'A trenza' (mostra)

Page 1

Laetitia Colombani

A trenza



A Olivia Ás mulleres valentes



Trenza s.f. Conxunto de tres guechos ou tres cabos entrelazados.



… Simone, hai un gran misterio no bosque do teu pelo. Rémy de Gourmont Unha muller libre é exactamente o contrario dunha muller fácil. Simone de Beauvoir



Prólogo

Este é o comezo dunha historia. Unha historia nova cada vez. Cobra vida entre os meus dedos. Ao principio está o bastidor; a estrutura ten que ser sólida dabondo para soportar o conxunto. A seda ou o algodón, para a vila ou o escenario. Todo depende. O algodón é máis resistente. A seda, máis fina e máis discreta. Fan falta un martelo e cravos. Sobre todo fai falta ir con delicadeza. Despois vén a tinguidura. É a parte que prefiro. No tear, diante de min, hai tendidos tres fíos de nailon. Coller as febras do feixe, de tres en tres, entrelazalas sen rompelas. E volver empezar milleiros de veces. Gústanme esas horas solitarias, esas horas en que as miñas mans danzan. Que estraño ballet o dos meus dedos, que escriben unha historia de trenza e de lazos. 13


Esta historia é a miña. Porén, non me pertence.

14


Smita Badlapur, Uttar Pradesh, India

Smita esperta cunha sensación estraña, unha urxencia tenra, unha inédita bolboreta no estómago. Hoxe é un día que lembrará toda a vida. Hoxe a súa filla empeza a escola. Smita nunca pisou unha. En Badlapur, a xente coma ela non vai á escola. Smita é unha dalit. Intocable. Os que Gandhi chamaba os fillos de Deus. Fóra das castas, fóra do sistema, fóra de todo. Unha clase á parte, considerada demasiado impura para se mesturar coas demais, unha escoura indigna que cómpre apartar, como se aparta o gran da palla. Hai millóns de persoas coma Smita, que viven fóra das aldeas, da sociedade, na periferia da humanidade. Todas as mañás o mesmo ritual. Coma un disco raiado que repite ata o infinito unha sinfonía infernal, Smita esperta na choza que lle serve de casa, preto dos campos cultivados polos jats. Lava a cara e os pés coa auga que levou a véspera do pozo, o que lles está reservado. Nin valora a posibilidade de tocar o outro, o das castas superiores, malia estar preto e ser máis accesible. Algúns morreron por menos ca iso. Prepárase, peitea a Lalita, dálle un bico a Nagarajan. Despois colle o cesto de xuncos trenzados, o mesmo cesto que levaba a súa nai antes ca ela e que lle dá arcadas só con velo, ese cesto de cheiro persistente, acre e indeleble, que ela leva todo o día como se leva unha cruz, unha carga vergoñosa. Ese cesto é o seu calvario. Unha maldición. Un castigo. Ten 15


que pagar, que expiar algo que debeu de facer nunha vida anterior. No fin de contas, esta vida non ten máis importancia ca as anteriores, nin ca as seguintes, só é unha vida no medio das outras, dicía a súa nai. É así, é a súa. É o seu dharma, o seu deber, o seu lugar no mundo. Un oficio que se transmite de nai a filla dende hai xeracións. Scavenger, un termo inglés que se refire aos que rebuscan no lixo. Unha palabra aséptica para designar unha realidade que non o é. Non hai palabras para describir o que fai Smita. Recolle a merda dos demais coas mans espidas, todo o día. Tiña seis anos, a idade de Lalita agora, cando a súa nai a levou consigo por primeira vez. Mira, e despois falo ti. Smita lembra o cheiro que a asaltara, tan violentamente coma un enxame de avespas, un cheiro insoportable, inhumano. Vomitara á beira do camiño. Haste afacer, dixéralle a súa nai. Mentíralle. Unha non se afai. Smita aprendera a conter a respiración, a vivir en apnea. Hai que respirar, dixo o médico da aldea, mire como tose. Hai que comer. Hai moito tempo que Smita perdeu o apetito. Xa non lembra o que é ter fame. Come pouco, o estritamente necesario, un puñado de arroz diluído en auga que lle impón cada día ao seu corpo remiso. No entanto, o Goberno prometera retretes para o país. Por desgraza non chegaran alí. En Badlapur, coma noutros sitios, defécase ao aire libre. Por todas as partes o chan está emporcado, os regatos, os ríos e os campos, contaminados por toneladas de excrementos. As enfermidades propáganse por eles coma unha faísca pola pólvora. Os políticos sábeno: o que reclama o pobo, antes que reformas, antes que igualdade social, antes mesmo que traballo, son retretes. O dereito a defecar dignamente. Nas aldeas, as mulleres vense 16


obrigadas a esperar a caída da noite para ir aos campos, expoñéndose a múltiples agresións. Os máis afortunados acondicionaron un recanto no patio ou no fondo da casa, un simple burato no chan que chaman pudicamente “retrete seco”, as latrinas que as mulleres dalits van baleirar cada día coas mans espidas. Mulleres coma Smita. A súa rolda comeza cara ás sete da mañá. Smita colle o cesto e a vasoiriña de xuncos. Sabe que debe baleirar vinte casas, todos os días, non hai tempo que perder. Camiña polo lado da estrada, cos ollos baixos, a cara oculta tras un fular. Nalgunhas aldeas, os dalits teñen que avisar da súa presenza levando unha pluma de corvo. Noutras están obrigados a camiñar descalzos: todos coñecen a historia do intocable lapidado polo simple feito de levar sandalias. Smita entra nas casas pola porta de atrás, que lle está reservada; non debe atoparse cos moradores, e menos aínda falarlles. Non soamente é intocable, ten que ser invisible. Como salario danlle sobras de comida, ás veces roupa vella que lle tiran ao chan. Nada de tocar, nada de mirar. Ás veces non recibe nada en absoluto. Unha familia jat hai meses que non lle dá nada. Smita quixo deixar de ir. Unha noite díxolle a Nagarajan que non volvería, que limpasen a súa merda eles mesmos. Pero Nagarajan asustouse: se Smita deixaba de ir, botaríanos. Eles non teñen terra propia. Os jats iríanlles queimar a choza. Ela sabe do que son capaces. “Cortarémosche as dúas pernas”, dixéranlle a un deles. Atoparon este home desmembrado e queimado con ácido no campo do lado. Si, Smita sabe de que son capaces os jats. Así que ao día seguinte volve. 17


Pero esta non é unha mañá coma as outras. Smita tomou unha decisión, que se lle impuxo como unha evidencia: a súa filla iría á escola. Custoulle convencer a Nagarajan. Para que?, dixo el. Pode que aprenda a ler e escribir, pero aquí ninguén lle dará traballo. Se naces para limpar latrinas, seguirás facéndoo ata que morras. É unha herdanza, un círculo do que ninguén pode saír. Un karma. Smita non cedeu. Volveu sacar o tema ao día seguinte, e ao seguinte, e ao outro. Négase a levar a Lalita con ela a facer a rolda: non lle vai ensinar o traballo dos limpadores de latrinas, non vai ver a súa filla vomitando na cuneta, como a vira a súa nai a ela, non, Smita négase. Lalita ten que ir á escola. Ante a súa determinación, Nagarajan acaba por ceder. Coñece a súa muller: ten unha vontade inquebrantable. Esta dalit miúda de pel morena coa que casou hai dez anos é máis forte ca el, sábeo. Así que acaba por ceder. De acordo. Irá á escola da aldea e falará co brahmana. Smita sorriu para si pola súa vitoria. Canto lle gustaría que a súa nai loitase por ela, cruzar a porta da escola, sentar entre o resto dos nenos. Aprender a ler e a contar. Pero non fora posible, o pai de Smita non era un home bo como Nagarajan, era irascible e violento. Pegáballe á súa muller, como fan todos alí. Repetíalle a miúdo: unha muller non é a igual do seu marido, senón que lle pertence. É a súa propiedade, a súa escrava. Ten que se someter á súa vontade. Sen dúbida o seu pai salvaría a súa vaca antes ca a súa muller. Pero Smita ten sorte. Nagarajan nunca lle pegou, nunca a insultou. Cando naceu Lalita, mesmo aceptou quedar con ela. Non moi lonxe de alí matan as nenas ao naceren. Nas 18


aldeas do Rajastán entérranas vivas nunha caixa, baixo a area, nada máis naceren. As nenas tardan unha noite en morrer. Pero alí non. Smita contempla a Lalita, encrequenada no chan de terra batida da choza, a peitear a súa única moneca. É guapa a súa filla. Ten os trazos delicados, o pelo longo ata a cintura, que Smita lle desenreda e lle trenza todas as mañás. A miña filla saberá ler e escribir, dise, e esta idea faina feliz. Si, é un día que lembrará toda a vida.

19



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.