TEMPO DE NADAL NADAL 2008 Música e parte do texto narrativo escollidos do disco “O QUIQUIRIQUÍ”
Narrador.- Cando o frío se fai xiada e o aire se enche dun neboeiro húmido que arrecende a lume e a leña..., cando os días son tan pequenos que sempre é noite..., cando a Natureza se ispe..., cando as inclemencias do inverno nos invitan ao desespero..., sentimos que o Nadal está preto e a fin do ano solar está a cumprirse. Cada ano por estas datas o tempo trócase en sabores, cantigas, sentimentos e lembranzas familiares. Sabores a noces, turrón e uvas pasas, pantrigo e rosquillas de anís, as comidas en familia, o nacemento... panxoliñas e cantares de reis. O Nadal é unha festa AGRARIA en plena simbiose coa natureza e co Cosmos. Segundo a Natureza morre e a vida se apaga coa chegada do inverno, tamén a actividade do labrego se vai apagando e morrendo. As noites son longas de máis, o sol non quenta nen alumea, fóra das casas non hai alimento... O vello deus Sol esquece aos seus protexidos... pero tamén é tempo de ESPERANZA, é tempo de RENACER... agardando que o Sol cobre vida outra vez e esperte novamente a terra durmida e xeada para que renaza e produza alimentos dando vida así aos homes. (música) aparece o sol vello Sol Lourenzo.- Eu son aquel sol, LOURENZO lembrades? Aquel sol tan finchado, que andaba ledo no ceo todo o día relumbrando. Eu fun quen de darlle vida á terra...medraron as plantas, saíron novas colleitas... A lúa brillou nas noites claras... rebuliron as estrelas... Os nenos e nenas gozaron nas praias, beberon nas fontes, xogaron nos ríos... Os paxaros aniñaron fermosas crianzas que aledaron os días de primavera.. O galo cantou cada mañá serea...
Deron froito as árbores... medraron os días... naceron tomates, e moitas xudías... Cada atardecer ía tomar un respiro...durmindo entre os montes... xogando entre as augas de lonxanos mares. (música de ambiente) A vida foi leda... mais... AGORA ESTOU VELLO... fállanme as forzas xa non quento a terra e non alumeo... (música de ambiente) Sinto que pouco me queda, que non hai remedio. Como cada ano, ríndome ante o inverno. (música de ambiente) Váiseme a vida e, con ela vanse as tarefas dos labregos... As noites son longas e para os esquíos non hai alimento. A terra se apaga e eu vou morrendo. Non olen as flores, non renchen os carros, Xa non hai cereixas que coman os melros (música de ambiente) En noites tan longas e días tan curtos, un MENIÑO REI é o que eu procuro (música de ambiente) Hei buscar abrigo nun pobre pendello para durmir o sono que dormen os vellos... Mais, sobre unhas pallas, con dozura e amor, ALÍ VAI NACER O MEU SUCESOR (música de Vivaldi. Las cuatro estaciones) O sol vello camiña paseniño da man do novo sol, o seu sucesor. Diríxense ao pendello onde agardarán a chegada dos pastores. Narrador.- Deste xeito o vello Lourenzo deitouse por última vez, coa esperanza de
que un novo sol cobre vida e esperte a terra xeada e durmida... Coa esperanza de que ante un novo mencer a terra esperte e un novo ano chegue ventureiro cargado de ilusións e boas novas. Porque o Nadal non é unha invención comercial. Trátase dunha fonda celebración do solsticio de inverno, a data na que o sol está máis baixo na metade norte da Terra. É un berro de esperanza que botamos aos catro ventos para que a vida renaza e un ano novo comeze con ventura. (Ao son dunha melodía, o sol diríxese cara o pendello co seu sucesor da man) (Aparecen os anunciantes proclamando a boa nova) Anunciante 1.- Oíde, oíde o que vimos contar. Un novo sol naceu onte que a terra vai alumar. Anunciante 2.- Logo medrarán as prantas as árbores, a vida han recobrar. Hoxe é noite de ledicia, Hoxe é noite de Nadal. (música de campaíña do lugar) Anunciante 3.- Entre pallas, entre flores din que naceu nun pendello... e o novo fillo do Sol, do noso amigo Lourenzo. Anunciante 4.- Ano novo, vida nova, ano novo, que traerás? o vello sospiros leva... o novo, que nos traerá? Anunciante 5.-
Cantemos e máis bailemos na mellor festa que hai, pois hoxe naceu un neno que está en brazos do seu
pai. Samuel.-
O día de Noite boa, e o día de Nadal hei encherme de castañas que me vai dar miña nai.
Logo virán os pastores que tamén o queren ver levan ovos e manteiga e unha xarriña de mel. (música noite boa cantig.de nadal) (entran os pastores) Pastor.-1
Imos a Belén, pastores, imos, que a noite está clara. Collede pandeiretas, pandeiros e gaitas.
Pastor 2.-
Imos levar unha pouca roupiña tres polas, dous galos, e unha galiña, un añiño, dúas pombas sen pel, tres rulas ao xeito e un tarro de mel.
Pastor 3.-
Ai! meu neno, meu rei, meu meiguiño non ten un albergue, non ten un leitiño. Sen arrimo nas pallas está. Ai!, meu queridiño, que frío terá!! (soa a música unha pouca roupiña)
Pastora.-
Eu son unha pobre pastora que veño de Valdoviño, o que traía para o neno deixeino polo camiño.
Pastores.-
Nós traemos estas uvas e estas castañas con mel, ao noso solciño meigo para que nos quente ben. Os fillos dos ricos nas súas camas douradas, e este noso paqueniño deitadiño nunhas pallas.
Pastor.-
Eu tráiolle peixe fresquiño da ría,
para que o coma pola mediodía.
Pastores.-
Nós temos cueiros moi ben perfumados para que o cuíño teña ben coidado. E nós, pola casa, non atopamos nada... pero lle traemos unhas cantas larpeiradas... Como non ten dentes se lle sobra algunha, poreime ao seu lado que me dea unha...
Pastores.- (despedíndose) Adeus, meu pequeniño, adeus, meu diamante. Led@ vin e triste marcho porque non puiden bicarte. (soa de novo a música e os pastores marchan) Música. Cambia o decorado Vense Os tres Rei Magos. Están no parque, pensando que lle van regalar ao sol recén. Mentres pensan, imaxinan as cores do arco iris, que un a un vanlles falando das súas características e o seu valor. Logo de moito cavilar deciden regalarlle un fermoso ARCO IRIS DE ILUSIÓNS, onde se unen todas as cousas belas que eles querían darlle. Narrador.- Era unha tarde chuviosa pero cálida. Os Reis Magos van camiñando ata onde se atopa o pendello do sol. Estaban indecisos, pois non sabían que agasallo cumpría para tan singular recén. En canto camiñan pensan e pensan.... pero non se lles ocorría un bo agasallo... Pensa que pensa, aos poucos, chegaron ata un banquiño un pouco mollado pola choiva que caera... víase moi cómodo...
logo de secalo sentaron. MELCHOR: (mentres executa todos os movementos ditos polo narrador) Ahhhh... Que bonito está o día, así chuvioso!, Véñenme lembranzas de cando era neno, e xogaba a pisotear os charcos... ji ji ji... era moi divertido... GASPAR: Iso está moi ben pero...con que agasallamos a este neno? NARRADOR: Os Reis recostados no banquiño... a piques estaban de quedar durmidos... cando de súpeto escoitaron un ruído. Do chan viron erguerse unha cor coa que quedaron impresionados. BALTASAR: Pero que é isto?... Non pode ser... Estaremos a soñar (refregan os ollos e amosan unha expresión de incredulidade) Quen es ti?
NARRADOR: A COR MORADA achegouse con movementos moi suaves. Saudando cunha leve reverencia dixo: COR MORADA: (movéndose moi elegante arredor dos Reis, con pasos coma de ballet) Non se asusten, Maxestades... eu son a ilustre cor MORADA e veño dicirlles que son a cor máááis fermosa que existe. Son moi elegante e calquera cousa que sexa da miña cor sería un excelente agasallo...Unhas flores da miña cor farán a felicidade dese neno. Pregunten, senón ás bolboretas... (entra a bolboreta voando e revolotea arredor da avoa) por algo elas escollen ás flores... BOLBORETA: (axitando as ás) É certo; non hai cousa que me guste máis que libar dun ramo de violetas. MELCHOR: (contestándolle á cor morada) É verdade o que a ti dis... as flores son a alegría da paisaxe e ás bolboretas encántanlles... pero non sei se serán un bo agasallo para este recén... NARRADOR: Os Reis pecharon os ollos e sentiron novamente un ruído, esta vez máis forte, coma un tambor... esta vez era a COR VERMELLA, que bailando moi leda achegóuse a saudalos:
COR VERMELLA: (érguese e comeza a moverse como bailando salsa) Miñas maxestades: comprobarán que a cor máis bela, a máis brillante, a máis forte, son eu... carriños de bombeiros, cociniñas con lume para quentar a comidiña... iso si lle gusta un neno... A decisión non ten moita dúbida... GASPAR: Ai! meu Deus, a vermella é unha cor moi linda... pero non sei que dirá o neno... teremos que pensalo un pouco máis. NARRADOR: Máis tarde escoitaron un son estraño, coma mordisquiños saborosos... Ao fixarse ben, observaron á COR LARANXA: COR LARANXA: (brincando e saboreando unha cenoura )...Ola¡ meus Reis... eu son a LARANXADA, a mellor de todas as cores... por algo moitas froitas e verduras teñen a miña cor. Represento a saúde e as vitaminas... se realmente queren regalarlle algo rico ao sol recén nacido teñen que escoller algo da miña cor, como unha rica CENOURA... fíxense no conelliño que forte e san é... (sae o celliño saltando) COELLIÑO: Polas moitísimas cenouras que como, así teño estes dentes sen caries e estes ollos cos que vexo moi ben de lonxe, de cerca, por un lado,polo outro... BALTASAR: Vale, vale coelliño. A verdade é que non pensara na cor laranxa para nada... en verdade es moi linda, pero para ter forza ha comer froita abondo a diario. Ummmm...! non sei... !teremos que pensar moi ben antes de decidirnos...
NARRADOR: Novamente os Reis puxéronse a pensar e pensar... pero niso empezaron a sentir moita calor... quitaron as coroas que levaban e pensaron que talvez o sol decidira saír quentar a atmosfera e rematar de secar os charcos que aínda había no chan. De súpeto tiveron que tapar os ollos, pois o brillo amolábaos. Erguéndose, viron que se achegaba a COR AMARELA. COR AMARELA: (movéndose bulideira e abanándose como con calor) Maxestades... non me digan que aínda non se decidiron... Claro; é que aínda non me viron a min... eu son a cor máis clara e rica que existe... sen min non habería nin luz nin calor. Todas as cousas de gran valor, como as xoias, son da miña cor. Definitivamente teñen que comprarlle a ese neno unhas lindas xoias como agasallo ... que mellor regalo ca ese? Algo amarelo e resplandeciente de moito valor.
MELCHOR: Claaaaaro amárela!! eu sei que ti es unha cor moi acesa, con razón deume calor ao terte tan perto, ji ji ji; é moi certo o que me dis pero.... non sei... ese neno é aínda tan pequeniño... non sabe de riquezas nen xoias... teremos que meditalo máis. NARRADOR: Os Reis estaban comezando a preocuparse porque non podían decidirse e canto máis pensaban máis lles custaba. Sentaron novamente e pecharon os ollos para ver se lograban concentrarse. De súpeto comezaron a sentir unha suave brisa, un rico cheiro a herba mollada. Abriron os ollos e viron en fronte á COR VERDE, que lles dixo: COR VERDE: (movendo os brazos coma se fosen ramas de árbore) pero Maxestades; como é posible que aínda estean a pensar no que lle van regalar ao neno? Non ven o bonita que é a miña cor?. Está nas follas das árbores e en toda a natureza. Calquera cousa de cor verde é o mellor agasallo que poden darlle ao neno... non teñen máis que levalo ao campo a xogar á sombra dunha árbore fermosa como esta... (móvese ata a árbore, tómaa das mans e ponse a xogar a rolda con ela) ARBORE: Para, para!!, que me vas marear... ademais, onde se viu unha árbore xogando ao tiovivo? GASPAR: Non te anoxes arboriña. A cor verde tivo unha excelente idea, ao solciño encantaríalle, pero... será iso o que realmente precisa?... estamos algo indecisos e... teremos que pensalo mellor. NARRADOR: Os Reis seguían sen decidirse. O ceo foi collendo unha cor distinta e relaxante. Erguéronse para mirar, e ao virarse atopáronse de fronte coa COR AZUL, que lles falou así: COR AZUL: (movendo os brazos como ondas) Aiii! Maxestades, menos mal que non se decidiron aínda, porque eu quería dicirlles que realmente a miña cor é o máis bonito que hai. Miren o ceo, que fermoso! E ollen cara o mar, que profundo¡ Eu diría que un gran día de praia, cun ceo azul e un mar azul, é o agasallo máis divertido que lle poden dar ao pequeno...anímense Maxestades.. BALTASAR: Aiii!. A min fascíname a praia. É unha boa idea, o que pasa é que non sei se ao neno lle gustará a praia...coa auga tan fría... NARRADOR: Os Reis xa tiñan abondo con todo o que lle dixeron as cores, pero por máis que pensaban, non lograba decidirse por ningunha. Pecharon os ollos e pareceu-
lles oír unha música celestial. Cando os abriron viron unha cor resplandecente. COR BRANCA: (con movementos suaves pero firmes) Eu son a cor da Paz. O seu agasallo debe ser de cor BRANCA, como a neve , como as nubes , como o queixo da pizza... non se fale máis... O BRANCO É DEFINITIVAMENTE O MELLOR... MELCHOR: Meu Deus! Este anxiño en vez de axudarnos, aínda nos deixa máis confundidos... NARRADOR: Os Reis comezaban a tolear. Todas as cores poderían ser un excelente agasallo para o neno. Erguéndose lentamente do banco comezaron a pasear... cando viron diante deles un fermoso arco iris de todas as cores... GASPAR : Xa sei o que lle regalaremos ao pequeno Sol... un arco iris de ilusións, con todas as cores e todas as cousas belas da terra. A paz do BRANCO, a grandeza do AZUL, a esperanza do VERDE, a riqueza do AMARELO, o sabor da LARANXADA, a forza do VERMELLO e a elegancia do MORADO. Iremos cara o pendello e terá o agasallo máis fermoso do mundo. NARRADOR: E así, felizmente rematou a historia destes magos indecisos. Por iso agora, cada vez que chove e escampa... e o Sol chíscanos un ollo amosándonos feliz o seu ARCO IRIS DE ILUSIÓNS...
FIN