canle; pasado Vilaseco, indo pola gandra adiante, xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate. "Queixumes dos pinos". Eduardo Pondal

Hai 6.000 anos que os habitantes de Galicia construíron as primeiras edificacións de pedra (megalitos) para soterrar aos seus mortos. Unha destas construcións é o dolmen de Dombate que está considerado como a “catedral do megalitismo en Galicia”. En realidade son dous dolmens, un grande e outro pequeño. A mámoa que acolle estes dolmens ten 24m de diámetro e 1,8m de altura. Construído uns 3.700 anos a.C.,foi lugar de enterramento ata o 2.700 a.C. A cámara é poligonal e está formada por sete lousas chantadas ou ortostatos e unha gran tampa que as cobre. Ten un corredor de 4m de longo cunha porta de entrada. A altura máxima da cámara é de 4,65m. O seu interior estivo decorado con pinturas en cores vermella e negra, liñas xeométricas en zig-zag e puntos. Debaixo do túmulo atopáronse restos de cerámica e ferramentas. As grandes pedras coas que se levantou ou dolmen de Dombate non foron extraídas do Monte de Borneiro, máis próximo, senón do Castelo de Lourido, ou do Campo da Mina, máis afastados, debido a que estas eran máis doadas de traballar. A Costa da Morte estivo moi poboada no Neolítico, polo que son abundantes estes monumentos megalíticos.

No interior aparecen uns gravados en tres das lousas verticais.

As pinturas aparecen nas bases das lousas da cámara e do corredor por debaixo do nivel da terra que ofrecía a cámara antes de ser escavada.

Durante as escavacións encontráronse uns idoliños á entrada do corredor. Aparentan forma humana. Tiñan a función de deuses protectores da tumba.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.