O mes de marzo é o terceiro mes do calendario. É coñecido tamén como mes de san Xosé por ser a festa de máis tradición no mes. O 21 de marzo é no hemisferio norte o primeiro día da primavera, pois cadra xeralmente co equinoccio de primavera. Aínda así chámanselle frebas de marzo aos primeiros días do mes, porque nestes días adoita facer mal tempo, como fixo en febreiro. Hai a crenza popular de que a lúa de marzo é a máis indicada para podar as árbores: os castiñeiros en minguante e os carballos en crecente, como apunta Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico. Hai refráns vencellados ao san Marcos do 23 de marzo, como O millo polo san Marcos, nin nado nin no saco, e expresións que remiten ao tempo tolo e inconstante do mes, como Marzo marzolas ou Marzo marceiro: pola mañá cara de can, e pola tarde falangueiro. Cómpre lembrar que marzal non se debe usar como substantivo senón como adxectivo: Pascua marzal, trigo marzal. Outro adxectivo que alude ó mes é marza, que aparece en pega marza ou marceña, denominacións do gaio (Garrulus glandarius). Comezamos o día 1 con san Rosendo, nome do xermánico Hrod-sinths, latinizado en Rudesindus, que significa ‘o camiño da fama’ ou ben ‘ expedición militar famosa’. En galego deu lugar tamén ao apelido e topónimo Rosende. Hai dous Rosendos nacidos en Galicia: un de familia nobre, fundador do mosteiro de san Salvador de Celanova e o segundo, nacido en Tui, Frei Rosendo Salvado, que se ordenou sacerdote en 1839. Salvado marchou en 1846 para Australia para evanxelizar nativos e alí fundou Nova Nursia (New Norcia) en honor ao san Bieito de Nursia. Está considerado o introdutor do eucalipto en Galicia. Referida a san Rosendo temos a cantiga Quen me dera estar “ahora” / onde teño o pensamento, / no mesmo muelle da Habana / falando co meu Rosendo; e o refrán Si trobexa por san Rosendo, inda temos inverno. O día 4 (e nalgúns lugares tamén o día 1) celébrase santo Adrián mártir. O étimo do nome está no latín Hadrianus de feito hai variantes gráficas como Hadrián e Hadriano, sobrenome indicador da procedencia dunha estirpe romana da cidade de Hadria, na beira do mar Adriático. A orixe do topónimo parece ser etrusca. Pero tamén hai partidarios de relacionalo co céltico *Ariainn, unha divindade ligada á agricultura. Adrián é un dos santos máis antigos no culto hispánico polo menos dende o século VII, titular de 17 parroquias e patrón de canteiros, mariñeiros e soldados. Rexístranse varias celebracións no mes de xuño: Santo Adrián do Mar, en Malpica, un dos máis sonados; ou San Adrián de Cobres no concello de Vilaboa (Pontevedra). Esta cantiga parece non
referirse ao de Malpica, Meu señor san Adrianiño / é un santo moi milagreiro, / pedinlle un home bonito, / deume un cara de carneiro. O 8 de marzo celébrase o Día da muller traballadora, que conmemoran dúas sonadas folgas. A primeira foi en 1857 nunha fábrica téxtil de Nova York; alí, mulleres explotadas laboralmente organizaron unha marcha para reivindicar os seus dereitos. A segunda sucedeu en 1908 nos EE.UU: 40.000 costureiras de moitas fábricas do país declaráronse en folga para reclamar a igualdade de dereitos. Nunha delas, a Cotton Textil Factory de Washington Square, os donos pecharon as súas portas e produciuse un incendio no edificio que ocasionou unha traxedia: a morte de 120 mulleres.
Foto Santiago Garrido @santiagogrial
Aproveito a suxestión de Ferro Ruibal suxire no seu Diccionario para conmemorar a onomástica de Antígona o 8 de marzo. Antígona é a traxedia antiga máis comentada na cultura occidental, por iso comento o seu mito. O nome procede do grego Antigonos que significa ‘oposto á súa raza’, ‘contrario á súa xeración’. Antígona é o nome da coñecida personaxe de Sófocles, filla do rei de Tebas, Edipo e de Iocasta. Tiveron catro fillos. Co tempo o adiviño Tiresias descobre que unha peste arrasa Tebas como sanción divina porque non se castigou aínda o asasino do anterior rei Laio. Edipo acaba descubrindo que foi el mesmo quen involuntariamente matara a seu pai e casara coa nai. Daquela abdica voluntariamente, arrinca os ollos e condénase ao exilio. Os fillos arrédanse del, só Antígona o acompaña no desterro. Morto xa Edipo, os seus fillos
Etéocles e Polinices enfróntanse militarmente para disputar o trono de Tebas, pero morren os dous. Faise co poder de Tebas, o tío deles, Creonte, que toma partido por Etéocles e ordena un funeral solemne como morto en defensa da patria, ademais de prohibir, baixo pena de morte, enterrar a Polinices como culpable de traizón á súa patria. Aparece súa irmá Antígona e enterra a seu irmán, desafiando a lei de Creonte. Este manda enterrala viva e, en solidariedade con Antígona, Hermón, fillo de Creonte, encérrase voluntariamente con ela no sepulcro. Antígona representa a suprema fidelidade á familia e á propia conciencia por riba de calquera lei. A figura de Antígona volveu revivir durante a II Guerra Mundial. O día 9 de marzo celébrase santa Francisca Romana, patroa dos condutores. Francisca é nome procedente do latín serodio Franciscus, adxectivo étnico adaptado do xermánico *frankisk, ‘franco, propio dos francos’. Pasado o tempo, tras a fusión étnica entre os francos conquistadores e a poboación orixinaria galo-románica, franciscus pasou a indicar xa non ‘franco’ senón ‘francés’. Malia a súa vocación relixiosa, Francisca por obediencia paterna, aceptou casar cun nobre italiano. Despois dalgúns anos de casados, co acordo do seu home e sendo nai de tres fillos, Francisca empezou a vivir en castidade. Da tradición oral recollemos esta cantiga na que aparece o seu hipocorístico: Antronte Farruca Ateo / adrezo novo estrenou, / e tan mal a trenza atou / que o adrezo fóiselle ao ceo./ Quíxollo coller Casiano, / e díxolle entonces ela: / -Arrédate alá que pela, / que aquí é vran todo o ano (San Casiano mártir é o 26 de marzo); e mais estoutra: Chamáchesme Farruquiña / heite de mandar prender, / a ver onde viche tu / Farruquiñas a vender. San Gregorio Magno celebrábase o 12 de marzo para conmemorar a data da súa morte, pero coa reforma do calendario litúrxico pasou a celebrarse o 3 de setembro. O nome de Gregorio deriva do latín Gregorius, e este do grego Gregorios ‘esperto’, ben que acabou trasladando o seu significado a ‘activo, avivado, vixiante’. San Gregorio Magno foi un dos grandes papas da Igrexa Latina, patrón dos coros, músicos e cantantes, estudantes, mestres e albaneis e tamén protector contra as pragas e a gota. Destacou por encomendarlles aos misioneiros da Bretaña que non tentasen suprimir os cultos e festas autóctonas dos británicos, senón que os axeitasen ao día e lugar das festas cristiás máis parecidas para ilas acristianando. A Igrexa seguiu ordinariamente con éxito esta política e en Galicia de forma evidente: un caso ben coñecido é a institución do San Xosé Obreiro o 1º de Maio. Na tradición oral evoca o seu nome o Pau de san Gregorio, popularmente
tamén Pau grigoriño (Prunus padus), coñecido como cireixón, unha cerdeira alisa pertencente ás rosáceas que se usa na medicina popular como remedio eficaz contra a rabia e tamén contra o mal nefrítico das pedras nos riles. Chegamos ao 13 de marzo, data en que se celebra Roi ou Rodrigo. Na Idade Media as denominacións de Roi ou Rui usábanse como formas apocopadas cando seguía o apelido; asi, dicíase Don Rodrigo, pero Roi Xordo ou Roi Queimado. É un nome xermánico testemuñado na Península Ibérica e o do derradeiro rei visigodo de España. Procede do godo *Hrôthrîks, latinizado en Rodericus ‘señor con sona’, aínda que acabou significando ‘rico de gloria’ ou’ príncipe glorioso’. Este nome deu lugar ao apelido Rodríguez, que é o máis frecuente en Galicia: 236.756 casos segundo a Cartografía dos apelidos de Galicia (inclúese nesta cifra tamén a variante Ruíz, do que se rexistran 3416 casos). Canto á tradición oral, alúdese ó rei visigodo na cantiga Sendo nena de quince anos / namoreime en don Rodrigo / a vida que con el paso / téñama Dios por amigo. Tamén se lle chama Rodrigo ou Figo Rodrigo ao vichelocrego ou ouriolo (Oriolus oriolus).
Foto Salvador López Requejo. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico
Chegamos a Día de san Xosé, primeira anduriña se ve. Este nome procede do hebreo Yoseph, que significa ‘que Deus engada’ e celébrase o 19 de marzo. Este día é tamén o día do pai. A tradición católica europea conmemórao xusto nesa data como
homenaxe a San Xosé, esposo da Virxe María e pai de Xesús. É titular de 9 parroquias galegas. O seu hipocorístico Pepe aparece na moi sonada a cantiga orixinal de Ferrol que alude a un muiñeiro moi coñecido de 1890: Ai, Pepiño adiós. / Ai Pepiño adiós. / Ai, Pepiño, por Dios non te vaias. / Quédate con nós. / Quédate con nós. / Non te vaias afogar na praia / como nos pasou a nós / Havos de pasar a vós; tamén en refráns como: O meu fillo Pepe fixo un pantalón, no medio do cu púxolle un botón; e panxoliñas, coma a que di: Deses piteliños, / que estás eí facendo / trai, Pepiño, us poucos / pra quentar o Neno. Á persistencia do frío aínda neste mes alude o refrán Se por san Xosé a bubela non vén, catala morta ou algo ten. O día 22 celébrase santa Lea ou Lía, nome orixinario do hebreo Le’ah, adaptado ao grego como Leia e ao latín como Lía. Segundo a tradición popular, significaba ‘fatigada, cansa’, pero na actualidade pénsase en ‘vaca’, en alusión aos rabaños do pai da Lea bíblica. O nome da súa irmá Raquel significaría ‘ovella’. Non sabemos de refráns ou cantigas referidas a esta santa, pero si o que se narra no Xénesis bíblico. Lea, era a filla maior de Labán, que acollera a Xacob cando este fuxiu da casa paterna. Xacob pediulle por esposa a súa filla máis nova, Raquel, a cambio de servilo ao longo de sete anos. Chegada a noite, Labán meteulle na tenda a Lea e Xacob deitouse con ela sen decatarse do cambio. Cando protestou polo engano, Labán díxolle que non era costume dar a filla máis nova antes ca vella, pero que lle daría a outra filla se o servía outros sete anos. Xacob tivo 10 fillos con Lea e 2 con Raquel. A tradición fixo aos fillos de Lea os antecesores dos pastores do gando bovino e aos de Raquel, do gando ovino. O día da Anunciazón, as derradeiras xiadas son, e isto é o 25 de marzo. Comparte advocación coa Nosa Señora do Corpiño, máis coñecida coma O Corpiño, nome diminutivo do substantivo corpo. Hai quen di que o diminutivo é porque a santa é de medio corpo. Se o nome fose anterior á actual imaxe, faría alusión a un corpo santo enterrado. O santuario localízase no lugar do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón, no concello de Lalín, e, ademais de en marzo, celebran a sonada romaría o 23 e 24 de xuño. Converteuse nunha advocación mariana de intensa devoción en casos de males estraños, meigallos, mal de ollo, ramo cativo, doenzas psíquicas, etc. O sacerdote ponlles aos enfermos en diversas partes do corpo unha reliquia que, disque, ten pelo da Virxe. Canto á tradición oral, tivo en tempos moita devoción nos apuros da guerra, como se ve na cantiga Viva a Virxe do Corpiño, / orgullo da nosa terra, / que librou a moitos
quintos / da dura morte da guerra!; ou estoutra: Quen é aquela Señora / que vai por aquel carreiro ? / É a virxe do Corpiño / que vai ver a do Cruceiro.
Santuario Nosa Señora do Corpiño. Foto Vania López Arias
E rematamos o día 31 con san Benxamín, nome dun personaxe bíblico que procede do hebreo ben ‘fillo’ e jamin ‘dereita‘, é dicir, ‘fillo predilecto’; hoxe emprégase co significado de ‘fillo máis novo’. É o fillo máis novo de Xacob, que se chamaba orixinariamente Benonin ‘fillo da miña dor’, xa que Raquel, a irmá de Lía, morrera no parto. No Antigo Testamento, Benxamín foi o máis pequeno dos doce fillos de Xacob. Era un dos preferidos do pai, xunto con Xosé. Este, fachendoso polo seu don de interpretar os soños, acabou vendido polos seus irmáns a uns mercadores ismaelitas que tamén o venderon en Exipto como escravo. O vello patriarca Xacob mandou os outros once fillos ao país do Nilo na procura de trigo para a súa subsistencia. Chegados alí, presentáronse
diante de Xosé, agora ministro do reino exipcio, que recoñeceu a seus irmáns e tratou de sometelos a unha proba para saber se estaban arrepentidos do que lle fixeran. Ordenou meter unha copa de prata na saca de Benxamín e logo mandou uns soldados para que cacheasen os da expedición, cando xa ían de regreso a Canaán. Os soldados toparon a copa na saca e prendérono, acusándoo de roubo. Levárono de volta á cidade do faraón, pero os irmáns non o abandonaron e volveron con el, defendendo a súa inocencia e ofrecéndose a purgar o delito no seu lugar. Xosé, comprobou con isto o arrepentimento dos seus irmáns, descubriu a súa identidade e mandou buscar a seu pai Xacob a Canaán, convidando á súa familia a instalarse en Exipto. Remato cos versos de Luís Pimentel do seu poema Marzo: Floretes loitan nas encrucilladas, áxiles, rápidos, logo rotos sobre as pedras da rúa. Sombras nos tellados negras, verdes, pesadas. Rápido, un anaco azul Quédase nunha pozaca. As cornisas non teñen anxos, a vila non é paisaxe; as torres, quedas, presencian a loita do vento nas calles.
BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. HERNÁNDEZ FIGUEIREDO, JOSÉ RAMÓN: Santoral de Galicia: Cincuenta semblanzas hagiográficas. Santiago de Compostela: Letras de autor, 2019. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://gl.wikipedia.org/wiki/Marzo_na_cultura_popular_galega https://www.santoral.com.es/santo/casiano http://ilg.usc.gal/cag/cartografia.dos.apelidos.de.galicia