En xullo festexamos ...

Page 1


O sétimo mes do ano é o de xullo. O seu nome alude ao emperador romano Xulio César. En Galicia tamén se chama mes de Santiago, por celebrarse nese mes o día de Santiago Apóstolo; mes da sega, por ser cando se realizaba este labor; e o mes de santa Mariña, por ser tamén das festas máis celebradas. Existe unha herba de Santiago definida por Marcial Valladares no seu Diccionario gallego-castellano como planta vivaz pertencente ás senecióideas (Senecio jacobaea), de flor amarela, que medra nos prados e terreos húmidos e florece de maio a agosto. Ten olor aromático lixeiro e as súas follas aceleran a expectoración na tose e na asma. Na froita, temos unha variedade temperá chamada mazá do Santiago e a pera santiaguesa.

Unha das celebracións máis sobranceiras deste mes é a Rapa das bestas de Sabucedo na parroquia da Estrada. Celebran esta festa durante catro días, o primeiro venres, sábado, domingo e luns de xullo, aínda que este ano polas medidas preventivas para evitar o contaxio do coronavirus, entendo que se anulará. No 2018 tiñan máis de 600 cabalos, entre bestas e garañóns divididos en 14 manadas que viven libres no monte. Neses días recollen os cabalos do monte, métenos no curro, rápanos e márcanos, na actualidade, con microchips. O curro de Sabucedo presenta trazos propios, como o de non utilizar paos, cordas nin aparellos para reducir ao animal: os aloitadores son os que encargan de agarrar ao animal mentres se procede á rapa, tan só coa súa destreza e o seu corpo. Outra singularidade de Sabucedo é que na “baixada”, ou actividade de xuntanza e condución das bestas, participan centos de persoas, de Galicia e de fóra dela. Tamén é tradición que o sábado pola mañá cedo, antes de subir ao monte, se celebre unha misa para lle pedir ao patrón de Sabucedo, san Lourenzo, que non ocorra ningunha desgraza.


Accidente en Barcia 1932. Foto Chao. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

O 10 de xullo festéxase san Cristovo, aínda que algunhas parroquias o celebran o 25 de xullo. É titular de 65 parroquias. Os concellos onde se conmemora o 10 son San Cristovo de Cea e Monterroso, e parroquias como Baio (Zas) e Carnés (Vimianzo). Cristovo procede do nome cristiano-romano, de orixe grega Christophoros ‘portador de Cristo ou o que leva a Cristo’. Cristovo é un pseudónimo tomado tras a súa conversión, pois o seu nome lendario era Reprobus. A recente reforma litúrxica eliminouno do Calendario Romano; con todo, é un dos santos máis antigos no culto hispánico, desde o século VII. Conta a súa lenda que era un mozote xigante duns 2,30 metros, príncipe cananeo; que andaba buscando a quen servir. Faláronlle do emperador de Roma e a el se achegou; pero, vendo que lle tiña medo ao demo, foi onda el para lle ofrecer os seus servizos. Andou polo mundo sementando o terror con Satán, pero cando veu que o seu amo se afastaba da cruz e lle temía, deixouno tamén. Atopou un ermitán que o instruíu na fe cristiá. Díxolle que se quería servir a Deus debera cruzar camiñantes sobre os seus ombreiros polo vao dun río perigoso e el aceptou. Un día veu un neno que lle pediu cruzar o río. Cando se atopaban na metade da travesía observou que o meniño aumentaba de peso e que el se afundía nas augas. O neno salvouno do apuro e aclaroulle que era en premio á súa vontade de servizo. Cristovo exerce no cristianismo a función


de Heracles ou Hércules na mitoloxía greco-latina, a dos xigantes mitolóxicos das antigas culturas. A súa advocación principal é a de protexer contra a morte súbita, contra a mala morte, sen confesión. Pola súa corpulencia é patrón dos atletas, portadores e descargadores; polo seu oficio é patrón tamén de viaxeiros e peregrinos, e na actualidade, dos camioneiros e condutores, que adoitan engalanar os seus vehículos ese día para levalos a bendicir. En canto a ditos populares, Parecer un san Cristovo é ser alguén moi grande, porque sempre se representa moi alto; e Eí vén san Cristovo co seu covo, fala da oportunidade de chuvia nese día, que permite descansar aos segadores, regar o viño e o millo serodio. Pola súa parte, remite á sona do de Baio: San Cristovo de Baio / vos tendes o que querés: quitásteslle a xente toda / ao voso irmán de Carnés.

Non podiamos deixar de falar do 11 de xullo, dedicado ao San Bieito máis milagreiro en Galicia, o de Lérez. Xa contei no mes de abril a súa etimoloxía latina. Ten dúas celebracións no ano: o 21 de marzo e o 11 de xullo, aínda que a do verán ten máis solemnidade e importancia. Os devotos mollan os panos no aceite bendicido, despois refréganos polas espullas e pasan por debaixo do altar. Ten sona de ser moi avogoso para os males da pel en xeral e as espullas en particular. Tamén lles ofrecen ao santo distintas candeas e figuras que representan aquelas partes do corpo que se busca sandar ou protexer. Fan referencia a el a cantiga San Benitiño do ollo redondo,/ hei de ir alá, miña nai, se non morro,/ hei de levar unha bota de viño/ pra emborrachar ao San Benitiño; o refrán Por San Benito canta o cuquiño e por san Pedro canta o cuquelo; e a expresión Non é a purga de Benito aludindo a cando unha ferida non cura. É curioso que toda a tradición oral do santo que consultei aparece en castelán, salvo: Señor san Bieito, / meu fillo che traio:/ doente cho deixo, / devólvemo sano, referido a un rito con fin curativo que se di para pasar a Pedra do Tangaraño, preto da ermida do San Bieito da Cova do Lobo, no concello de Barbadás.


Foto Eduardo Lamas

Outra festa moi destacada na Galicia mariñeira é a virxe do Carme, o 16 de xullo. A base deste nome é o dun topónimo, un monte situado entre a fronteira de Galilea e Samaría, o monte Carmelus en latín e Kármelos en grego, que corresponde co nome hebreo karmel, que significa ‘xardín’ pola abundancia de flores que medraban nas súas abas. Nada ten que ver co latín carmen ‘canto ou poema’. Se contrastamos os datos do Diccionario dos nomes galegos no ano 1992, Carme era o segundo nome de muller máis frecuente en Galicia. Actualmente, segundo a estatística do INE do ano 2018, pasou ao posto décimo sexto. Esta devoción é recente, a pesar do arraigada que está: comeza no século XVIII coa talla de máis de 500 imaxes do Carme. Tradicionalmente a advocación do Carme concernía á salvación das almas do purgatorio, por iso aparece representada nos petos das ánimas. O padroado dos mariñeiros é aínda máis recente, xa que de vello a xente do mar tiñan como valedores a Santo Adrián, ao Cristo de Fisterra, a Nosa señora de Chanteiro ou da Guía. En 1901 a raíña rexente María Cristina declarou a Carme patroa da Mariña de Guerra, así como xa o era da Mercante. É patroa o 16 de xullo dos concellos da Guarda, A Porqueira, Boiro, Bueu, Cariño, Cervo, Foz, Friol, Marín, Moaña, Muros, Noia, O Grove e Oleiros.


Hai outros concellos que o celebran en agosto. Un dos poucos sitios lonxe do mar que celebran esta romaría é Tuiriz en Pantón (Lugo). Aparece este nome na coñecida cantiga Ven bailar, Carmiña, / Carmiña Carmela, / co zapato baixo / i a media de seda, / i a media de seda, / de seda calada. / Ven bailar, Carmiña, / miña namorada; en Nosa señora do Carme, / feita de pau de cerdeira, / me libre de que me toque / unha muller cabuxeira; ou no refrán Polo Carme todo o mundo come carne, pois nesta festa xa se cobraran o xornal e todo o mundo dispoñía de cartos.

Foto Mila Rodero. Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

A santa Mariña ten lugar o 18 de xullo. É titular de 97 parroquias e patroa dos concellos das Neves, Cambados, Xinzo de Limia e Teo. O étimo do nome vén do latín Marina, que pode proceder do adxectivo latino Marina ‘mariño, que vive do mar’ ou ser derivado de Marius. Na Idade Media era un nome feminino moi frecuente. Hai unha lenda medieval galega recollida no século XV no Nobiliario do conde de Barcelos que narra que os nobres galegos de apelido Mariño eran fillos de Mariña, unha serea que o conde don Froilán capturou na beira do mar e, engaiolado da súa beleza, tomouna por esposa. Púxolle Mariña de nome porque proviña do mar e tiveron un fillo, pero non podía aloumiñalo pois a serea era muda. A noite de san Xoán, no medio da xolda popular, o conde quitoulle á nai o neno dos brazos e fixo amago de tiralo no lume;


arrepiada, a nai berrou con espanto: “Fillo!”, expulsando pola boca un anaco de carne, e desde aquela falou. Outra interpretación máis racionalista da fábula fala dunha muller garrida que o conde Froilán salvara dun naufraxio e que durante un tempo estivera sen voz por mor do accidente. Este é o motivo polo que a familia dos Mariños galegos teñen no seu escudo unha serea sobre tres ondas. Santa Mariña de Augas Santas no concello de Allariz é avogosa dos oídos, a de Obre tense por patroa de tendeiros e zapateiros, e a de Covelas (Riós), da treboada. En toda Galicia santa Mariña é protectora da feitura do pan. Temos refráns como Esfregallos de Mariña, máis luxan que limpan, dito de alguén que deixa mal lavadas as cousas que frega; e En santa Mariña colle o sacho e deixa a fouciña; ou cantigas como Santa Mariña vai nela. / Se se vai santa Mariña, / eu tamén me von con ela. O 22 de xullo é a advocación de Madalena ou Madanela, que ten a súa orixe no grego neotestamentario Magdalené, que pasou ao latín eclesiástico como Magdalena. Trátase dun nome étnico que significa ‘nativa de Magdala’, aldea hebrea do sur do lago de Galilea. Magdala é a forma grega da hebrea Migdal ‘torre’. É titular de 39 parroquias e coma outros nomes propios, este tamén se volveu común, pois designa tanto un tipo de ‘bolo de pastelaría’ coma unha muller triste ou arrepentida da súa vida anterior. Hai moitos refráns referidos a ela como Entre o Carme e a Madalena non deixes o millo na eira; Santa Madalena barata a fariña vella, aludindo á baixada de prezo da fariña porque xa empeza a habela nova; ou Pola Madalena enche o carolo a nogueira. O 25 de xullo celébrase Santiago o Maior, ou san Xacobe, nome xurdido na Idade Media, a partir do latín Sancte Jacobe, ‘Ou, san Xacobe!, berro de carácter bélico popular durante a reconquista hispana. Xa se documenta no século XIII a forma Sancti Yagüe, vencellado ás denominacións Xacobe e Iago. Segundo a tradición, na primeira metade do século IX un ermitán Pelagius ve unha luz no mato, vén o bispo Teodemiro e revélaselle milagrosamente que alí estaba oculto o sepulcro de Santiago. Buscan e topan os restos nun lugar posteriormente denominado Compostela (Campus stellae). Axiña nace alí unha igrexa que acabará converténdose na catedral compostelá, meca de peregrinaxe cristiá de toda Europa dende aquela a hoxe e convertendo o Camiño de Santiago nunha das vías máis importantes de cultura e civilización. Santiago é símbolo da Reconquista feita fundamentalmente por galegos é tamén o símbolo de Galicia coñecido nos países nórdicos como Jacobusland. O 25 de xullo celébrase a morte do santo por martirio, non o seu nacemento. Na Idade Media a festa de Santiago era un día


especial, pois creáranse “indulxencias”, é dicir, a posibilidade de obter o perdón de todos os pecados para os peregrinos ou fieis que participasen na misa de Santiago ou nas igrexas da súa titularidade. Santiago é o terceiro santo con máis parroquias entre nós con 277. O 25 de xullo tamén se celebra o Día da Patria Galega, con múltiples actos políticos, culturais e relixiosos, como a Misa de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres. Ademais é patrón de España polo que o Rei ou algún delegado seu, presenta a ofrenda do Voto a Santiago pola protección dispensada. E son xa moi populares os fogos de artificio na noite do 24 de xullo na praza do Obradoiro. Santiago aparece en refráns como Aí vén o mes de Santiago co seu canado!; Pra coller moitos nabos, por Santiago sementalos; ou Polo Santiago esconde o coello o rabo e por san Miguel vólveselle ver (San Miguel é o 29 de setembro).

Santiago sedente S. XIV. Igrexa de Santiago (Ribadavia). Fondo Fotográfico Museo Etnolóxico

Ao outro día, o 26 de xullo, cadra santa Ana, titular de 3 parroquias e patroa dos concellos de Monterrei, Cedeira, Carballedo, Petín, O Rosal, A Lama, Cortegada e Oímbra. Ana procede do hebreo Hannah, que significa ‘Deus axudou ou tivo misericordia’. Ana tamén é unha personaxe cartaxinesa da Eneida de Virxilio: irmá de Dido, a fundadora de Cartago, que se namora do troiano Eneas. Santa Ana ten un culto especial na Bretaña francesa, pois é a patroa desta nación céltica. Tanto afecto se lle ten


nestas terras que a lenda tradicional asegura que a santa era bretoa, que fora dar a luz a María a Palestina, retornando máis tarde morriñenta da súa patria nativa. Posúe na Bretaña dous santuarios (Santez-Anne-d’An Alré e Santez-Anne-de la Palud), a onde acoden os bretóns en romaxe, pois hai un dito semellante ao que se aplica en Galicia con santo André de Teixido: “Mort ou vivant, a Sainte-Anne une fois doit aller tout Breton” (de vivo ou de morto, a santa Ana unha vez debe ir todo bretón). A Santa Ana é avogosa da saúde mental e das agonías difíciles e longas. A de Calvos (Pontecaldelas) éo dos partos, e a de Oímbra protexe do raio toda a redonda que ve o seu campanario e, cando queren que chova ou deixe de chover, lévana en procesión deica Oímbra dando unha volta polo castros das Laxes das Chas. Refráns referidos a esta santa son: O día de santa Ana vai ao figal, millor á mañá que ao serán, aludindo a que xa debe haber béveras maduras; ou estoutro Por santa Ana alimpa a argana, pois nesta época o vento axuda a limpar na eira o gran xa mallado; e tamén estas coplas: Señora santa Ana, / déame un marido, / que este que teño / non dorme comigo. / Señora santa Ana, / dígalle que mente, / que durmo con ela / e ela non me sente.


Rematamos o mes con Santa Marta, o 29 de xullo. O nome vén do arameo Martâ, tomado do nome común marta ‘señora, patroa’. Nos Evanxeos, Marta de Betania acolle a Xesús na súa casa; isto tomouse no mundo cristián como exemplo de ama de casa hospitalaria e converteuna na súa patroa. A devoción popular galega atribúelle poderes sobre o demo a quen leva suxeito por unha cadea en figura de dragón como atributo nalgunhas das súas iconografías. Na romaxe de Ribarteme, no concello das Neves, faise unha procesión de mortallas, á que se ofreceu alguén que estivo en grave perigo de morte. O ofrecido métese amortallado dentro dun cadaleito e leva catro amigos ou parentes. Despois dunhas voltas arredor da ermida, éntrase nela coas caixas, póusanse diante da imaxe e o ofrecido sae da caixa e escoita unha misa. Santa Marta (de Betania) é patroa do concello de Ortigueira e titular de 7 parroquias, entre elas, Santa Marta de Babío no concello de Bergondo (A Coruña) e Santa Marta de Toutón (Mondariz), as dúas avogosas dos oídos. A expresión Aire de santa Marta remite ao vento que sopra nos últimos días de xullo. Tamén estas cantigas aluden á santa: Teño de ir a santa Marta / cunha cesta de empanadas; / teño de levar comigo / Farruco das larpeiradas; ou estoutra: Santa Marta de Ortigheira / a muller que come a nata / non ten sorte ca manteigha.

Rematamos cuns versos de Xosé María Díaz Castro titulado Xulio: Polos día do Carmio a festa chega ao río. Polos días do Carmio a festa chega ao río. Unha música ardente vén no aire coma un río de recordos. Foguetes lonxanos cán no río Este é o Porto Muiño, todo en lapas, o río[...]


Agradecemento especial a Santiago Garrido @santiagogrial por difundir e facilitar a foto da portada de Arturo Torres.

BIBLIOGRAFÍA: FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo, 1992. FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico. Vigo: Galaxia, 1987. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia, 1980 Almanaque Galaxia 1950-1975: Vigo: Galaxia, 1974. Recursos na web: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xullo_na_cultura_popular_galega https://www.fundacionjacobea.org/camino-de-santiago/la-fiesta-de-santiago-que-celebramos-el-dia-25 https://turismoriasbaixas.com/descubre/fiestas/san-benitino-de-lerez https://es.wikipedia.org/wiki/Cristobal_de_Licia http://sli.uvigo.gal/DdD/Dicionario de dicionarios http://rapadasbestas.gal/es/


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.