Diรกlogos de mortos
1 Dióxenes e Polideuces [1.1] Dióxenes: Polideuces, vouche encargar que, tan pronto subas –pois tócache revivir mañá, creo–, se ves por algures a Menipo o can1 –poderías atopalo en Corinto polo Craneo ou no Liceo ríndose dos filósofos que rifan entre eles– lle digas: “Menipo, se xa te riches dabondo do que pasa enriba da terra, Dióxenes invítate a vir aquí para que rías moito máis. Pois alí o motivo da túa risa aínda está en dúbida e dise moito iso de ‘quen sabe de certo o que hai despois da vida?’. En cambio aquí non deixarás de escachar coa risa, igualiño que eu fago agora, e maiormente cando vexas ricos, sátrapas2 e tiranos tan anódinos e insignificantes, recoñecibles unicamente polo pranto e polo amolecidos e desleigados que están ao recordaren as cousas de arriba”. Dille isto e mais que veña coa alxibeira ateigada de chícharos bravos en cantidade, e se acaso atopa na encrucillada de Hécate comida ciscada ou un ovo dun sacrificio ou algo así3, que o traia tamén. Polideuces: [1.2] Vou logo darlle a mensaxe, Dióxenes. Pero para que poida recoñecelo ben, que pinta ten? Dióxenes: Vello, calvo, con capeirete esburacado, despregado ao vento e cunha mestura de remendos de 1 Alcume dos filósofos cínicos. 2 Gobernadores do imperio persa. 3 Nas encrucilladas colocábanse estatuas da deusa e a xente depositaba diante delas comida como ofrenda á divindade. 17
Luciano de Samósata
ciringallos, ri sempre e búrlase moito deses filósofos tarabelos. Polideuces: Con estes datos é doado atopalo. Dióxenes: Déixasme que che dea un encargo tamén para eses mesmos filósofos? Polideuces: Fala; non é molestia. Dióxenes: Recoméndalles que se deixen por completo de lerias e de discutir de todo e de se poñer cornos os uns aos outros e de facer crocodilos4 e de exercitar a mente facendo semellantes preguntas sen solución. Polideuces: Pero van dicir que eu, un ignorante e un inculto, critico a súa sabedoría. Dióxenes: Pois dilles da miña parte que a vaian rañar5. Polideuces: Tamén iso lles comunicarei, Dióxenes. Dióxenes: [1.3] Aos ricos, queridísimo Polideuciño, dálles este recado da miña parte: “Por que gardades o ouro, fachendosos? Por que vos torturades calculando os xuros e amoreando talento sobre talento, se de aquí a pouco tedes que vir cun óbolo pelado?”.6 Polideuces: Tamén isto se lles dirá a eses. 4 Refírese a dous siloxismos capciosos. O primeiro di: O que non perdiches, telo; non perdiches os cornos, daquela telos. O segundo, o propio Luciano reprodúceo na súa obra Poxa de vidas 22. Un crocodilo colle un neno perdido preto do río e promételle a seu pai devolverllo se este é quen de dicir o que el pretendía facer no tocante a devolverllo ou non. A pregunta que lle fai é a seguinte: “Vouche devolver o neno, si ou non?”. No suposto 1 o pai responde: “si”. O crocodilo: “Equivócaste”, e polo tanto come o neno. No suposto 2 o pai responde: “Non”. O cocodrilo: “Tes razón”, e polo tanto come o neno. O pai sempre perde e o crocodilo sempre gaña. 5 Literalmente ‘que choren’. 6 O talento é a moeda de máis valor e o óbolo a de menos. Cando un morre, toda a riqueza é innecesaria, pois abonda con ter un óbolo, que é o que cobra o barqueiro do inferno por levar un morto ata o máis alá. 18
Diálogos de mortos
Dióxenes: Pero dilles tamén aos guapos e aos rexos, a Mexilo o corintio e a Damóxeno o loitador, que entre nós nin hai cabeleira roxa, nin ollos claros ou escuros ou rubescencia no rostro, nin músculos tonificados ou ombreiros fortes, senón que entre nós todo o que hai é cinza, como quen di, cranios desprovistos de beleza. Polideuces: Non me será difícil tampouco dicirlles isto aos guapos e rexos. Dióxenes: [1.4] E aos pobres, laconio, que son moitos e están abafados pola situación e se doen da súa laceira, dilles que non choren nin laien, despois de lles contar a igualdade que hai aquí, e que van ver que os ricos de alí non son mellores ca eles. E aos teus lacedemonios ponlles tacha da miña parte, se che parece, dicíndolles que están dexenerados. Polideuces: Dos lacedemonios non digas nada, Dióxenes, porque non o vou aturar. Os recados que me deches para os demais, voullos dar. Dióxenes: Deixemos a estes, xa que é o teu parecer. Pero aos que che dixen antes lévalles as mensaxes da miña parte.
19
2 Caronte e Menipo [2.1] Caronte: Paga a pasaxe, lampantín! Menipo: Berra, Caronte, se iso che gusta máis. Caronte: Dígoche que me pagues por te carrear. Menipo: Nada poderías conseguir de quen nada ten. Caronte: Pero hai alguén que non teña un óbolo? Menipo: Se hai alguén máis non o sei, pero eu non o teño. Caronte: Pois por Plutón que te vou esganar se non pagas, canalla. Menipo: E eu vouche partir a crisma zoscándoche co pau. Caronte: Daquela terás feito de balde unha travesía tan longa. Menipo: Que che pague Hermes por min, que foi o que me entregou a ti. Hermes: [2.2] Vaia ganancia, por Zeus, se aínda por riba vou ter que pagar polos mortos! Caronte: Non te deixarei. Menipo: Daquela achega a barca a terra e espera. Pero como poderías conseguir o que non teño? Caronte: E ti non sabías que había que traelo? Menipo: Sabía, pero non o tiña. E daquela que? Por iso non tiña que morrer? 20
Diálogos de mortos
Caronte: Vas ser o único en te alaudar de facer a travesía gratis? Menipo: Gratis non, amiguiño; achiquei, manexei o remo e fun o único dos pasaxeiros que non chorou. Caronte: Iso non ten que ver co barqueiro. Tes que pagar o óbolo. É de lei que non sexa doutra maneira. Menipo: [2.3] Daquela lévame de volta á vida. Caronte: Ten graza o que dis, para que aínda por riba leve unha tunda de Éaco por iso. Menipo: Daquela non me amoles. Caronte: Amosa o que levas na alxibeira. Menipo: Chícharos bravos, queres?, e a cea de Hécate7. Caronte: De onde nos trouxeches o can este, Hermes? Que maneira de latricar durante a travesía, ríndose e burlándose de todos os pasaxeiros e cantando el só mentres aqueles laiaban. Hermes: Non sabes que home carreaches? Un home completamente libre; non se preocupa por nada. Este é Menipo. Caronte: Como te colla algún día! Menipo: Se é que me colles, amiguiño; pois dúas veces non poderías collerme.
7 As ofrendas que lle facían á deusa nas encrucilladas e que Menipo colleu. 21
3 Queixas de mortos a Plutón contra Menipo [3.1] Creso: Plutón, non aturamos a ese Menipo, o can, que é veciño noso. Así que ou o colocas a el noutra parte ou liscamos nós a outro sitio Plutón: E que mal vos fai se é un morto coma vós? Creso: Cando nós laiamos e xememos ao nos lembrar do de arriba; Midas, aquí presente, do ouro; Sardanapalo, de todo o boato; e eu, Creso, dos tesouros, el ri e a aldraxa chamándonos escravos e bazofia, e ás veces mesmo perturba os nosos laios cos seus cantos; nunha palabra, é un rilón. Plutón: Por que din isto, Menipo? Menipo: É certo, Plutón. Téñolles xenreira a estes por seren ruíns e miserentos; non lles abondou con levar unha mala vida, senón que mesmo de mortos aínda se lembran e se aferran ao de arriba. Xa que logo, gozo amolándoos. Plutón: Pero non é preciso, pois xa sofren ao se veren privados de facendas non pequenas. Menipo: Toleaches tamén ti, Plutón, e estás de acordo cos lamentos destes? Plutón: Non xa, pero non querería que rifásedes. Menipo: [3.2] Pois vós, os máis miserables dos lidios, dos frixios e dos asirios, sabede ben que eu non vou parar. 22
Diálogos de mortos
Onde vaiades, vouvos acompañar, amolándovos, cantando e rindo. Creso: E isto non é unha impertinencia? Menipo: Non, impertinencia era o que faciades vós, cando tiñades a ben que vos reverenciasen e cando menosprezabades os homes libres, sen vos lembrar para nada da morte. Así que agora habedes laiar por estardes privados de todo aquilo. Creso: De moitas e grandes propiedades, oh deuses! Midas: E eu de canto ouro! Sardanapalo: E eu de canto boato! Menipo: Ben, seguide así: vós a lanxir e eu a cantarvos repetindo moitas veces o de “coñécete a ti mesmo”8, porque o retrouso lle acae a esta clase de laídos.
8 Sentenza inscrita no frontispicio do templo de Apolo en Delfos que insta os humanos a tomaren conciencia das limitacións que lles impón a súa natureza mortal. 23
4 Menipo e Cérbero [4.1] Menipo: Cérbero, como son da mesma caste ca ti, por ser can tamén eu9, dime, pola lagoa Estixia, como estaba Sócrates cando baixaba onda vós. Pois é natural que ti, como es unha divindade, non te limites a ladrar, senón que fales tamén coma os humanos cando queiras. Cérbero: De lonxe, Menipo, parecía talmente que se achegaba co rostro imperturbable, dando a sensación de non lle ter medo á morte en absoluto e querendo que iso lles quedase claro aos que estaban fóra da porta; pero logo de que se debruzou cara ao abismo e viu as tebras, como ademais eu trabei nel e o levei a rastro polo pé, porque demoraba por culpa da cicuta10, entón esbagullaba coma os meniños, lanxía polos seus fillos e facía de todo. Menipo: [4.2] Daquela o home era un sofista e verdadeiramente non desprezaba o asunto? Cérbero: Non, pero cando viu que era inevitable, colleu azos, coma se realmente non fose padecer a desgusto o que por forza tiña que padecer, para que os que o contemplaban se admirasen. En definitiva, de todos os que se comportan así podería dicir: ata a porta intrépidos e destemidos, pero dentro quedan claramente en evidencia.
9 Por ser filósofo cínico, aos que alcumaban “cans”. 10 O efecto da cicuta, coa que mataron a Sócrates, comezaba coa parálise das pernas. 24
Diálogos de mortos
Menipo: E eu que che parecín a ti cando baixei? Cérbero: O único digno da túa caste, Menipo, e antes ca ti Dióxenes, porque non entrastes pola forza nin a empurróns, senón de maneira voluntaria, rindo e mandando a todos a rañala11.
11 Vid. nota 5. 25