Caitlin Moran
Como ser muller
Prólogo
O peor aniversario da miña vida Wolverhampton, 5 de abril de 1988 Velaquí estou, o día en que fago trece anos. Estou escapando. Escapando dos Túzaros. –Neno! –Xitano! –Neno! Estou fuxindo dos Túzaros no parque que hai preto da nosa casa. É o típico parque inglés de finais dos oitenta. Nada de superficies de seguridade, deseños ergonómicos nin –menos aínda– bancos con asentos de madeira. Aquí todo é cemento, botellas de Corona rotas e herbas bravas. Escapo e estou completamente soa. Sinto que a respiración case se me bloquea na garganta. Teño visto documentais de natureza semellantes, e sei ben o que está a ocorrer. Esta claro que fago o papel de “débil antílope separado da manda”. Os Túzaros son “os leóns”. Sei que isto nunca acaba ben para o antílope, e pronto terei un novo papel: o de “comida”. –Eh, esmoleiro! Levo botas de goma, lentes da seguridade social que fan que me pareza a Alan Bennett, e o abrigo militar do meu pai. Non teño un aspecto moi feminino, admítoo. Diana, a princesa de Gales, é feminina. Kylie Minogue é feminina. Eu son… femi-nada. Así que entendo a confusión dos Túzaros. Non teñen pinta de que se interesasen 7
moito nin a) na iconografía da contracultura nin b) nas imaxes inspiradoras dos travestís radicais. Imaxino que se sentirían igual de confusos con Annie Lennox e Boy George cando apareceron en Top of the Pops. Se non estivesen tan ocupados perseguíndome, probablemente lles contaría algunhas cousas a este respecto. Se cadra diríalles que lin O pozo da soidade, de Radclyffe Hall, a famosa escritora lesbiana que sempre levaba pantalón, e que necesitaban abrir a mente a outros xeitos de vestir alternativos. Se cadra tamén mencionaría a Chrissie Hynde, dos Pretenders, que leva traxes masculinos. E a Caryn Franklin en The Clothes Show… e está guapísima! –Eh, esmoleiro! Os Túzaros detéñense un momento e parecen falar entre si. Minoro o paso ata un lixeiro trote, apóiome nunha árbore e hiperventilo, fóra de control. Estou rebentada. Con máis de oitenta quilos, non estou feita para persecucións trepidantes. Parézome máis a Elmer Fudd que a Zola Budd1. Mentres recupero o alento, reflexiono sobre a miña situación. Sería xenial, penso, ter un can. Un pastor alemán ben adestrado que atacase eses rapaces, de modo case brutal. Un animal en auténtica harmonía co medo e a aprehensión da súa dona. Observo a miña cadela Saffron, unha femia de pastor alemán, a uns douscentos metros. Está envorcallándose alegremente nunha cagada de raposo, axitando as patas no aire, coa ledicia. Parece moi feliz. Hoxe é o seu día de sorte, xa que o paseo está a ser moito máis longo, e máis rápido, do habitual. 1 Elmer Fudd é o personaxe de debuxos animados que sempre persegue a Bugs Bunny, mentres que Zola Budd é unha atleta surafricana.
8
Aínda que evidentemente non é o meu día de sorte, non deixo de sorprenderme cando os Túzaros, tras o seu tête-à-tête, fan unha pequena pausa e logo empezan a tirarme pedras. Isto é un pouco excesivo, penso. E boto a correr de novo. Non fai falta que pasedes tanto traballo para oprimirme!, penso indignada. Xa me tiñades bastante afundida! Sinceramente, bastou con que me chamásedes “esmoleiro”. Só me alcanzan algunhas pedras, e é evidente que non me mancan: este abrigo pasou unha guerra, quizais dúas. Unhas pedriñas non lle fan nada. Está feito a proba de granadas. Pero o que conta é a idea. A idea de que perdan todo este tempo comigo cando poderían dedicarse a ocupacións máis proveitosas, como esnifar disolvente e facerlles uns dedos a rapazas vestidas realmente de rapazas. Coma se me lesen o pensamento, ao cabo duns minutos os Túzaros empezan a perder interese en min. Parece coma se agora fose o antílope do día anterior. Eu sigo correndo, pero eles pararon, e guindan de cando en vez unha pedra na miña dirección, case como distracción, ata que estou fóra do seu alcance. Porén, non deixan de insultarme. –Eh, meu! –berra o máis mangallón dos Túzaros, como despedida ás miñas costas que se afastan–. Eh… maricón! Chego á casa, e choro no chanzo da entrada. A verdade é que a miña casa está demasiado abarrotada para chorar nela. Intenteino noutras ocasións, pero entre un e outro salouco tes que explicarlle a outra persoa por que choras, e no medio do relato entra outra que quere oír a historia dende o principio, e cando te decatas xa contaches a peor parte seis veces e acabas tan histérica que non se che quita o salouco en toda a tarde. 9
Cando vives nunha casa pequena con cinco irmáns menores é máis sensato, e moito máis rápido, chorar a soas. Miro para a cadela. Se foses un sabuxo bo e fiel, lamberíasme as bágoas da cara, penso. En vez diso, Saffron está a lamber ruidosamente a vaxina. Saffron é a nosa cadela nova: “a estúpida cadela nova”. E tamén unha cadela “de palleiro”. O meu pai “conseguiuna” nun dos negocios que fai periodicamente no pub Hollybush, e que implican que nós o agardemos na furgoneta durante dúas horas, mentres el nos trae de cando en vez unha bolsa de patacas fritas ou unha Coca-Cola. Chegado certo punto, saía de repente a fume de carozo traendo algo tan absurdo coma un saco de grava ou un raposo de cemento sen cabeza. –Aí dentro a cousa púxose un pouco fea –dicía, antes de saír a toda velocidade, bastante peneque. Nunha desas ocasións, a cousa absurda que traía era Saffron, unha femia de pastor alemán dun ano. –Era un can policía –dixo orgulloso, meténdoa connosco na parte traseira da furgoneta, onde axiña se puxo a cagar por todas as partes. Certas investigacións posteriores revelaron que, malia que fora un can policía, aos adestradores bastáralles unha semana para decatarse de que sufría un profundo trastorno psicolóxico, e de que lles tiña medo: 1) aos ruídos fortes, 2) á escuridade, 3) a toda a xente, 4) aos outros cans, 5) e sufría incontinencia por estrés.
10
Porén, é a miña cadela e, tecnicamente, a única amiga coa que non teño lazos de sangue. –Queda ao meu lado, vella amiga! –dígolle, limpando os mocos na manga, disposta a animarme de novo–. Hoxe vai ser un día fantástico! Cando remato de chorar, salto o valo lateral e entro pola porta traseira. Mamá está na cociña, “cos preparativos da festa”. –Vai para o salón! –di–. Agarda alí! E NON MIRES A TORTA! É unha sorpresa! No salón amoréanse os meus irmáns, que se materializaron dende todos os recunchos da casa. En 1988 somos seis, oito ao finalizar a década. A miña nai parece unha cadea de montaxe da Ford, e cada dous anos produce, coa puntualidade dun reloxo, un pequeno berrón, ata que a nosa casa está chea a rebentar. Caz (dous anos máis nova ca min, rubia, nihilista) está deitada no sofá. Nin se move cando entro. Non hai outro sitio onde eu poida sentar. –EHEM! –digo, sinalando a insignia que levo na solapa. Nela di: “É o meu ANIVERSARIO!!!!”. Xa esquecín os choros de antes. Auga pasada. –Dentro de seis horas xa non o será –di, inexpresivamente, inmóbil–. Por que non acabamos xa con esta farsa? –Só quedan seis horas de DIVERSIÓN! –digo–. Seis horas de DIVERSIÓN DE ANIVERSARIO. Quen SABE o que pode pasar? Na fin de contas, esta é unha CASA DE TOLOS! Polo xeral son extraordinariamente positiva. Teño a efervescente alegría dunha idiota. A anotación de onte do meu diario di: “Movín a frixideira para o outro mesado da cociña. Quedou XENIAL!”. 11
O meu lugar favorito do mundo, a praia sur de Aberystwyth, ten un tubo do sumidoiro que desemboca alí. Creo firmemente que a estúpida cadela nova é a reencarnación do noso can anterior, aínda que ela nacese dous anos antes de que morrese el. –Pero se se ve que son os ollos de Sparky! –digo, mirando para a estúpida cadela nova–. Sparky NUNCA NOS DEIXOU! Poñendo os ollos en branco con desdén, Caz dáme a súa felicitación. É unha foto miña na que debuxou un nariz que ocupa aproximadamente tres cuartas partes da cabeza. “Lembra que prometiches marchar da casa ao facer os dezaoito para que eu poida quedar co teu cuarto”, poñía dentro. “Xa só quedan cinco anos! A menos que morras antes! Bicos, Caz.” Weena ten nove anos. O tema da súa felicitación tamén é que eu marche e lle deixe o meu cuarto, aínda que son uns robots os que o din, o cal o fai menos “persoal”. Na nosa casa o espazo está moi solicitado, como demostra o feito de que aínda non teño onde sentar. Estou a piques de facelo sobre o meu irmán Eddie cando aparece mamá cun prato cheo de candeas acesas. –Parabéns PARA TI –cántanme todos–. Vin un MONO feliz, cun enorme BANDULLO, e pensei que eras TI! Mamá aníñase diante de onde estou sentada no chan, e téndeme o prato. –Sopra e pide un desexo! –di, toda contenta. –Non é unha torta –digo–. É unha baguette. –Reenchida de Philadelphia –di mamá, alegremente. –É unha baguette –repito–. E só hai sete candeas. 12
–Xa es maior para teres unha torta –di mamá, e sopra ela as candeas–. E cada candea conta por dous anos! –Entón serían catorce. –Non sexas melindreira! Como a miña baguette de aniversario. Está deliciosa. Encántame o Philadelphia. O Philadelphia é delicioso! Tan fresco! Tan cremoso! Esa noite, na cama que comparto coa miña irmá de tres anos, Prinnie, escribo no meu diario: “Fago trece anos!!!! Almorzo porridge, como salchichas con patacas fritas, ceo unha baguette. En total xuntei vinte libras. Catro tarxetas e dúas cartas de felicitación. Mañá danme o carné verde (para maiores) da biblioteca!!!!! O veciño preguntounos se queriamos unhas cadeiras que ía tirar. Dixémoslle que SI!!!!” Miro o que escribín durante un anaco. Debería poñelo todo, penso. Non podo omitir as cousas malas. “Uns rapaces berráronme cousas groseiras no parque”, escribo, devagar. “É porque lles está crecendo a pirola.” Lin dabondo sobre a puberdade para saber que o incipiente desexo sexual fai moitas veces que os rapaces adolescentes se comporten de maneira cruel coas rapazas. Tamén sei que, neste caso, non foi o desexo reprimido o que levou a eses rapaces a tirarme pedras mentres eu corría polo outeiro arriba, pero non quero que o meu diario se compadeza de min. O diario só vai saber que eu levei a mellor parte, filosoficamente falando. Este diario é só para a gloria. Contemplo a entrada que lle dediquei ao meu décimo terceiro aniversario. Teño un momento de lucidez inoportuna. Aquí estou, penso, compartindo a cama cunha nena pequena e usando como pixama a vella roupa interior térmica 13
do meu pai. Teño trece anos, peso oitenta quilos, non teño cartos nin amigos, e os rapaces tíranme pedras cando me ven. É o meu aniversario e deiteime ás sete e cuarto da tarde. Vou á última páxina do meu diario, onde están os meus proxectos “a longo prazo”. Por exemplo, “Os meus puntos negativos”. Os meus puntos negativos 1) Como demasiado. 2) Non fago exercicio. 3) Teño ataques de rabia. 4) Pérdoo todo. Escribín “Os meus puntos negativos” a noite de fin de ano. Un mes despois fixen o informe dos meus progresos: 1) Xa non como galletas de xenxibre. 2) Saco a pasear a cadela todos os días. 3) Estouno intentando. 4) Estouno intentando. Debaixo de todo isto, debuxei unha liña e fixen unha lista nova: Cando teña 18 anos 1) Adelgazar. 2) Ter roupa boa. 3) Ter amigos. 4) Adestrar ben o can. 5) Perforar as orellas? Oh, Deus. Non teño nin idea. Non teño nin idea de como poderei converterme en muller. 14
Cando Simone de Beauvoir dixo que “unha muller non nace, faise”, non sabía a razón que tiña. Nos vinte e dous anos que pasaron dende o meu décimo terceiro aniversario, a miña visión sobre o feito de ser muller fíxose moito máis positiva –para ser sincera, todo mellorou considerablemente cando conseguín un carné de identidade falso, un portátil e unha blusa bonita–, pero, por moitas razóns, non hai agasallo máis cruel ou máis desapropiado para unha nena que unha boa dose de estróxenos e un par de tetazas. Se alguén me preguntase que quería polo meu aniversario, creo que pediría un cheque-agasallo para comprar libros ou un vale para C&A. Nesa época, como podedes ver, estaba demasiado ocupada pelexando cos meus irmáns, adestrando a miña cadela e vendo os musicais clásicos da MGM, de modo que non tiña oco na axenda para a idea de converterme en muller, ata que finalmente me obrigou a miña glándula pituitaria. Facerse muller é un pouco como facerse famosa. Pois, de ser benevolamente ignorada por todos, que é a situación da maioría dos nenos, unha adolescente de súpeto vólvese fascinante para os demais, que empezan a bombardeala con preguntas: Que número usas? Xa o fixeches? Queres deitarte comigo? Tes carné de identidade? Queres darlle unha calada a isto? Saes con alguén? Usas protección? Que moda segues? Sabes andar con tacóns? Cales son os teus heroes? Vas facer a depilación brasileira? Que clase de porno che gusta? Pensas casar? Cando vas ter fillos? Es feminista? Só estabas flirteando con ese home? Que queres facer? QUEN ES? Todas preguntas ridículas para unha nena de trece anos só porque xa necesita suxeitador. Podíanllo preguntar igualmente á miña cadela. Eu non tiña nin idea. 15
Pero, igual ca un soldado lanzado a unha zona de combate, tes que buscar respostas, e axiña. Tes que recoñecer o terreo, trazar un plan, definir os teus obxectivos e, despois, actuar. Porque unha vez que as hormonas entran en acción, non hai xeito de paralas. Como descubrín enseguida, es un mono atado no interior dun foguete; o elemento dunha bomba de reloxería. Non hai un plan de escape. Non podes suspender todo ese proceso, por moito que o desexes. Esta merda vai ocorrer, tanto se che gusta coma se non. Hai quen intenta detelo, por suposto: as adolescentes que tratan de gañar tempo volvendo agresivamente ao momento en que tiñan cinco anos, e obsesionándose con cousas infantís, e co rosa. Enchendo as súas camas de osos de peluche para deixar claro que non hai espazo para o sexo. Falando coma nenas pequenas para que non lles fagan preguntas de adulto. No colexio vía como algunhas das miñas compañeiras optaban por non ser mulleres activas –saíndo ao mundo, decidindo o seu propio destino–, senón princesas, que só agardaban a que alguén as “atopase” e casase con elas. Aínda que, naturalmente, naquel momento eu non o analizaba así. Só me daba conta de que Katie Parkes pasaba as clases de matemáticas debuxando corazóns cun boli nos cotenos e ensinándollos a David Morley, que, en xustiza, tería que experimentar as súas primeiras mostras de excitación sexual ao ver as miñas longas e exemplares divisións. No extremo máis disfuncional están, por suposto, as rapazas kamikaze, que libran unha guerra contra a súa pituitaria, intentando matala de fame ou levala á derrota coa anorexia ou a bulimia. Pero o problema de loitar contra unha mesma é que, incluso cando gañas, perdes. Nalgún momento –chea de cicatrices, e exhausta–, ou aceptas que te tes que converter 16
en muller –que es muller– ou morres. Velaquí a brutal verdade que subxace na adolescencia, e que a miúdo é unha longa e dolorosa guerra de desgaste. Esas rapazas que se autolesionan, cunha celosía de cortes de coitela nos brazos e nas coxas, só se están lembrando a si mesmas que o seu corpo é un campo de batalla. Se non tes estómago para as coitelas, unha tatuaxe tamén serve; ou mesmo o golpe seco da pistola para perforar as orellas en Claire’s Accessories. Ala. Xa está. Deixaches unha marca no teu corpo, para reivindicarte, para lembrar onde estás: dentro de ti. Nalgún lugar. Nalgún lugar do teu interior. E, igual que cando che toca a lotería ou te fas famosa, non hai ningún manual para facerse muller, malia ser tan importante a aposta. Ben sabe Deus que o busquei cando tiña trece anos. Unha pode ler sobre as experiencias doutras persoas –coma se intentases copiar de antemán para un exame–, pero pareceume que isto, de seu, era problemático. Pois a historia ofrece exemplos de mulleres que –contra todo prognóstico– chegaron a ser auténticas mulleres, pero que acabaron capitulando, vivindo unha vida infeliz e chea de dificultades, ou destruídas porque a sociedade que as rodeaba seguía equivocada. Móstralle a calquera rapaza unha das nosas heroicas pioneiras –Sylvia Plath, Dorothy Parker, Frida Kahlo, Cleopatra, Boadicea, Xoana de Arco– e na maioría dos casos estaraslle mostrando unha muller que acabou esmagada. Os triunfos obtidos con moito esforzo corren o risco de verse negados por completo se vives nun ambiente no que as túas vitorias se consideran unha ameaza, algo incorrecto, de mal gusto ou –o primordial para unha adolescente– simplemente que non mola. Poucas rapazas elixirán facer o que está ben –o que está ben no fondo do seu ser intelixente e luminoso– sabendo que quedarán soas. 17
Daquela, aínda que Como ser muller é a historia de todas as veces que eu –desinformada, sen preparación, crendo funestamente que sabía poñer un poncho de maneira estilosa– non souben ser muller, no século xxi, limitarse a contar as experiencias xa non parece suficiente. Si, a vella “toma de conciencia” feminista segue a ter un valor enorme. Cando se fala de aborto, operacións de estética, parto, maternidade, sexo, amor, traballo, misoxinia, medo, ou de como se sente unha dentro da súa propia pel, as mulleres seguen sen contarse moitas veces a verdade, a menos que estean moi, moi bébedas. Se cadra, o incremento do número de mulleres que, segundo os estudos, beben compulsivamente só é un intento de comunicarse entre si por parte das mulleres modernas. Ou, se cadra, débese ao delicioso que está o Sancerre. Sinceramente, apostaría por calquera das dúas opcións. Porén, malia ser vital facer a nosa pequena achega ao que realmente é –e non ao que finximos que é– ser muller, seguimos necesitando tamén un pouco de análise, de polémica e de “isto ten que cambiar”. Xa sabedes. Feminismo. E é aquí onde xorde o segundo problema. O feminismo, pensaredes, xa se encarga de todo iso. Pero o feminismo, hoxe por hoxe, está… parado. Chegou a un punto morto. Nos últimos anos, unha e outra vez dirixinme ao feminismo moderno na procura de respostas, pero descubrín que o que outrora fora a revolución máis emocionante, incendiaria e produtiva de todos os tempos se reduciu, non sei por que, a un par de argumentos cada vez máis débiles, que defenden dúas ducias de feministas académicas nuns libros que só len as feministas académicas, e dos que se fala ás once da noite na BBC4. Velaquí as miñas queixas: 18
1) O feminismo é demasiado importante para que só o discutan os académicos. E, máis pertinentemente: 2) Non son unha feminista académica, pero, polo amor de Deus, o feminismo é algo tan serio, transcendental e urxente que chegou o momento de que o defenda unha desenfadada columnista e crítica televisiva a tempo parcial, cunha ortografía horrible. Se unha cousa é emocionante e divertida quero participar nela, non quedar mirando dende fóra. Teño algo que dicir! Camille Paglia trabúcase DE PLANO con Lady Gaga! A organización feminista Object non sabe o que di cando se fala de pornografía! Germaine Greer, a miña heroína, non entende nada de cuestións transxénero! E por que ninguén fala da revista OK!, dos bolsos de seiscentas libras, das microbragas, da depilación brasileira, das estúpidas despedidas de solteira ou de Katie Price? E, non obstante, son os temas que hai que tratar. E hai que facelo coma no rugby, coa cara afundida na lama e no medio de moitos berros. O feminismo tradicional dirá que estes non son os temas importantes, que debemos concentrarnos nas grandes cuestións, como a desigualdade salarial, a ablación feminina no terceiro mundo e a violencia de xénero. E obviamente son realidades urxentes, vergoñentas e inxustas, e o mundo non poderá descansar ata que se arranxen. Pero todos esoutros problemas máis pequenos, estúpidos e cotiáns intrínsecos ao feito de ser muller son, en moitos sentidos, igual de nocivos para a saúde mental das mulleres. É a filosofía da fiestra rota aplicada á desigualda19
de feminina. Segundo a teoría da fiestra rota, se nun edificio deshabitado se deixa unha fiestra rota sen arranxar, os vándalos sentiranse motivados a romper outras, e acabarán coándose no edificio e acendendo fogueiras, ou converteranse en okupas. De modo similar, se vivimos nun ambiente no que se considera desagradable a peluxe da pube feminina, ou se ridiculiza constantemente a mulleres famosas e poderosas por estaren demasiado gordas ou demasiado delgadas, ou por iren mal vestidas, a xente empezará a coarse no interior das mulleres e a acender fogueiras nelas. As mulleres terán okupas. Está claro que non é unha situación desexable. Non sei a vós, pero a min non me gustaría espertar unha mañá e atopar un feixe de oportunistas no meu vestíbulo. Cando Rudy Giuliani se converteu en alcalde de Nova York en 1993, a súa fe na teoría da fiestra rota levouno a aplicar a política de tolerancia cero. A criminalidade descendeu drasticamente, significativamente, e continuou facéndoo durante dez anos. Persoalmente, creo que chegou o momento de que as mulleres inicien a súa propia política de tolerancia cero coas fiestras rotas da súa vida. Quero unha política de tolerancia cero con Toda Esa Merda do Patriarcado. E velaquí o fantástico dunha política de tolerancia cero con Toda Esa Merda das Fiestras Rotas do Patriarcado: no século xxi, non temos que manifestarnos contra as modelos de talle cero, a pornografía ridícula, os locais de lap dance ou o bótox. Non temos que levantar barricadas nin que empezar unha folga de fame. Non hai necesidade de guindarnos aos pés dun cabalo, nin sequera dun burro. Só temos que mirar estas realidades de fronte, directamente, durante un anaco, e logo botarnos a rir. Cando rimos estamos es20
tupendas. A xente deséxanos cando nos ve rir de forma natural e sinxela. Se cadra non nos desexan tanto cando batemos nas mesas co puño farfallando: “AHH! AHH! Si, xusto así! Vai tomar POLO CU, patriarcado!”, antes de atragoarnos cun bocado de patacas fritas, pero tanto ten. Non sei se podemos seguir falando de “vagas” dentro do feminismo. Segundo os meus cálculos, a próxima vaga sería a quinta, e sospeito que é sobre a quinta vaga cando deixas de referirte a vagas individuais para empezar a dicir sinxelamente que está a subir a marea. Pero se ten que haber unha quinta vaga de feminismo, espero que o trazo que a distinga de todas as anteriores sexa que as mulleres se enfronten ás dificultades, á desconexión e ás conachadas de ser unha muller moderna sen ter que berrar, interiorizar ou rifar, senón simplemente sinalándoas e dicindo: “HA!”. De modo que si. Se hai unha quinta vaga, esta é a miña contribución. O meu caldeiro cheo. Un relato bastante exhaustivo de todas as ocasións en que tiven moi pouca –ou en moitos casos, ningunha– idea… de como ser muller.
21