Gc010

Page 1

GuĂ­a de lectura

71


Ficha técnica

Título: Ano de publicación: Autor: Tradución: Editorial: Colección: n.º de páxinas: ISBN: Target:

Z

PORCA TERRA 2007 John Berger Xoán Abeleira Rinoceronte Editora Contemporánea 268 978-84-935375-9-3 1º e 2º de Bacharelato.

O autor

Poeta, narrador, pintor, guionista e crítico de arte dunha lucidez extrema, John Berger (1926, Inglaterra) estudou na St Edward’s School de Oxford e na Central School of Arts de Londres. Entre 1948 e 1955 traballou como profesor de debuxo e empezou a escribir artigos e ensaios que logo reuniría en senllos volumes titulados Roxo permanente e Arte e Revolución. A súa primeira novela, Un pintor da nosa época, causou tal rebumbio en Inglaterra que o editor se viu obrigado a retirala do mercado. Decidido a levar unha vida inconformista e a ser fiel ao seu “humanismo marxista”, Berger abandonou Inglaterra no 1962 e instalouse en Quincy, unha pequena vila rural da Alta Savoia. A partir de 1972, ano no que a súa novela G. obtén o James Tail Black Memorial Prize e o Booker Prize, a súa sona comeza a medrar xa en todo o mundo de maneira incuestionable, ata devir el mesmo nunha auténtica lenda viva. Entre os seus libros máis célebres, nos que adoita romper o cerco dos xéneros literarios “canónicos”, áchanse Do seu labor, Xeitos de ver, Mirar, Outro xeito de contar, Cara á voda ou Foi aquí onde quedamos, sen esquecer os guións cinematográficos d’A salamántiga, O centro do mundo ou Xonás que fará os vinte e cinco no 2000, películas todas elas dirixidas por Alain Tanner.

72


'

O tradutor

Xoán Abeleira Álvarez traduciu numerosas obras ao castelán tanto de inglés coma de francés. Na nosa lingua, ademais de Porca Terra (Rinoceronte Editora), traduciu O viaxeiro astral de Jack London (Editorial Galaxia e Fundación Caixa Galicia). É autor de varias obras en galego: Animais animais (Espiral Maior), O caribú namorado (Edicións Xerais de Galicia), Un día de caza (Edicións Xerais de Galicia), O nacemento de Nunavut (Edicións Xerais de Galicia), Negra sombra:intervención poética contra a marea negra (Edicións Xerais; Espiral Maior e Fundación Libreiros de Galicia), As nosas sombras no xardín de Serralves (Franouren Ediciones), A pegada de Man (Edicións Xerais de Galicia) e Sedna, a deusa do mar (Edicións Xerais de Galicia).

Trama

Porca terra é o primeiro volume dunha das obras máis xustamente aclamadas do seu autor, a triloxía titulada Do seu labor, cuxos outros dous volumes son Outrora en Europa e Lilac e Flag. Se o primeiro aborda a vida labrega tal e como foi ata hoxe ao longo dos séculos, o segundo e o terceiro narran, con idéntica xenialidade, a emigración dos labregos ás cidades e o seu asentamento, tan desarraigante, nelas. Composto alternativamente de relatos e de poemas, Porca terra é a celebración lírica e tráxica, asemade, dun xeito de entender a existencia que, ende mal, xa está a desaparecer para sempre. Malia estar baseada na vida dunha zona rural da Francia de finais do século XX, os personaxes, as tradicións e os labores evocados nesta obra gardan unha abraiante semellanza cos labregos do noso propio país. O volume complétase cun “Epílogo histórico” no que John Berger explica, por unha banda, o universo e o xacer dos labregos, e, por outra, as causas polas que o capitalismo –e, en concreto, o da Comunidade Europea– teima, segundo o autor, en acabar con esta clase milenaria de “superviventes natos”. Dada a complicada estrutura da obra, dividiremos en catro partes a obra para unha mellor comprensión e análise:

73


1 Relatos curtos Cuestión de sitio Un rapaz vai ao matadoiro coa súa nai, levan unha vaca que xa é vella de máis como para munguila. Cunha linguaxe moi gráfica descríbesenos como matar e despezar a vaca para que deixe de ser animal e se converta en carne. Lembranza dunha xata Relata a historia de Hubert e Marie, dous labregos que axudan a Moselle, a súa vaca, a parir. Hubert axúdaa en todo momento e á xatiña véndena dez días despois. A gran brancura Relato onde se nos conta como Hélène, unha vella de setenta e cinco anos, despois de visitar no cemiterio o seu home e o seu pai, vai cunha cabra ao monte para que se aparee cun castrón. Os dous animais tardan en copular e Hélène desespérase porque xa cae a noite e vai moito frío. Unha muller independente Catherine é unha vella que coa axuda do seu irmán Nicolas e o seu veciño Jean-François, intentan atopar o cano da auga que cincuenta anos antes enterrara o seu irmán Mathius. Despois de tres días atópano e unha vez dragado o depósito, a auga volve correr polo cano. O vento tamén ouvea André é un rapaz que vive coa súa nai e os seus avós. O seu pai morrera cando el era un cativo, polo que se atopa moi unido ao seu avó. Entre as historias que conta o avó Pepé, comeza a matanza do porco, outra vez cunha linguaxe moi gráfica, descríbesenos como era matanza nesta época e neste lugar. Despois da matanza obrigan a André a regresar ao colexio e cando volve o seu avó morrera. Dedicado aos superviventes Martine é unha muller duns cincuenta anos que se atopa nunha cabana no monte con Joseph, un vello ao que acubillou uns anos antes. Alí coidan das vacas, pero un día a súa mellor vaca tolea e escapa. A vaca foi na busca de dous castróns que andaban por alí, pero ao regresar á cabana cae e queda tirada na herba. Martine e Joseph quedan con ela toda a noite pero non poden evitar o seu tráxico final cando ao día seguinte vén o camión do matadoiro.

74


O valor do diñeiro Marcel é un vello labrego que reflexiona sobre os cambios da sociedade, aos que el se resiste. Un día múltano por destilar augardente e anóxase moito. Decidiu secuestrar os dous funcionarios para explicarlles cal é o seu punto de vista sobre a xustiza, pero os dous funcionarios eran demasiado novos e demasiado urbanos como para entendelo e decidiu soltalos. Condenárono a dous anos de cadea. PERSONAXES, ESPAZO E TEMPO Todos os relatos comparten os mesmos personaxes respecto a súa caracterización. Todos son personaxes rurais, normalmente vellos e afeitos á vida do cultivo da terra e da cría de animais. O espazo, a pesar de que non se nos di con claridade que sitio é, tamén é común, pois en todos os relatos temos o agro, o espazo rural. Respecto do tempo, todos os relatos están ambientados nunha época onde se comezan a albiscar os primeiros pasos da tecnoloxía agraria, a comezos do século XX. Se unimos todos os relatos, semella aparecer unha única novela cun único espazo e tempo, onde se relatan as pequenas historias dos habitantes dun mesmo lugar. Coma se o autor nos describise as faenas cotiás dos habitantes dunha única aldea.

2 Poemas Os poemas aparecen intercalados entre estes relatos curtos. A morte de La Nan M. Este é un poema narrativo bastante extenso onde se relata a morte dunha labrega despois de moitos anos de traballo no campo. Cullerón Poema que fai referencia á nai que lles serve a comida aos fillos, comida feita con produtos que aterra ofrece. Pascua Poema que describe a dureza do inverno no campo e na horta, ao mesmo tempo é fermosa e aniquiladora. Escada Este poema describe a vida do campo a través da metáfora dunha escada, coa se se sobe e se baixa apañando so froitos, ao mesmo tempo, tamén se describe cunha linguaxe moi gráfica, o estado dunha vella morta deitada ao lado da escada.

75


Maternidade aldeá A nai que acaba de parir o fillo e lle dá de mamar mesturada cunha metáfora cun campo de nabos. Posta Poema metafórico sobre unha montaña e unha troita. Herba Poema de metáfora de ver a herba coma unha muller. Patacas Poema de loanza ás patacas por toda a fame que quitaron. Os poemas comparten moitas características. Todos son de temática rural, costumista. Case todos son de carácter narrativo e en moitos deles vemos continuas comparacións metafóricas do ser humano e algún elemento do campo ou o da montaña. Continúan, polo tanto, coa liña temática dos relatos curtos.

3 Lucie Cabrol A historia de Lucie Cabrol, a Cocadrille, preséntasenos baixo tres historias, ordenadas de forma cronolóxica respecto a vida da protagonista: As tres vidas de Lucie Cabrol Lucie Cabrol é a protagonista deste novela curta. Marcada desde a nenez pola súa pequenez, sempre foi o branco de burlas e crueldades, sobre todo por parte do seu irmán pequeno Henri, que lle puxo o alcume de Cocadrille, animal mitolóxico semellante ao lagarto que nace do ovo do galo e que enfeitiza cos ollos. Tras a morte dos seus pais e dun dos seus irmáns, Lucie vive con Henri e con outro irmán, o benxamín da familia, Edmond. De moza coñece a Jean, o narrador da historia e ten un amorío con el. Jean, asustado de ter a posibilidade de empreñar á Cocadrille, foxe e non quere saber nada dela. Xa de adulta, un día que segaban a herba fóra da casa, apareceron dous maquis que se refuxiaron alí. En contra dos seus irmáns, Lucie axudounos e despois duns días alí agochados, marcharon. As noticias do seu fusilamento chegaron aos oídos de Lucie e enfadouse moito cos seus irmáns, pois estaba convencida de que foran eles quen denunciaran o agocho dos maquis. Lucie trasladouse a vivir á corte e despois de que esta se incendiase, os dous irmáns decidiron ir falar co alcalde. 76


A segunda vida de Lucie Cabrol A Lucie desherdárona e enviárona a unha pequena cabana apartada da vila, soa e sen visita ningunha pasou moitos anos. O narrador, Jean, despois de corenta e seis anos volveu á vila e buscouna. Lucie cóntalle que aprendeu a sobrevivir recollendo froitos e plantas ventureiros que logo vendía no mercado, ao outro lado da fronteira. Tamén facía contrabando de tabaco. lucie fixera moitos cartos así pero tamén traballara moito. Despois de varias visitas, Lucie propúxolle a Jean casar para non morrer soa no monte e ir vivir con el á aldea. Jean díxolle que o ía pensar, pero xa non lle deu tempo porque Lucie apareceu morta na cabana, cun machado fendido no cranio, pouco tempo despois. A terceira vida de Lucie Cabrol A partir do funeral de Lucie, Jean escóitaa ás veces e fala con ela, mais nunca soubo quen a matou. Un día andaba recollendo arandos e a mirou, deitaba na herba. Xuntos foron ao outro lado da montaña e Lucie ensinoulle como os demais mortos estaban a construír unha cabana para eles dous. Jean por fin se decidiu a casar con ela, pero Lucie desapareceu. El buscouna pero caeu e rompeu un brazo. Volveu á vila e pouco tempo despois instalouse na cabana de Lucie, sabendo que no momento da súa hora, Lucie estaría alí para levalo con ela. PERSONAXES, ESPAZO E TEMPO Coma nos demais relatos e poemas, esta novela continúa coa mesma liña temática que configura toda a obra. Temos o mesmo espazo rural e a mesma época, realmente é exacto aos demais contos, pero un pouco máis extenso. Os personaxes son: LUCIE CABROL: é a protagonista indiscutible. Lucie sempre estivo marcada pola súa estatura, tan pequena que semellaba unha nena. Obxecto de burlas e incomprensión, a sociedade fio de Lucie unha persoa arisca, apartada do mundo e estraña. Ao mesmo tempo, o autor caracterízaa moi positivamente ensinándonos a súa humanidade e bondade. JEAN: é o narrador e segundo protagonista da historia. De mozo quixo estar con Lucie, pero ao pensar nas burlas e no maltrato que os demais terían con el por estar coa Cocadrille, abandonouna. Despois de case medio século andando polo mundo e viúvo aparece de novo na vila. Xa máis maduro e seguro vai onda Lucie para saber como estaba e ao final acaban xuntos, inda que non no mundo material, senón no espiritual. HENRI CABROL e EDMOND CABROL: Son os irmáns de Lucie. nunca quixeron á súa irmá e ao final acaban botándoa da casa. son personaxes crueis con ela e xamais lle fixeron unha visita despois de abandonala na cabana do monte.

77


EMILE CABROL: é o irmán maior de Lucie e o único protector que tivo. Estivo emigrado en París e logo foi á fornte na I Guerra Mundial. Nunca se recuperou das feridas e acabou morrendo. para Lucie era moi importante e un modelo de irmán a seguir. Respecto ao espazo e o tempo, está ambientada na mesma época ca os outros relatos, pero desta vez si temos datos concretos. Tendo en conta que o autor viviu moito tempo na Alta Savoia de Francia, nun ambiente completamente rural, entendemos que lle serviu de inspiración para o relato. Na novela dísenos que vivían na ladea de Brine. Tamén a anciá Lucie atravesaba a fronteira para ir á cidade. Dada a localización da Alta Savioa, podemos entender que atravesaba a fronteira para ir a Xenebra, pero o autor non o quere especificar e ao lugar onde ía Lucie chámalle B... Respecto ao tempo, a novela desenvólvese desde o nacemento de Lucie ata a súa morte, doado de identificar porque Lucie naceu en setembro de 1900 e morreu un mes antes do Día de Defuntos sesenta e sete anos despois.

4 Epílogo histórico Este epílogo final é unha reflexión que o autor realiza sobre a vida labrega e a economía. É un ensaio breve onde expón as súas teorías sobre a supervivencia dos labregos. Explica o seu labor ao longo da historia e como estiveron sempre desprotexidos ante as clases dominantes, a pesar de configurar a clase maioritaria. En termos económicos afirma que son auténticos superviventes alleos ás crises económicas ou épocas de esplendor, pois a súa economía non depende de factores humanos, senón de factores climatolóxicos, pragas etc. En relación con isto, reflexiona sobre as causas do conservadorismo dos labregos e a súa resistencia á aplicación das novas tecnoloxías. Nun discurso de carácter socialista con crítica á economía capitalista, expón a futura desaparición da clase labrega debido á mecanización do traballo e non só en Francia, senón na maioría de país de mundo.

;

Propostas didácticas

1 ANÁLISE PREVIA a) Observa quen é o autor do libro. Coñeces a súa obra? Le a información que nos ofrece o libro sobre el e elabora un pequeno informe sobre a súa vida e a súa bibliografía. Podes axudarte de internet. b) Le o título da obra, que che suxire? Que temas cres que se van tratar?

78


c) Elabora a túa propia historia baseándote na sinopse que aparece na contraportada do libro. Unha vez rematada a lectura compara a túa historia coa do libro, son semellantes? En que coinciden e en que difiren? d) A obra é unha tradución. Cal é o papel que desempeña o tradutor?

2 ANÁLISE DURANTE A LECTURA DA OBRA Comprensión lectora Relatos curtos e poemas (ata a páxina 130) a) Que di a primeira nota do tradutor? Que che a escolla do tradutor de reproducir a fala do galego oriental? b) Que quere dicir a cita bíblica do comezo? c) A quen lle dedica o libro? Por que cres que o fai? d) Que teñen en común todos os relatos da obra? E os poemas? e) Que relación teñen os poemas cos relatos? En que orde aparecen? f ) Que relato foi o que che gustou máis? Resúmeo e explica o porqué da túa escolla. g) Que poema che gustou máis? Explica o porqué da túa escolla. h) Que paralelismo existe entre a sociedade que nos ensina o autor e a sociedade galega da mesma época? A vida de Lucie Cabrol a) Quen é Lucie? Que alcume tiña? Por que? b) Busca información sobre este ser mitolóxico e explica a súa orixe. c) Que infancia pasou Lucie? d) Quen é Jean? Que papel representa na voz da novela? e) Que lles pasou aos irmáns cos maquis? Por que se enfadou Lucie? f ) Onde a desterraron? Como sobreviviu durante tantos anos? g) Como foi o reencontro entre Lucie e Jean? h) Que proposta lle fixo Lucie a Jean? Por que? i) Que lle pasou a Lucie? Quen cres que o fixo? j) Que lle pasa a Jean despois do funeral? k) Como é o lugar onde viven os mortos?

79


l) como é o final desta novela? Gústache? Crea ti o teu propio final. Epílogo histórico a) Resume o epílogo destacando as ideas máis importantes que ofrece o autor. b) Realiza unha valoración crítica do que expón o autor, explicando o teu acordo ou desacordo respecto o que se di no ensaio.

3 ANÁLISE TRAS A LECTURA Propostas didácticas de carácter global 3.1 A obra a) Elabora unha valoración crítica pormenorizada da obra. b) Que che pareceu o tema que xira arredor de toda a obra? c) Cres que é unha novela ben estruturada? Como é a súa estrutura? que ten de orixinal? d) Que che parecen os personaxes? Están ben caracterizados? Quen son os personaxes principais? E os secundarios? e) Cal cres que é o tema fundamental da obra. E os temas secundarios? f ) Como caracteriza o autor o espazo da novela? Cres que aquí é importante o espazo? g) Que estilo e linguaxe demostra o autor na novela? h)Comentario de texto (epílogo, páx. 261): Na meirande parte do Terceiro Mundo, os sistemas terratenentes (en moitos país de Latinoamérica o un por cen dos propietarios posúe o sesenta por cen do agro e o cen por cen das mellores terras), a imposición dos monocultivos a prol do capitalismo corporativo, a marxinalización dos cultivos de subsistencia e o ascenso da poboación, debido unicamente a esoutros factores, provocan que cadora haxa máis e máis labregos reducidos a tal grao de pobreza que, carentes de terra, de semente ou de esperanza, perden toda a súa identidade social. Moitos deses ex-labregos liscan ás cidades, onde conforman unha masa de millóns e individuos como non se vira endexamais, unha masa de vagabundos estáticos, unha masa de asistentes en paro. 1.Que di o autor dos sistemas terratenentes nos países do Terceiro Mundo? Di que os terratenentes destes países posúen practicamente toda a produción e todas as terras de cultivo, o que provoca unha desigual repartición dos beneficios económicos e sociais da

80


agricultura e que deriva en gran pobreza para a maioría e grandes riquezas só para unha porcentaxe mínima da poboación. 2.Que causas provocan a pobreza e desaparición da clase labrega? Os sistemas terratenentes, a imposición dos monocultivos, a marxinalización dos cultivos de subsistencia e o aumento da poboación. 3.Como explica a subsistencia da clase labrega na cidade? O autor afirma que o labrego, obrigado a emigrar debido á pobreza causada pola economía capitalista que lle impoñen, chega á cidade e séntese perdido, ausente nunha sociedade allea a el e da que non forma parte. 4.Por que di que son “unha masa de vagabundos estáticos”? Porque configuran unha masa de millóns de persoas acostumadas a outra vida e que agora se ven obrigados a subsistir nunha sociedade onde non saben desenvolverse, onde non saben traballar. 5.Busca no libro a explicación do tradutor sobre o emprego da palabras “asistentes”. Este termo utilízao o autor á mantenta para explicar que os labregos asisten ao cambio, condenados polo pasado e excluídos do futuro. Son "os que agardan". Existe na lingua orixinal un xogo de palabras, moitos dos labregos e labregas traballaban como criados, asistentes dunha casa. 3.2 Os temas transversais Na novela atopamos varios temas que vertebran o eixe fundamental do argumento: o máis importante é o tema da desaparición da clase labrega. 1. Por que o autor insiste tanto neste tema? Cres que efectivamente estamos asistindo á súa desaparición? 2. Pode a tecnoloxía erradicar unha clase social coma o campesiñado en cuestións de décadas? 3. Que opinas ti da tecnoloxía e da mecanización do traballo? Que beneficios implica e que inconvenientes? 4. Que é a economía capitalista? Existen outras formas de economía? 5. Cres que en Galicia acontece o mesmo, que está a desaparecer a clase labrega? Esta obra está traducida dunha forma moi particular. O tradutor intentou plasmar na novela o sentimento e a fala dos labregos diferente á fala formal e normativa á que estamos acostumados nos textos escritos. Para iso escolleu a fala do Bloque Oriental Galego. 1. Gustouche a solución do tradutor? 2. Define o termo FALA, nun contexto lingüístico. 81


3. Que é un dialecto? Que diferenza existe entre o concepto de dialecto e o de lingua? 4. Como é a fala na zona onde vives? Que trazos dialectais posúe? 5. Que diferenzas fundamentais atopas entre un falante do bloque occidental e un falante do bloque oriental? Outro tema importante na obra é a discriminación de Lucie. É maltratada pola sociedade polo seu aspecto físico e pola súa forma de actuar, diferente á dos demais. Nos demais relatos reflíctese tamén o sentimento de discriminación con esta clase social ao verse condenados á desaparición. 1. Que é a discriminación social? 2. Cres que o ser humano necesita a aceptación social para poder ser feliz? 3. Que consecuencias sociais implica ser un inadaptado? 4. É o mesmo un inadaptado social ca un marxinado social? Explica as diferenzas. 5.Como pode un marxinado social volver adaptarse ao sistema? Ou non pode? 6. Existe discriminación social en Galicia? En que sectores ou grupos de poboación?

82


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.