En outubro festexamos ...

Page 1


O mes de outubro é o décimo mes do ano do calendario gregoriano, aínda que o seu nome vén de ter sido o oitavo (octavus) mes no calendario romano. Outros nomes populares son o mes de outono, de San Lucas e do Rosario. Neste mes próbase o viño novo da vendima e envásase, como din os refráns: Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas; ou San Simón proba o viño e o porco San Martiño. En outubro conmemoramos a Francisco, que provén dun latín serodio franciscus, adxectivo étnico adaptado do xermánico *frankisk, que significa ‘propio dos francos’. Ao pasar o tempo, tras a fusión étnica entre os francos conquistadores e a poboación orixinaria galo-románica, franciscus pasou a indicar ‘francés’. O nome popularizouse por mor de Francisco de Asís: a nai puxéralle Giovanni, pero o pai cambioulle o nome por Francesco por atoparse en Francia cando naceu; outros din que por ser franca a nai. O día 3 é o de Francisco de Borxa e o 4 o de Francisco de Asís. Asís fundou unha orde mendicante co nome de Irmáns menores. Viaxou co fin de converter infieis e volveu de Exipto cunha doenza na vista que o deixou case cego. Polo seu amor aos animais é avogoso da fertilidade das vacas e patrón dos veterinarios e da súa Facultade. Na tradición oral temos: Por san Francisco píllanse as tordas sin visgo; Por san Francisco todo froito é provizo, aludindo a que todo é de proveito; tamén a copla Mazarico, pico, pico, / quen che deu tamaño bico? / Deumo Deus e San Francisco / para picar no marisco. San Froilán é patrón do concello de Lugo e festéxase o 5 de outubro. O nome de Froilán procede do xermánico formado por Frauji ‘señor’ e land ‘terra, patria’. En Lugo celebran as festas deste santo entre o 4 e o 12 de outubro. Cunqueiro dixo delas que eran "as máis belas do outono galego" e son das últimas en importancia que se celebran no ano. Inicialmente era feira e festa, pero o aspecto de feira de gando foise perdendo cos anos. As casetas do polbo son tamén unha reminiscencia do tempo en que o san Froilán era feira. Destaca como un día grande das festas o chamado Domingo das Mozas: ao durar os festexos nove días, sempre hai algún domingo polo medio, que é cando se fixa esta data; no caso de que haxa dous domingos, celébrase o segundo. A orixe do nome non está moi clara, aínda que se pensa que se debe ás mancheas de mozos do resto da provincia que acudían ese día ás festas para buscar moza. Refráns con este santo son: San Froilán mete a rella e tira o pan; ou estoutro en castelán: Por san Froilán, vino, escabeche y pan.


Folleto conservado na Biblioteca Penzol (Vigo)

O 7 de outubro é o día da virxe do Rosario: o seu étimo está no latín rosarium ‘roseira, xardín de rosas’. É un nome místico que alude a unha advocación da Virxe María, Nosa Señora do Rosario, que ocupa o primeiro posto das advocacións marianas do século XIII. Conta a lenda que en 1213 a Virxe apareceulle a san Domingos de Guzmán na cidade occitana de Albi cun rosario nas mans, ensinoulle a rezalo e díxolle que o predicase entre os homes. O santo ensinoullo aos soldados liderados polo seu amigo Simón IV de Montfort antes da Batalla de Muret, cuxa vitoria sería atribuída á Virxe. Por iso, Montfort erixiu a primeira capela dedicada a esta advocación. Hai quen pensa que foi Alain de la Roche, no século XV, o primeiro gran difusor do uso devocional do rosario, daquela chamado Salterio da Virxe. Neste século xa había moitas confrarías do Rosario que celebraban unha festa o primeiro domingo de outubro. Tanto a Virxe de Lourdes na súa aparición de 1858 coma a de Fátima en 1917 pediron aos seus aparecidos que rezasen o rosario. A Virxe é patroa do concello da Coruña que a celebra este día 7, hai outras vilas galegas como Padrón que a festexa o día 1


(liturxicamente celebrouse durante dous séculos o día 3 de outubro). Falan dela nesta copla: Despedinme da igresia / e tamén do campanario; / non me despido de ti, / miña virxe do Rosario.

Foto sen autor ca. 1950. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

A Virxe do Pilar conmemórase o 12 de outubro. O nome común ten a súa orixe no latín vulgar *pilare ‘piar, columna’. A orixe do culto á Pilar de Zaragoza baséase na lenda de que a Virxe María apareceulle milagrosamente ao Apóstolo nas beiras do río Ebro ergueita sobre unha columna ou piar, mentres este estaba a rezar. A lenda é semellante á que se conta na Barca de Muxía e cómpre circunscribila ao culto xacobeo: durante moitos anos a vila mariñeira de Muxía disputou coa capital aragonesa o mérito de ser o lugar onde primeiro se apareceu a Virxe. O culto á Virxe do Pilar en Galicia parece serodia; non hai ningún vestixio documental ata o século XVII. É patroa de Aragón e da Hispanidade, xa que o 12 de outubro foi o día en que Colón albiscou o novo mundo. O seu culto tivo unha clara

postura antifrancesa na guerra da


independencia contra o invasor napoleónico, como di a copla: La Virgen del Pilar dice / que no quiere ser francesa / que quiere ser capitana / de la tropa aragonesa. Na guerra civil española tamén se falou de dúas bombas que seica caeron dun avión republicano enriba da basílica e non chegaron a estoupar. Temos algún refrán que fala dos labores deste mes: Polo Pilar, nabos á terra e viño a envasar; e unha cantiga de Ponteareas: Virxe do Pilar de Ceuta, / amparo dos presidiarios, / ampárame a min que vou / a presidio por dez anos. En outubro temos dúas onomásticas de Tareixa. É un nome hispano frecuente na Idade Media que tiña por forma primitiva Tarasia, de orixe incerta, que evoca os xentilicios gregos Tarasía / Tarasios, o topónimo itálico Taranto, o do adiviño Tiresias e a illa exea de Thera (hoxe Santorino). Non obstante, non é seguro que a súa raíz última sexa grega. O que si parece certo é que este nome se difundiu por Europa a partir da Península Ibérica. As formas galegas están documentadas desde moi antigo e a popularidade de Teresa de Ávila difundiu o nome por boa parte de Europa. O 15 de outubro conmemórase Tareixa de Xesús, tamén coñecida como de Ávila por nacer alí. Reformou as carmelitas, fundou 32 conventos en toda España e escribiu libros ascéticos e místicos de gran valor literario. É patroa de España e tamén de Ávila e Valladolid e mais do concello da Cañiza. Invócana para que protexa as almas do purgatorio e contra as doenzas do corazón. En Galicia tamén se menta para que o casamento nos depare unha boa familia política e protexa a despensa, como di a cantiga: Todas as horas do día / lle rezo a Santa Taresa / me dea unha boa sogra / e pan de trigo na artesa. Existe tamén outra Tareixa do Neno Xesús que se homenaxea o 1 de outubro. Temos ditos que aluden aos mexericas: Mexa, Tareixa, e vaite deitar. Non teño mexiña como hei de mexar; ou algún refrán: Por santa Tareixa o lume acesa. O 18 outubro festexamos a San Lucas, nome de orixe no grego Lukas, forma hipocorística de Lukanós ‘oriúndo de Lucania’, latinizado en Lucas ou Luca. Non se desbota que proceda do grego Lukius ou do latín Lucius ‘luminoso’. Este xudeu naceu en Antioquía onde era médico. Convertido por san Paulo, seguiu ao seu mestre nas viaxes por Grecia e Italia. San Lucas é un dos catro evanxelistas, o que escribiu o terceiro Evanxeo. É un dos patróns dos médicos e en Galicia tamén da Facultade de Medicina e dos concellos de Chantada, Mondoñedo e Pastoriza. Unha das máis sonadas feiras tradicionais é as San Lucas de Mondoñedo. A orixe das festas atribúeselle ao bispo Martiño, que as iniciara para celebrar a consagración da catedral en 1246. Pero


todo apunta a que o seu inicio se remonta a 1156, ano en que Afonso VII concedera unha festa de oito días. Estas feiras das San Lucas, que en tempos duraron 15 días, son fundamentalmente de gando do monte. Actualmente duran cinco días: o 16 ábrese oficialmente a festa co pregón na xornada das Revésperas; o 17 son as Vésperas, o 18 é o propio día de San Lucas, o 19 coñecido como Día do Medio e o 20 remata coas Maulas, día en que os feirantes venden os últimos produtos a metade de prezo. Deu lugar a refráns referidos ás uvas: Polo san Lucas, saben as uvas, porque hai poucas ou ningunhas; Entre san Lucas (18-10) e san Xudas (28-10) cóllense as uvas; pero tamén a outros traballos da terra: Por san Lucas bois ao arado, que enxoitos que mollados; Pola semana de san Lucas, suca, boi, suca.

Autor do cartel Xosé Vizoso. 2019


O 22 de outubro conmemórase Salomé, unha helenización do nome feminino arameo Shalôm, que por etimoloxía popular se relacionaba con shalôm ‘paz’, pero máis ben debe ter que ver coa raíz verbal shalam ‘substituír’. Foi considerada tamén a forma feminina de Salomón. Salomé foi, segundo san Marcos, filla de Herodías, a muller de Herodes, a quen lle pide a cabeza de Xoán o Bautista como recompensa por unha danza. O tema remóntase a un feito histórico: no ano 192 o cónsul Flaminio matou durante un banquete a un preso para ofrecerlle a un amante o espectáculo dunha decapitación. O feito, impresionante, foise transformando, como di Séneca, porque a tradición mudou o amante nunha amante e introduciu unha escena de baile. Co tempo, a devoción cristiá chegou a confundir a Salomé con Herodías. O asunto inspirou libros como O xudeu errante de Eugène Sue. Santa María Salomé é titular dunha parroquia en Santiago con san Fiz e san Andrés. Falan dela no refrán: Por santa Salomé non queda volalla en pé, e nestes ditos recollidos en Vigo: Che darei Salomé, cantas veces mo pidas. / Che darei Salomé dúas veces ao día; ou Che darei Salomé, cada día tres. / Che darei Salomé, cantas ti me pider, cun inusual inicio cun pronome átono. O 28 de outubro é o día de San Simón, procede do grego antigo Simon, a través do latín eclesiástico Simon, o primeiro nome do apóstolo san Pedro. É unha variante do hebreo Shime’ôn, que dá como resultado Simeón. Na literatura quedou inmortalizada a Illa de san Simón, na ría de Vigo, grazas á sonada cantiga de amigo de Mendiño, no que recibe o nome de san Simión: un estadio intermedio entre Simeón e Simón. A cantiga comeza así: Sedia-m' eu na ermida de San Simión / e cercaron-mi-as ondas que grandes son: / eu atendend´o meu amigo! eu atendend´o meu amigo! [...]. O apóstolo san Simón é tamén chamado Cananeo ou Zelota. Di a tradición apócrifa que foi con san Xudas Tadeo levarlle ao rei Abgar de Edessa unha carta e unha imaxe de Cristo e acabou morrendo degolado. Hai outra tradición na que contan que morreu serrado. En Galicia tense por avogoso do raio, a faísca e a treboada. San Simón Apóstolo é titular de 7 parroquias e celébrase o día 28, aínda que hai outras celebracións ao longo do ano, como o San Simón de Ons o 29 de xullo ou o 5 de xaneiro o Estilita. En canto a refráns temos: A verdura en san Simón dá pró amo e mais pro ladrón; ou estoutro: Por San Simón, grou grou, que me vou, o grou sente frío e dinos adeus. Tamén celebramos o mesmo 28, San Xudás, que presenta variantes como Xuncras e Xúcaras por eufemismo coa deformación do nome inicial considerado tabú. Xudás procede do hebreo Yehudab ‘león’ ou ‘loubanza de Deus’ a través do grego


Ioúdas. Aínda que é un nome levado por un apóstolo, non tivo difusión pola súa coincidencia con Xudas Iscariote, o traidor de Xesús. Xudas Tadeu foi outro dos doce apóstolos que, segundo a lenda, curou da lepra a Abgar, rei de Edessa. Perseguírono como a san Simón e matárono cunha maza en Persia. Santa Bríxida de Suecia conta nas súas Revelacións que Cristo lle recomendara que invocase a intercesión de Xudas. De aquí xorde a reputación deste santo como avogado das causas desesperadas, que en Galicia se xustifica polo feito de que pouca xente lle reza e está máis desocupado para atender as peticións que lle chegan. En Compostela invócano os estudantes en apuros, ante a imaxe que ten na Catedral, preto da Porta Santa, e dise que é eficaz mesmo se outros rezan por un. Hai algúns refráns que falan del: San Xudas me negue a dúbeda; ou do lobio improdutivo: Por san Xudas e san Simón, collidas as uvas son; e tamén expresións coma Ser malo coma Xudas, que significa ser malo coma o demo, máis malo ca Caín. Pechando o mes, na noite do 31, celébrase o Samaín, unha festividade celta que marca o remate da colleita e o comezo do inverno. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ao 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. O Samaín en Galicia é unha celebración estreitamente relacionada co Día dos Defuntos. Está baseada na tradición de tallar cabazas (calacús) ese día e deixalas nos camiños para asustar aos viandantes. Tradicionalmente, tamén se deixaba a mesa sen recoller despois da cea, por se as ánimas dos defuntos acudían de visita durante a noite; ou o lume aceso para que non pasasen frío. Outro costume era o chamado migallo ou migallín “un bolo que se daba de agasallo o día de Defuntos; ou un obsequio de castañas e noces que se fai aos nenos o día de Todos os Santos”, tal como recollen varias entradas do Dicionario de Dicionarios. Algunhas destas tradicións foron prohibidas pola Igrexa, como se pode constatar nas Constitucións Sinodais de 1541 do bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara: Nos constó por la visita que el Día de Todos los Santos y al dia siguiente de difuntos andan todos los mozos de la feligresía a pedir por las puertas y les dan pan y carne y vino y freixós y pixóns y otras cosas, y que piden así los hijos de los ricos que los pobres; y por ser más este rito gentil que cristiano, ordenamos y mandamos que, de aquí en adelante, ningún mozo vaya aquellos dos días de puerta en puerta a pedir sino que el beneficiado el rector, el primiclero y otro


que nombrare la feligresía pidan aquel pan y todo lo demás que les dieren lo repartan en la iglesia el dia de los finados entre los pobres y necesitados, so pena que el padre o la madre que enviaran a su hijo a pedir aquellos dias pague mil maravedís.

Exposición elaborada no Museo Etnolóxico en 2015 Noite Meiga. Construíndo tradición.

A súa recuperación e promoción comezou na década de 1990, en Cedeira, con Rafael López Loureiro, o seu principal impulsor. Promoveu esta festividade desde varias asociacións e recolleu testemuñas e referencias documentais. Segundo el, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea, e en Galicia, "atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes". Chegou a detectar peculiaridades como a de Quiroga (Lugo), onde a cabaza tallada se seca e emprégase como máscara no Entroido. Nalgunhas localidades galegas empregan nabos no canto de cabazas. Hoxe en día o costume americano de Halloween de disfrazarse e celebrar esta data está suplantando a nosa tradicional noite do Samaín, cando menos nas cidades.


E pechamos cuns versos dun poema de Celso Emilio Ferreiro titulado Outubro: Comesto da tristura vou lembrando aquelas mañás pálidas e doces dun outono distante, néboas baixas tenras follas, alfombras dos camiños de cintura cinguida de carballos. [...]

BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/Festas_de_San_Froilán_de_Lugo https://gl.wikipedia.org/wiki/Outubro_na_cultura_popular_galega https://gl.wikipedia.org/wiki/Sama%C3%ADn http://sli.uvigo.es/DicionariodeDicionarios/


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.