O APALPADOR NADAL 2010 TEXTO NARRATIVO Comezaremos a sesión cunha xustificación e información sobre a figura do Apalpador e a súa relación coa festa de Nadal. (cada paragrafo será lido por un neno ou unha nena diferente)
Segundo conta a tradición, O APALPADOR, tamén coñecido como Pandigueiro ou Apalpabarrigas, é un xigante carboeiro que mora nas montañas durante todo o ano e que baixa ás aldeas, vilas e cidades nos días 24 e 31 de decembro, á noitiña, para apalpar a barriguiña dos nenos e nenas e comprobar se comeron ben ao longo do ano. Chégase a eles á noite, caladiño... apálpalles o ventre e, se están cheos, marmúralles coidadosamente ao oído, “así, así esteas todo o ano”. Se, pola contra, comproba que teñen a barriguiña baleira, torce o xesto, déixalles unha presa de castañas, e marcha preocupado.
O Apalpador vive nas devesas do Courel dende hai tantos anos que ninguén sabe xa cantos ten. Pasa o día a apañar madeira, e no outono tamén vai ás castañas. De volta á casa, senta a carón do lume e escolle con moito agarimo a madeira máis seca e de mellor calidade, saca a súa navalla e ponse a entallar. E así bota un día e outro, e outro, e outro... pero polo Nadal deixa a súa navalla e baixa por todas as casas da Galiza cunha morea de agasallos para repartir.
O Apalpador é amigo de todos, de pequenas e pequenos, pero tamén de grandes, de probes e de ricos, dos da montaña e dos da costa, das aldeas, das vilas e cidades. Non fai distincións entre cristiáns, musulmáns, xudeos, ou da relixión que sexa, porque el só celebra o solsticio, a unión do home coa terra e cos astros. E ademais ten un corazón case tan xigante coma el. Aló na montaña, entre carballos e castiñeiros, fai xoguetes coa puntiña da navalla e despois repárteos con ilusión. Cando non dá feito, procura xoguetes e outros agasallos en outros lugares, para que ninguén quede sen o seu.
O Apalpador, o mesmo que o carbón, tiña orixinalmente un carácter positivo e benéfico, porque representa a provisión de calor e de alimento para o inverno. Pero cando se afianzou a nova tradición dos Reis Magos, o carbón pasou de ser un agasallo a un castigo para os nenos malos, e os personaxes relacionados con el, como o Apalpador, foron cada vez máis desprezados.
Hai razóns abondo para pensar que esta figura mítica da tradición do Nadal galego está vencellada con outras tradicións populares que fan referencia aos ciclos da natureza. O acendido do tronco do Nadal, un tronco que se acendía dende o 23 ao 31 de decembro para agoirar un bo comezo do ano que vai vir, e o CARBÓN DE NADAL, son un conxunto de rituais relacionados co inverno que comparten moitos pobos europeos. Trátase de tradicións de pedido de bens á nai natureza, representada por un anaco de madeira, ou personificada nun personaxe relacionado con ela, no momento en que esta ofrece menos froitos: durante a fría estación do inverno.
O APALPADOR Adaptación do libro “Antón e o apalpador” Nenos e nenas de 5 anos saen a escea. Bailan o tema “ O garotiño” e son interrompidos pola visita do avó.
NENO/A: Ola avó ! estou a xogar cos meus amiguiños do cole. Oes avoíño, por que non nos contas un deses contos de Nadal que sabes ti, que son moi chulos... anda avoíño!! NARRADOR: Está ben, está ben... a ver, poñédevos por aquí , que vouvos contar un que me acordou agora que é moi bonito. Os nenos e nenas de 5 anos póñense en semicírculo nun recuncho do escenario. O avó, fronte a eles empeza a falar
NARRADOR/A. Vouvos contar o conto do que lle aconteceu a Antón nunhas vacacións de Nadal. A Antón encantábanlle as estrelas e, aínda que vivía no edificio máis alto da cidade, dende alí non as podía ver. Un día, moi cedo, recibíu unha carta da súa madriña Mariña convidándoo a pasar con ela o Nadal. E así comezou esta aventura… Aparece un neno deitado na súa cama. O alumnado de 3 e 4 anos arrodea a cama e comeza a cantiga Tic-tac
NAI .- Antón, esperta, Antón!! Tes unha carta
da madriña ANTÓN.- (espreguizándose) E que di? NAI.- Ai, Antonciño, que xa tés 11 anos, toma, le ti. ANTÓN.- (lendo a carta) Querido afillado: As estrelas locen enormes no inverno; pódoas ver a centos dende a miña ventá, e gustaríame compartilas contigo. Queres vir pasar con nós as túas vacacións de Nadal ? Agardámoste impacientes… (Deixando a carta) Mamá, que ben ! Podemos pasar o Nadal coa madriña? NAI.- Ai, meu neno, eu non podo ir, que non teño vacacións coma ti… Xa me gustaría ! ANTÓN.- Pois eu xa son un neno maior, ben podería ir eu só… NAI.- Esa paréceme unha idea estupenda. Ben podes viaxar no autobús, e avisamos a madriña para que te recolla na parada. ANTÓN.- Si, grazas, mamá!! (dálle unha aperta). NARRADOR.- Antón púxose moi contento. Mariña, a súa madriña, vivía nun lugar chamado “O Courel”, ben lonxe da cidade, e ben cheo de árbores e animais... e, por suposto de estrelas. A viaxe era longa, pero a Antón pasoulle nun tris. (Sae o autobús de cartón) (Música )
Chófer, ELOI: Autobús para O Coureeeeeel!! saída inmediataaaa!!
ANTÓN: (dirixíndose a unha señora que ía subir ao autobús) Señora, este é o autobús que vai ao Courel? SEÑORA: Si, meu filliño; pero, vas ti só? ANTÓN: Sí, vou a casa da miña madriña Mariña. SEÑORA: Ai, Xesús!! que espabilados que sodes os nenos de agora. Sobe, sobe comigo, pequeno. Pola xanela do autobús, mentres se adentraban nas montañas, Antón, puido ver as paisaxes máis sorprendentes. Cando á fin chegou, non había ninguén agardándoo, e Antón, que era moi aventureiro, decidíu ir camiñando só na busca da casa da súa madriña. (Sae o alumnado de 1º facendo de bosque)
música para o bosque
Polo camiño atopou unha ra; era tan brillante que parecía que unha vaca lle dera unha lambetada!! (Neno de 1º facendo de ra: croa, croa...) E tan simpática, que Antón seguiu os seus chimpos e adentrouse na devesa. (saen a escena os animais do bosque coa súa música)
Chegou a noite. O ceo encheuse de estrelas e a fraga cubriuse de sombras... Antón estaba perdido. As pedras mirábano enfurruñadas, as pólas das árbores queríano tocar mentres botaban xemidos que poñían a pel de galiña.
(Música: “Yo nunca vi”)
Antón tivo medo e botouse a correr coma se tivese lume no cu!! De súpeto, zas!! (escóitase unha treboada) Caeu nunha morea de carbón. Ergueu a cabeza e... por fin !! a casa da madriña Mariña estaba aquí. Antón achegouse e mirou pola fiestra. Non había ninguén: só un toro ardendo e unha luz moi intensa que saía dunha porta entornada... Ñieeeek!! Entrou na casa sen facer ningún ruido. Dirixiuse á porta abríndoa amodiño e... Antón quedou abraiado cando descubriu un cuarto enorme cheo de xoguetes de madeira... E, entre os xoguetes, apareceu un home moi grande con barba e capa verde. (Voces en off) - Benvido ao meu fogar, Antón!! - Ia á casa da miña madriña Mariña. Tiña medo e a porta estaba aberta… - As portas da miña casa están sempre abertas!! Eu ben sei onde vive a túa madriña. Non está lonxe. De mañá levareite, que agora é moi tarde. NARRADOR/A.- O xigante achegouse a Antón, apalpoulle a barriga e decatouse de que tiña moita fame. (Voces en off) - Toma esta cunca de castañas que acabo de asar.
- Grazas, señor. Vou dar boa conta delas. - Non me chames señor. Eu teño moitos nomes: Apalpador, Apalpafoles, Apalpabarrigas, Pandigueiro... Podes elexir o que che pete. NARRADOR/A.- Sentaron os dous a carón do lume. O apalpador contoulle fantásticas historias dos habitantes da fraga: o mouchiño rosmón, a xoaniña que quería voar, o ourizo agarimoso… (Música)
Antón quedou durmido. Cando espertou estaba na casa da madriña Mariña. Contoulle todo o que lle acontecera, pensando que todo era un soño ata que a súa madriña lle explicou o que lle acontecera. MADRIÑA.- Meu pequeno!! Ti estiveches na casa do Apalpador… ANTÓN.-E quen é ese señor, madriña? MADRIÑA.- O Apalpador é un xigante carboeiro que ninguén sabe xa cantos anos ten. Pasa o día a apañar castañas e madeira, e fai xoguetes e outras cousas para regalar no Nadal. De noite, mentres os cativos dormen, apálpalles a barriga para ver se teñen fame, e deixálles un feixe de castañas ben quentiñas, e algún agasallo máis… alumnado de 4º fai unha danza. “Río verde”
ANTÓN.- Eu quero voltar á súa casa para darlle
as grazas… pero non lembro por onde se vai. Madriña, onde vive o Apalpador? MADRÑA.- Pois iso é un misterio, ninguén sabe chegar. Pero pódeslle escribir unha carta! NARRADOR/A.- Antón púxose moi contento. Colleu lapis e papel e escribiulle unha bonita carta chea de debuxos. E, coma el, os nenos e nenas de todas as vilas e aldeas escríbenlle ilusionados ao Apalpador. (Sae o alumnado de 3º e len as súas cartas) CARTA AO APALPADOR OS NENOS E NENAS DE TERCEIRO QUERÉMOSCHE PEDIR UNHAS POUQUIÑAS CASTAÑAS E PODELAS COMPARTIR TEMOS UNHA COUSA CLARA, XOGUETES NON IMOS QUERER PORQUE LOGO A NOSA PROFE SEMPRE OS MANDA RECOLLER
PEDÍMOSCHE AMIGOS E AMIGAS PARA CON ELES XOGAR E ASÍ SALTAREMOS NA CORDA AO PARCHÍS OU A PILLAR SE TÉS POR AÍ UNHA BUFANDA PARA NON PASAR TANTO FRÍO...
QUE CANDO CORTAMOS O PELO NIN AS ORELLAS SENTIMOS UN ANORAK BEN QUENTIÑO DA MELLOR PLUMA DE PATO... UNHAS BOTAS PARA A NEVE QUE NOS ABRIGUEN UN RATO UNS BOS CESTIÑOS DE MIMBRE TAMÉN NOS IRÍAN MOI BEN... ASÍ APAÑAMOS CONTIGO AS CASTAÑAS DO COUREL. DE PASEO POLO COUREL GUSTARIANOS ATOPAR A CASA ONDE TI VIVES E CONTIGO CONVERSAR. MAIS, COMO XA SABEMOS O OCUPADO QUE TI ESTÁS TRÁENOS UN BO SORRISO E MOITA FELICIDÁ SE NOS TRAES UNHAS CASTAÑAS FAREMOS UN BO CALDIÑO. PÓDESNOS MANDAR UNS GRELOS... E DE POSTRE UN BO MEMBRILLO XA NON TE ENTRETEMOS MÁIS QUE ESTARÁS MOI OCUPADO. A VER SE CONVENCES AOS PROFES QUE NOS DEAN MOITOS APROBADOS ASÍ REMATA ESTA CARTA DE TODOS OS DE TERCEIRO CUN GRANDE BICO XIGANTE QUE LLO DEAS AO MUNDO ENTEIRO
NARRADOR/A.- O que Antón non sospeitaba é que a súa camiñada polo bosque fora observada por uns seres pequeniños que todo o ven: os trasnos e as fadas do bosque. (saen algúns de 2º correteando e xogando)
Eles teñen un traballo moi importante: vixían os rapaces e rapazas para veren quen se porta ben e quen non, para llo contaren a un grande amigo: o APALPADOR (música) (sae o apalpador e os trasnos fan unha roda arredor)
O Apalpador come ovos que apaña dos niños dos paxaros e mel que recolle das colmeas das abellas. Encántalle facer boas paparotadas e invita os seus amiguiños os trasnos e as fadas. Estes xogan a remexer sen malicia nas cousas do Apalpador: escóndenlle as ferramentas, móvenlle as pantuflas de sitio, agóchanlle o pixama e o chapeu… Todos os anos, ao comezar o frío no outono, o Apalpador lémbrase de que ten que ir preparándose para o Nadal e comeza a apañar castañas que atopa polo monte. Mais este ano andaba algo despistado... FADAS.-.-Apalpador!! que vén o Nadal e non vas conseguir castañas abondo!! APALPADOR.-Ai, miña madriña, esquecérao! Uf, uf! Que non me vai dar tempo!! Entón sae a correr apañar tantas castañas
como poida...os trasnos axúdanlle e así pasa o día... ata que pola noite cae rendido a durmir ata o día seguinte. (MÚSICA)
- Teño que poñer os zapatos axiña, coller o saco e baixar aos vales, senón non me vai dar tempo a chegar a todas as casas!! (O apalpador sae da escena cos seus trasnos e fadas)
E así é como o Apalpador baixa da montaña...cos seus zapatos diferentes, veste mal o seu casaco, pon ás costas o saco de castañas cociñadas e os seus xoguetiños de madeira...e sae cando asoma a madrugada. (MÚSICA) En canto soa a música, os nenos e nenas de 5 anos vanse deitando en colchonetas espalladas polo escenario. A música continúa ata que todo está preparado. APÁGANSE AS LUCES… PONSE UNHA MÚSICA ADECUADA E APARECE O APALPADOR COS SEUS ACOMPAÑANTES QUE LEVAN CADANSÚA LANTERNA NA MAN
Os trasnos acompáñano contentos, a cantar e alumearlle o camiño, indícanlle onde se atopan as persoas, raparigas e rapaces que se portaron ben ao longo do ano. TRASNO.- Aquí viven...Luisa e o seu irmán Paulo. Aquí Isabel, o Brais e o Anxo E alá o Manuel, Fernando e Rita
( Canto) 5º
Vai logo, meu meniño, din, don, dan marcha para a camiña, din, don, dan vai vir o Apalpador
din, don, dan
apalparche a barriguiña. din, don, dan
Todos cantan o retrouso
Pola montaña Ven relumbrando Logo do solpor. Non teñas medo, Durme acougado Que é o apalpador
TRASNO.- Apalpador, aquí vive a pequena Inés, que é moi boa, axuda moito na casa dos seus pais, estuda moito no colexio e coida do avó. (Canto)
Mañá é día de cachela, din, don, dan haberá gran nevarada
din, don, dan
ha de vir o Apalpador
din, don, dan
cunhas pouquiñas castañas.
din, don, dan
Todos cantan o retrouso
Pola montaña Ven relumbrando Logo do solpor.
Non teñas medo, Durme acougado Que é o apalpador
Ao fin, logo de ver os seus agasallos, todos van para a lareira, onde o lume quece un pote de caldo ben quentiño. A despensa estará chea de leña, patacas, verzas e garavanzos para pasar o inverno ata que chegue a primavera. Cando chegue a primavera e se poidan voltar a plantar as leiras outra vez. (canto xeral do Apalpador)
No entanto, o Apalpador, derreado, dorme logo de ter visitado todas as casas de todos os rapaces e raparigas durante a noite. Dende aquel día, polo Nadal, Antón recibe a visita do Apalpador mentres soña coas estrelas. E, colorín colorado... este conto está contado Que o Apalpador encha as vosas barriguiñas de cousas extraordinarias este Nadal, e que o novo ano sexa máxico.
FIN
Esta obra de teatro está baseada no conto “ANTÓN E O APALPADOR”, de Manuel Castro Lima e Mª Mar Ameixeiras. Barafunda Editorial. Autor da adaptación: ANTÓN LÓPEZ