OS XENERAIS DO ULLA
MUSEO ETNOLÓXICO DE RIBADAVIA
Fotografías de MIGUEL ARES
DO 00 DE ABRIL AO 00 DE XXXX DE 2019 LUGAR: MUSEO ETNOLÓXICO. RIBADAVIA. RÚA DE SANTIGO, 10 HORARIO: MARTES A SÁBADOS DE 10:00 A 16:00 H. (DOMINGOS, LUNS E FESTIVOS PECHADO)
Todos os anos, entre finais do mes de xaneiro e principios de febreiro celébranse na comarca do Ulla uns peculiares entroidos chamados “Os Xenerais do Ulla”. Trátase dunha manifestación lúdica na que uns xinetes vestidos de xenerais, con vestimentas bastante rechamantes percorren as parroquias da comarca dando vivas e saúdos aos veciños. Esta celebración non ten unha ascendencia clara. Afai asociar a súa orixe co recordo das andanzas dos soldados franceses durante a Guerra da Independencia pero, ao observar o particular das súas vestimentas, tamén pode falarse das Guerras Carlistas. O certo é que nesta festa mestúranse os elementos clásicos do entroido cos propios de “Os Xenerais do Ulla”. A casa, a aldea e a parroquia, e o campo da feira, pezas craves da estrutura rural, xogan un papel esencial no discorrer dos acontecementos. Polas casas pásase dando vivas en honra ao cabeza de familia. A aldea singularizada tanto no bar como no campo da feira, lugares de encontro e celebración. E as parroquias, que durante estas festas son consideradas nacións independentes, como vínculo de unión interterritorial. O acto estrela é o atranque: no campo da feira os xenerais, por parellas, rétanse a base de ripios sarcásticos, caricaturizando a actualidade. Todo termina coa firma da paz entre os contendentes. Reina a ironía e o bo humor. Este xa é espazo para o entroido tradicional, onde podemos ver todo o catálogo habitual. Esta exposición mostra 22 imaxes deste entroido que, aínda que se celebra en varios concellos da comarca do Ulla, aquí preséntanse imaxes de Bama, Fao, Fonte Díaz e Piloño.
MIGUEL ARES é fotógrafo, dedicado á publicidade e á comunicación, así como á dirección de fotografía de documentais de carácter social. Con este traballo preténdese dar visibilidade e elevar a dignidade dunha manifestación cultural pouco coñecida fóra da comarca.
Colabora: