Gc008

Page 1

GuĂ­a de lectura

47


Ficha técnica Título:

Ano de publicación: Autor: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:

Z

UNHA SOIDADE DEMASIADO RUIDOSA

2006 Bohumil Hrabal Fernando de Castro García Rinoceronte Editora Contemporánea 104 84-934801-7-7 1º e 2º de Bacharelato.

O autor

Bohumil Hrabal (Brno, 1914) estudou Dereito, Historia da Literatura, Arte e Filosofía, ata que os nazis chegaron ao poder e converteron Bohemia e Moravia nun protectorado. Obrigado a deixar a vida académica, Hrabal pasou por diferentes empregos, nos ferrocarrís, nos telégrafos ou nunha planta de recollida de papel vello na rúa Spálená de Praga, experiencia que lle serviu de inspiración para esta novela. Entre as súas primeiras obras figura Trens rigorosamente vixiados, que foi máis tarde levada ao cine e premiado pola Academia de Hollywood. O mundo que describe Hrabal é ás veces triste; o seu estilo, moi vivo e peculiar, reflicte a corrente de consciencia dos seus personaxes comúns e marxinais que nos amosan unha realidade pouco idílica, xenios da vida cotiá, mergullados nela e condenados por ela á insignificancia. Bohumil Hrabal morreu en 1997, cando caeu pola fiestra do hospital onde se atopaba internado, aínda que a aparición do tema do suicidio en varias novelas fai pensar que non se tratase dun accidente. Na actualidade é considerado un dos máis grandes escritores da literatura checa.

48


'

O tradutor

Fernando de Castro é un políglota tradutor que conta con varias traducións en Rinoceronte Editora. Do idioma checo traduciu, ademais de Unha soidade demasiado ruidosa, outra obra do mesmo autor Bohumil Hrabal, Eu servín ao rei de Inglaterra. Neste idioma tamén levou a cabo unha tradución do autor Karel Capek O ano do xardineiro. Conta tamén coa tradución do húngaro da obra Herbario de Sándor Márai.

Trama

Cunha linguaxe moi elaborada e un nivel literario alto, Hrabal descóbrenos a historia de Hant'a, o protagonista da novela. Hant'a é un home que leva trinta e cinco anos facendo balas de papel vello cunha prensa hidráulica nun lúgubre soto de Praga. Leva anos facendo das súas pacas de papel auténticas obras de arte. Aproveita os libros e as láminas con imaxes que lle caen polo buraco do teito do patio para facer todo tipo de fardos creativos. Adoita pór no medio da bala un libro aberto nunha páxina coidadosamente escollida por el. Coa única compaña dos ratos que habitan no soto, Hant'a devora todos os libros que chegan ás súas mans, aos que ve como prezados tesouros. Isto fai que o ritmo de traballo minore e que o seu xefe decote se alporice e perda os nervios. Moitos deses libros lévaos para a súa casa, ateigada ata o estremo por esas obras salvadas da destrución. Hant'a convértese nun home cultísimo especializado en filosofía, arte e literatura e mentres fai as balas ten conversas con todo tipo de personaxes coma Lao Tse ou o mesmo Xesús. Hant'a, enfermo de alcoholismo, vive nunha dualidade: por unha banda adora o seu traballo porque lle permite a exploración dun universo literario que mesmo confunde cos seus propios pensamentos e, pola outra, convive cunha soidade existencial absolutamente asumida. Un día descobre que a poucos quilómetros, nun lugar chamado Bubny, construíran unha prensa xigantesca. Picado pola curiosidade decidiu visitala e todo cambiou respecto da súa visión do mundo. Descobre unha inmensa nave cunha prensa que dunha atacada realiza o traballo de vinte coma el, uns obreiros con tempo de descanso, vacacións pagadas que bebían leite no canto de xerras de cervexa. Observou o bo trato que tiñan entre

49


eles, rindo e gozando do seu tempo alí investido. O que máis lle sorprendeu foi que os empregados nin vían que libros ían á prensa. Horrorizado observou como unha excursión de nenos arrincaba as cubertas dos libros sen o menor reparo. Hant'a deuse conta de que malia o seu esforzo creativo e a súa bagaxe intelectual, un traballador coma el e unha prensa coma a súa non son rendibles nun mundo máis preocupado pola cantidade que pola calidade. Reflexionou moito de volta ao seu soto. Alí decidiu traballar coma aquela xente. Traballou a reo para eliminar aquelas moreas de papel podre que enchían o soto, cun duro esforzo tamén se puxo a beber leite, pero os seus esforzos non fixeron que se librase dunha enorme rifa do xefe. Tres días despois apareceron no soto dous rapaces para substituílo. Hant'a sentiuse decepcionado, fóra de lugar e traizoado pola súa propia prensa, que nin sequera emitira unha queixa nas mans daqueles mozos que a facían traballar sen descanso. Despois duns días vagando pola cidade, completamente alcoholizado e delirante, decide pórlle fin a súa vida da única maneira posible: introduciuse no interior da súa prensa hidráulica.

Personaxes 1 Personaxes principais HANT’A É o único protagonista e personaxe principal da novela. Este personaxe, que exerce á vez de narrador e protagonista, relata a súa vida nun soto de Praga reciclando papel vello cunha prensa hidráulica. Hant'a é un personaxe que posúe unha gran simboloxía: representa, principalmente, o paso do traballo artesanal ao traballo industrial. Tamén representa a devoción pola lectura. Hant'a, deambula pola cidade mesturando as súas lembranzas con pensamentos de Kant, Hegel, Lao-Tse… ou calquera filósofo clásico. O personaxe de Hant'a ten un fondo autobiográfico co autor importante. Hrabal tamén traballou nun soto reciclando papel e tamén era un devorador de libros. Desafortunadamente, tamén existe a teoría do suicidio do autor, inda que non existen probas que o corroboren.

2 Personaxes secundarios MANCINKA Mancinka foi o amor de xuventude de Hant'a. Os dous estaban fondamente namorados, mais o sino do seu amor estará dobremente marcado pola sátira de Bohumil. A primeira vez que Mancinka e Hant'a están xuntos acaba coa completa ridiculización de

50


Mancinka. No baile onde estaban os dous namorados Mancinka sofre unha descomposición e acaba impregnando de defecacións aos asistentes ao baile. A segunda vez que se atopan, despois de cinco anos, Mancinka e Hant'a viven unha apaixonada historia de amor nun hotel de montaña. A súa ilusión remata cando Mancinka chega ao hotel cos esquís impregnados dos seus propios excrementos. O autor castiga cruelmente esta personaxe. Anos despois, xa nunha idade madura, vólvense atopar na casa de Mancinka. O protagonista ve nela a inxustiza, pois ela, que aborrecía os libros, acabará sendo “unha desas persoas sobre as que se escriben libros” e el, cunha vida dedicada á literatura atópase cuns libros que “conspiraron” contra el. Este é o único personaxe, ademais do protagonista, que aparece con nome propio. XITANA Esta xitana foi a compañeira de Hant'a durante algún tempo, ata que os nazis a levaron a un campo de concentración. O protagonista non nos desvela o seu nome porque tampouco el o sabe, non o necesita. Só se facían compañía mutuamente e os dous estaban ben aliviando a súa soidade. Hant'a lémbrase dela varias veces na novela. É un personaxe ao que o protagonista lle tiña bastante estima. TÍO Deste personaxe tampouco sabemos o nome. É o tío de Hant'a, un home xubilado que montou unha locomotora no xardín. Hant'a ve nel o seu futuro porque ambos os dous comparten varias similitudes: Hant'a quere levar alí a súa prensa hidráulica cando se xubile, igual que fixo o tío coa locomotora. Este personaxe tamén está só, non casou, como Hant'a. Cunha linguaxe moi gráfica, vemos trazos do humor negro de Hrabal cando atopan o seu corpo. DÚAS XITANAS Estas dúas personaxes son dúas mulleres que de cando en vez aparecen no soto de Hant'a. Son dúas xitanas que viven deambulando polas rúas de Praga recollendo papel e levándoo ao soto para ganar algo de cartos. Viven explotadas por un xitano que as obriga a recoller lixo, a prostituírse etc. Na traga argumental aparecen varias veces, tanto no soto coma polas rúas. Representan a explotación da muller e a miseria. XEFE O xefe de Hant'a é un xefe ruín e explotador. Pasa o día rifando con el histérico. Non entende o traballo de Hant'a, non valora a creación artística das súas balas. Só quere produción, sen importarlle o trato humano. Ao final consegue o que quere metendo dous mozos alí para substituír a Hant'a.

51


Espazo e tempo En canto ao espazo, a obra deixa ver claramente onde nos atopamos. Toda a trama se desenvolve en Praga, sobre todo no soto onde traballa Hant'a, na rúa Spálená. Temos, asemade, moitas referencias espaciais concretas da cidade como rúas e monumentos. O narrador e protagonista sempre está facendo comparacións entre as cousas que acontecen ao seu redor e nos seus pensamentos coas imaxes que atopa polas rúas da cidade en forma de monumentos. Existen numerosísimas mencións en toda novela aos monumentos da capital checa. Respecto do tempo, ao final da obra o autor escribiu xullo de 1976, que é a data en que rematou de escribir a obra. A trama argumental relata a vida do protagonista, polo tanto, temos moitas retrospeccións temporais en toda a obra. Un dato moi significativo é que case todos os capítulos comezan coa mesma frase: "levo trinta e cinco anos traballando con papel vello". Se a 1976 lle restamos 35 temos 1941, ano en que entrou a traballar no soto. Da súa infancia non temos mención, pero si da súa xuventude, antes de traballar coa reciclaxe de papel, na retrospección onde explica o que lle pasou con Mancinka no baile. Outra retrospección importante é a que se refire ao episodio da xitana. Di que desapareceu pouco antes do remate da guerra, que a levaron a un campo de concentración nazi. Sabemos, polo tanto, que fala da II Guerra Mundial.

;

Propostas didácticas

1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar? c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?

52


2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Capítulo 1 a) Como describe Hant'a o seu traballo? En que consiste e como o fai el? b) "Daquela, mesmo sen querelo fíxenme sabio" (páx. 10). Que significa? c) Que lle aprenderon os libros ao protagonista? Capítulo 2 a) Que lle pasou aos libros da biblioteca de Prusia? b) Que similitude establece Hant'a entre o seu traballo e o traballo do crematorio? c) Como describe Hant'a a súa relación cos ratos? Capítulo 3 a) Que paradoxo se produce coa xente que traballa no subsolo? b) En que ve o protagonista o espírito helénico de Praga? c) Como caracteriza o autor a personaxe de Mancinka? Capítulo 4 a) A que cres que se deben as aparicións de Lao Tse e Xesús? Que significan? b) Quen son as xitanas? Que simbolizan? c) Que é "Bos días, señor Gauguin"? Búscao na rede. Capítulo 5 a) Como é a linguaxe que utiliza o protagonista ao describir como recolleu o corpo do tío? que tipo de humor utiliza o autor? b) Que batalla estaba a desenvolverse nos sumidoiros? c) Como é a historia que vive coa xitana? Por que desaparece?

53


Capítulo 6 a) Que descobre na súa visita a Bubny? b) Por que comeza aquí a súa decadencia? c) Que ve Hant'a na casa de Mancinka? Por que di que os libros conspiraron contra el? Capítulo 7 a) Que significa para o protagonista a presenza deses dous mozos? b) Por Hant'a cre que o peor que lle poden facer é traballar con papel branco? c) Que simboliza a derradeira visita ao sancristán? Capítulo 8 a) Que significa "progressus ad originem e regressus ad fututrum"? b) Que acontece na súa ruta polas rúas de Praga? c) Como morre Hant'a? Que simboliza?

3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu a trama argumental? c) Cres que é unha novela ben estruturada? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Como caracteriza o autor o espazo da novela? Como é a paisaxe descrita na novela? g) Que estilo e linguaxe demostra o autor na novela? h)Comentario de texto:

54


Vin entón como as obreiras e os obreiros, ó pé da cinta, abrían palés de libros traídos polos camións e sacaban deles volumes acabados de imprimir, arrincábanlle-la cuberta e botaban á cinta as páxinas, aínda frescas, que se abrían polo aire, sen que ninguén se parase a mirar, porque non tiñan tempo, e a cinta tiña que estar sempre chea de libros, non consentía pausa ningunha, como facía eu coa miña prensa, non, aquí en Bubny o traballo era inhumano, coma un barco pesqueiro, cando os mariñeiros botan as redes pola popa e despois as recollen separando os peixes grandes dos miúdos nunha cinta transportadora que os leva ás cámaras frigoríficas do interior do barco; aquí igual: daba o mesmo un libro que outro, un peixe que outro. 1. Por que o protagonista queda asombrado ao ver os obreiros? Porque non entende como poden botar os libros acabados de chegar á prensa. Non pode entender como o que é o mellor e o único para el, para estes obreiros non significa nada. 2. Por que di que non tiñan tempo e que a cinta tiña que estar chea de libros? Porque Hant'a se dá conta do ritmo de traballo desta prensa. Dáse conta de que o importante é producir, independentemente da calidade. Observa na prensa o cambio social no concepto de tempo, vixente hoxe en día, e do cambio na forma de traballar. O trato humano e o traballo artesán vense obrigados a deixarlle paso á produción en masa, ao traballo mecanizado feito por obreiros autómatas. 3. Como era o traballo na prensa de Hant’a? Era un traballo moito máis pausado, máis tranquilo. Hant'a facía quince balas ao día. Paquetes coidadosamente elaborados e prensados, cheos de láminas de cores e libros especialmente escollidos. Na prensa de Bubny as balas saen sen descanso, non hai tempo para ler, nin para colocar as láminas, prima a produción, é dicir, prima a xeración de cartos. 4. Unha vez lido o texto analiza as vantaxes e as desvantaxes da produción en cadea. A produción en cadea e a forma de traballar hoxe en día tamén implica vantaxes: á hora de comprar algún produto non temos que encargalo ou esperar por el, podémolo ter decontado nunha tenda. Esta produción en masa tamén permite a exportación a outros países, polo que podemos ter calquera produto do mundo na nosa casa. O principal beneficiario deste tipo de produción é, obviamente, o xefe, pero ao aumentar a produción aumenta tamén o cadro de persoal e é traballo que se xera. Unha das desvantaxes máis importantes da produción en cadea é a despersonalización do traballo. O traballador deixa de ser persoa e convértese en número. Un número que realiza un traballo autómata nun lugar determinado, moitas veces sen saber como é a elaboración total do produto que fabrica. O traballo artesán conserva a calidade e o trato humano. Outra desvantaxe importante que xera é a sobreprodución. Hoxe en día vivimos nunha sociedade desbordada de produtos de todo tipo, sobre todo alimenticios. A cantidade de alimentos que se tiran sen chegar a consumirse é esaxerada e mesmo cruel se pensamos nos produtos que guin-

55


damos ao lixo e na xente que padece de grandes fames. Por non falar da cantidade de plásticos e outros materiais que se utilizan e que non chegarán a usarse. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: un dos máis importantes é o tema do cambio e a adaptación. 1.Por que Hant'a se ve desprazado cando observa o funcionamento da prensa de Bubny? 2. Como cres que foi o cambio na produción industrial neste último século? 3. Que traballos artesáns se conservan hoxe en día? Elabora unha lista e explica en que consisten. 4. Que diferenzas existen entre un artesán e un obreiro de fábrica á hora de traballar? 5. Elabora unha pequena recensión crítica sobre a Revolución industrial iniciada a comezos do século XX en Inglaterra. Outro tema importante é a reciclaxe. A pesar de situarnos nos anos cincuenta, o protagonista traballaba reciclando papel. 1. Que é a reciclaxe? Cantos tipos de reciclaxe hai? 2. Cres que é necesaria? Que acontecería cos recursos naturais se non houbese reciclaxe? 3. Á parte da reciclaxe, que outras formas hai de protexer o medio natural? 4. Un recurso natural importantísimo é a auga potable. Como cres que podemos reciclala? Que medidas podemos tomar para evitar o seu mal uso? 5. Pescuda pola rede información sobre a reciclaxe de papel e realiza un mural gráfico onde expoñas en que consiste, como podemos aforrar o seu uso e como podemos reciclar papel na casa. Podedes colgalos despois na aula. Un tema presente na novela é a explotación humana. Vémolo no protagonista, explotado polo seu xefe e tamén o vemos nas dúas xitanas, explotadas por un xitano mafioso e negreiro. 1. Que é a explotación en termos laborais? 2. Que dereitos humanos rompe a explotación? 3. Que tipos de explotación vemos na sociedade? 4. Que medidas se poden tomar para evitala?

56


5. Unha das caras máis duras da explotación é a infantil. De quen é responsabilidade este tipo de traxedia? Que achegas podemos facer a nivel individual para solucionala? Ao longo da novela observamos que a paixón de Hant'a é o gusto pola lectura. Móstrase en cada parágrafo e en cada liña da novela. A lectura é a vía de escape da miserenta realidade de Hant'a. Para levar a cabo unha obra cunha lingua e un nivel literario destas características, cómpre ser un excelente lector, como demostra Hrabal. 1. Gústache a lectura? Que tipos de libros che gusta ler? 2. Que connotacións positivas implica a lectura? Cres que ten algunha negativa? 3. Cal é o teu libro favorito? De que trata? 4. Que opinas sobre as campañas de animación á lectura? 5. Estás de acordo coa obrigatoriedade dos libros de lectura en materias como Literatura? 6. A que cres que se debe que tanto nenos coma maiores non vexan na literatura unha boa opción de ocio?

57


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.