CURTAS 2017: A BOLA DE CRISTAL acuartaparede.com /curtas-2017-competicion-portuguesa/ Por Ivan Villarmea Alvarez Publicado o 26/07/2017 ·
O Teatro Municipal de Vila do Conde converteuse por uns días nunha enorme bola de cristal na que puidemos enxergar o pasado, o presente e o futuro do cinema portugués: nela vimos pezas que complementan traxectorias sólidas e lonxevas, como o autorretrato Où em êtes-vous, João Pedro Rodrigues (João Pedro Rodrigues, 2017), premiado como mellor filme da competición nacional; descubrimos tamén aos novos herdeiros de determinadas liñaxes egrexias, como Farpões Baldios (Marta Mateus, 2017), título vencedor do Grande Premio da competición internacional, ou Altas Cidades de Ossadas (João Salaviza, 2017), dous filmes que adaptan con resultados desiguais, cada un ao seu xeito, a fasquía de Cavalo Dinheiro (Pedro Costa, 2014); e imaxinamos sobre todo o futuro, os filmes que están por vir, a partir dos novos traballos dunha serie de cineastas, algúns máis experimentados que outros, que están en proceso de transformación ou consolidación dos seus respectivos estilos, como acontece na fantasía científico-romántica Os Humores Artificiais (Gabriel Abrantes, 2017), premio ao mellor realizador portugués, ou na ficción metafórica Coup de Grâce (Salomé Lamas, 2017). Esta bola de cristal permitiunos espreitar o movemento perpetuo do cinema portugués: un cinema de ideas, de imaxes esculpidas e de palabras recitadas que medra ano a ano a través da suma dos seus talentos, encontros e relacións. Imitar ou Transformar Farpões Baldios aprópiase do dispositivo co que Pedro Costa leva case dúas décadas traballando para levalo dos interiores escuros da periferia lisboeta aos campos luminosos do Alentejo, onde nenos e vellos manteñen viva a memoria do lugar. A composición dos encadres, os contrastes de luz, a dicción distanciada… todo apunta cara uns determinados modelos: cara ese “cinema encostado” do que fala o meu colega Ricardo Vieira Lisboa na súa crónica para À Pala de Walsh, por suposto, mais tamén cara o rigor dos traballos de Straub-Huillet, cara a exuberancia dos exteriores de John Ford, e mesmo cara a xeometría dalgún plano de James Benning – a composición do plano inicial de Farpões Baldios é idéntica á do segundo plano de One Way Boogie Woogie 1/5