oPAUTAS PARA FOMENTAR HÁBITOS LECTORES NOS FILL@S Entre os 8 e 12 anos créanse moitos hábitos e afeccións, sendo unha idade axeitada para desenvolver un hábito lector que pode consolidarse despois na adolescencia. A animación á lectura non se consegue coa imposición, senón cun tratamento positivo, obrando indirectamente para propiciar un clima favorable, pois a afección a ler créase en parte por contaxio, tratando de conseguir que o hábito naza dos nen@s e fomentando as condicións favorables. Na adolescencia a liberdade e a obriga da lectura compleméntanse, para non fomentar só a lectura fácil e os esquemas coñecidos e repetidos, levantando o listón para acercarse a libros con argumentos máis complexos, linguaxes máis elaboradas… que requiren máis concentración e esforzo pola súa parte, deste xeito desenvolveremos a capacidade crítica e o xuízo, necesarios para lecturas obrigatorias tanto no segundo ciclo da ESO como no Bacharelato. Liñas de actuación para fomentar este hábito lector: 1. Crear un ambiente de lectura na casa.Os pais teñen que ler diante dos seus fillos. 2. Ler libros conxuntamente para poder falar sobre eles ,pois existe unha oferta rica e variada. 3. Converter a tele en aliada lendo, ás veces, libros que son levados ás pantallas. 4. Regalar libros en datas concretas, pero sempre tendo en conta os seus intereses e os seus gustos e afeccións. 5. Acompañar os seus fill@s ás bibliotecas, ou animalos a ir ás actividades culturais e de animación á lectura. 6. Participar na biblioteca do centro como lector, ou a través doutras actividades. 7. Controlar as lecturas obrigatorias, comentando e preguntando sobre elas. 8. Incluír nas saídas a visita a algunha librería animandoo a que escolla algún libro. 9. Respectar os ritmos e o tipo de lector, non se deben impoñer os nosos propios gustos. 10. Fomentar a lectura ó deitarse, aínda que sexa mínima. 11. Cando o hábito está adquirido non deixar que se abandone. 12. NON debemos impacientarnos se vemos que fallan, ó principio ,estas estratexias, pois moitas veces non funcionan á primeira.