Patrimonio Musical (GL)

Page 1

PATRIMONIO HISTÓRICO MUSICAL Por Ismael Vaz Varela http://violadegamba.blog.com.es/


Tentarei definir primeramente o que eu entendo por “patrimonio histórico-musical”, e posteriormente incidirei no valor que éste ten para min, e deste xeito explicar as características do meu traballo como artesán de instrumentos. Buscando na Wikipedia por “música antiga”, ésta cae nunha contradición be base, define esta, como parte da música clásica dende o medievo ata 1750, e buscando por “música clásica” especifícaa despois de 1750. Este erro seguramente explícase por seren de diferentes autores as dúas definicións, pero nos da unha idea do descoñecemento existente no que se refire a música antes de Johann Sebastian Bach. O artesán... ¿Por qué o chamo histórico-musical se me refiro só o periodo s. XIV-XVII? Ben, pois porque este é o periodo de investigación, isto é, descoñecemos moito a música nese rango, máis cando non falamos de órgano, e máis, canto máis nos remontamos no tempo. É nestes séculos onde non temos unha unidade de criterios musicais, da mesma forma, e con relación causa efecto, tampouco de instrumentos. Pero sí contamos con documentos, ademais das partituras, como poden ser: cadros, criticas musicais, referencias literarias, algúns dos instrumentos orixinais, etc. que nos poden axudar a despexar as moitas incógnitas, co obxectivo de reproducir a música, pero tamén de completar con ela os contextos artísticos e mesmo filosóficos. Con esta finalidadetraballamos conxuntamente músicos e artesáns, na búsqueda dos sons cos que traballaban os antigos mestres, acadando reproducións de instrumentos que permitan unha recreación "histórica". Todo isto ten que encaixar acorde cos conxuntos musicais, o número de intérpretes e mesmo os diferentes lugares onde se interpretan as pezas polas súas particularidades acústicas.


A calidade sonora… Un dos momentos máis delicados para os meus colegas restauradores adoita ser a presentación da peza restaurada ó público, en concreto me refiro ás policromías ou o aspecto estético dunha obra logo da súa limpeza. Ós fregueses cóstalles aceptar o intenso colorido dos santos (ou o contrario), e os visitantes de pinacoteca xa non ven tanta noite dos tempos nun Descendemento. Pero acceder ás cores e brillos cos que foi concebida a arte é fundamental para intentar comprendela. A xente acostuma a preguntarme as diferencias entre unha "viola" (da gamba) e un "violoncello". Ésta pregunta ten dúas formas posibles de resposta; ben podes especificar as diferencias formais doadamente visibles e explicar as particulares técnicas de execución; ou ben podes respostar simplemente dicindo que teñen diferentes calidades sonoras. Creo que a acepción de viola que máis me ten gustado foi a de "unha abella que se pousaba no colo". A primeira vez que escoitei un instrumento destes, o seu son pareceume máis arquivable como documento antropolóxico que calquera outra cousa, decateime de que se me escapaba o significado desa música, algo que non fora pensado para min. Tivo que ser un proceso de aclimatación no que aínda estou inmerso, o que despertou en min unha crecente paixón por este instrumento, e por toda a música antiga. O que nos matiza as diferencias entre as voces dos instrumentos son os harmónicos que completan ó son, sendo estes harmónicos variantes proporcionais da lonxitude de onda principal.


O instrumento… O violoncheo, a diferencia da viola, ideouse para xerar un son máis intenso e limpo, proxectable nun espazo físico grande ou mesmo en exteriores. A idea foi ampliar o violín para acadar a tesitura de baixo. Posúe catro cordas con moita tensión para aumentar o volume sonoro e un gran corpo, pero se cadra, a característica que máis marcou no s. XVII as diferencias coa viola foi o seu fondo (parte traseira da caixa) abombado. Ofrece unha reflexión de ondas semellante a un espello cóncavo, concentra os harmónicos e nos ofrece un son nítido. Estas características fixeron posible o crecemento en número das orquestras, onde os timbres sinxelos dos instrumentos da familia do violín se compenetraban eficientemente, ofrecéndonos xa no s. XVIII algunhas obras cume da música "culta".

Foi vendo a fantástica película de "La joven de la perla" que me decatei do gran distanciamento existente na percepción do arte dun século tan relativamente próximo como o XVII. Send, o principal atractivo deste filme o achegamento a este arte, decidiuse prescindir de música de época para contextualizala. Son moitos os instrumentos que aparecen na obra de Vermeer, pero coido que para o director a viaxe sonora ademais da visual e da argumental saturaría ó espectador, de forma que non empregou ningún deles para a banda sonora. As texturas das cores que tan ben se traballan na película non son acompañadas das texturas sonoras.

Como viña dicindo, entendo que é o fondo, ou táboa traseira da caixa de resonancia, o principal modulador da calidade harmónica do son. Na viola este é plano, conseguintemente as ondas sonoras non se concentran e resoan algo máis no interior do instrumento. Este efecto tamén o completa a baixa tensión das cordas, que exerce menos presión sobre a táboa frontal da caixa, así como a lixeireza en conxunto do instrumento.


O fondo e a táboa frontal, tanto na familia do violín como na das violas da gamba, únense no centro pola "alma", isto é unha columniña de pradairo de 6 a 9 mm de diámetro que se encaixa unha vez rematado o instrumento, e que ten a importante función de transmitir as vibracións dunha a outra táboa. Con estas apreciacións construímos o noso fondo de viola, a madeira empregada acostuma a ser pradairo. Tan importante como a calidade da madeira é a súa orientación "ó cuarto", e dicir, o corte radial ó tronco, como toda a madeira empregada en luthería. Normalmente cólanse dúas chapas de 3-4 mm pola parte máis exterior, a máis próxima á cortiza, isto é porque é a parte máis inerte da madeira e a que ofrecerá unha unión máis fiable.

O "prato" é un reforzo no centro do fondo, trátase dunha táboa de abeto de 4-5 mm de grosor e 12-15 mm de ancho que cruza tanxencial á dirección das táboas do fondo. Mais aló de ser un reforzo, o prato ten que cumplir a función de distribuír as vibracións, que toma do alma, da forma máis eficiente posible. Ademais pódense engadir outros reforzos opcionais moi aconsellables na climatoloxía galega, como son os barrotes para evitar os combamentos, típicos de instrumentos venecianos, e as sobretáboas que protexen a liña de colada, própios de moitos ingleses. O fondo complétase co famoso pliego, para que non moleste no torso do músico, éste faise cun corte parcial da madeira deixando 1 mm de grosor e posteriormente dóbrase con calor e humidade.

No seguinte enlace Jordi Savall intérnanos na historia e o son deste fantástico instrumento, un auténtico "arqueólogo musical".Tamén afonda con belas palabras no sentido da música na vida do home, non deixedes de velo. http://www.youtube.com/watch?v=hQjojH-Ndt0


Ismael Vaz Varela é un amigo e colaborador “niquelante”. Dende fai anos adícase a investigar, crear e restaurar instrumentos de arco. Nesta introducción danos a coñecer un pouco mellor o seu traballo e a magníca viola de gamba. Cóntanos parte dos segredos, mais aínda que a receita pareza doada, só un profesional como él poderá facela soar.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.