Campo de plumas (mostra)

Page 1

Campo de plumas Antoloxía e tradución de Jesús Castro Yáñez



E/u semento a desorde na orde das túas plumas. E/u érgoas a contrapluma. E/u destrúo a súa lisura. Monique Wittig, O corpo lesbiano

Unha corrente de rastros, un tránsito de ecos Sóubose polo seu esmalte dental. Italia, 2009. Das once tumbas descubertas nun cemiterio do século iv, chamou a atención unha delas: acollía dous esqueletos, en troques dun só, e un deles tiña a cabeza xirada cara ó outro, a quen collía da man: nacía nese mesmo intre a historia dos “amantes de Módena”. Avancemos unha década. Estamos no 2019, e ós amantes fáiselles un test que analiza as proteínas dos seus dentes. Sábese que a ameloxenina, igual cós cromosomas, pode ter a forma Y ou X. A investigación conclúe que a proteína dos dous esqueletos ten a mesma composición e que os amantes eran dous homes. Mais… eran amantes? Eran sequera dous homes? Igual si que eran un home e unha muller, malia que o seu esmalte nos diga o contrario. Ou un home e outra persoa que non era home nin muller. Como non podemos oír o que esas persoas nos dirían sobre si, temos que facerlle caso a iso que interpretamos, ó ler transcrito, no corpo dunha macromolécula. Por suposto que os amantes de Módena non eran homosexuais… ou non exactamente. A homosexualidade apareceu con ese nome na segunda metade do século xix. E ó mesmo tempo, apareceu outro concepto ata entón igualmente descoñecido: a heterosexualidade. Nin unha cousa nin outra existían antes como tal, pois a sexualidade non se correspondía cunha identidade, senón que era o resultado dunha serie de actos e posicións. De feito, Claudio foi o único emperador romano que non mantivo relacións 7


sexuais con outros homes, algo raro para unha época na que o costume era ter actitudes bisexuais. As antoloxías coma esta foron unha das vías que no século xix comezaron a artellar un novo tipo de orgullo fronte ó que o resto do mundo daba en chamar perversión, patoloxía ou crime. Permitían á fin unha consciencia de continuidade cultural, ofrecían unha sostida sensación de pertenza a eses suxeitos inadaptados que á fin se sabían, con alivio, parte dunha comunidade con simpatías e atributos compartidos. E ese urdido chega ata o día de hoxe. Non sempre se sabe o que se sabe, e foi ó ir dándolle xeito a este libro que me decatei con máis claridade de algo que xa tiña interiorizado, tan constante que semellaba invisible: hai unha xenealoxía que nos compón, palabras que nos preceden e que saben os nosos nomes antes de que os digamos. É auga que corre por onde Renée Vivien traduce a Safo e logo Maria-Mercè Marçal escribe unha novela sobre Renée Vivien. Onde Jack Spicer se distancia de Walt Whitman e dialoga con Federico García Lorca, mentres que este último lle compón unha oda ó vello coa barba chea de bolboretas. Onde nos versos de Ocean Vuong resoan os de Emily Dickinson se os achegamos á orella, e onde Néstor Perlongher, de hoxe estar vivo, estaría escoitando con entusiasmo unha canción de Arca e recordando, con sorna, cando lle chamaban marica no patio da escola debido ó seu interese na literatura. Agora, dun xeito ou doutro, na desembocadura de todo iso estás ti. Non sei se viñas acompañando a alguén ou se acaso viches no horizonte unha festa e quixeches participar. Aproveita, xa que mollaches os pés. Quedou bo día para mergullarse. Jesús Castro Yáñez

8


Nota sobre as traducións Todas as traducións son propias agás a dos poemas de Konstantinos Kavafis, que é obra de Yolanda Vilarchao e apareceu publicada no volume Poemas canónicos (Rinoceronte Editora, 2007). Hai casos concretos nos que a tradución non foi directa e se usaron traballos previos como material intermediario: —A tradución dos poemas de Safo segue as versións en inglés de Anne Carson (tamén se consultaron as de Mary Barnard e Aurora Luque), quen propón manter só as partes dos poemas que se conservan e respectar os ocos nos versos. O uso dos corchetes pode significar a destrución do papiro ou o estado ilexible do texto. —A tradución dos poemas de Catulo fíxose coa axuda do traballo publicado por Joan Petit. —A tradución dos poemas de Abu Nuwas fíxose desde as versións en castelán de Anna Gil Bardají e Jaume Ferrer Carmona (tamén se consultou puntualmente o traballo de Jim Colville). —A tradución dos poemas de Wu Tsao fíxose desde as versións en inglés de Kenneth Rexroth e Ling Chung.

9


Agradecementos Este libro débelle moito á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, á Internet e ás amigas que comparten libros. Tamén sería un prisma menos luminoso de non ser pola axuda de Natàlia Peris García, Gonzalo Hermo, Lara Dopazo Ruibal, Alberto Mancebo, Mariano Blatt, Estíbaliz Espinosa, Javier de la Morena, Sergio Fernández Martínez, Carlos Catena Cózar… e máis persoas que escoitaron as miñas dúbidas, achegaron suxestións ou pensaron palabras canda min. Por suposto, a Moisés Barcia e a Anxa Correa quero agradecerlles a confianza, a atención e a compaña ó longo do proceso.

10


Safo

Safo (s. vii a.C. - s. vi a.C) naceu en Mitilene, na illa grega de Lesbos. É unha das primeiras poetas coñecidas da historia da humanidade, e dous mil seiscentos anos máis tarde de escribir os seus versos segue a ser considerada unha lenda e un enigma. Todo canto se coñece da súa obra e da súa vida é fragmentario, pero deixa ver con claridade por que se converteu nunha autoridade indiscutible e, sobre todo, no máximo referente lírico sobre o desexo feminino e o amor entre mulleres.



Algúns din que unha tropa de xinetes, outros a infantería e outros que unha escuadra de navíos é o máis fermoso que hai nesta terra. Mais eu digo que é o que cadaquén ama. É doado que isto todo o mundo o comprenda, pois aquela que a calquera mortal en beleza superaba, Helena, deixou o seu nobre esposo e cara a Troia partiu embarcada. Nin a súa filla nin os seus amados pais ocuparon o seu pensamento, non: ] cativouna ] pois ] con facilidade ] e penso agora en Anactoria1 que está lonxe. Querería ver dela o seu andar, o escintileo da luz no seu rostro, antes cás carruaxes dos lidios ou o máis preparado batallón. ] non podería pasar ] custear unha parte ] ] ] 1

Unha das compañeiras sentimentais de Safo.

13


] ] en dirección a [ ] ] ]2 sen ningún aviso.

2  Dos nove libros que se valora que Safo compuxo, só se rescatou a día de hoxe un poema completo. O resto son fragmentos que sobreviviron nos papiros ou que se coñecen por citas doutros autores antigos. O uso dos corchetes no texto foi proposto por Anne Carson como unha expresión estética da materia perdida nas láminas. Ela di que implican un espazo aberto para a aventura da imaxinación: ó deixar libre o seu camiño, o poema manifestarase con maior claridade.

14


Seméllame igual ós deuses o home que ó teu carón está sentado e atento sente o teu encantador riso mentres conversas, e que arrouba o meu corazón cando te miro e, por un intre, quedo sen fala, é máis: trábaseme a lingua e un lume abúrame por dentro, núbrase a vista e atórdaseme o ouvido; non fago máis que suar, e toda eu tremo coma un vimbio verde. Que estou morta –ou a piques– mesmo me parece. Mais con todo hai que poder, ata quen pouco pode.

15


Mellor era estar morta. Ela chorando marchou entre saloucos repetindo: Que vai ser agora de nós, desgraciadas! Xúroche, Safo, que me pesa marchar. E respondinlle: fas ben, vai e recórdame. Ben sabes que te quixemos. E se non, quero que lembres ] e os bos tempos xuntas. Pois abundantes coroas de violetas e rosas ] colocabas ó meu carón e abundantes grilandas con flores trenzadas enfeitando o teu lene pescozo. E con fragrantes óleos prodigábaste en untar o corpo e nun leito delicada sucumbías ós teus desexos e non había [ templo ou

] nin

16


había que non coñecésemos nin xardín [

] ou danza ] ou coro [

17



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.