O mes de setembro é o noveno mes do ano no calendario gregoriano, pero o seu nome provén da mesma raíz latina ca sétimo (septimus), xa que era este mes no calendario romano, que empezaba en marzo. Tamén é coñecido como mes de San Miguel, San Mateo ou da Virxe dos Remedios, por seren calquera das tres advocacións de moita tradición no mes. Segundo Eladio Rodríguez temos, figos migueliños e cirolas migueliñas, son aquelas froitas que maduran polo San Miguel, cara aos últimos días de setembro; e refráns sobre este mes onde se fala do viño: En setembre e outono, bebe o viño vello e deixa estar o novo; das inclemencias do tempo: Setembre, ou leva as pontes ou seca as fontes ou con alusións a datas concretas: Por Santa Erea (18 setembro), toma os bois e semea; por San Martiño (11 novembro), nin fabas nin liño. O 1 de setembro celébrase san Xil, coa súa variante culta Exidio. Xil poida que proceda do latín tardío Aegidius, a través do francés Gilles. Para algúns procedería do grego aigidion ‘cabuxo’, diminutivo de aigós ‘cabra’. Segundo outros, podería derivar do grego aigis ‘tempestade’, de aigidos ‘escudo’ ou de Aigidion co significado de ‘fillo do Exeo’. Exidio é un caso de coexistencia da forma patrimonial cunha forma culta arcaizante. Aquí, coma nos outros casos (Fiz e Félix), débese preferir a forma tradicional Xil, aínda que na Cartografía dos apelidos de Galicia só figura o apelido castelanizado Gil con 12866 casos, fronte a 0 casos de Xil e de Exidio. Xil gañou popularidade na Idade Media por ser dispensador do perdón da confesión. Saint-Gilles de Provenza era lugar de paso obrigado nunha das vías do camiño de Santiago e tamén centro de peregrinaxe. Así como Galicia se coñecía como Terra de Santiago, a Provenza coñecíase como Provincia Sancti Aegidii ‘provincia de san Xil’. O seu culto estendeuse por todo Occidente. Foi avogado dos pecadores e contra os medos nocturnos e os pesadelos dos nenos. Algúns invocábano contra o cancro e outros chamábanlle á epilepsia o mal de san Xil. É patrón dos arqueiros, dos eivados e das nais que dan o peito. Houbo tamén un San Xil, abade de Casaio. Di o Misal galego que naceu no Bierzo no século XII e que, coma moitos outros santos, na procura dunha meirande perfección retirouse ao priorado de Santa Cruz de Casaio (Carballeda de Valdeorras), na zona de Ourense que depende eclesiasticamente de Astorga, e na soidade das montañas acadou a santidade. Tras a morte medrou a súa devoción naquela bisbarra espallándose por Valdeorras e outros lugares de Galicia. É patrón do concello de Bóveda (Lugo), que o celebra o 2 de setembro. No refraneiro temos: Por san Xil entran as vellas ao candil;
Por san Xil aparella o candil, pra velar que non pra durmir; ou Polo san Xil noces no rolín.
Romaría Virxe da Franqueira ca. 1970. Foto Llanos. Fondo fotográfico Museo Etnolóxico.
O 8 de setembro é unha das celebracións da Virxe da Franqueira, xa que se fai dúas veces no ano: tamén nas Pascuíñas. O étimo de Franqueira pode estar relacionado con francos quizais como resultado dunha antiga colonización. O santuario de Santa María da Franqueira (A Cañiza) xa existía no século X. A tradición di que unha pastora viu unhas luces nun lugar, foron alí e descubriron unha imaxe da Virxe. Seica foi a propia Virxe quen sinalou o lugar onde erguer a súa ermida: uns bois cos ollos tapados que a levaron nun carro ata preto dunha fonte. Por iso de primeiras se chamou Nosa Señora da Fonte. Este relato é unha pervivencia da Grecia antiga: onde parase unha xunta de bois, alí sería o sitio escolleito polos deuses para a súa morada; así se decidiu o emprazamento de Troia. A igrexa da Franqueira formou en tempos parte dun mosteiro de frades bernardos e alí van moitos romeiros, ata hai pouco ofrecidos en caixas de mortos -coma nos Milagres de Amil ou en Santa Marta de Ribarteme-, e a xente cantaba: Virxe da Franqueira, / estrela dourada / aquí lle traemos / a resucitada. A santa sae en procesión nun carro de bois e a xunta vai moi enfeitada. Diante dela represéntase unha disputa teolóxica entre cristiáns e musulmáns e, como estes non
ceden das súas ideas, a disputa acaba nunha pelexa na que morre o mouro Binatem. É avogosa de todos os perigos de morte. Refírese a ela o refrán: Virxen da Franqueira, queiras (que) non queiras, pra o ano que vén, non virei solteira, e a copla: Miña Madre da Franqueira, / dóuvolle o nó á xesteira, / pra o ano que vén / non volver solteira.
Figuras de pan de Santo André de Teixido, os chamados “Sanandresiños” Foto Pilar Vilaboi Freire @PilarVilaboi.
O 8 de setembro tamén é costume peregrinar a Santo André de Teixido, aínda que tamén hai outra data máis no inverno, o 30 de novembro. Este santuario de Teixido (A Régoa, Cedeira) está nun escarpado acantilado na serra da Capelada e representa para os galegos unha cita obrigada de peregrinaxe para todo bo fillo do país, pois A San Andrés de Teixido vai de morto o que non foi de vivo. Algúns defuntos fan a peregrinación no corpo dun animal, de aí que se respecten os animais que van polo seu camiño –sapos, cobras, lagartos, paxaros- pois ben puideran ser almas dos defuntos que
en vida non cumpriron. A tradición asegura que, se o animal camiña cara ao Norte, é sinal de que esa alma vai á redención. Outros defuntos reciben a axuda dun vivo: con frecuencia os autobuses chegan a Teixido cun certo número de asentos baleiros que os familiares reservan para a alma dalgún devanceiro. San Andrés é un santuario de morte, pero tamén da saúde; así, bótanlle pedras no tellado e din San Andrés, unha pedriña para o ano que vén voltar sanciña. Mais tamén o é do amor, xa que mozos e mozas acoden a el para encontrar con quen casar. Alí buscan a herba de namorar, tamén coñecida como empreñadeira (Armeria maritima) -corresponde co caravel mariño-, planta marítima que os devotos adoitan recoller en Teixido para adornar e completar con ela o ramo da romaxe, que é unha vara longa de abeleira coas tradicionais rosquillas e ornamentais pólas de teixo. Algunha copla fala do afastado lugar: Tres días hai que non como, / tres días hai que non durmo / para ir á san Andrés / que está no cabo do mundo; outra da romaría: Fun ao santo san Andrés, / fun coa miña empanada, / anque o santo é milagreiro, / é amigo da foliada; e tamén este refrán: Polo vran a san Andrés moitos van, o resto do ano vai o que vai. O 9 de setembro é o día dos Remedios. A denominación ten a súa orixe no latín Remedium, nome místico que quere dicir ‘menciña, remedio’, do verbo medeor ‘curar’, de aí ‘menciña da alma’. Como nome feminino vén dunha advocación mariana: a Virxe dos Remedios é boa protectora de todo tipo de problemas, sobre todo dos relacionados coa saúde. É patroa dos concellos de Curtis, Larouco e Ponteareas, onde a celebran o 9; pero no Castro Caldelas é o 8. Ten moitas romarías, especialmente na provincia de Ourense, entre outros: Caldelas, Cortegada, Entrimo, Vilamaior da Boullosa, Vila do Rei, Porqueira, etc.; pero a máis popular é a da capital, á que desde hai séculos visitan moitos devotos en cumprimento de promesas pola obtención de favores. Na romaría do Castro Caldelas aparece o Irrio Peliqueiro, figura disfrazada que desfila diante da procesión. É unha das poucas máscaras que saen fóra do Entroido e parece estar en relación cos cigarróns, os grirrios asturianos e outras máscaras de orixe precristiá. A Virxe dos Remedios de Vilamaior do Val, en Verín, é avogosa de que a chuvia e o bo tempo veñan no seu tempo. A devoción por esta Virxe aumentou moito e hoxe xunta varios milleiros de romeiros. Teñen tamén sona a de Mondoñedo (Lugo) e a do Pelete (A Lama); nesta última, ao pé dun antiquísimo carballo, bébese viño tinto por xerros pero sempre deixando algo para llo botar ao pé ao carballo. Da tradición oral recóllese: Polos Remedios ferve o viño nas cuncas e cóllense as mazáns de inverno; ou Teño de ir
aos Remedios, / vestida de muradana, / que me ofreceu miña nai / pra que a Virxe me sanara. A Virxe de Guadalupe deste ano 2020 cadraría, en Rianxo, o 13 de setembro (se se pode celebrar polo Covid-19) xa que se festexa o domingo seguinte ao 8 de setembro. Guadalupe procede do topónimo árabe Wadi al-lub, que significa ‘río agochado’ ou ‘río do lobo’. A devoción por esta virxe pasou a México, a raíz das aparicións desta en 1531 a un pobre indio, Juan Diego, falándolle no seu propio idioma. Nace deste xeito o cristianismo mexicano e a Virxe de Guadalupe volveuse estandarte e guía das guerras de independencia e dos movementos revolucionarios de México, nunha clara postura antiespañola. En Galicia ten sona a de Rianxo polas cantigas populares. Esta virxe é unha virxe negra, como a de Estremadura, e é patroa de Rianxo. A de Estremadura celébrase en decembro. A sonada canción di: A Virxe de Guadalupe / cando vai pola ribeira / descalciña pola area, / parece unha rianxeira [...] A Virxe de Guadalupe / cando vai para Rianxo / a barquiña que a leva / era de pau de naranxo. A música desta famosa Rianxeira foi obra do mestre Romero, antigo músico da banda de Rianxo emigrado en Bos Aires. O 15 é o día da Nosa Señora das Dores, aínda que tamén se celebra o Venres de Dores ou de Paixón. O nome deriva do latín Dolores, plural de dolor, e este de doleo ‘sufrir’. Trátase doutra advocación de María nacida no século XIII en Alemaña na literatura ascético-mística, que deu lugar ao santuario de Marienthal. Evoca o sufrimento con que María viviu o privilexio de ser a nai de Xesús. A Virxe das Dores seguramente é unha creación da piedade popular medieval, cando a cruz pasa de ser signo triunfal a símbolo de humildade e de sufrimento. Esta Virxe é patroa dos concellos de Cangas e Ferrol (Venres de Dores), Cerdedo (26 xullo), Forcarei (26 de agosto), Covelo (2 de setembro) e Lalín (23 setembro), aínda que cada sitio a celebra nunha data distinta. A de Vedra (A Coruña) é o primeiro domingo de setembro e a ela se refire a copla recollida por Marcial Valladares nas súas Cantigas da Ulla: Teño unha misa ofrecida / á Virxe de Gundián, / outra teño a dos Dolores / outra a San Sebastián. Foron tamén sonados os Petitorios, redactados en castelán, que anualmente o Cura de Fruíme publicaba para conseguir diñeiro e cera para o culto da Virxe das Dores.
O 21 de setembro homenaxeamos a san Mateo ou Mateu. O nome vén do hebreo Matithyah ‘don de Iavé’, que tamén dá orixe a Matías, adaptado ao grego coa forma Maththaios e ao latín evanxélico coma Matthaeus. San Mateo foi un dos doce apóstolos de Cristo e autor do primeiro dos Evanxeos, escrito en arameo. Antes de que o convocase Xesús desempeñaba o odiado oficio de publicano (recadador de impostos para os romanos). Xesús desígnao para gardar os cartos do grupo, de aí que sexa patrón dos banqueiros. É titular de 5 parroquias e patrón do concello de Trazo. Temos algún refrán referido a gardar no celeiro: Celou san Mateu, o primeiro prós seus; algún mencionando a vendima: Día de san Mateu, vindiman os sisudos e os sandeus ; e un curioso usando o pronome eu nunha comparativa: Pregúntalle a Mateu que é tan bo
coma eu (ou que minte coma eu), como contestación aos que sinalan como testemuñas de descargo a algún mentireiro. O 23 setembro honrábase a santa Tegra, aínda que a reforma litúrxica posterior ao Concilio Vaticano II eliminouna do calendario litúrxico universal. Tegra presenta as variantes Tecra, Trega, Técola e Tiexa. Ten a súa orixe no latín eclesiástico Thecla, do grego Thekla ‘que ten fama divina’. É patroa do concello da Guarda, onde ten unha ermida no alto do Monte de Santa Trega, cunha romaría que data de 1335. A seca dese ano fora tan grande que morría ata o gando, polo que os veciños obrigáronse a pasar no monte dous días a pan, auga e rezos para pedir a chuvia. As respostas do pobo ás ladaíñas sempre foron ata hoxe Rogai a Deus por nós, Deus ouvid’a nós, o que constitúe o único caso coñecido en Galicia de rezo en galego ininterrompido durante séculos ata hoxe. Estes exercicios séguense facendo o día de santa Tegra, o día de santo Estevo (26 de decembro) e o luns despois da Asunción en agosto. Deu lugar ao dito: Por santa Técola acábanse as queixas, referíndose a que en acabándose os figos rematan os problemas entre os veciños polo roubo dos figos, e o refrán Por santa Técola abala a túa nogueira. O 27 de setembro celébrase san Vicente de Paúl. O nome vén do latín vincentem, e significa ‘o vencedor, o vitorioso’. A variante Vicenzo procede dun derivado, Vincentium. Foi un nome moi usado polos cristiáns polo seu valor augural (que vence o demo, as tentacións do mundo, etc.). O noso san Vicente naceu no seo dunha familia humilde, alternou o oficio de pastor cos estudos e chegou a sacerdote. Apresado polos corsarios, foi escravo en Tunicia. Escapou e fundou en París a Congregación de Misión e as Fillas da Caridade. San Vicente é titular de 97 parroquias, aínda que moitas delas celebran o san Vicente de Zaragoza (22 de xaneiro). Recordan o santo estes versos: Para o ano, se Dios quere / e mais vós, meu san Vicente, / hei de volver a festexarvos / eu e maila miña xente; e o dito: San Vicente, meu parente, que me puxo a crus na frente. O 29 de setembro é san Miguel, unha das advocacións máis sonadas do mes. Miguel procede do hebreo Mikha’el, que pasou ao grego como Michael. Deu lugar aos apelidos Míguez (11.048 casos), Migues e Miguenz (0 casos), Miguens e Miguéns (2085 casos) e á forma castelá Miguélez (1750 casos), Migueles (100 casos) que suman un total de 14.983 casos segundo a Cartografía dos apelidos de Galicia. San Miguel é o máis popular dos arcanxos. O seu culto disque é case do século I e que tiña moitos
santuarios debido á súa sona de curador. Son célebres algún coma o de Mont SaintMichel en Normandía. É avogoso do raio, a faísca e a treboada. San Miguel é titular de 149 parroquias, o sexto santo que máis ten, e patrón dos concellos de Campolameiro, Monterroso e Pontedeume, aínda que ningún deles o celebra o 29. Destaca a Danza das espadas en Marín, que se celebran en honor a san Miguel desde o século XVII. Aluden a el os refráns: A sardiña sanmiguela, eis, a ela!; San Migueliño das uvas maduras, moito me tardas e pouco me duras!; e San Xoán, casarengo; e san Miguel, xoldeiro, en referencia a que as festas de san Xoán son caseiras, en tanto que as de san Miguel se fan fóra, nas vendimas.
Festa da Vendima de Leiro, 1963. Foto Reza. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico.
O mesmo día 29 tamén se honra a San Gabriel (*24 de marzo) e san Rafael (*24 de outubro) tras a recente reforma do calendario litúrxico. O primeiro alúdese en: Ao señor lle pido e san Gabriel mo faga, que as miñas fillas non sexan deslouvadas; ao segundo as rimas: Paco, dáme tabaco. / Rafael, dáme papel. / Evaristo dáme un misto, / que teño o pitillo listo, versos que tamén poden aparecer por separado.
E remato cuns versos de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Setembro: [...] Que tenro e fino ven o musgo novo coa iauga do setembre verdecido! No medio dos carballos, nun relanzo, as pilas de follasca, qué ledicia [...]
BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://ilg.usc.es/cag/cartografia dos apelidos de Galicia https://www.santopedia.com/santoral-del-mes/septiembre https://es.wikipedia.org/wiki/Monte_de_Santa_Tecla