En novembro festexamos...

Page 1


Novembro é o undécimo mes do ano no calendario gregoriano e o seu nome deriva de novem (nove en latín), por ter sido o noveno mes do calendario romano. En Galicia recibe diferentes denominacións populares por celebrárense nel varios acontecementos sinalados como son: Mes de Santos, Mes dos mortos ou de San Martiño. Neste mes, contra o día de san Martiño, 11 de novembro, adóitase facer a matanza dos porcos nas aldeas. Para ser exhaustivos, deberamos usar o pasado, xa que hai varios anos que está prohibido por lei facelo na casa e a matanza debe facerse no matadoiro. Tamén desde finais de outubro e durante todo o mes se celebra o magosto, unha festa tradicional relacionada coa colleita das castañas. Chámase magosto á fogueira preparada para asar as castañas, arredor dela é costume reunírense os veciños para compartilas e beber o viño novo, a sidra e a augardente xa destilados tras a vendima. Temos varios refráns que nos falan deste mes: No mes de Santos, a máis tardar ponte a sementar; ou Bendito mes, que empeza con Santos, media con san Uxío, e acaba con san Andrés; e tamén En novembre, cavar non che se lembre; i a aixada de cavar, emprégaa en aburatar. O día 1 de novembro celébrase a festa de todos os Santos anónimos que Deus ten, aínda que a igrexa non os canonizase: unha festa teoloxicamente moi interesante, algo eclipsada polos ritos funerarios do Día de Defuntos. Entre outros poderían celebrar a súa onomástica ese día Airas, Amaia, Anxélica, Celeste, Dalila, Heitor, Galván Mencía, Penélope ou Zeus. Santos é o plural de Santo, do latín Sanctus, participio do verbo sancio ‘facer sagrado ou inviolable’ e de aí ‘ratificar, sancionar’. Coa chegada do cristianismo sanctus pasou a ‘home que pola súa perfección participa de prerrogativas divinas e que algunhas igrexas elevan ao culto dos altares”; é dicir, ao significado que hoxe ten santo. Curiosamente este nome funciona en singular, aínda que o seu significado alude á colectividade dos santos anónimos. Tamén existe o apelido Santos, que segundo a Cartografía dos apelidos de Galicia ten 18.137 casos rexistrados. En canto aos refráns, algúns falan do tempo nevado: Entre Santos e Nadal é o inverno candeal; Entre Santos e Nadal ben chover, mellor nevar; e estoutro recomenda que facer no mes: No mes de Santos sacha a horta e capa os ranchos. E no mes morto non saches a horta nin capes os ranchos: o mes morto é decembro, cando a natureza aparentemente adormece. Tamén alude a el esta cantiga: Mes de Santos, mes de Santos, / de Santos mes de amarguras: / inda ben non amañece / cando xa é noite escura.


Santo Tomé de Maside. Foto Manuel Rodríguez Rodríguez.1960-65 Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O día 2 é Día de Defuntos: por iso se coñece o mes como dos mortos ou mes das ánimas. É un día no que se visitan os cemiterios para levarlles flores aos familiares falecidos. En Tui tiñan o costume de botar un gran toco ao lume na noite de defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen vir quentarse. En Cambados dise que non se debe ir ao mar neste día para evitar coller nas redes aos mortos. Por terras de Mondoñedo era costume no século XVI que os mozos fosen percorrendo a aldea, de porta en porta, cantando coma en Nadal e pedindo pan, carne, patacas, viño, etc. para os defuntos, ben que logo comían todo o recollido nas súas casas. Esta práctica foi condenada polo Sínodo do bispado de Mondoñedo en 1541. Exemplos de tradición oral temos os refráns: No mes dos mortos mata os teus porcos; ou No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo cos untos, nos dous casos aludindo á matanza.


Carballeda de Avia. Foto Fernando del Río. 1988. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O día 11 honramos san Martiño, ou a súa variante Martín, que ten a súa orixe no nome romano Martinus ‘dedicado ao deus Marte’. Foi nome moi frecuente na Galia de orixe pagá, que aceptaron os cristiáns pola perda de consciencia do seu étimo; pero tamén axudado pola popularidade do seu bispo de Tours. Deste nome tamén derivan os apelidos Martínez (113.434 casos en Galicia), Martíns (739), Martís (202) e Martín (5690), que ocupan en conxunto o sétimo lugar en orde de frecuencia cun total de 120.065 casos. O 11 de novembro conmemórase San Martiño de Tours, que foi o santo máis popular da antiga Francia, e en Galicia, un dos cultos máis antigos, xa documentado no século VI na Hispania. É titular de 235 parroquias (5 delas coa denominación Martín) e patrón da diocese de Ourense, e dos concellos, entre outros moitos, da Merca, A Mezquita, Barbadás, Bueu, Forcarei, Manzaneda, O Grove, Quiroga, Toén e Vilariño de Conxo. Este día fanse magostos (antes sobre todo por Ourense, hoxe xa estendidos por toda Galicia) e próbase o viño novo. Os magostos son un vello rito cargado de simbolismos: non se pode cuspir no lume, a leña debe arder de vagar e non se pode apagar, porque a ese lume veñen quentarse despois as almiñas. Hai quen o ten por comida de conmemoración dos defuntos: as castañas que se piden por Reis ou polo maio simbolizan as almas do Purgatorio que piden misas ou partes do rosario. San Martiño é protector da colleita do viño, do gando bovino e porcino; avogoso dos perigos da fame e da guerra e tamén dos camiñantes: para algúns investigadores a presenza do culto de san Martiño pode ser indicio da existencia no lugar dun camiño medieval. No sur de


Galicia a figura do de Tours mestúrase co san Martiño de Dumio ou de Braga. Moitos refráns falan do porco e do viño como: A cada porco chégalle o seu san Martiño; Día de san Martiño, pan e viño; dispois de san Martiño fame e frío; Ao chegar o san Martiño, mátase o porco e próbase o viño; ou En san Martiño aínda pinga o ramalliño, indicando que queda algún acio con uvas na parra. Tamén do que se pode plantar: Por san Martiño non plantes fabas nin liño; ou comer e beber: Día de San Martiño, lumes, castañas e viño e, se cadra, unha freba de touciño. San Martiño xerou tamén ditos nos que se fala dos días de sol que adoita haber arredor do 11 de novembro e, por enxeñosa metáfora, pasaron a denominarse así os amores dos vellos con mulleres máis novas, o chamado veranciño de san Martiño: San Martiño sempre quere o seu vranciño, anque sexa pequeniño.

Magosto e viño novo. 1977. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O 15 de novembro festexamos san Uxío, forma que deriva do grego Eughenios ‘ben nacido, de boa caste’, a través do latín Eugenius. A forma masculina formouse probablemente por analoxía coa feminina, procedente dun Eughenía, que derivou en Uxía. Non falo da forma en feminino porque a santa celebra o seu día en setembro ou xuño. É destacable que no resto das linguas, agás o galego, decatáronse pola


forma culta: portugués Eugénio / Eugénia; español Eugenio / Eugenia; éuscaro Eukeni / Eukene; catalán Eugeni / Eugènia; italiano Eugenio / Eugenia, etc. Tocante a refráns, temos os que nos falan do tempo: Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla; e das recomendacións de novembro: Por san Uxío, castañas no estraliño, a leña no ullar e os bois a recadar. O 16 é santa Margarida, nome procedente do latín Margarita, que se usou nas inscricións dos primeiros séculos do cristianismo. Vén do nome común latino margarita ‘perla’, tamén forma afín á palabra sánscrita manjari ‘botón de flor’. Existen máis de vinte santas con este nome. O 16 de novembro festéxase o día da morte de Margarida de Escocia, aínda que antes a súa onomástica era o 10 de xuño. Esta raíña distinguiuse pola súa vida austera e polo fomento da cultura e da relixión. Orixinou ditos populares coma: Santa Margaridiña que ás crianzas cativas as pon medradiñas e as cántigas coma: Miña santa Margarita, / miña Margarita santa, / coa auga da túa fonte / curei a miña garganta; e estoutra: Miña santa Margarida, / este ano alá non vou; / pola falta do diñeiro / moita xente se quedou. En novembro temos dúas Sabelas: o 17 de novembro celébrase Sabela de Hungría e o 5 Sabela, a nai de san Xoán Bautista. Hai outra que se conmemora en xullo: santa Sabela de Portugal. A nai de san Xoán Bautista era a curmá de María. Cando María foi visitar á súa curmá sabendo que estaba encinta, Sabela saudouna dicíndolle: Bendita ti, entre as mulleres, e bendito o froito do teu ventre, palabras que se recollen no rezo do Ave María. Pola súa banda, Sabela de Hungría, cando quedou viúva dedicou a súa riqueza aos pobres, construíu hospitais e atendeu persoalmente aos necesitados. Morreu con vinte e catro anos e a partir da súa canonización en 1236 converteuse nun símbolo de caridade cristiá para toda Europa, estendéndose rapidamente o seu culto desde os territorios xermánicos, polacos e húngaros ata os italianos, ibéricos e franceses. Así e todo, o nome popularizouse en España principalmente por Isabel I a Católica, a raíña de Castela. Temos cantigas onde falan da santa como mediadora: Sempre me andas perguntando / de que romaría veño; / veño de santa Sabela / é boa medieira; e tamén os ditos: Como Sabela a de Sada, a cara composta e a casa cagada; e Casaron a Xan con Sabela: se ruín é el, peor é ela.


O 18 de novembro festexamos san Román, nome que ten a súa orixe no xentilicio latino Romanus ‘romano, relativo ou pertencente a Roma’. Era un cognome étnico que tiña o valor político de ‘cidadán de Roma’. Tamén é posible que na difusión deste nome na península pesase a concorrencia posterior co árabe Rumman. San Román é un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VII, avogoso do raio, a faísca e a treboada. San Román é titular de 23 parroquias, e aínda que tamén se celebra en agosto e febreiro, o do 23 alude ao Román mártir en Antioquía. Entre os refráns que mencionan o santo, destacamos: Semieira de san Román, non dá palla nin dá gran; ou Por san Severo, neve no Bocelo. Por san Román, neve no chan. Tamén esta cantiga: San Román que en Roma estás, / gárdame de can doente e por danar, / son morto de mal do atopo, / son vivo do mor perigro, / san Román sexa comigo.

San Clemente do Pindo en Carnota. Fotos de Suso López Rama

O 23 deste mes honramos a san Clemente, e as súas variantes Clemenzo, Cremenzo, Crimenso ou Crimente. Provén do latín Clemens, Clementis ‘clemente’, cognome romano. Difundiuse na época cristiá e levaron este nome dezasete papas e moitos santos. Hai 326 casos recollidos de Clemente e ningún caso das outras variantes na Cartografía dos apelidos de Galicia. Clemente é un dos santos máis


antigos no culto hispánico, desde o século VIII, e é titular de 8 parroquias. Xerou refráns como: Por san Martiño referve o viño e por san Clemente todo viño é valente; ou a cantiga referida ao San Clemente de Carnota: Meu san Crimente bendito / donde te fono levar / á capeliña do Pindo / viradiño para o mar. O 30 de novembro celébrase santo André ou Andrés. Aínda que xa falamos da romaría de Teixido en setembro, merece mención esta data, pois Andrés é un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VI. O seu étimo está no grego Andréas, ben derivado de andréia ‘virilidade, valor’ ou da redución cariñosa dalgún nome composto de andr ‘home, varón’ (como Andrócles). É un dos nomes nos que se asentou tanto a forma normativa santo coma a forma san. A forma Andrés conserva 1.105 casos como apelido, así como as súas variantes: Andreu 101 casos; André 330 casos e o feminino Andrea, 66 casos. Santo André é titular de 73 parroquias e patrón do concello de Cabanas, onde se celebra o 29 de novembro. Da tradición oral proceden: San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño; Por San Andrés sal mes i entra mes; De san Martiño a san Andrés, sománs tres; e de san Andrés a Nadal, outro tal; e mais Polo san Andrés todo o día noite é. E gustaríame mencionar aquí un antropónimo peculiar que parte dun nome xeográfico: o caso de Bretoña. O nome deriva do latín medieval Britonia, vila galega do século VI, orixinado de brito, -onis, nome de carácter étnico que designaba o pobo de orixe celta que se asentou nas Illas Británicas e noutros lugares da fachada atlántica europea. Santa María de Bretoña, parroquia do norte de Lugo, diocese de Mondoñedo e concello da Pastoriza, foi capital dun antigo bispado que tivo a súa orixe no século V, momento en que se establece a primeira fundación da igrexa céltico-cristiá en Galicia. O nacemento desta sé está relacionado co chegadas desde as Illas Británicas, fuxindo da invasión dos anglosaxóns, dun núcleo de poboación céltica cristianizada, que en vez de dirixirse á península Armoricana (actual Bretaña) virou os seus barcos cara ao sur, arribando ás costas da actual Mariña lucense. Alí se instalaron e se organizaron como comunidade. A existencia desta diocese está probada no parroquial suevo do século VI e sábese que o bispo destes bretóns asistía aos concilios galegos, como o celebrado en Braga no ano 571, no que aparece mencionado o bispo Maeloc. Co tempo esta diocese mudou de sé:


foi para Mondoñedo e hoxe é Mondoñedo-Ferrol. A festa celébrase tamén o 30 de novembro en Bretoña.

E rematamos cunha estrofa do poema de Cuña Novás titulado Novembro: [...]Unxe a moucho a esperma árdiga que alcende a dubidosa chama marela do recordo e o seu ouvido ecoa a nocturna servidumbre dos mortos. [...]

BIBLIOGRAFÍA FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974.

RECURSOS NA WEB https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/Novembro http://www.turismoenxebre.com/2009/11/el-dia-de-difuntos-en-galicia https://gl.wikipedia.org/wiki/San_Martiño https://es.wikipedia.org/wiki/Isabel_de_Hungría


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.