II CONCURSO LITERARIO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO V
II CONCURSO LITERARIO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO Con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero celebrarase na nosa biblioteca “Biblioteca O Segrel do Penedo” un concurso literario. O II Concurso Literario contra a Violencia de Xénero levarase a cabo ao longo do mes de novembro, organizado polo profesorado encargado da Biblioteca Escolar.
Bases 1- Poderá participar calquera persoa sen distinción de idade, presentando un só relato, o cal non fora premiado noutro concurso, certame ou premio literario, nin que aparecera publicado en ningún outro medio. 2- Os traballos deberán ser relatos breves, contos, ensaios, banda deseñada...sendo a extensión mínima de 1 folio e máxima de 5 folios Din A4 por unha soa cara. Os relatos estarán escritos en lingua galega. 3- O tema versará sobre a “Violencia de xénero”. 4- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, especificando no seu exterior “I Concurso literario contra a violencia de xénero” que poderá ser entregado directamente na biblioteca ou en xefatura de estudos. Os traballos non estarán asinados e con eles presentarán un folio, a parte, coa seguinte información: nome e apelidos, curso e grupo. 5- A data tope para a entrega dos relatos será o día 30 de novembro. 6- O xurado estará composto polo profesorado da biblioteca. O xurado poderá deixar deserto o premio. A súa decisión será inapelable. 7- Os traballos presentados quedarán no poder do profesorado encargado da biblioteca, que se reserva o dereito de publicalos ou difundilos. 8- A dotación do premio será de 100 euros a investir en material cultural e/ou deportivo. A presentación do premio implica a total aceptación das súas bases. O incumprimento de calquera das anteriores condicións será motivo da exclusión automática do concurso. Novembro 2007 O Profesorado Encargado da Biblioteca
AS ESTACIÓNS A primavera... comezo dunha historia interminable, ou iso pensaba eu. El era amable, atento, simpático, un príncipe azul de ollos verdes, o home perfecto que sempre esperas atopar, pero que só aparece nos teus máis profundos soños. O verán... a calor, a praia, as tardes paseando, as noites de festa que enlazan unha posta con outra posta de sol, o sentirse querida, vivir soñando esperta... a felicidade suprema. O outono... o cambio, o non saber onde remata a miña vida e onde comeza a súa, os celos, as discusións, o afastamento, o non entender nada, ver que o sentido da miña vida é compracelo, doume de conta de que o suposto príncipe azul non é máis que un lobo coa pel de cordeiro... o comezo do declive. O inverno... de súpeto, máis encanto, máis amabilidade, máis dependencia... ¿quizais un golpe de sorte?... ¿quizais o destino?... ¿ou quizais o arrepentimento? Eu acéptoo simplemente, perdoo e olvido. Como se todo fose tan fácil. A primavera... os cambios continuos. Regalos que compensan ofensas, a importancia das aparencias. O estúpido "que dirán" dirixe o meu destino. O verán... consumirme añorando os bos recordos do verán anterior. Ata o tempo parece estar na miña contra, chovendo todo o día. A doce auga da choiva mestúrase coas bágoas salgadas que brotan dos meus ollos cada vez que me asomo á ventá e vexo unha parella feliz. O outono... Onde están os meus amigos? Poida que crean que a tristeza é contaxiosa. As follas das árbores caen, á vez que a miña alegría descende. O inverno... a dor, as palizas, a humillación, o intentar escapar e non poder, a soidade, as inútiles súplicas... o descenso a un frío inferno invernal. A primavera... flotar no aire cara a un mundo mellor, deixando as miserias atrás, e aprender que o destino é cruel e que a sorte so é para quen a busca, e eu xa me cansei de buscar e non atopar... o regreso á felicidade. ...e el dixo: fíxeno porque a quería, pero, que sentido ten a miña vida sen ela?... ...namentres eu ría e pensaba: se eu non podía vivir ó teu lado, ti non poderás vivir agora sen min. Antía Días Castro (2º Bacharelato)