Ud 6. ÓRGANOS DOS SENTIDOS E EFECTORES

Page 1

UNIDADE DIDÁCTICA 6

RECEPTORES E EFECTORES. ESTÍMULOS E RESPOSTAS


1. ESTÍMULOS, RECEPTORES E SENTIDOS O sistema nervioso recibe información do interior e do exterior do corpo. Todo sinal interno ou externo que provoca unha resposta no noso corpo recibe o nome de estímulo. Este pode ser un cambio de temperatura, presión, luz ou substancia química. Para detectar os diferentes estímulos, o sistema nervioso posúe sensores, chamados receptores. Estes poden clasificarse atendendo a dous criterios: a) Pola súa localización: -) Exterorreceptores: situados na periferia do corpo e responden a estímulos externos. Son a vista, o gusto, o olfato, o oído, o equilibrio e tamén terminacións nerviosas da pel, responsables do sentido do tacto. -) Interorreceptores: localizados no interior do organismo, infórmannos sobre cambios no interior do corpo. Inclúen os propioceptores, situados en tendóns, articulacións e músculos, e informan sobre a posición e o movemento.


b) Segundo a natureza do estímulo: -) Mecanorreceptores: detectan cambios de presión ou deformación (tacto). -) Fotorreceptores: detectan estímulos luminosos (vista). -) Quimiorreceptores: detectan cambios químicos (gusto e olfato). -) Termorreceptores: detectan cambios de temperatura . -) Nocirreceptores: detectan estímilos que causan dano e dor.

Os receptores sensoriais son terminacións nerviosas que reaccionan ante estímulos enviando un impulso nervioso. Agrúpanse e especialízanse en determinados estímulos, formando os órganos dos sentidos: ollos, oídos, fosas nasais, lingua e pel.


2. A PEL E O TACTO A pel é un órgano fino e de gran superficie onde se sitúan os receptores do tacto. Consta dos seguintes compoñentes: - Epiderme: varias capas de células que se reproducen constantemente na parte basal, sendo empuxadas cara fóra. Segundo ascenden vanse impregnando de queratina e morren, quedando como escamas que impermeabilizan a pel e se van desprendendo pouco a pouco. - Derme: capa de tecido conxuntivo que alberga os folículos pilosos que producen os pelos, e as glándulas que liberan graxa e suor. Presenta vasos sanguíneos, e pequenos músculos que ourizan os pelos, así como as terminacións nerviosas táctiles. - Hipoderme: formado por fibras conxuntivas e tecido adiposo graxo. Contén nervios e vasos sanguíneos. Dá mobilidade á pel, almacena graxa e serve de illante térmico.



Os receptores sensoriais táctiles Están distribuídos por toda a pel, aínda que máis concentrados en zonas como as xemas dos dedos ou a lingua. Son de dous tipos: - Terminacións nerviosas libres: son as máis abundantes e responden a dous tipos de estímulos: • Os nocivos, actuando como nocirreceptores ou receptores da dor. • As presións lixeiras (tacto), o movemento dos pelos… - Terminacións nerviosas encapsuladas: son dendritas envoltas en tecido conxuntivo. Trátase de mecanorreceptores de tacto e presión: corpúsculos de Krause (frío), corpúculos de Ruffini (calor)…


3. OS OLLOS E A VISTA O globo ocular está composto por tres capas: esclerótica, coroide e retina. Atópase dividido en dúas cavidades: - A cavidade anterior, por diante do cristalino, contén o humor acuoso, un liquido de viscosidade parecida a auga. O iris sepáraa en dúas partes. - A cavidade posterior, ocupa a maior parte do interior do globo. Reenchida do humor vítreo, xelatinoso.


- Esclerótica: tecido fibroso que protexe ao globo. A parte anterior é transparente, sobresaínte e abombada, e denomínase córnea. O resto é de cor branca. - Coroide: ten vasos sanguíneos e pigmentos. A parte anterior, baixo a córnea, comprende: • Corpo ciliar e ligamentos suspensorios: sobre eles sitúase o músculo ciliar e o iris. Os ligamentos suxeitan e estiran o cristalino, que é a lente de enfoque. • Iris: parte coloreada do ollo. Son fibras musculares lisas en forma radial e circular. Posúe un orificio central ou pupila. - Retina: non existe na parte anterior do ollo. Contén dous tipos de neuronas fotorreceptoras, os conos, que detectan as cores, e os bastóns, que permiten a visión en blanco e negro. Os axóns de ambas diríxense a unha zona posterior do ollo chamada punto cego, por onde atravesan a esclerótica, formando o nervio óptico.


Arredor dos ollos hai estructuras anexas que os protexen: sistema lacrimal, con glándulas e condutos que manteñen húmida a córnea; cellas, pálpebras e pestanas. Os músculos oculares serven para mover os globos oculares.



A mecánica da visión A visión é un proceso cerebral, pero antes precisa que o ollo realice o enfoque e capte a imaxe. Estes procesos inclúen: - Contracción ou dilatación da pupila: faise mediante a musculatura lisa que forma o iris. Así se regula a cantidade de luz que entra no ollo. - Paralelismo e converxencia dos ollos: ao mirar un obxecto, cada ollo oriéntase para enfocalo na súa zona central (fóvea). Se está lonxe, os eixes de visión son practicamente paralelos e os ollos móvense ao unísono, sendo a imaxe en ambos case idéntica. Pero se está cerca, a posición de cada ollo fai que vexa algo lixeiramente distinto ao outro, debendo colocarse os ollos de forma converxente (birollos). A dobre visión diferente ou visión binocular é integrada no cerebro, dándonos percepción do relevo e permitíndonos calcular as distancias.


- Estimulación das células fotorreceptoras da retina polos fotóns de luz. Estas emiten un impulso nervioso que se dirixe polo nervio óptico ata o cerebro. Os bastóns son estimulados por intensidades de luz moi baixas, observándose as imaxes en tons grises. Os conos son menos sensibles á luz e necesitan maiores intensidades, proporcionando a visión en color. (Vídeo)




Defectos na visiรณn


4. OÍDO: AUDICIÓN E EQUILIBRIO O oído presenta tres partes principais: - Oído externo: inclúe o pavillón auricular ou orella, de cartilaxe e pel, encárgase de captar as ondas sonoras e dirixilas ao interior do oído; e o conduto auditivo externo, con glándulas que segregan o cerume e remata no tímpano. - Oído medio: situado no óso temporal, está formado por unha cadea de tres pequenos ósos chamados martelo, engra (yunque) e estribo, que contactan co tímpano e có oído interno. Esta parte do oído comunícade coa farinxe coa Trompa de Eustaquio, permitindo así igualar as presións a ambos lados do tímpano.


- Oído interno ou labirinto: cunha parte ósea e outra membranosa: a. Labirinto óseo: é a zona máis externa dividida en tres áreas: caracol, vestíbulo e canais semicirculares. Está reenchido de perilinfa. b. Labirinto membranoso: formado por conduto coclear, utrículo e sáculo, e canais semicirculares membranosos. Conteñen un líquido chamado endolinfa.



A mecánica da audición As vibracións, ou ondas sonoras, que transmite o aire son captadas nas orellas e dirixidas polo conduto auditivo externo ata o tímpano, ao que fan vibrar. Esta vibración segue pola cadea de osiños do oído medio ata o caracol, onde provoca a vibración da endolinfa do interior do conduto coclear. Este movemento estimula ás células ciliadas que hai no interior do caracol, e estas transforman a vibración en impulso nervioso, que viaxa polo nervio auditivo ata o encéfalo. (vídeo)


Mecánica do equilibrio O oído interno, e máis concretamente, os canais semicirculares, son os responsables do equilibrio. Hai dous tipos de sensacións de equilibrio: - Equilibrio estático: informa sobre a posición da cabeza e a aceleración lineal. Percíbese no utrículo e no sáculo do vestíbulo óseo, onde unhas células ciliadas detectan a posición dunhas partículas sólidas chamadas otolitos. Estes cambios de posición transmítense como impulsos nerviosos. - Equilibrio dinámico: informa acerca da rotación ou xiro. Percíbense nos canais semicirculares, que posúen as 3 direccións do espazo. O xiro move a ensolinfa dentro dos canais, que se transmite como impulso nervioso.


5. O OLFATO E O GUSTO Para detectar o seu olor, as substancias deben atoparse en estado gasoso, e para o sabor, en estado líquido. - O OLFATO Os receptores olfactivos están na pituitaria amarela, parte da mucosa que recobre a zona alta das fosas nasais. Aí hai células sensoriais olfactivas, con cilios, que xeran impulsos nerviosos en resposta a varios miles de substancias químicas volátiles ou gasosas. Estes diríxense ao encéfalo a través do nervio olfactivo onde se interpretan como olores. O resto da fosas nasais está recuberto da pituitaria vermella, con gran cantidade de vasos sanguíneos que serven para quentar o aire.


- O GUSTO Os receptores do gusto ou botóns gustativos atópanse nas papilas da parte superior da lingua, aínda que tamén os hai no padal e na farinxe. As papilas detectan substancias disolvidas en auga e envían os impulsos ao cerebro, onde se interpretan como sabores. O sabor é o resultante da percepción dos alimentos polo olfacto e polo gusto. A maior parte do sabor corresponde, en realidade, ao olor, que aumenta ao mastigar a comida. Hai 5 tipos básicos de sabor: ácido, amargo, doce, salgado e umami ( típico da carne).


6. SENSACIÓN, PERCEPCIÓN, EMOCIÓN E SENTIMENTO Sensación é o primeiro resultado dun estímulo no cerebro: vemos imaxes, temos frío ou calor… A partir da sensación elabórase a percepción, o segundo paso mental: o cerebro integra, relaciona e interpreta, para o que conta coa experiencia. Sensacións e percepcións van unidas, e xunto coa experiencia, os recordos, os desexos, os valores e a xenética, fan que un organismo responda de maneira involuntaria. A partir da resposta corporal, o cerebro constrúe as emocións. O último paso é o desenvolvemento dos sentimentos, que resultan da valoración consciente do estado corporal, percepcións emocións e ideas. Os sentimentos xorden das emocións, pero éstes son conscientes, e podemos amplialos, mantelos ou eliminalos.


7. EFECTORES: MÚSCULOS E ÓSOS 7.1 A resposta muscular A acción do sistema nervioso sobre o sistema muscular permítenos desprazarnos, mover as paredes do tubo dixestivo, abrir ou cerrar válvulas internas… Temos 3 tipos de músculos en función da forma de contraerse e do control do que dependen: - Músculo liso: contracción lenta e duradeira, controlada polo sistema nervioso autónomo, é dicir, é involuntaria. Tapiza todo o tracto gastrointestinal. - Músculo estriado: contracción rápida e voluntaria, controlado polo SN somático. É o responsable dos movementos do corpo que podemos decidir. - Músculo cardíaco: carece de control voluntario. Só existe no corazón. As células musculares estriadas son alongadas e agrúpanse en feixes. Responden ao impulso nervioso cunha contracción, o que supón o acurtamento e alongamento do músculo. Para que o sistema funcione, os músculos dispóñense de forma antagónica nas articulacións: a contracción duns coincide coa relaxacións dos antagónicos, o que determina un tipo de movemento ou outro.


7.2 Sistema esquelético: ósos e articulacións O sistema muscular actúa sobre o esquelético, que está articulado, o que significa que moitos ósos presentan articulacións móbiles entre si. As articulacións son os lugares de contacto entre os ósos. Serven para unilos, pero algunhas tamén permiten o seu movemento. Poden ser: - Móbiles ou sinoviais: son as máis numerosas e permiten gran mobilidade. Entre os ósos hai cápsulas con líquido sinovial, que actúa como lubricante. Exemplo: xeonllos. - Semimóbiles ou cartilaxinosas: os ósos únense por cartilaxes que permiten un movemento moi limitado. Exemplo: vértebras ou entre o esterno e as costelas. - Fixas ou fibrosas: os ósos únense íntimamente por tecido conxuntivo fibroso. Exemplo: ósos do cranio. A unión do músculo ao óso, ou de ósos entre sí, faise por cordóns fibrosos: os que unen músculos a ósos denomínanse tendóns, e os que unen ósos entre sí son os ligamentos.



8. LESIÓNS DO SISTEMA LOCOMOTOR O sistema locomotor pode sufrir por golpes, exercicio intenso, posturas incorrectas ou por trastornos de nacemento.

- Lesións óseas • Fractura ósea: pode ser completa ou parcial (fisura). Causa dor e hemorraxia. Deben ser inmobilizadas e poden requirir ciruxía. • Escoliose: desviación da columna vertebral. Pode ser de nacemento ou adquirida.

- Lesións articulares • Dislocación: separación traumática de ósos nunha articulación. Se se dá en articulacións móbiles perdéndose o contacto entre ósos chámase luxación. • Tendinite: inflamación dun tendón. • Artrite: inflamación das articulacións. • Artrose: desgaste da cartilaxe dos extremos dos ósos e as articulacións. • Hernia discal: desprazamento do disco intervertebral, o que preme o nervio causando dor e incluso danos neurolóxicos.

- Lesións musculares • Cambra muscular: espasmo involuntario dun músculo en esforzos prolongados. • Tirón muscular: por exercicios violentos, quecementos inadecuados ou accidentes.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.