As habilidades sociais son as habilidades ou capacidades que nos permiten interactuar cos demais dunha maneira socialmente aceptable. A interacción cos demais é fundamental no desenvolvemento das persoas e condiciona fundamentalmente o proceso de socialización. Quen non coñece a alguén que lle cae ben a todo o mundo e que se mostra sempre tolerante e non fere a ninguén a pesar de que acostuma dicir o que pensa? Ademais, esta persoa admirada por case todos resulta sensata, convincente e persuasiva sen por iso pecar de autoritarismo nin mostrar indiferenza ante as opinións ou emocións dos demais. Estes superdotados das relacións humanas espertan a nosa envexa e ás veces gustaríanos imitalos, pero non sabemos facelo: ou quedamos curtos, e pecamos de brandos, ou pasámonos e resultamos excesivamente duros. Algúns
afortunados teñen estas habilidades sociais de forma natural, case innata, e aplícanas de xeito cotián sen esforzo ningún. Pero iso non nos debe desanimar, porque todos podemos aprender a comunicarnos mellor, todos podemos cambiar a mellor sen que iso signifique menosprezar a nosa personalidade que, sen dúbida, se verá nitidamente reflectida nos posibles cambios que introduzamos na nosa maneira de comportarnos cos demais. Dependerá moito de nós. Vivir cos demais é unha arte que pode aprenderse non só para caer ben, senón porque a integración social é un factor clave do benestar emocional. As habilidades sociais son unha serie de condutas e xestos que expresan sentimentos, actitudes, desexos e dereitos do individuo, sempre dunha maneira axeitada e de modo que resolven satisfactoriamente os problemas cos demais. Se cultivamos e dominamos estas habilidades poderemos conseguir satisfaccións no ámbito da familia, das amizades e nas relacións amorosas.
As habilidades sociais poden enunciarse e describirse.Vexámolas: A linguaxe non verbal: Comecemos pola expresión da cara. O rostro expresa as seis emocións fundamentais: medo, rabia, desprezo, ledicia, tristeza e sorpresa. Cando establecemos unha conversa debemos prestar atención : Á mirada. Dependendo de como sexan esas miradas exprésanse as emocións: considéranse máis próximas as persoas que miran máis ó seu interlocutor. Mirar pouco pode ser signo de timidez.
Ó sorriso case sempre denota proximidade, suaviza tensións e facilita a comunicación. Pero se o xesto sorrinte expresa ironía ou escepticismo pode manifestar rexeitamento, indiferenza ou incredulidade. Á postura corporal. Os xestos do corpo expresan cómo se sente interiormente a persoa segundo sexa a súa maneira de sentarse, de camiñar...
As mesmas palabras con entoación diferente transmiten sentimentos tan distintos como ironía, ira, excitación, sorpresa ou desinterese.
Valorarnos suficientemente. Manter e cultivar un bo concepto dun mesmo, identificando e remarcando os nosos valores e calidades. Non enfadarnos gratuitamente ou por nimiedades. Enfadados atopámonos mal emocionalmente e, ademais, transmitimos unha imaxe de debilidade. Debemos recuperar a calma, contextualizar o problema, calmarse e expresar tranquilamente a nosa opinión. Evitar as ameazas. É máis eficaz, para que nos tomen en serio e nos valoren, reflexionar sobre os pasos que imos dar para defender as nosas opinións, posturas ou dereitos e logo enunciar os argumentos con corrección, pero non exenta de firmeza se a situación o require. Nunca ignoremos aos demais. Escoitemos mostrando respecto polo outro e interese polo que di. Non avasalemos, por moita razón que creamos ter. E permitamos que o outro teña sempre unha saída digna, non pechemos portas ó diálogo.
Habilidades para conseguir o equilibrio persoal Habilidades elementais: Escoitar ao outro. Traballar a capacidade de comprender o que me están comunicando. Aprender a iniciar unha conversa e a mantela. Aprender a formular preguntas. Saber dar as grazas. Saber presentarnos. Saber facer un cumprido, sen garatuxas e con
afecto . Habilidades avanzadas:
Aprender a pedir axuda. Capacitarnos para dar e seguir instrucións. Saber pedir desculpas. Aprender a convencer aos demais, a ser persuasivos.
Habilidades relacionadas cos sentimentos:
Coñecer os nosos sentimentos, emocións e saber expresalos. Comprender, valorar e respectar os sentimentos e emocións dos demais. Saber reaccionar ante o enfado do interlocutor e xestionar ben a situación. Resolver as situacións de medo.
Habilidades alternativas á agresividade:
Pedir permiso. Compartir cousas, sensacións e sentimentos. Axudar aos demais. Aprender a negociar, a chegar a acordos. Recorrer ó autocontrol nas situacións difíciles. Defender os nosos dereitos cando os vexamos ameazados.
Evitar as pelexas, dialécticas e das outras
Os pais teñen que aprender a comunicarse entre si e logo cos seus fillos e para iso deben: .Conversar con eles e escoitalos. Compartir con eles momentos: horas da comida, paseos, tarefas da casa. Ensinarlles a coidarse a si mesmos. Expresarlles afecto todos os días. Ensinarlles a comportarse en diferentes circunstancias e ambientes. Brindarlles apoio e respectar as ideas dos seus fillos. Darlles confianza desde pequenos. Resaltar sempre as súas boas accións. Correxilos, sen agredilos. Preguntarlles a diario como se senten. Manter a calma cando están enfadados cos seus fillos. Pedirlles desculpas cando se equivocan. Darlles aos seus fillos a oportunidade de escoller e de respectar os seus sonos. No elixir por eles, facer que eles elixan, dándolles orientacións. Alentalos a compartir e a axudar na casa, asignándolles algunhas responsabilidades. (Departamento de Orientación)