A quen festexamos no mes de maio

Page 1


A QUEN FESTEXAMOS NO MES DE MAIO PILAR VILABOI FREIRE Maio debe o seu nome á deusa romana Maia e tamén se lle coñece polo mes de Antón: San Antón pon o sol pra que seque o meu lenzol. Maio é un mes de moito traballo para o labrego, de aí expresións como estar amaiado ou andar co maio ao lombo, por estar canso e baldado de traballar. Non vou falar da festa dos Maios, a principios do mes, festa lúdica do ciclo anual de orixe pagá coincidente co comezo da floración e a entrada de primavera, porque poderiamos dedicarlle só a estas festas outro artigo máis. Prefiro falar doutras tradicións do mes, coma o costume de poñer na noite do último día de abril unha rama de xesta ou flor do maio como protección nas portas das casas, nos barcos e nas cortes para que non lles poida entrar o maio nin coller o meigallo. En Ribadavia chámanlle a este feito maio espantameigallos e nalgunhas zonas do Baixo Miño chámanlles maios ás xestas. Tamén a finais de abril, por terras de Noia, para protexer os campos e ter boa colleita, facíase o ritual de alumear as leiras.


Foto Rosiña Rojo @rosinharojo_estudio. Barrio Xudeu de Ribadavia 2020

O día 1 de maio era o día das maiolas, data na que se adoitaba regalarlles maias ou maiolas (castañas secas) aos veciños e aos pobres do lugar. En Portugal o día 1 de maio, antes de nacer o sol, para “não deixar entrar o maio” -o que significaba para as mozas a posibilidade de casar nese ano-, ían ao campo apañar flores silvestres. Este primeiro de maio celébrase Xosé e Xosefa, nome do hebreo Yoseph que significa ‘que Deus engada’. A advocación de san Xosé Obreiro foi creada recentemente para acristianar o Primeiro de Maio despois de suprimir unha festa do patrocinio de san Xosé que era móbil e que caía por esas datas. Ten moitísima tradición oral, tamén os seus hipocorísticos Pepe, Pepa: Xoseíño, mira, hom, / Xoseíño, mira, hom, / mira como che arreluma / a cadea do reló; ou Xesús, María, Xosé, canto máis vai pior é. Outra cántiga é Morreu Pepiño / morreu Pepiño, / deixalo morrer, / que outro Pepiño / que outro Pepiño / logo ha de haber. Existe tamén a flor de san Xosé, que é un narciso de xardín que florece en primavera, segundo o Diccionario de Eladio Rodríguez. Filipe apóstolo e Santiago o Menor celébranse o 3 de maio. Non podemos pasar por alto falar de Santiago (do latín Sancte Jacobe), santo titular de 277 parroquias en Galicia, o terceiro en importancia numérica despois de María e Pedro. Canto á tradición oral, destacan dous, aínda que a maioría parecen ter máis relación con Santiago o Maior, celebrado o 25 de xullo. Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño. Antes Santiago o Menor celebrábase o 1 de maio, o mesmo día ca san Filipe, para indicar que as compras se deben pagar na man: San Felipe merca, Santiago peita. Este 3 de maio tamén se celebra na igrexa galicana a santa Cruz, voz do latín Crux, crucis, que evoca a morte de Cristo na cruz. Coa reforma do calendario litúrxico pasou a celebrarse o 14 de setembro, ata que se suprimiu a de maio. Pero en Galicia segue sendo a máis común a Cruz de maio, se cadra por permitir unha continuación da festa dos maios. A Santa Cruz é titular de 33 parroquias galegas e patroa dos concellos da Bola, A Peroxa, Barbadás, Laza, Leiro, Melón, Ourense e Pereiro de Aguiar entre outros. Exemplo de tradición oral é O día de santa Cruz vai ver se a túa viña reluz; ou estoutro que di Pola santa Cruz de maio o lobo e o corvo nado e o raposo medio criado; e tamén a cantiga que alude á romaría agrícola do santuario de Santa Cruz de Aranga na comarca de Betanzos: Verdadeira Cruz de Aranga / está no seu camarín posta; / está mirando os seus romeiros / como lle soben a costa. Nesta romaxe os romeiros levan en botellas auga da fonte para abeizoar os campos.


Foto Santiago Garrido @santiagogrial. Cruceiro de Berdeogas (Dumbría)

Santo Anxo o carmelitano celébrase o 5 de maio. O nome Anxo ou Anxelo vén do latín eclesiástico Angelus, que significa ‘mensaxeiro’. Pola tradición oral andan versos coma Marica da casa alta / ten unhas zocas de pino, / que llas regalou Anxelo / por facerlle un anxeliño; e estoutros: Adiós, Ánxel Barreiro / e maila túa muller. / O criado vai na tuna / astra mañán si Dios quer; segundo Ferro Ruibal, contra 1830, o tal Ánxel era veciño de Cines e tíñano por bo mozo. Falaremos agora de Xoán, un dos nomes máis representados no santoral con 234 parroquias no seu honor. O seu étimo está no hebreo Yehohanan, que significa ‘Deus é misericordioso’. O 10 de maio celébrase Xoán de Ávila, aínda que de máis sona é o do 24 de xuño, o san Xoán Bautista. En Vigo existe a parroquia de san Xoán de Ávila e santa Xoana do Estonnac, que tamén é a igrexa do Colexio da Compañía de María. Na tradición oral destacan expresións coma Xanportentrelas é tan peneireiro, que baila na punta dun pandeiro; Ser un Xanporentrelas, que na Limia Baixa é o mesmo que ser un Xan Lanas; Xan das Mozas, que vale por home moceiro; e Xan Carallás, o mítico fundador de Redondela ou calquera persoa bromista e amiga da foliada. E acabamos con Ti es coma Xan da Baraxa, que na zona de Mondoñedo designa os xogadores que deixan de traballar polas cartas da baralla.


O día 11 celébrase a Nosa Señora da Guía, unha advocación mariana. O nome procede do xermánico witan que significa ‘guiar’. Hai quen pensa que xa no antigo xermánico era un antropónimo masculino. A nosa Señora da Guía é patroa de Gomesende. Existen tamén dúas ermidas con este nome no barrio de Teis (Vigo) e en Atios (O Porriño). É unha das antigas patroas dos emigrantes e dos mariñeiros, tal como di a cantiga: Nosa Señora da Guía / é a guía dos mariñeiros. / Guíeme a miña cadrilla, / que ela é de mozos solteiros. O día 12 de maio hónrase a San Pancracio, nome do grego Pankratios ‘todopoderoso’. É o patrón de Enfermaría e en Galicia invocábase para encontrar traballo: San Pancracio, saúde e traballo. Moi recentemente difundiuse a crenza de que axuda nos xogos de azar e nos negocios, por un agraciado na lotería que dixo que llo debía a este santo e que lle poñía pirixel baixo os pés. A lenda tamén fala de que dependendo da petición hai que colocar o pirixel e a imaxe mirando cara a un lado ou outro. Outra crenza popular é que non se pode mercar, debe ser regalado. Hai un dito en castelán, Por San Pancracio el ajo crece un palmo, ao que non lle topei correspondencia ningunha en galego. Nós para o allo usamos outro santo: Quen queira ter allo fino, que o poña polo san Martiño. O nome de Fátima remite ao árabe Fâtimat (a irmá do profeta Mahoma), onde significa ‘moza, doncela’ ou ben ‘a que desteta os meniños’. Este nome feminino musulmán tamén é cristián a partir do primeiro terzo do século XX, a causa das aparicións da Virxe na Cova da Iria, a tres quilómetros do lugar de Fátima, na Estremadura portuguesa. O 13 de maio de 1917 tres pequenos pastores declararon que viran a Virxe María, por iso quedou instaurado ese día. Esta santa é patroa dos concellos de Abadín, Crecente, o Irixo e A Mezquita. Hai dúas parroquias da nosa Señora de Fátima, unha no barrio do Couto (Ourense) e outra na rúa Vía Norte (Vigo). Igualmente no lugar da Salgueira, na parroquia de Vilaza (Monterrei) celebran unha festa en honor a ela. O 14 de maio destaca no santoral Matías ou Macías. O nome provén do hebreo Matithyab e significa ‘don de Iavé’. Antes celebrábase o 24 de febreiro e descoñécese o motivo do cambio. Ferro Ruibal sinala que estamos ante un dos casos en que o traslado litúrxico da festa destruiría o senso de parte do refraneiro, xa que non tería xeito empezar as enxertías no mes de maio: Polo San Matías comezan as enxertías (referido a cando era no mes de febreiro). Outros refráns que remiten a ese día son: En abril enxerta o ruín, que a boa enxertía xa foi por san Matías; O entroido con más artes, botou a San Matías fóra dos martes; e Polo San Matías tan longas son as noites coma os días.


No medio do mes, o día 15, celébrase Sidro e Isidro labrador, que derivan do grego Isidoro, simplificado para non confundilo con San Isidoro de Sevilla. San Sidro ou Cidre é patrón dos concellos de Boimorto, Frades, Mesía, O Incio, O Rosal, Oza dos Ríos, Rois, Toques e Triacastela. A imaxe do santo leva, como patrón dos labregos que é, un arado tirado por unha xugada de bois ou vacas. O xugo copia o tradicional de cada zona galega (de cangas ou de mulida). Da tradición oral recóllense: San Sidriño labrego, pon o sol e leva o rego; Por san Esidro igualan pais e fillos, porque neste tempo os paxaros igualan en tamaño a seus pais e o tamaño dos cereais de cedo ou tremesiños cos de inverno; e Por san Sidro nin no fol nin nacido, que alude ao melón e ao centeo de cedo.

Foto Santiago Garrido @santiagogrial

O 17 de maio é día festivo na nosa terra, pois celebramos o Día das Letras Galegas. Rememoramos que en 1863 se publicou en Vigo o primeiro exemplar de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que marca o inicio do Rexurdimento. Ese día celébranse os santorais de Aquilino e Pascual ou Pascuala, os tres con orixe latina. Pascual provén de Paschalis, adxectivo derivado do hebreo pesaj, que significa ‘coxear’. Por etimoloxía popular este pesaj interpretouse como ‘pasaxe’, en relación coa pasaxe do anxo exterminador en Exipto e a pasaxe do Mar Vermello. A solemnidade instaurada por Moisés, a pascua xudía, converteuse no cristianismo na festa da resurrección de Cristo e Pascual é chamado o varón nacido no día da


festa pascual. Da tradición oral veñen os refráns: Quen cho había de dicir, Pascuíña!, usado cando se felicita a alguén con ironía por un trunfo inesperado; e Por san Pascoal o melón nin nado nin por semear, porque as xeadas o queimarían antes. O santo Bernardiño de Siena celébrase o 20 de maio. O nome Bernardino provén do latín Bernardinus, latinización do xermánico Bernhard (Bernardo), con derivación diminutiva, a través do francés Bernardin ou do italiano Bernardino. En Galicia invócase contra as hemorraxias. Do seu refraneiro destacamos: A sacha de san Bernardiño, a que máis agradece o viño; Auga por san Bernardiño non dá pan e tira o viño; e Por andar aos niños levaron preso a san Bernardiño. Mercè e Trocado comparten advocación o día 21. Trocado é un nome procedente do latín Torquatus, que significa ‘adornado cun torque’. Presenta variantes como Torcato, Torcado ou Torgado, que se poden oír do Monte san Trocado, san Tocrado ou san Torcuato, situado na provincia de Ourense á altura da parroquia de Laias. Na cima do monte, compartido entre os municipios de Punxín e San Amaro, hai unha capela que celebra a festa do santo o 15 de maio, pero no calendario romano figura o 21. Refírense a el no refrán Vóucheme á feira de san Trocado: vou que me merquen o meu maridallo. Este mesmo 21 tamén se celebra a Mercé, nome procedente da catalá Verge de la Mercè. A súa orixe está no latín mercis ‘mercadoría’, que despois pasou a significar ‘misericordia, perdón’. Aínda que a festa meirande desta santa é o 24 de setembro, os concellos de Ares e Mugardos, celebran o 21 de maio o chamado Voto de Chanteiro. Conta a lenda que o luns de Pascua de 1404 os veciños foron pedirlle á virxe que os librase da peste da comarca. Os devotos mediron o templo coas velas que iluminaban a igrexa e todos os cirios pesaban un total de seis libras. Se a virxe os salvaba da peste, cada ano ofreceríanlle esa cantidade de velas. Así naceu unha das romarías con máis tradición na comarca de Ferrolterra. Di a cantiga: Adiós, Virxen das Mercedes, / adiós, Madre de Chanteiro, / voltaremos en romaxe / pra o ano vindeiro; e estoutra: Miña Virxen dar Mercedes / ela vén pola carral / botándolle a bendicion / ár mociñar do Viñal. Procedente do hipocorístico italiano Margherita chegamos a Rita. O 22 de maio conmemórase santa Rita de Cascia, (popularmente tamén Casia) que é patroa nos concellos de Arnoia, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa e Maside, neste en dúas parroquias: Amarante e Armeses. É a avogosa das causas imposibles e os devotos piden o seu auxilio con cautela, porque disque nunca dá a gracia sen poñer a espiña; noutras palabras, sen provocar algún inconveniente. Da tradición oral rescatamos Astra pasar santa Rita e san Urbán non digas


que tes viño nin pan (san Urbán é o 25 de maio); ou Friaxes por santa Rita aos agros moito lles tira; e o máis sonado, Santa Rita, santa Rita o que se dá non se quita. O 25 de maio celébrase Urbán, do latín Urbanus, primeiro ‘cidadán, da cidade’ e despois ‘educado, pulido’, en oposición a rusticus ‘campesiño, labrego’. Ferro Ruibal tamén apunta unha posible transformación do xentilicio Urbanius, testemuñado na época clásica a carón de Urbinius, de orixe non romana. Oito Papas levaron este nome. A iconografía do santo ten como atributo persoal un acio de uvas ou unha copa. Está considerado protector dos viñedos, porque en certos sitios a colleita do viño depende do tempo que faga arredor do 25. De aí que a tradición popular diga Polo san Urbán o millo en gran, tanto o vello coma o de vran; San Urbán trai o vran; e Polo san Urbán espile o abelán. Algún refrán tamén fala da presenza de crías do gavián: Por san Urbán, gaviunchos na man.

Foto Rosa Lamas @rosalamas


O 27 de maio celébrase Agostiño e as súas variantes Agustín, Agosto, do latín Augustus, que significa ‘de bo agoiro, venerable’. Nesta data conmemórase o Agostiño de Canterbury, xa que hai outro en agosto, como o que se celebra na parroquia de Visantoña (concello de Santiso, A Coruña). Hai a expresión popular Agora xípralle, Agustín!, que se di cando se perdeu algo por poñer pouco coidado, algo que xa non volve chamando por el. Pola súa parte, parece aludir á falta de luz, Por san Agostín fía a mociña xunto do candil. E un dito máis: San Agostiño, nin pote nin touciño. Rematamos a finais de mes. O día 30 celébrase Xoana de Arco, a santa nacional dos católicos franceses. Desde a segunda metade do século XV, o seu culto foi gañando forza como heroína nacional francesa, a súa Xudit liberadora. Comparte día con Fernando (o seu correspondente en castelán é Hernando), nome galego procedente do xermánico *Frithunanths, que significa ‘valente na paz’. Del xerouse o apelido Fernández que é o segundo dos máis frecuentes en Galicia, cun total de 223.932 casos (segundo a Cartografía dos apelidos de Galicia). Está representado na tradición oral en refráns como: Si chove por san Fernando, o mozo ri e chora o amo, referíndose a que se a finais de maio chove, permite un respiro aos xornaleiros; ou na frase Fálavos Fernand’Arias, porque o rei o manda, pronunciada por el mesmo cando tivo que casar unha filla por orde do rei de Portugal cun cabaleiro que aspiraba a casar mellor. Fernandarias obedeceu o rei, pero non quixo tratos coa nova familia da filla. O sogro deulle as queixas ao rei e este mandoulle que lle falase. Antes de falarlle ao sogro antepuxo esta frase.


BIBLIOGRAFÍA FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980. Recursos na web: https://gl.wikipedia.org/wiki/Maio_na_cultura_popular_galega http://www.turismodeares.com/voto.htm (voto de chanteiro) https://es.wikipedia.org/wiki/Monte_San_Trocado https://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=FERNANDEZ


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.