Como aprendín a ler (mostra)

Page 1

Agnès Desarthe

Como aprendĂ­n a ler



Á que foi a miña adorada nai A todas as miñas señoras B.



Prólogo Aprender a ler foi para min unha das cousas máis fáciles e máis difíciles. Ocorreu moi rápido, nunhas semanas; pero tamén moi lentamente, ao longo de varios decenios. Descifrar unha cadea de letras, traducila a sons, foi un xogo. Comprender para que servía foi unha travesía a miúdo amarga e, ata a escritura deste libro, profundamente enigmática.

9



Como empezou todo (mal) Nacín no mes de maio de 1966. Naquela época, os homes, mesmo os mozos, levaban traxe, gravata e ás veces sombreiro. As mulleres tiñan roupa interior con armazóns, faixas, corpiños. Os peitos, proxectados cara adiante polas costuras, as baleas (eu que sei?), eran afiados, cónicos, moi duros. Non había televisión. Nós tiñamos teléfono, pero non todos os fogares contaban con un. Dous anos máis tarde cambiaron algunhas cousas. Porén, na foto que sacamos nun aniversario ao que nos invitaran ao meu irmán e a min –sería cara a finais de 1967–, eu teño unha pose convencional e seria, ignorante da revolución inminente: xeonllos de bebé cruzados, zapatos de charón nos pés, vestido inmaculado e teso, moi orgullosa do meu bolso de man branco con cremalleira dourada. Aos dezaoito meses teño pinta de ter setenta e tres anos. Unha mañá da primavera seguinte, declaro, mochila ao lombo, que desexo ir ao colexio. A miña nai lévame (daquela non facía falta matricularse… ou se cadra xa estaba matriculada). Non me gusta nada. Ás once e media do mesmo día afirmo que non penso volver. “Non volverei nunca á escola”, digo, coa locución perfecta que enche de orgullo os meus pais e a miña autoridade incipiente que non lles debía resultar tranquilizadora. Con todo, uns meses máis tarde (xa pasou o verán?), entro de verdade. E para sempre, xórdeme gana de escribir. Ao principio non comprendo nada. Non posúo máis que tres recordos moi sucintos: un recendo a clementinas, 11


o misterio das mondas das clementinas en cuestión e o sorprendente nome dunha das mestras: a señora Champion (a quen imaxino, non sei por que, cunha gorra multicolor). Non comprendo o corredor, nin a aula, nin o patio, nin os aseos. Non comprendo que fago alí, quen son aqueloutros nenos de cheiro raro e nomes raros (Didier, Bruno, Véronique…). Pero un día –por resignación?, dó?, iluminación?, costume?– deixo de me facer preguntas. Convértome en colexiala. Ao ano seguinte entro en segundo de infantil. Teño catro anos. Debuxo, pinto con tinta, pinto con gouache, sempre a mesma cousa: unha princesa de fronte, coas mans ás costas (porque me resulta imposible facer os dedos, hai demasiados, móvense todo o tempo, parecen salchichas), cun busto estreito e unha inmensa saia que arrastra ata tan abaixo que permite adiar a espiñenta cuestión dos pés, coas súas dedas, os seus zapatos, todos eses detalles tan cansados de facer. A saia é crucial. A súa amplitude permite facer dela unha especie de cadro no interior do cadro. Empezo trazando o contorno; despois, por dentro, unha serie de liñas horizontais. Sobre cada liña poño moreas de motivos, repetidos, alternos, moi coloridos. Recordo aínda con precisión o agudo pracer do momento no que reencho a saia como se reenche unha páxina de escritura. Non xogo a nada, non saio ao recreo, non teño tempo, non teño amigos, non quero correr, só quero pintar saias. O meu irmán maior aprende a ler. Non me interesa. Para que molestarse se pola noite Dominique, a nosa neneira, nos le contos. As desgrazas de Sophie. Escoito distraidamente. Non consigo concentrarme no argumento. Unha única palabra mantenme aten12


ta; non lla oín nunca a ninguén, nin aos meus pais, nin á mestra. Non sei para que serve nin o que significa. Impídeme concentrarme nas aventuras da desgraciada Sophie. Sospeito que a engade a neneira, que a inventa. Quizais é como un xeito seu de aclarar a gorxa, de tomar alento. É unha palabra curta e non se parece ás demais; érguese sempre illada e déixame pampa. Será en ruso? “Velaí.” É a única palabra que conservo das sesións dedicadas á condesa de Ségur. Ler non serve para nada. Eu o que quero é escribir. Ignoro que existe un vínculo necesario entre estas dúas actividades. Unha casualidade inexplicable fai que o meu irmán maior estea xustamente aprendendo a escribir ese ano. Obsérvoo. Sostén un portaplumas na trémula man esquerda. Eu imítoo. Meto un pau, un pasador, un lapis, na man esquerda e inclínome cara adiante, contendo o alento, coma el. Un día, mentres el dedica todos os seus esforzos a executar as súas liñas de caligrafía –portaplumas na man, mollar na tinta, rascar sobre o papel–, ocorre algo terrible. Ponse a tremer con máis forza da habitual, introduce a pluma no tinteiro, pero o brazo vólveselle tolo, os ombreiros, a cabeza, todo se lle axita. O tinteiro balancéase, envorca, derrámase. Unha mancha de cor índigo, profunda, da cor da noite, eclosiona sobre o seu pantalón de pel de melocotón beixe. “Oh, non!”, dígome. “Que mágoa! O pantalón de pel de melocotón non!” Un material que imaxino moi fráxil e custoso. Cantos melocotóns pelarían para fabricar un pantalón enteiro para un neno de oito anos (o meu irmán é moi alto, a miña nai vísteo sempre con roupa para dous ou tres anos máis)? Cantas froitas sucumbiron para tecer ese material que imita, ata poñer a carne de galiña, a nosa propia pel? 13


“Vai dado”, dígome. “Armouna boa. Manchou o pantalón.” Quedo fascinada pola evidencia indeleble daquela gran flor escura. Entrementres, o meu irmán, que caeu de costas, retórcese no chan. Non é propio del. É un rapaz tranquilo e bo, razoable, moi, moi, moi intelixente. Tan intelixente que saltou un curso. “A escritura”, dígome, “é algo perigoso.” O meu irmán convulsiónase no chan. Non teño medo de que morra, ignoro que quizais teña un tumor no cerebro (durante un tempo pensamos que si, pero ao final non foi así), dígome que a concentración extrema que esixe esa actividade fixo que lle saltase un resorte na cabeza. Penso que o van castigar. Dáme un pouco de pena. Pero non consigo que se impoñan os meus bos sentimentos, non consigo expresar o meu agarimo. Non chamo a ninguén, non lle collo a man, miro a mancha de tinta tan bonita, tan perfecta, untuosa e saturada, na pel de melocotón beixe. No meu interior nace un orgullo: sei que iso non me ocorrerá nunca. Eu nunca verterei o meu tinteiro. Nunca me encherei de manchas. Nesa época corríxese aos zurdos. Obríganos a escribir coa man dereita. Ao meu irmán non puideran obrigalo, resistíase. Que facer? Algún tempo antes quizais lle atasen a man culpable ás costas. Pero estamos en 1970. O seu mestre é retrógrado ata o punto de esixir que se use portaplumas, pero hai límites. Deixa que o meu irmán se debata coa súa zurdeira. Eu, que son destra natural, debuxo e escribo coa man esquerda para facer coma meu irmán, pero mellor. Son unha destra autocontrariada. Un sábado, mentres no tocadiscos soa Tagada voilà les Dalton, cantada por Joe Dassin, realizo a miña primeira 14


liña de escritura. Véxoa coma se aínda a tivese diante dos ollos. Unha serie perfecta de uves en letras inglesas. Un uve que se engancha a un uve que se engancha a un uve, dun lado a outro da páxina. Non vertín nin unha pinga de tinta. As miñas letras están admirablemente formadas, incluído o rabiño que lle permite ao uve engancharse á letra veciña. Sei escribir. Non recordo o momento preciso no que a miña paixón pola grafía sen sentido (liñas de uves, liñas de enes) se converteu en escritura de verdade. Non recordo a miña primeira palabra. Quizais empezase polo meu nome. O meu nome, vaia sorte, empeza por A, a primeira letra do alfabeto A miña mestra chámase señora Bessis. Señora B. Señora 6. Por orde, primeiro vou eu e, xusto despois, a mestra. O resto non ten importancia ningunha, non me interesa, apenas existe. A miña entrada en primaria ten a peculiaridade de que empezou en falso. Estou matriculada na escola feminina da rúa Jenner, no distrito 13 de París. Paso alí un día durante o cal temos que colorear un círculo de vermello. Escoito distraidamente as indicacións: colorear sempre no mesmo sentido, non saírse. Fago borranchos, decepcionada, segundo creo, pola mediocridade do desafío. Axiña me decato de que o fixen mal, axitei o lapis en todas as direccións. O meu caramelo vermello presenta unha singular carencia de uniformidade. Por min que non quede: repaso, reencho os ocos, doulle outra capa. A mestra examina o meu traballo e avalíao. Dez sobre dez. A perfección. Á primeira, o primeiro día de escola, acadei a 15


perfección facendo o contrario do que se me pedía. Non sei se denunciarme. Trátase dunha nota de boa vontade? Asáltame unha dúbida inconfesable, insoportable: será unha incompetente esta mestra do colexio dos maiores? Ao día seguinte, sen explicacións, lévanme ao colexio dos nenos, contiguo a onde pasei o primeiro día. Expulsáronme? Ascendéronme? Descubriron a miña fraude? Consideraron que estaba por encima do simple colorear? As nenas do colexio de nenas non van aprender nunca a ler? E eu, agora que son unha das catro nenas nas dez clases exclusivamente masculinas de toda a escola primaria, terei que afrontar o ensino que temo e polo que finxo desinterese? Distribúennos o noso libro de lectura. Titúlase Daniel e Valérie. Na cuberta hai un neno e unha nena. Non coñezo a ningún neno que se chame Daniel. Nin a ningunha nena que se chame Valérie. Teñen un can que, segundo saberei axiña, se chama Bobi. Eu non teño can. A cousa empeza mal. Aprendo a ler sen me dar de conta. É tan fácil que non entendo por que nos animan, por que nos felicitan. É lóxico, é unha cuestión de son, de música: B e A, Ba. En cambio, o que é moi difícil é o libro. O noso libro de lectura, Daniel e Valérie, que, na miña opinión, está inzado de enigmas. Os dous personaxes e o seu can parécenme moi raros. Están mal debuxados. Levan “suéter”. Nós, na casa, non temos roupa que se chame así. Nós poñemos xerseis. Non sei como é a xente que viste suéter. Non coñezo a ninguén, non vin nunca ningún. A miña ilustración preferida é a da pastelería. No escaparate vense uns pasteis de chocolate. O problema é que o libro non os menciona. Este recordo data quizais de segundo de primaria, da clase do señor Gaufre, que é tan severo que nin se nos ocorre asombrarnos nin rirnos do seu apelido. Miro os pasteis, 16


e, namentres, o señor Gaufre anúncianos que imos estudar o son “an”. O texto, pois, menciona a panadería. “Panadería” é unha palabra, na miña opinión, moito menos interesante que pastel ou pastelería. Non teño ningún problema coa lectura. Teño un problema cos libros. Vanme facer falta máis de dez anos (o que, ao principio dunha vida, é comparable a unha eternidade) para resolvelo.

17



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.