Share Public Profile
Museo Etnolóxico Ribadavia
O Museo Etnolóxico é un museo de titularidade Estatal e coa xestión transferida á Xunta de Galicia desde o ano 1989. Orixinariamente coñecido como Museo de Artes e Costumes Populares iniciou a súa andadura creándose mediante o decreto 2124/1969 do Ministerio de Educación y Ciencia. A sede do museo é a antiga casa-Pazo do marqués de Bahamonde (Baamonde), pertencente á nobreza recente de orixe burguesa que nace no XIX. As orixes deste pazo poderían remontarse ao século XVI aínda que sufriu diferentes modificacións ao longo dos séculos. A tipoloxía de fondos custodiados polo museo é ampla e variada, debemos salientar as seguintes seccións: etnografía, fotografía, cerámica, e téxtil. Tampouco podemos esquecer os arquivos orais e audiovisuais e un notable fondo documental.