O mes de xuño coñecémolo tamén como o mes de San Xoán, por ser unha festividade de gran tradición en Galicia. O nome do mes tamén aparece na flor do salgueiro chamada Flor de San Xoán e a planta coa flor en forma de dedil (Digitalis purpurea) denomínase San Xoán dedaleira ademais doutros nomes como abrula, abeluria, estralote, croque, xoana, seoane etc. Existe unha variedade pequena de pera moi saborosa, que madura neste mes, chamada Perillote de San Xoán. Neste mes hai varias festas sonadas que van unidas ao xoves do Corpus Christi, data que varía cada ano en función de cando cadra o Domingo de Resurrección: este ano é o 11 de xuño, por iso van incluídas nese día. Comezamos co 4 de xuño, en que se celebra unha matrona bíblica sen culto: Ruth ou Rute, nome procedente do hebreo Ruth, interpretado como ‘beleza’, aínda que pode proceder de Re’ut ‘amizade’. Rute é unha personaxe moabita que foi bisavoa do rei David. Esta muller acadou un protagonismo manifesto no chamado Libro de Rute, probablemente escrito contra o século IX a. C. Nel nárrase a historia de Elimelec, un home de Belén de Xudá que emigrou ás chairas do país de Moab coa súa muller Noemí e os seus fillos Quelión e Mahlón. Ao morrer Elimelec, os seus fillos casaron con cadansúa muller moabita -Orfa e Rute-, respectivamente. Dez anos máis tarde, morreron tamén os dous fillos e Noemí decidiu regresar a Belén, acompañada pola súa nora Rute, quen quixo xuntar o seu destino co da sogra de por vida. En Belén, Rute púxose a traballar nos agros dun rico propietario, Boaz, parente da familia de seu sogro Elimelec. Boaz, acabou mercando unha leira posta en venda pola pobre Noemí, e así adquiriu o dereito de casar con Rute. Da unión de Boaz e Rute naceu Obed, avó do rei David. Chama a atención como na historia dun pobo tan exclusivista coma o xudeu se admite a unha muller moabita como ascendente directa do principal dos seus reis. Rute é o prototipo da fidelidade a vivos e defuntos, coma Antígona e Penélope. O 9 de xuño celébrase Diana, do mesmo nome latino e a mesma raíz ca dius ‘celeste, divino, luminoso’. Foi unha deusa moi famosa en Roma, identificada coa Artemisa grega, que presidía a caza e simbolizaba a lúa. O mito conta que Diana naceu da relación entre Xúpiter e Leto, irmá xemelga de Apolo, a quen axudou a nacer nada máis nacer ela. Foi tal a dor que sufriu Leto durante o parto, que Diana tomou a decisión de gardar para sempre a súa virxindade, igual ca Minerva, súa irmá. De feito coñécense as dúas como as virxes brancas. Permaneceu eternamente moza e era o prototipo de doncela brava, arisca, que só se compracía coa caza. Obtivo o seu arco e frechas de seu pai Xúpiter
e ía sempre acompañada dunha cohorte de ninfas célibes nas cacerías. Diana era unha deusa vingativa e cruel, destruía a todo aquel que espertase a súa ira: o pastor Acteón tivo a desgraza de ver a Diana espida tomando un baño e, como castigo, a deusa transformouno nun veado e mandoulles aos seus cans que o devorasen. Case todas as súas lendas son relatos de cacería, que a converten nunha deusa dos bosques, da caza e das feras, e protectora das amazonas por seren estas guerreiras, cazadoras e independentes coma ela. O cristianismo non usou este nome por ser o dunha deusa pagá, pois non se rexistra ningunha mártir ou santa antiga con el ata o século XIII en que se documenta unha beata dominica boloñesa, Diana degli Andaló. Como moitos outros nomes romanos popularizouse no Renacemento. O 11 de xuño celebramos san Bernabeu, coas variantes Bernabé, Bernabel ou Barnabeu, que é titular de 6 parroquias galegas. O nome vén do arameo bar e nabwh, que significa ‘fillo da profecía’, latinizado en Barnabas e a través do francés, Barnabé. Na tradición oral existen varios refráns aludindo a que é a data ideal para segar o centeo, como Día de san Bernabel, nin na terra nin no fardel e mais Día de san Bernabeu tronza o centeu polo pé. Outro exemplo que remite a este tempo é Por san Bernabeu tira o boi a mosca e á besta lle vén. Este ano 2020 cadra Corpus Christi (Corpo de Cristo en latín) tamén o 11 de xuño. Esta festa da Igrexa Católica ten como finalidade aumentar a fe da Igrexa na presenza de Xesucristo no Santísimo Sacramento. A celebración lévase a cabo aos sesenta días despois do Domingo de Resurrección, o seguinte xoves. Nalgúns lugares a festa trasládase ao domingo seguinte (14 de xuño de 2020) para adaptarse ao calendario laboral, como é o caso de Ponteareas. Na noite do sábado para o domingo, os veciños da localidade confeccionan alfombras florais con motivos relixiosos relativos ao día de Corpus Christi. A confección das devanditas alfombras realízase con distintos tipos de flores e materiais, preparados durante os días previos á festividade polos veciños. As alfombras permanecen intactas na súa confección ata a procesión do domingo, que percorre todas as rúas decoradas con esta arte. Tamén teñen sona as alfombras florais doutras localidades galegas, entre outras Ares, Pontevedra, Mugardos, Celanova, Xinzo ou o Barco de Valdeorras.
Festa da Coca. Foto Concello de Redondela
O día do Corpus Christi ten lugar tamén en Redondela unha celebración pagá, a festa da Coca. A orixe desta celebración reside na lenda da Coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. A razón da celebración é a derrota deste animal mitolóxico a mans dos mozos de Redondela. Para conmemorar esta vitoria realízanse representacións sobre o animal e a batalla na que foi derrotada. Esta exhibición coñécese como danza das Espadas e evoca os rapaces que comezaron a danzar coas súas armas arredor do animal morto despois de derrotalo. Consta de vinte e cinco bailaríns, vestidos con camisa e pantalón brancos, unha faixa vermella, verde ou azul arredor da cintura, unhas castañolas e uns instrumentos de madeira que simulan as espadas. Estes paos están unidos entre si por unha corda branca de xeito que todos os danzantes permanecen unidos entre si. Simultaneamente, represéntase o baile das Penlas, que escenifica a celebración das doncelas liberadas da boca do dragón. As Penlas son unhas nenas cun vestido branco con encaixes e ás de anxo, que van subidas aos ombreiros dunhas mulleres chamadas burras, que bailan ao ritmo da mesma melodía dos rapaces da danza
das espadas. As burras, normalmente representadas por mulleres do gremio das panadeiras e forneiras, simbolizan a danza como expresión de alegría pola morte do dragón, erguendo as súas fillas nas costas como mostra da súa liberación. Malia seren características desta celebración, as Penlas están documentadas xa desde o século IX.
Festa da Coca. Foto Concello de Redondela
Outra celebración popular coincidente coa fin de semana do Corpus Christi é a Festa do boi de Allariz, coñecida porque nela corren un boi polas rúas sempre controlado polos mozos grazas a unha longa corda que lle atan aos cornos. Celébrase desde o século XIV e aínda que foi suspendida durante a guerra civil, en 1983 un grupo de mozos decidiu recuperala.
O 13 de xuño é santo Antón de Lisboa, tamén chamado de Padua porque morreu alí. É o santo nacional dos portugueses a partir do século XV. Antonio procede do latín Antonius, nome dunha gens romana de orixe etrusca e significado escuro. Fronte á forma tradicional Antón temos o cultismo Antonio, posiblemente de influencia portuguesa (Santo Antonio de Lisboa). É avogoso dos obxectos perdidos e das mozas casadeiras, como recolle a cantiga que glosou Rosalía de Castro: San Antoniño bendito, / dádeme un home, / anque me mate, / anque me esfole; e tamén o refrán Meu san Antonio casamenteiro, rógoche un mozo garrido e solteiro. Existe certa confusión co santo Antón Abade, o de xaneiro, patrón dos porcos e dos animais en xeral, como reza a cantiga: San Antón o verdadeiro, / dezasete de xaneiro, / que o san Antón de san Xoán / éche Antón o mentirán. Aluden ao santo de xuño os refráns: Por san Antón de sanxoán lóurase o millo no suco e na lameira canta o cuco, Polo san Antón, xa a galiña pon e De san Antón a san Pedro enxofra sen medo. Aínda que nas páxinas de maio falamos de Xoán de Ávila, o verdadeiro día dos Xoáns é o 24 de xuño, día do nacemento de San Xoán Bautista, o que bautizou a Xesús. O étimo deste nome está no hebreo Yehohanan, que significa ‘Deus é misericordioso’. Probablemente este sexa o nome máis usado polos homes en Occidente (João, Juan, Yon, Joan, Giovanni ou John). Boa proba son as variantes e combinacións que admite en todas as linguas e os apelidos aos que deu lugar (Eáns, Seoane, Seivane, Sanxuás). Ten en Galicia 234 parroquias, o que nos indica o seu culto antigo. Do apelido Seoane (correspondente ao español Santibáñez) hai 12.537 casos rexistrados e de Seivane recóllense 307 casos na Cartografía dos apelidos de Galicia. A noite de San Xoán é a noite máxica por excelencia. Coincidindo co solsticio de verán, celébrase desde antigo en toda Galicia o costume de prender as fogueiras, cachelas ou cacharelas de San Xoán: grandes lumes que se plantan e convocan ao seu redor aos veciños para comer sardiñas, beber viño e, finalmente, saltar sobre o lume nun rito propiciatorio de boa fortuna para o resto do ano, á vez que se di: Sálvate, lume de san Xoán, pra que non che morda cadela nin can! O refraneiro é abundante neste día: A auga por san Xoán tolle o viño e non dá pan; De san Xoán prás Navidás, os días van pra atrás; En abril, o salmón para min, no maio para o criado, e no san Xoán para o can; En san Xoán, tanto viño coma pan; O que xexúa en san Xoán, ou é parvo ou non ten pan ou No día de san Xoán baila o sol pola mañán.
Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado
Tamén é costume enraizado deixar macerar toda a noite anterior na ventá as herbas de san Xoán, denominación común a diversas plantas aromáticas coas que se prepara unha auga para lavar a cara na mañá do propio día de San Xoán. Varias herbas reciben o nome de herba de San Xoán, entre elas o fiúncho, o fento macho, o codeso, a abeloura, a malva e o romeu. A auga de San Xoán prepárase a véspera do día 24 coas herbas de san Xoán postas en auga ao orballo. Debe terse coidado de non deixar sen tapar o leite muxido a véspera de san Xoán, para evitar que durante a noite veñan as meigas a lavar o cu no leite. Tamén se protexe colocando un ramallo de acios florecidos de estralotes (a Digitalis purpurea) en todas as portas e ventás da casa e mais das cortes para protexer dos meigallos e trasnos e como agoiro
de felicidade (costume semellante ao xa mencionado no mes de maio). O orballo da noite de San Xoán é considerado bo remedio para curar a sarna. Para iso, o enfermo ten que quedar espido e colocar a roupa na póla dun carballo contra o que se refrega ás 12 da noite. Logo debe bañarse nun río próximo, ou tirarse a rolos sobre a herba húmida, e vestirse con roupa nova, deixando a vella na árbore. Noutras partes dormen esa noite, tamén nus, entre o centeo.
Foto Ana Guerra Cañizo @Ana_Guerra
O 26 de xuño celébrase san Paio, é patrón do concello da Estrada, aínda que tamén ten outras datas asignadas no calendario. Ten dedicadas 43 parroquias en toda Galicia e para unha celebración laica deste nome podería valer o 9 de xuño, día da vitoria dos galegos sobre os franceses do mariscal Ney na Ponte Sampaio no 1809. Paio procede do latín Pelagius, do grego Pelagios ‘mariño, home de mar’. De aquí tamén procede o cultismo Pelaxio. De Paio saíron os apelidos Paez, Pais e Paz ‘fillo de Paio’. O apelido Paz é o número 33 en orde de
frecuencia cun total de17.549 casos, Pais 2.244 e Paez 461 casos, segundo os datos da Cartografía dos apelidos de Galicia. Como curiosidade, san Paio de Córdoba naceu na parroquia de Albeos en Crecente (Pontevedra) no século X. Pola tradición oral circulan os refráns: Día de san Paio a cigoña nos prados e San Xoán, san Pedro e san Paio no medio aludindo aos días 24, 29 e 26 do mes respectivamente. E rematamos o mes co 29 xuño, día que comparten advocacións os apóstolos san Pedro e san Paulo, unidas polo menos dende o século III. Pedro é o segundo santo máis popular en número despois de María, con 322 parroquias en toda Galicia. Pedro procede do latín Petrus, forma masculina de petra ‘pedra, rocha’. O nome deu lugar ao apelido Pérez, que é o sexto en orde de frecuencia, cun total de 126.875 casos segundo os datos da Cartografía dos apelidos de Galicia. O santo goza de gran popularidade: é patrón dos pescadores e redeiras e redeiros, en recordo da pesca milagrosa; dos canteiros, por causa do seu nome; dos ferreiros, por mor das cadeas dos que o librou un anxo; e dos cerralleiros, por ter as chaves do paraíso. A metáfora empregada por Xesús “Dareiche as chaves do reino dos ceos”, enténdea a imaxinación popular en forma realista e imaxina o ceo con portas e san Pedro de porteiro e lector do libro onde cadaquén leva escrito o que fixo en vida e el examina quen pode pasar. Nos contos, san Pedro é escrupuloso, pero tamén inocente: hai quen o dá enganado e pasa. É avogoso das belidas ou cataratas dos ollos con santa Rufina, de aí: Belidas traio, belidas levo, se non vén san Pedro e santa Rufina a levalas primeiro. O 29 é patrón dos concellos de Leiro, Melide, Miño, Muras, Crecente, Nigrán, O Pino, Quintela de Leirado, Riotorto e Xunqueira de Ambía. Son numerosos os refráns que o amentan: A quen Deus lla dea, san Pedro lla bendiga; Ata o san Pedro o viño ten medo ou Dous Pedros e un Xan fan un home cabal. Tamén versos como Arriba raposo, / que estás tras do toxo, / non comas o año / a Pedro Castaño / que vai na ribeira / catar a manteiga / pra a vella parida / que está na silveira / con feixe de estelas / queimando as canelas. O nome aparece na personificación do sono como Pedro chosco ou Pedro cego, que se lles di aos nenos cando dan sinais de estar cansos, e noutras expresións como Andar aos poucos coma san Pedro ‘facer as cousas aos poucos’ ou Ser unha mai de san Pedro ‘ser unha persoa rebuldeira, egoísta ou soberbia’. Os de Parada de Sil contan que cando a nai de san Pedro morreu, tivo que ir ao Purgatorio. San Pedro volveu por ela e Deus deulle un toro de verza para que lla alongase á nai e se agarrase nel para subir. Cando ela tal fixo, as outras almiñas agarráronse nela para subiren; pero ela, co medo de que tanto peso lle tronzase a verza, deuse en acanear para que a soltasen, e con tanto meneo tronzou a verza e volveron todos para o Purgatorio.
Foto Xosé A. F. Salgado @pepinsalgado
E remato cuns versos de Manuel María titulado Xunio: [...]Un ár fino deixa os seus namoros entre a sombra mollada da follaxe. O ceio é borrallento. avanzan as nubes como barcos. Escóitase a calandria. [...]
AGRADECEMENTO A Xurxo Martínez González, Técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela polas fotos das Penlas e da Danza das Espadas.
A composición da portada está realizada a partir de catro fotografías de Xosé A. F. Salgado.
BIBLIOGRAFÍA:
FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. HERNÁNDEZ FIGUEIREDO, JOSÉ RAMÓN: Santoral de Galicia: Cincuenta semblanzas hagiográficas. Santiago de Compostela: Letras de autor, 2019. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 LIS QUIBÉN, VÍCTOR: La medicina popular en Galicia. Madrid: Akal, 1980. Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xuño_na_cultura_popular_galega https://es.wikipedia.org/wiki/Fiesta_de_la_Coca http://ilg.usc.gal/cag/cartografia.dos.apelidos.de.galicia