Texto lido por Xela no acto de entrega do freixo ao espazo verde do IES do Carril

Page 1

Martes, 12 de marzo do 2019. RECEPCIÓN NO ESPAZO VERDE DO IES DO FREIXO DA XUBILACIÓN DE XELA. - Un ano máis, o 2019, celebramos a festa da árbore neste mes de marzo. É un recordatorio da importancia de protexer as árbores e os bosques. - Agora decátome que empecei a valorar as árbores dende cativa. Eu fun unha nena do rural, dunha aldea ou pobo de Ourense onde os “vraos” como dicimos alí son moi calorosos. Así, a sombra dunha árbore era impagable. Podémolo comprobar ao chegar o maio, aquí, na entrada do IES onde so quedaron dous salgueiros chorón e os coches pelexan polo seu acubillo. “Cortar unha árbore é un instante pero hai que esperar anos para que medre” Tamén me lembro subida ás froiteiras coas miñas amigas comendo figos, mazás, claudias. Había de todo. E moi ricas! – Estou moi leda de que nestes tres últimos anos coa implicación de BIBLIOMALVEIRAS e o departamento de Tecnoloxía con José Manuel Longo e Maika no deseño, se lle dera un pulo ao Espazo verde. No 2016 fíxose o libro e ao mellor ata rematamos este ano con todas as placas de identificación. Para min é un espazo mil veces paseado nestes 28 anos, sexa co alumnado ou co profesorado. En cada recuncho deixo unha lembranza. – Este lugar hai 33 anos era un espazo espido. Construíuse o edificio do INSTITUTO, logo o pavillón grande e máis tarde o pequeno. Tras as obras quedou unha escombreira. Hai moita pedra e é moi difícil atopar un lugar onde facer un furado para plantar. Pouco a pouco logrouse ter a día de hoxe 35 especies arbóreas e 18 arbustivas.


Os antigos ameneiros e castiñeiros e os grandes chopos, este ano rebaixados, así como o Carballo 1º e o segundo de Chou encheron de vida este lugar. Nas festas da árbore plantouse tamén fóra -en Xiabre, no 89, 90, 91 e 92 compartindo a festa cos outros institutos de Vilagarcía. Neste ano, o meu derradeiro ano escolar como profe de Bio-Xeo e como fixera Chou e Tareixa antes ca min, eu escollín plantar un FREIXO, e vou presentalo debidamente. Chámase Fraxinus de nome científico. Fresno do grego frainos = sebe ou cercado. Freixo de folla pequena ou FREIXA. O freixo dise do de folla grande. Florece en marzo. A súa madeira é dura e resistente. Con ela fanse os mangos das ferramentas e os eixos dos CARROS. Boa leña, bo carbón. Follas purgantes e tona tónica. Vilagarcía é rica en toponimia arbórea, nomes de lugares e aldeas que fan referencia ás árbores, como o CASERÍO DO FREIXEIRO en Rubiáns. Un dos máis grandes de 250 anos atópase na zona de Monforte, en Noceda. E aquí na nosa zona hainos no pazo de RUBIÁNS e no de Fefiñáns en Cambados. ESCOLÍN O FREIXO porque me gusta mirar a súa follaxe no verán movida polo vento. É refrescante e relaxante. Viven preto de ríos RIPISILVAS e nos BOSQUES húmidos e caducifolios. A min tíranme os RÍOS do mundo. Gústame saber deles, dende fóra, a auga dáme medo. RÍOS E ÁRBORES – BIOLOXÍA E XEOLOXÍA. Son bióloga pero puiden ser de XEOGRAFÍA. Galiza é o país dos mil ríos que falaba CUNQUEIRO, así que tamén hai moitos freixos. Por todo isto quixen que estivera representado neste espazo, aumentando o número de especies autóctonas. Os bosques caducifolios representan a máxima biodiversidade na Terra.


A SORTE deste curso foi atopar este grupiño de “non Bilingües” que se din, de 1º ESO A, auténticos diamantes en bruto que me dan traballo, pero son nobles, “encántalles saír da aula para perder clase” e que axudaron con moitas ganas a plantar, sobre todo, Kevin que ten gusto por tarefas agrícolas, a responsable. SARA e o seu inquedo irmán Moncho, David que lle encanta, Julia, Pablo e Morgui; Brais e Raúl menos entregado. Incluso Israel recolleu castañas polo Magosto no souto, así como o alumnado deste 1º A de Valores éticos. Pero sobre todo me sorprenderon co traballo de serigrafiado das placas coordinados por Manuela. Nos recreos, sen que ninguén os obrigue baixan, collen o pirogravador e así penso que imos rematar este curso TODOS OS RÓTULOS coa AXUDA TÉCNICA inestimable de X. M. Longo mercando a madeira, vernizando, facendo os furados para as variñas, etc. Así que hoxe eles son os PROTAGONISTAS do ESPAZO VERDE. Quero agradecer a todos os que estades aquí neste recreo e aos que organizastes o ACTO. XA REMATANDO. Decía Castelao

“Vale máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos Bancos” O FREIXO está desde Febreiro enraizando neste terreo, e eu xa levo un tempiño CORTANDO AS MIÑAS RAÍCES para despegarme deste anaco de terra e deste centro. A vida é así. Faise a base de achegas e perdas, de apegos e desapegos. Eu sempre levarei comigo este espazo e este centro. A vós tócavos coñecelo, descubrilo, conservalo e coidalo e, sobre todo, GOZALO, alumnado e profesorado, toda a comunidade escolar conseguindo o obxectivo didáctico e lúdico para o que foi creado.


Vou rematar lendo un fragmento dun poema de Manuel Xosé Neira da obra

“O mar perdido” Por máis que lembrara tempos idos -aqueles amantes de soleiras clarasque intuira tempos que habían vir ficaba nas beiras contemplando como pasaban baixo os freixos delicados. río foxe alleo ós homes...

E a min, Xela Cid, fuxíronme 28 anos no IES do Carril e 32 no ensino público. E estou moi, moi agradecida polo tempo que pasei nestas aulas e neste espazo verde pequeno, pero singular do IES do CARRIL.

MOITAS GRAZAS A TODOS POR ESTE

MOMENTO verde


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.