1 minute read

Ribeira presenta unha innovadora plataforma de ecommerce para as empresas

Ribeira loce plataforma de ecommerce

O Concello de Ribeira quere conseguir coa aplicación entre 13.000 e 15.000 descargas

Advertisement

Ribeira deu un novo paso na súa aposta tecnolóxica: unha aposta por impulsar, no tecido produtivo, novos xeitos de producir, vender e traballar. Este venres 12 de xuño foi unha data relevante nesta liña de traballo, xa que se presentou a nova plataforma local de comercio electrónico, ultimada estes últimos días polo Concello e a empresa Tokapp, responsábel da aplicación móbil do mesmo nome (con vertentes para colexios, concellos, etc). A ferramenta presentada en Ribeira será de balde e incluirá, entre outros contidos, unha sección de venda online para os negocios de todo o termo municipal.

A cita, celebrada no Auditorio, foi unha xornada implicadora. De feito, o obxectivo último e principal deste desenvolvemento tecnolóxico é lograr a máxima participación do tecido produtivo de Ribeira, que terá ao seu alcance un instrumento de utilidade, con presenza nos dispositivos móbiles, para incrementar as súas vendas online, ampliar mercado e, en consecuencia, blindar a actividade fronte a adversidades coma ao da COVID-19.

A plataforma abéirase ás medidas de innovación tecnolóxica incluídas no marco do Plan Reactiva Ribeira subscrito o pasado 23 de maio coa fin de paliar os efectos da crise da COVID-19 no termo municipal.

Segundo fixo saber na xuntanza o alcalde, Manuel Ruíz, trátase dunha ferramenta na que se leva traballando dende outubro, pero que tivo que ser formulada polas circunstancias da pandemia que aínda seguen vixentes e se deixan sentir. Tamén explicou que será un servizo de balde cuxo mantemento correrá a cargo do Concello, e que a previsión é a de conseguir que a descarguen entre 13.000 e 15.000 persoas. “Será un pequeno Amazon local aberto tamén á xente de fóra”, engadiu.

Na cita coas empresas do municipio participaron o rexedor e os concelleiros de Innovación Tecnolóxica e de Turismo e Comercio, Ana Barreiro e Ramón Doval. A persoa encargada de explicar nos seus detalles o proxecto tecnolóxico foi Edelmiro Justo, co-fundador de TokApp, empresa con sede en Vigo e presenza en dez países, que, como dixemos, é a encargada do desenvolvemento da ferramenta. 

This article is from: