UN RUÍDO ESTRAÑO Recollido pola alumna Paula Alfaya Abril, de 2º ESO A en Vilar de Mondariz Narradora: Nazaret Barcia Estévez, avoa de Paula Alfaya Abril. Protagonista da historia: Nazaret Barcia Estévez e a súa irmá. Lugar onde aconteceron os feitos: Vilar de Mondariz.
Esta historia aconteceulles á miña avoa e á súa irmá cando eran pequenas en Vilar de Mondariz Unha tardiña, as dúas irmás estaban coa nai na casa da tía. Estaban a pasar a tarde na sala a xogar coas bonecas que sempre levaban con elas, mentres a nai e a tía traballaban na horta.
Despois dun tempo, a nai chamou por elas para lles dicir que ela e mais a tía ían para a casa da avoa, que ficaba alí perto, e que fosen con elas; mas as meniñas preferiron ficar alí para continuar cos seus xogos, sen se importar de ficaren soíñas na casa.
Pasou a tarde sen as nenas se dacataren, até que, de súbito, escoitaron un ruído no portal que fixo que ficaran as dúas paralizadas a ollar unha para a outra en silencio. Era un barullo como de persoas a arrastraren cadeas polo camiño de fóra.
Estaba xa anoitecendo, e as rapazas, algo preocupadas, correron até á xanela veren o que era aquel barullo, mais por moito que miraron a un lado e a outro, nada viron; aínda que continuaban a escoitar o son das cadeas a afastárense camiño arriba. As rapazas, agora máis asustadas, comezaron a sentir un medo incontrolado e, sen agardar máis, saíron da casa pola porta de atrás, para evitar o camiño, e botaron a correr sen parar até chegaren na casa da avoa.
Alí preguntáronlles que pasara para chegaren así tan apresadas e sen cor no rostro. Elas, sen folgos, contaron o que viña de acontecer no camiño e de como se asustaran cando oíran aquel ruído xordo de cadeas no camiño. Despois das explicacións, as rapazas, intrigadas, subiron a correr ao alto do faio para espreitaren desde o alto a casa da tía, mas os seus ollares foron non para onde elas pretendían, mais para o cimo do monte, onde unhas fermosísimas luces alumeaban na distancia. Aquelas luciñas eran como describían as persoas que dicían ter visto a Compaña. A nai chamounas para cear e despois foron deitarse coa impresión de todo aquel día a buligar na súa imaxinación infantil.
No día seguinte, os sinos da igrexa de Vilar tocaron a defunto. Moito logo, chegou a noticia do falecemento da avoa da súa nai, a bisavoa das rapazas, que morrera aquela mesma noite de madrugada.
Así termina esta historia que a miña avoa aínda lembra coa mesma nitidez como se tivese acontecido onte.