Rafael Fernรกndez Lorenzo
Abecedario de Ricardo Carvalho Calero
Limiar É para min unha fonte de satisfacción e de agradecemento pórlle limiar a un libro da autoría de Rafael Fernández Lorenzo que versa sobre Ricardo Carvalho Calero. Na miña vida estes dous nomes evócanme momentos importantes e decisivos por diferentes motivos. Servíronme de amparo e fóronme de proveito. Axudáronme a sobreporme das adversidades. Ricardo Carvalho Calero foi realmente o fundador da crítica literaria galega e sobre literatura galega, para alén de facer a primeira historia desta merecente de tal nome, e na nosa lingua. Os seu traballos nestes campos da crítica e da historia da literatura convertérono nunha referencia obrigada de todo aquel que fixe a súa atención na rica tradición literaria de Galiza, restaurada de forma cualitativa na segunda metade do século xix e desenvolvida ao longo de todo o século xx cunha vitalidade, orixinalidade e altura que sorprende a quen se achega a ela para coñecela. Pola súa condición de admirado historiador e crítico literario, acudín, cando con 22 anos escribín un mediocre –por incapacidade para superar tópicos moi arraigados– artigo sobre Rosalía de Castro, que pretendía vise a luz pública. Con sumo tacto e educación, o profesor Carvalho nada comentou e recomendoume que llo enviase a Ramón Piñeiro, por ser quen tiña capacidade de decisión para publicalo ou non en Grial. Así fixen, e nesa revista apareceu. Seguín afondando na súa obra crítica, especialmente no seu rosalianismo, pero tamén nas súas clarividentes páxinas dedicadas a Otero Pedraio, a Castelao, ou, como non, a Valle Inclán e a Pardo Bazán, 7
Abecedario de Ricardo Carvalho Calero
desvendando a concepción de Galiza destes escritores en español con rigor, suma racionalidade e innegábel obxectividade. Cando en 1988 presentei a primeira tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro na Universidade Galega, o seu apoio e alento foron esenciais para chegar a bo fin. Visitei en varias ocasións a súa casa para lle pedir consello ou escoitar o seu criterio. Entón aínda comprendín mellor que a súa comedida expresividade non empecía o seu entusiasmo nin significaba impedimento ou reserva sobre o que aparecía como novo –para el seguramente non tanto– se estaba fundamentado e contiña aspectos dignos de seren considerados. Desde logo lembro o seu rostro e a súa intervención como presidente do Tribunal cualificador, nun acto académico, o derradeiro da súa vida, que significou para min moito de amparo, nunhas circunstancias máis que tristes, dolorosas. Este Carvalho dos últimos anos, desde a súa marxinación oficial, mantiña unha euforia e un entusiasmo na divulgación social do seu coñecemento que o levou a percorrer moitas asociacións culturais que demandaban a súa intervención para falar de literatura galega, os nosos clásicos, e a situación da nosa lingua, o seu outro gran tema de ocupación e preocupación. Fixen de chofer seu nalgunha ocasión, pois andaba a pé o profesor Carvalho, e esa era unha limitación que había que superar. Acompañeino en palestras sobre Castelao ou formei parte de ciclos sobre Rosalía, dos que el era o introdutor especial… Sempre o vin riseiro e satisfeito de poder contar con foros populares, tamén afastados das institucións académicas oficiais, el que tiña un respecto reverencial pola institución universitaria. Á marxe dela vivía xa, como reformado e, en boa maneira, proscrito polos que 8
Limiar
elaboraron unha teoría que consideraba o galego unha lingua diferente do portugués, naturalmente para desde ela construír unha normativa españolizante, e deseñar unha planificación lingüística destinada a manter a subordinación do galego fronte ao español. Eran os encargados de darlle sanción científica a unha oficialidade do galego puramente burocrática, que o mantiña como lingua secundaria sen ningún dereito que se sustentase en deberes por parte da administración para facelos reais e prácticos. Foi nos anos inmediatos anteriores a cando se xestaba esta teoría de intención non sancta, ou estando en xestación, cando coñecín a Rafael Fernández Lorenzo, hoxe recoñecido e orixinal narrador da nosa literatura, crítico literario incisivo e pescudador e analista da poesía de Bernardino Graña, como bo poeta e cangués que el tamén é. Debía de ter entón uns 14 anos. Estudaba no Instituto mixto de Cangas onde tamén eu era docente de Lingua e Literatura española, curso 1974-1975. Que rapazas e rapaces!! Canta potencialidade nos afectos, para o coñecemento, para a acción, para o descubrimento do país que neles habitaba ás veces sen sabelo!!! A miña axitada vida de entón non me permitiu seguramente ser un profesor que desenvolvese todas as súas capacidades docentes e beneficiar en maior grao aqueles rapazas e rapaces en todos os aspectos. Porén, o que se perdía en rigor era compensado por unha comunicación colectiva na aula, oralmente e por escrito, que desembocaba sempre na xeneralización de usos da nosa lingua e no aboiar da realidade circundante a través dela. A simple docencia en galego, para alén dos textos escritos estaren en galego, español ou galego-portugués, provocaba unha progresiva e espontánea aparición do soterrado e agochado, de 9
Abecedario de Ricardo Carvalho Calero
forma que, ao cabo, non había excepción: todos e todas, rapaciños e rapaciñas, acababan por revelarse como utentes do noso idioma. O seu mundo real, familiar e amical, o do seu espazo vital, aparecía vencendo o das fotonovelas e demais distantes mitoloxías alienantes. Era mocidade sedenta de mudanza e sensíbel ao que, no fondo, eran. Ademais, tiñan unha gran xenerosidade e eran agradecidos con quen intentaba rabuñar na codia e desvendar o seu mundo máis agochado e ignorado, o noso mundo, Galiza. Rafael era un deles, un rapaciño moi educado, algo serio de máis para a súa idade, esperto, de formas e actitudes especialmente maduras… Non creo que lles falase nunca de Carvalho Calero. Naquel momento o que viamos como urxente e necesario era que o uso do galego aparecese onde estaba expulso, interdito, desaparecido. Por iso na docencia dominaba a oralidade e unha escrita que podía ser xulgada sen moita rixidez en nome dunha tradición literaria e unha gramática, a de Carvalho, que non estaba ditada por unha obsesión normativa reducida ao ortográfico. Había atraso na elaboración de gramáticas apropiadas, carencia de dicionarios galego-galego. Contrastaba co noso desenvolvemento literario e cultural desde mediados do século xix. Porén, estou por asegurar que algunha vez lle indiquei ao meu alumnado que galego e portugués eran dúas variantes do mesmo idioma. Aseveración que, até aquel momento, ninguén puxera en dúbida na romanística. De feito lembro que empreguei textos en portugués, narracións infantís, contiños, elaborados na aula dunha profesora portuguesa, Maria Rosa Colaço, para analizar e comentar a súa estrutura e o seu sentido. Faltaba pouco para que unha democracia controlada e unha autonomía sen intención rexeneradora chegasen, 10
Limiar
non para incentivar e desenvolver o que había de ensino en galego, senón para impedilo, destruílo ou reducilo. Imaxino que, visitando o Instituto de Cangas, hoxe poderían verse os efectos devastadores no uso do galego como lingua vehicular no ensino en relación coa docencia que recibiu Rafael. Sen dúbida o usado hoxe será un galego con suxeición a un estándar fixado, tamén menos vivo, e sobre todo menos estendido, falado e sen megafonía… Algo se fixo con mala intención desde a administración, que vai máis alá da norma para remitir á relación con algo de maior calado e alcance: a relación da nosa sociedade con ela mesma, as expectativas en que a educan, as referencias, pautas ou deseños que a gobernan. Igual que o país se vai debilitando, esmorecendo e destruíndo, así pasa, en proceso paralelo, coa nosa lingua, contando naturalmente cos entusiastas intermediarios internos… Este libro de Rafael Fernández Lorenzo describe a realidade, o mundo básico de Carvalho Calero, un crebacabezas que, organizado no seu conxunto, dá a súa personalidade, o seu pensamento político, a súa concepción creativa, a súa concepción lingüística, a valoración e significado da súa obra polifacética. E informa sobre a súa familia, os seus amigos e coñecidos dalgunha relevancia ou influencia na súa vida ou quefacer profesional, os sucesos que determinaron ou condicionaron a súa existencia… Son tamén as calas esenciais da súa biografía… Ten este dicionario, así gosto de chamalo, un valor impagábel: non reduce a Carvalho Calero a unha faceta filoloxista ou a unha visión parcial centrada na normativa lingüística, para el un aspecto da normalización da lingua que tiña transcendencia para alén diso. Remitía á sociedade, á política, á ideoloxía, ao poder económico, ao papel de Galiza, á lei do Estado… Non era só unha 11
Abecedario de Ricardo Carvalho Calero
cuestión para unha elite intelectual, por máis que el o fose e en grao eximio. O aparente individualismo de Carvalho era unha defensa da súa intimidade, da súa fidelidade ideolóxica e da súa entrega a unha tradición insubornábel, sen pór en máis perigos a súa existencia e a dos seus seres queridos… Era un home de decisións silenciosas, sen ostentación, pero sen maior temor. Non se pregou aos ditados do deseño dun galeguismo harmónico para Galiza, por máis que non for estridente na súa exteriorización. Os feitos falan por el. Este dicionario retrata o seu mundo intelectual e a súa moral de home entregado á tradición inmorredoira dunha Galiza que aspira a ser existente, aquela á que Rafa, desde neno, tamén se ten apuntado, e que o levou a descubrir unha figura tan suxestiva e valiosa, malia os atrancos e descualificacións coas que o mundo oficial se dedicou a ensombrecela, escurecela e desvalorizala… Este libro de Rafael Fernández Lorenzo é un contributo especialmente valioso, pois deixa que sexa Carvalho quen se vaia definindo a si mesmo a través das esteas ou alicerces conceptuais da súa obra intelectual e da súa conduta. Faino con agradecemento e respecto, coa racionalidade entusiasta, de quen, como de mociño, segue descubrindo tantas cousas e esforzos de valor desde nós e sobre nós mesmos que descoñecemos ou non valoramos como debésemos… Francisco Rodríguez Sánchez
12
“O português nom é senom o galego que se fala em Portugal” Carvalho Calero, R., Da fala e da escrita, Galiza editora, 1983, páx 19
O Abecedario de Carvalho Calero é, basicamente, un vocabulario literario do autor. A proposta é ofrecer ao público un libro elemental que nos dea as claves para comprender dun xeito ameno e pedagóxico o grande intelectual. A lectura deste manual non se rexe conforme a pautas cronolóxicas ou temáticas, senón por algunhas acepcións ordenadas alfabeticamente que o lector ou lectora ha de procurar a eito e aleatoriamente entre aqueles conceptos que considere oportuno, seguindo a curiosidade ou o azar ao ritmo marcado polas propias palabras recompiladas. Porén, a brevidade deste traballo pode animar a ler as súas páxinas por orde alfabética, e o obxectivo estará cumprido igualmente. As voces recollidas neste volume non teñen un significado unívoco, pero nalgúns termos as definicións son artelladas coas propias palabras do autor, de maneira que resulta máis doado establecer unha relación cun único significado que non debería levar a equívocos ou enganos. O abecedario contén unhas cincuenta e tantas voces que considerei claves para achegar os trazos máis salientábeis deste gran persoeiro. Algunhas delas moi curtas e 15
outras bastante extensas, que responden a un criterio moi diverso de persoas, lugares e feitos decisivos na súa vida e obra. Entendo que sempre haberá eivas e ausencias e que non conformará a todos por igual, pero o meu obxectivo é o de divulgar aqueles aspectos que considerei que para el eran urxentes e relevantes e que repetiu unha e outra vez, especialmente nos últimos anos da súa vida: a única esperanza para a supervivencia do galego está na unidade lingüística galego-portuguesa, o idioma da Galiza como parte da lingua portuguesa. Tamén refería que era preciso a recuperación da nosa ortografía xenuína e un especial coidado á morfosintaxe dos nosos irmáns nunha concordia lingüística que integrase a peculiaridade do galego sen subordinar a identidade da nosa idiosincrasia como nación e como pobo.
16
A Anteproxecto de Estatuto de Autonomía
Carvalho Calero elabora xunto con Luís Tobío un Anteproxecto de Autonomía para Galiza de concepción federalista, moi superior en competencias ao plebiscitado en 1936, no que se establecía que “Galiza era un estado libre dentro da República Federal Española”. O anteproxecto foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos, acompañado dun informe económico preparado por Alexandre Bóveda. Aquel estatuto era moito máis satisfactorio para Galiza que o presente, pero nunca chegou a materializarse porque a Constitución española da República foi de carácter unitario e non federalista. Os pormenores da confección do devandito anteproxecto cóntanolos o propio Carvalho Calero en conferencias e artigos de opinión coas súas propias verbas: Tobio e mais eu nos pugemos a trabalhar na biblioteca da Faculdade de Direito —neste mesmo, edifício— na redacçom de um anteprojecto de Estatuto de Galiza, comezamo-lo com esta declaraçom: «Galiza é um Estado livre dentro da República Federal Espanhola». Dávamos, pois, por descontado, nom já que a República ia ser federal, mas que a República era federal, e que a ordenaçom constitucional encomendada a umhas Cortes ainda nom reunidas, nom ia alterar esse feito, senom articular, regulamentar esse feito, que, como a forma republicana de governo, era um postulado estabelecido pola revoluçom pacífica — pacífica, mas revoluçom— o 14 de abril triunfante. [...]1
1 [Discurso no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o 27 de Junho de 1986]
17
Rafael Fernández Lorenzo
Este Anteprojecto foi apresentado à Assembleia que se celebrou no Paraninfo ou Salom de Actos da Faculdade de Medicina os dias 17, 18 e 19 de decembro, à que eu assistim com umha credencial de técnico. [...]2
Desta asemblea saíu o proxecto de Estatuto para ser plebiscitado, pero houbo que adialo debido á disolución das cortes e o triunfo da dereita nas eleccións. Coa vitoria da Fronte Popular nos comicios de 1936 resucitouse a idea do plebiscito, e o 28 de xuño realizouse a votación, cunha participación do 75 % dos electores censados, e un número de votos afirmativos case igual ao de votantes. No transcurso do debate do anteproxecto foron especialmente conflitivos dous puntos do texto: o relativo á capitalidade e á cooficialidade das dúas linguas, que deron lugar a un debate acalorado entre Montero e Bóveda. Montero defendía como única lingua oficial de Galiza o castelán. Bóveda respondeu ao seu discurso defendendo a cooficialidade do galego e o castelán, cun relatorio que emocionou e convenceu a asemblea, que acabou ratificando o seu criterio.
2 [Discurso no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela o 27 de Junho de 1986]
18
Abecedario de Ricardo Carvalho Calero
Academia Galega
Carvalho Calero ingresa na Academia Galega o 17 de maio de 1958 co discurso Contribuiçom ao estudo das fontes literárias de Rosalia, seguido da resposta de Ramón Otero Pedrayo. Unha data que por entón non era o Día das Letras, porque ninguén se acordaba de que o 17 de maio Rosalía firmara a dedicatoria de Cantares Gallegos. Otero Pedrayo, Ferro Couselo e Cuevillas asinaron a proposta de Carvalho Calero como numerario para a Academia, de maneira que entrou baixo a amparo dos ourensáns, do grupo Nós. Naquel tempo a Academia era acéfala, o seu presidente, Manuel Banet, estaba enfermo e retirado da vida pública. A principal aspiración da entidade era a redacción dun dicionario galego, pero ao morrer o principal axente dela, César Vahamonde Lores, acabou por ser abandonado o proxecto. A institución eminentemente lingüística e literaria derivou nun organismo máis apegado á Historia Xeral. A entidade académica tende a estancarse. Nos tempos de Murguía a Academia consideraba o galego e o portugués como dúas formas dun mesmo sistema. As desmembrazón desta familia (portugués-galego, valenciano-catalán) debilita este sistema periférico, mentres que o castelán non admite unha filosofía semellante.
B Bóveda, Alexandre
No momento da proclamación da República en España había unha grande esperanza de refacer as estruturas do Estado. Todos estaban moi ilusionados, e os actos 19
Rafael Fernández Lorenzo
públicos do Partido Galeguista multiplicáronse con grandes oradores como Castelao, Otero Pedrayo e Bóveda, que se foi revelando como un excelente orador, cando a súa tarefa estaba máis ben orientada ás finanzas e á infraestrutura dos actos de propaganda. As intervencións de Bóveda eran moi ben acollidas porque complementaba as calidades dos outros dous grandes oradores: Frente ao lirismo de Otero Pedrayo ou á eficaz actuazón dun Castelao, que sabia punzar a mente e o corazón do público co seu tratamento humorístico e sentimental, ou a particular maneira de actuar de Suárez Picallo, dotado dunha voz poderosa e curtido na loita sindical en América, Bóveda argumentava con números, sinalava feitos concretos apoiados nas matemáticas, e desta maneira havia un conxunto, unha equipa mui eficaz, mui compenetrada, mui completa.3
Carvalho Calero carteábase con Bóveda e con Castelao, no seu “desterro”. Bóveda mostrábase satisfeito do ambiente que vivía en Cádiz e manifestaba que era tratado con simpatía e considerazón, mentres que Castelao estaba desgustado en Badaxoz porque se atopaba rodeado de persoas de ideas anticuadas e pouco democráticas. As testemuñas revelan diferenzas de trato, de conduta, de organización e de etiqueta social en Badaxoz e en Cádiz. Toda esta correspondencia que Carvalho Calero conservaba en Ferrol, coa intención de publicala, desapareceu sen deixar rastro. Quizais foi a súa propia familia a que queimou todos aqueles documentos que podían comprometelos.
3 FERNÁN-VELLO, M. A. / PILLADO MAYOR, F., 1986, páx. 76.
20