'Konrad ou o neno que saíu dun bote de conserva' (mostra)

Page 1

Christine Nöstlinger Konrad

ou o neno que saíu dun bote de conserva

☐ regaláronllo a

☐ gañouno

☐ mercouno

☐ atopouno

Este Libro

A señora Berti Bartolotti estaba a almorzar sentada na randeeira. Tomou catro cuncas de café, tres boliños con manteiga e mel, dous ovos pasados por auga, unha rebanda de pan negro con xamón e queixo e mais outra rebanda de pan branco con foie-gras. Como a señora Bartolotti comía e bebía sen deixar de arrandearse –ben pensado, para que serve unha randeeira se non é xustamente para arrandearse?–, a bata azul clariña íaselle enchendo de pintiñas marróns de café e de pintiñas amarelas de ovo. Por non falar da morea de migallas de pan e de boliños que se lle metían polo colo da bata.

A señora Bartolotti ergueuse da randeeira e botouse a chimpar a pico pé polo salón adiante, ata que lle caeron todas as migallas de debaixo da bata. A seguir, lambeu os dedos, que lle quedaran emboutados de mel. E finalmente díxose a si mesma:

–A ver, neniña, agora vaste lavar e vestir como é debido para poñerte a choiar. Veña, apura!

Cando a señora Bartolotti falaba consigo mesma, sempre se chamaba «neniña». Moitos anos atrás, cando a señora Bartolotti era unha neniña no senso literal, a nai sempre lle dicía:

–Fai tal angueira, neniña! Sécame aquí esta louza, neniña! Cala un pouco, neniña!

E tempo despois, cando a señora Bartolotti xa deixara de ser unha neniña, o seu marido, o señor Bartolotti, dicíalle sempre:

–Amaña aí o xantar, neniña! Cóseme aquí este botón do pantalón, neniña! Vas fregar o piso ou que, neniña?

7

Por tal motivo a señora Bartolotti afixérase a cumprir as ordes e as instrucións única e exclusivamente se levaban o vocativo «neniña». A nai morréralle había moito tempo e o señor Bartolotti levaba moitos anos fóra do panorama; o motivo non nos incumbe: é un asunto privado dela. Sexa como for, o caso é que a señora Bartolotti non tiña ninguén, agás ela mesma, que lle chamase neniña.

A señora Bartolotti meteuse no cuarto de baño. Apetecíalle darse un bo baño quentiño, pero por desgraza a bañeira xa estaba ocupada polos peixiños de cores. Eran sete peixes miúdos e catro grandes que a señora Bartolotti sacara a véspera do acuario para metelos na bañeira, porque lle dera a impresión de que os pobres precisaban un cambio de augas. «Aquí todo o mundo vai de vacacións e marcha de viaxe», pensara a señora Bartolotti, «e entrementres estes peixiños de cores, coitados, pasan o ano enteiro a dar voltas e máis voltas dentro dun globo de vidro».

A señora Bartolotti decidiu conformarse cunha boa ducha tépeda. (Porque no cuarto de baño tiña cabina de ducha amais de bañeira.) O malo foi que a porta pregable da ducha estaba atrancada. Realmente atrancada non estaba: o problema era que non abría porque a señora Bartolotti pasara unha corda catro veces –dúas de ida e dúas de volta– desde a fiestra ata a cabina de ducha para tender os vaqueiros e os xerseis de algodón. E no lavabo aínda tiña máis vaqueiros e xerseis de algodón pendentes de lavar.

–Pois vaste ter que lavar en seco, neniña –díxolle á imaxe que lle devolvía o espello, e coa mesma sacou do armariño do cuarto de baño unha bóla de algodón e mais un frasco grandote. Verteu no algodón o líquido rosado do frasco e

8

fregou con el a cara a conciencia. O algodón tornou de todas as cores. Chupou o rosa da base de maquillaxe, o vermello da barra de labios, o negro do rímmel, o marrón do lapis de cellas, o verde da sombra de ollos e o azul escuro do delineador.

–Que preciosidade! –díxolle a señora Bartolotti ó algodón, e tirou con el para o chan, xusto de par do caldeiriño do lixo que tiña ó pé do lavabo. A seguir sacou do armariño do baño unha morea de tubos, botiños e lapis e volveu pintar a cara de rosa, vermello, negro, marrón, verde e azul escuro. No proceso descubriu que o rímmel estaba practicamente acabado, motivo polo cal escribiu coa barra de labios sobre os azulexos brancos da parede:

MERCAR RÍMMEL!

A continuación colleu a esponxa e borrou con ela unha nota anterior que consignara outro día coa barra de labios nos azulexos (MERCAR PAPEL HIXIÉNICO), porque o papel hixiénico xa o mercara a véspera.

Antes de saír do cuarto de baño, a señora Bartolotti mirouse ben mirada no espello do lavabo para comprobar se tiña aspecto de moza ou de vella, porque había días que parecía moza e había días que parecía vella. Xusto ese día a señora Bartolotti parecía moza. Quedou conforme co que viu no espello.

–Máis moza imposible, guapa a máis non poder –murmurou para si mesma con satisfacción. Todas as engurras dos ollos e da boca quedaran sepultadas baixo a maquillaxe rosa.

A señora Berti Bartolotti non revelaba xamais cantos anos tiña, conque ninguén o sabía. E por tal motivo tiña diversas idades asemade.

9

A señora Meier, unha súa veciña que era ancianísima, sempre se refería á señora Bartolotti como «a veciña moza».

O neto da ancianísima señora Meier, un cativo de nome Michi, chamáballe «a veciña vella».

O señor Egon, que despachaba pos, supositorios e pomadas na farmacia e tiña dúas engurras no cello de tanto ler receitas, dicía:

–Berti Bartolotti é unha muller na flor da vida!

O señor Egon era pola súa vez un home na flor da vida. Tiña cincuenta e cinco anos. E amigábase coa señora Bartolotti dúas veces por semana. Unha vez acudía el á casa dela e a outra acudía ela á casa del. Despois ían ó cinema ou ó teatro, logo ceaban por aí, a seguir baixaban unha copiña e finalmente acababan tomando un café. Dúas veces por semana o señor Egon chamáballe á señora Bartolotti «Bertiti» e a señora Bartolotti chamáballe ó señor Egon «Egui». Mais cando se encontraban pola rúa –os días que non quedaban– ou cando a señora Bartolotti pasaba pola farmacia para comprar un xarope para a tose, daquela ela chamáballe a el «señor boticario» e el chamáballe a ela «señora».

Fóra diso, o resto dos días non falaban nada. Os días de amigarse, por certo, eran sempre sábado e martes.

A señora Bartolotti volveu para o salón despois de botar un bo anaco escrutándose no espello. Sentou outra vez na randeeira, prendeu un puro e púxose a meditar se sería mellor empezar a choiar, ir á compra ou incluso volverse meter na cama. Xusto cando acababa de decidirse pola opción da cama timbráronlle á porta do piso. O timbre soou moi forte e moito tempo. A señora Bartolotti sobresaltouse. Aquel estilo de timbrar era único e exclusivo dos carteiros, bombeiros e repartidores de telegramas.

10

A señora Bartolotti deixou o puro no pratiño de flores e foi abrir. Esperaba que quen timbrara tan forte e tan longo fose o carteiro que entregaba o pagamento dos xiros postais. A señora Bartolotti pasaba a vida agardando por cobrar algún xiro postal, e algunha que outra vez o carteiro íalle entregar algún e todo.

Mil xilins, ou dous mil xilins, ou mesmo cinco mil xilins. Dependía das dimensións da alfombra que vendera a señora Bartolotti.

No xiro postal figuraba, daquela:

BARTOLOTTI & COMPANY ALFOMBRAS ARTESÁS

A empresa Bartolotti & Company era simplemente a señora Berti Bartolotti, sen máis. O de «& Company» inventárao para lle dar á tarxeta de visita un aire máis profesional e maior prestancia.

A señora Bartolotti confeccionaba as alfombras máis fermosas e coloridas da cidade. As tendas de alfombras e de mobles que comercializaban as súas creacións sempre lles dicían ós clientes:

–A señora Bartolotti é unha artista. Unha auténtica artista! As súas alfombras son verdadeiras obras de arte. De aí o seu elevado prezo!

(As tendas de alfombras e de mobles cobrábanlles ós clientes o triplo do que lle pagaban á señora Bartolotti, por iso as súas alfombras saían tan caras.)

A persoa que agardaba na porta despois de timbrar tan forte e tan longo non era o carteiro dos xiros postais, senón o que repartía os paquetes. Bafexou e limpou a suor da fronte.

11

–Como pesa este couso do demo! –dixo, e sinaloulle para un paquetón envolto en papel branco–. Como pouco vinte quilos!

A continuación o carteiro empurrou o paquete polo chan do corredor ata metelo na cociña e a señora Bartolotti asinoulle o recibo e deulle cinco xilins de propina. O carteiro dos paquetes dixo:

–Ata logo.

E a señora Bartolotti dixo tamén:

–Ata logo.

E acompañou o carteiro dos paquetes ata a porta.

Despois colleu o puro que deixara no salón e sentou nunha cadeira da cociña diante do paquetón branco. Levou a man ó cabelo tinguido de louro, pasou os dedos de manicura celeste polas guedellas entesadas a poder de laca e cavilou.

«La seguro que non é, iso segurísimo!», pensou. «A la non pesa tanto. Unha paca de la destas dimensións pesaría como moito cinco ou seis quilos.»

A señora Bartolotti ergueuse e deu unha volta ó redor do paquete. Quería ver se figuraba o remitente. Non o atopou.

Nin sequera o atopou cando envorcou o paquete con moito coidadiño para botarlle un ollo por embaixo.

–Ala, neniña –dixo a señora Bartolotti para si mesma con seriedade–, xa estás facendo memoria!

O caso era que a señora Bartolotti tiña unha adicción: toleaba polos cupóns, os formularios de compra por correo, as ofertas gratuítas e, sobre todo, as promocións especiais. Sempre que nunha revista, nun libro ou nun xornal encontraba unha tarxeta de pedimento despegable ou un cupón recortable, despegaba a tarxeta ou recortaba o cupón, enchía os datos e mandábaos por correo. Era tan adicta ós formularios de pedimento e ós cupóns que xamais paraba a pensar se o

12

obxecto en cuestión lle serviría para algo. Na súa compulsión consumista, a señora Berti Bartolotti xa recibira os artigos máis insólitos: unha enciclopedia de zooloxía en dezasete tomos, un lote de calcetíns de cabaleiro en torzal gris, un xogo de café de plástico de vinte e catro servizos, unha subscrición a unha revista sobre piscicultura e outra subscrición a outra revista sobre o movemento nudista. A maiores, un muíño turco de café (pero que realmente non moía, porque era unha lampadiña para a mesa de noite), dez calzóns de angora de talle XXL e nove cilindros budistas de oración. Así e todo, o obxecto máis delirante que xamais encargara e recibira a señora Bartolotti fora unha alfombra. O día que o carteiro lle fixera entrega daquela horrenda alfombra floreada pola que pagara un prezo indecente, a señora Bartolotti botárase a chorar, sabendo que o dela era unha adicción en toda regra, e xurara que nunca xamais na súa vida había mercar nada por correo. Mais como ocorre sempre coas adiccións, non ben pasara un día e a señora Bartolotti xa estaba enchendo outro impreso de compra:

Si, desexo recibir contra reembolso e con gastos de envío gratuítos 144 (en letra: CENTO CORENTA E CATRO) culleriñas de café chapadas en prata.

A señora Bartolotti procedeu daquela a facer memoria. E nela non lle figuraba compra ningunha. Quitando un paquete gratuíto de macarróns con forma de abeto e unha mostra promocional de muesli gastrosaudable, o único que se lle ocorría era unha oferta especial de broches automáticos cromados que incluía as tenaces e mais o punzón. Pero a

13

tal oferta especial non podía pesar máis de vinte quilos, de maneira ningunha. E as mostras promocionais e os paquetes gratuítos, ben o sabía a señora Bartolotti, pesaban como moitísimo cen gramiños de nada.

«Ó mellor envíamo o bo do tío Alois», pensou a señora Bartolotti. «Igual é que me quere facer un agasallo polo meu día de anos. Ben pensado, o pobre leva trinta anos sen facerme regalos de aniversario. Se agora decidiu enviarmos todos xuntos, o envío pode pesar vinte quilos tranquilamente!»

A señora Bartolotti colleu as tesoiras do ceboliño e cortou o cordel do paquete. A seguir rachou o papel branco en que viña envolvido e levantou a tampa da gran caixa de cartón que apareceu debaixo del. A caixa estaba chea de labras azuis clariñas. E sobre as labras azuis clariñas había pousado un sobre azul. E no sobre líase:

Á atención da señora Berti Bartolotti

Estaba escrito en letras igualiñas, víase que con máquina eléctrica provista dunha cinta ancha. E o caso era que o bo do tío Alois non tiña máquina de escribir, e ademais sempre escribía Berti con «th».

A señora Bartolotti abriu o sobre, tirou del un folio encartado e leu:

Prezada señora Bartolotti: Temos o pracer de enviarlle o produto solicitado. Lamentamos o atraso na entrega, mais as modificacións que recentemente introducimos no noso proceso de produción traducíronse en dificultades imprevistas que ata agora non puideramos solucionar.

14

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.