En agosto festexamos...

Page 1


Agosto é o oitavo mes do ano no calendario gregoriano. Púxoselle este nome en honor ao emperador romano Octavio Augusto (Octavianus Augustus). Anda tamén polo mes da Nosa Señora e de san Roque, por ser festas moi populares as do 15 e 16 de agosto respectivamente. Tocante á cultura popular, podemos destacar que a lúa crecente de agosto é a mellor para que lle aproveiten os baños a un enfermo e, xa que neste mes se colleita o cereal (trigo ou centeo), tamén se lle chama o mes da malla, pois, como di o refrán: Agosto pasou, quen mallou, mallou. Hai proverbios que refiren a excepcionalidade: Agosto e vendima non son cada día, e si cada ano, us con proveito e outros con dano; outros, ao tempo atmosférico: A chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto.

Máquina de mallar CAMPEVA. Foto Herdeiros de Pérez Medín.

O 1 agosto celébrase San Pedro ad vincula e San Fiz. Fiz, tamén a variante Fins, é a forma patrimonial do cultismo Félix, que ten a súa orixe no latín felix, felicis ‘frutífero, fértil’ e despois ‘favorito dos deuses’ e ‘contento’. Na época romana converteríase nun cognome moi usado; despois pasou a ser un nome independente con


valor augural. A Cartografía dos apelidos de Galicia recolle 112 casos co apelido Fiz, Félix con 108 casos e Fins con 63 casos. A coincidencia da prisión de san Pedro ad vincula ou ‘encadeado’ coa de san Fiz deu lugar na devoción popular galega á unión nunha única denominación que corre por Galicia como san Pedro Fiz, san Pedro Fins, san Porfins (na Caeira no concello de Poio) ou san Pedro Fiel, ben presente na tradición oral. En Galicia ten moita sona a romaxe bergantiñá de san Fins do Castro (Cesullas-Cabana), a onde acoden romeiros de todo Bergantiños: a lavar os membros doridos con panos na fonte santa para sandar. O crego Saturnino Cuíñas Lois revitalizou a celebración restaurando a antiga tradición, de probable orixe celta, do Berro seco ao remate da misa. Trátase dun berro en busca de seguranza ante un esforzo colectivo e contra os malos espíritos. Os romeiros participan a coro, cóllense das mans e lanzan un berro tres veces. Todo se transforma co tempo: en 1991 a mocidade xa mollaba os panos curadoiros e a roupa en viño tinto. A San Fiz de Galez (Entrimo), con devotos galegos e portugueses, téñeno por avogoso da rabia e das mordidas dos animais perigosos. En total, é titular de 50 parroquias (18 compartidas con san Pedro ad vincula). San Fiz de Girona é patrón dos concellos de Cabana, Nigrán e Vilar de Barrio. O concello de Entrimo celébrao o 2 de agosto. En canto a refráns, aparece en Por san Pedro e san Fiz creba o millo pola raíz; ou en Néboas por san Pedro Fiz, castañas balocas e nabos ruíns; e tamén na cantiga: Teño unha mula en San Fiz / téñoa pra arar con ela / sácoa pra ir á feira / i andar a cabalo dela. O 10 agosto festéxase san Lourenzo. O seu nome procede do xentilicio étnico latino Laurentius ‘da cidade de Laurentum’, unha das máis primitivas do Lacio. A etimoloxía popular tentouno ligar, equivocadamente, con lauretum ‘bosque de loureiros’. Del deriva o topónimo Lourenzá, a través de Laurentiana e tamén o apelido Lourenzo, do que non se rexistra na Cartografía dos apelidos de Galicia ningún caso (curiosamente Xesús Ferro no ano 1992 rexistraba 8 casos), si na forma Lorenzo, cun total de 29.130 casos. Lourenzo é un dos santos máis antigos no culto hispánico, dende o século V. Invócase contra as queimaduras, porque disque morreu queimado con cascas de ovo, e por iso, na crenza popular, non se deben botar as cascas de ovo no lume. A igrexa e a carballeira de San Lourenzo inspiraron a Rosalía cun poema que leva ese título no seu libro Follas Novas. San Lourenzo é titular de 74 parroquias, aínda que reparten a súa celebración entre o 10 e o 12 de agosto, ou o 21 de xullo (de Brindisi). É patrón de Fornelos de Montes e Salvaterra de Miño. No refraneiro temos:


Día de san Lourenzo mollado, bo outono trae no rabo; ou San Lourenzo mollado tira astra os Santos que presaxian catro meses de humidade; e entre as cantigas: Fun ao San Lorenzo ás Quintas / i a Santa Eufemia a Parada; / as mociñas de Requeixo / son as que botan a vaia. Santa Clara é o 11 de agosto. Ten o seu étimo no latín clara ‘brillante, famosa’, referido primeiro ao son, logo ás sensacións visuais e finalmente a nivel abstracto ‘ilustre, famoso’. Deste último significado é onde parte o nome, en principio como cognome, que é usado como nome feminino desde os primeiros séculos da era cristiá. Existe a forma masculina Claro, pouco frecuente. Santa Clara de Asís foi tradicionalmente protectora dos cegos e avogosa das enfermidades da vista (coma santa Lucía).

Foto Bene. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico.

En Santiago e Pontevedra é costume ofrecerlle ovos para pedir bo tempo para a agricultura ou para unha festa. Tamén para asegurar o sol no día da voda como avogosa do bo tempo, as noivas deben levarlle os ovos á Santa ou ao Mosteiro das Clarisas, pola superstición existente de que a presenza de chuvia no día do


casamento era augurio de desgrazas para a nova familia, que lle farían chorar á muller durante o resto da súa vida. Noutrora, os vaticinios convertían á noiva nunha persoa gastadora, vaga, sucia ou nai de infinidade de fillos. Tamén en Compostela os estudantes comezaron a pedirlle á santa que terciase para conseguir boas notas nos exames, esquecendo ao san Xudas Tadeu da catedral. A todo isto alude a cantiga: Bota auga, Clara, / polo vertedeiro; / bota auga, Clara, / que son mariñeiro; / que son mariñeiro, / que veño do mar, / bota auga, Clara / para me lavar. O 15 celébrase Santa María (e María Asunción), do nome persoal hebreo Maryam ou Miriam, adaptado ao grego coma Mariám ou María e ao latín como Maria. A orixe deste nome non está en Israel, senón en Exipto (a primeira muller bíblica que o tivo foi a irmá de Moisés): no exipcio antigo existía o verbo mrj ‘amar’ e nomes de persoa como mrjimn ‘amado do deus Amón’. María, ou a Virxe María, é a nai de Xesús. Ata o século V o seu culto e a súa devoción foron discretos, a partir do século VI empeza a documentarse en Hispania e foi medrando ata conseguir gran desenvolvemento a partir do século XII, do que son boa mostra as Cantigas a Santa María de Afonso X o Sabio. Santa María ten nas súas diferentes advocacións 791 parroquias, sen comparación con ningún outro santo. En Galicia posúe advocacións comúns a toda a Igrexa (Carme, Rosario) e a toda España (Guía, Remedios). Pero as máis antigas e particulares están en Galicia (da Barca, das Ermidas, da Franqueira, do Faro), ás que hai que engadir algunhas locais (a Peregrina de Pontevedra, a Pastora en Cambados, a dos Ollos Grandes en Lugo, a María Nai en Ourense e Oseira, a do Cristal en Vilanova dos Infantes, a do Portal en Ribadavia e Santiago, a da Roca en Baiona, a da Saínza na Limia, etc). Diferentes lugares teñen tradición de que a Virxe pasou por alí e deixou nas pedras as pisadas da súa burra, como en Santa Lucía en Lalín, os penedos que dominan Maside ou no pozo do inferno no Castro Caldelas. No santuario da Pastoriza os devotos pasan por un burato que chaman O berce da Virxe. María é un dos nomes máis presentes na tradición oral. Algúns refráns falan do tempo destas datas: Pola santa María de agosto, ás sete sol posto; ou Pola santa María a noite refresca, mais non o día. A súa devoción tamén figura en cantigas coma estas: Nosa señora me axude / a pasar o mar da Cruña: / non lle queda a miña mai / filla solteira ningunha; ou Nosa Señora da Guía, / ela é miña madriña. / Dichosa de miña nai / que boa comadre tiña!


Ao outro día, o 16 cadra san Roque, un santo moi popular en Galicia. A etimoloxía do seu nome é moi discutida. Probablemente a forma medieval Rochus é latinización dunha raíz xermánica, se cadra de hruc/hrocks ‘choia, corvo’, derivado de hrukjan ‘falar en voz alta’, latinizado en Crocus. Hai outra hipótese que o relaciona co baixo alemán rôke ‘coidado, atención’ e outra co antigo nórdico brókr ‘home grande e forte’. San Roque de Montpellier, do século XIV, descendente dunha rica familia, quedou orfo aos vinte anos, repartiu as súas riquezas entre os pobres, tomou o hábito franciscano e foi de romeiro a Roma. Era a época do andazo da peste, axudou os apestados e acabou contaxiándose da doenza. Retirouse a un monte e alí un can leváballe a comida ata que foi curado por un anxo. Cando volveu á súa cidade non foi recoñecido por ninguén, e como o país estaba en guerra, prendérono pensando que era un espía. Morreu na cadea tres anos despois. O seu culto espallouse en toda Europa a partir do século XV. Os grandes andazos que houbo en Galicia entre 1567 e 1599 provocaron que se difundise o seu culto en substitución de san Sebastián, salvo Pontevedra que compatibilizou as dúas devocións. San Roque é avogoso da peste ou do andazo (podería selo do Covid-19), das chagas, da boa morte e protector dos cans de palleiro. San Roque só é titular de cinco parroquias, en cambio na diocese de Santiago é o segundo santo con máis número de capelas, 29. Entre outros, é o patrón dos concellos da Capela, Baltar, Beariz, Bergondo, Caldas de Reis, Catoira, Celanova, Cuntis, Gondomar, Lobios, Meira, Montederramo, Santiago, Tomiño e Vigo. En Betanzos, desde 1416, en que a cidade se ofreceu ao santo, celébranse uns grandes festexos e na noite do 16 lanzan un Globo aerostático de papel seda no seu honor. Tamén como parte do programa destas festas os días 18 e 25 de agosto celebran a sonada romaría dos Caneiros, a onde os betanceiros soben en barco a un campo situado nas marxes do río Mandeo para pasar unha tarde de merenda ao son das gaitas. Na tradición oral existen expresións como Isto non llo quita rei nin Roque , ‘ninguén’, que alude ás pezas de xadrez; e refráns como: San Roque das chagas, chama polas augas, remitindo a que nas terras altas xa comeza a arrefriar polas tardes; O que quer a san Roquiño quer ao seu canciño; ou Pasados os Remedios e san Roque, xa non hai sesta nin merendote.


San Bartolomeu de Espasande de Baixo (Ferreiravella, Riotorto) Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado.

Chega o 24 de agosto con San Bertomeu e as variantes Bartolo, Bartolomeu e Bertolameu. O nome provén do arameo Bar ‘fillo’ e Talmai, nome propio que algúns identificaron co grego Ptolomeo a través do latín eclesiástico Bartholomaeus e do grego Bartholomáios. En Galicia ten bastante culto como o demostran as 36 parroquias das que é titular e os seus múltiples poderes. Coma san Antón, defende o gando bovino e porcino das enfermidades e do lobo; e coma santa Bárbara, protexe os camiñantes dos raios e das treboadas. Tamén é avogoso dos incendios. En varias romaxes venden Pan de san Bertomeu, que se bendí e despois gárdase na casa para


cando haxa un incendio, pois crese que, se se bota no lume, apágao. Tamén vela polos partos e os meniños, polos máis choriqueiros de noite e polos rabudos, e os que teñen ‘asombramentos’, como ben di o refrán: Onda san Bertomeu for mentado / non cairá faísca nin raio, / nin morre muller parida / nin crianciña de espanto. San Bertomeu completa os seus poderes coa curación do herpes, o ramo cativo (tolemia) e coa protección contra a morte repentina. É patrón dos concellos de Rubiá, Cariño, e da parroquia de Espasande de Baixo (Riotorto) que o celebran o 24. No concello de Xove é o 23, e na Gudiña o 26. Na tradición oral, orixinou refráns como: Día de san Bartolomé a xuso anda o fuso, que semella aludir ás noites xa medradas e poden empezar os fiadeiros; ou este referido ao millo: O que abarba antes de san Bartolomeu é meu, o que abarba despois é dos bois. A expresión Estar feito un san Bartolomé remite a estar moi ferido, xa que morreu martirizado de mal xeito. Tamén o 25 de agosto honramos santa Comba, antigo nome galego procedente do latín columba ‘pomba’, animal sagrado de Venus. Esta ave é o símbolo da paz no Antigo Testamento e do Espírito Santo no Novo. Orixinou o haxiotopónimo Santa Comba, cos seus equivalentes en castelán e catalán, Santa Coloma. Co hipocorístico Colometa é como lle chama con agarimo Quimet á protagonista da Praza do Diamante de Mercè Rodoreda. Santa Comba é unha das santas máis antigas no culto hispánico, desde o século IX, ten un culto ancestral en Galicia. Certa tradición popular conta que a santa fora unha meiga conversa, e por iso o seu culto aparece unido por veces aos outros ex-meigos como San Cibrán e san Silvestre; de aí o refrán: San Silvestre e santa Comba: / si eres meiga salta fóra. Santa Comba de Bértola (Pontevedra) ten sona de ser curadora do meigallo, xunto co seu veciño san Cibrán de Tomeza, e a romaxe debe ser conxunta, en “santo concubinato”: O que vai a santa Comba e non vai a san Cibrán, fai a viaxe en van, di o refrán. A santa Comba de Galicia é a de Sens, do século III: xa desde a época visigótica existe a igrexa limiá de Santa Comba de Bande do século VII, patroa das meigas. É titular de 14 parroquias, aínda que hai sitios que o celebran o 12 de agosto ou o 31 de decembro.


Ermida de santa Comba (Covas, Ferrol). Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado.

Acaba o mes con San Ramón, o 31 de agosto. O nome ten a súa orixe no xermánico Raginmund, que significa ‘protección do consello divino’, quizais a través do catalán Raimón; a súa forma culta é Reimundo ou Raimundo. San Ramón Nonato protexe as mulleres encinta, as comadroas e os acabados de nacer, por iso o invocan para ter unha horiña pequena no parto. Aínda que só é titular dunha parroquia e patrón do concello de Parada do Sil, ten moitas romarías no seu nome, como as de Bealo (Boiro), Moeche (A Coruña), Vilalba (Lugo) e Cambeo (Ourense). Do refraneiro recollemos: Se chove por san Ramón, corenta días mollados son, que augura chuvias; ou outro relacionado coa inminente vendima: En san Ramón limpa as pipas e cata baldón. Algunha cantiga San Antonio gharda o ghado / e san Ramón as ovellas / tamén gharda as costureiras / que andan por portas alleas alude á súa protección non só das persoas senón das ovellas.


E remato falando da festa da Istoria, que se celebra en Ribadavia a última fin de semana de agosto. Na xudería desta vila desenvólvese unha das festas medievais máis auténticas, unha xornada de inmersión na historia, na época do maior esplendor da capital do Ribeiro, arredor do ano 1600, cando a comercialización do viño no estranxeiro alcanzou tan elevadas cotas que converteu a comarca do Ribeiro nun dos territorios máis prósperos da Península. A xornada festeira comeza o sábado coa lectura do bando da historia polas rúas da vila. O barrio xudeu, ataviado ao estilo medieval, acolle postos de produtos gastronómicos e artesanais, nos que é imprescindible pagar con marabedís. A organización da festa tamén dispón de centos de traxes para alugar, para que a xente poida vestirse ao xeito medieval. Pódese participar no desfile da Istoria, sempre que se vaia con roupa da época e tamén na cea medieval, no recinto do castelo dos Sarmiento. A xornada acompáñase dun intenso programa de actos na máis pura escenografía medieval: xogos para nenos, xadrez infantil vivente, loita de cabaleiros, bailes de damas sen cabaleiros, casamentos xudeus, demostracións de cetrería, tiro con arco, etc.

E rematamos cuns versos de Manuel Luís Acuña titulado Agosto: [...]Castela regateira, merca suor e callos. Hala! Hala pra Galiza, que hai brétemas e orballos e festa nos regatos e prata nos outeiros. Por sangue novo e rexo Castela dá diñeiros.

O meu agradecemento a Pepe Barro @BarroDesign por facilitarnos as fotos da máquina de mallar formada polo acrónimo CAM(polongo)PE(rez)VA(rela). Tamén a @pepinsalgado polas fotos de Santa Comba e San Bartolomeu.


BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://www.santopedia.com/santoral-del-mes/agosto https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://es.wikipedia.org/wiki/Globo_de_Betanzos www.turismo.gal/recurso/-/detalle/fi-or-000010/festa-da-istoria-en-ribadavia


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.