A miña familia e outros animais (mostra)

Page 1

Gerald Durrell

A miña familia e outros animais

Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o ☐ merc no o ☐ atop u

bro



A miña nai

É unha melancolía propia, composta de moitas simples, extraída de moitos obxectos, e máis precisamente a contemplación miscelánea das miñas viaxes, que, pola continua reflexión, me envolve nunha caprichosa tristura. Shakespeare: Como gustedes



Discurso para a defensa Ás veces cheguei a crer ata en seis cousas imposibles antes do almorzo. A Raíña Branca, Alicia a través do espello

Este é o relato dos cinco anos que a miña familia e mais eu pasamos na illa grega de Corfú. Nun principio estaba previsto que fose unha descrición lixeiramente nostálxica da historia natural da illa, pero cometín o grave erro de presentar a miña familia nas primeiras páxinas do libro. Unha vez plasmados sobre o papel, procederon a poñerse cómodos e mesmo invitaron uns amigos a compartir os capítulos. Con enorme dificultade e amosando unha astucia considerable, apañeime para reservar aquí e alí algunha páxina que poder dedicarlles exclusivamente ós animais. Nas seguintes páxinas, intentei compoñer un retrato da miña familia preciso e axustado á realidade; aparecen tal como eu os vía. Porén, para explicar algúns dos seus trazos máis curiosos, considero indispensable aclarar que, durante o tempo que estivemos en Corfú, todos eramos bastante novos: Larry, o maior, tiña vinte e tres anos; Leslie, dezanove; Margo, dezaoito, e e eu era o pequecho, e encontrábame na tenra e impresionable idade dos dez anos. En canto a miña nai, nunca estivemos moi seguros da súa idade, pola simple razón de que non é quen de lembrar a súa data de nacemento; todo o que podo dicir é que era maior dabondo para ter catro fillos. Miña nai tamén insiste en que especifique que é viúva, pois, segundo a súa sagaz observación, nunca se sabe o que pode pensar a xente. Para lograr condensar cinco anos de incidentes, observacións e vivencias pracenteiras en algo un pouco menos extenso cá Enciclopedia Británica, vinme obrigado a comprimir, podar e enxertar,

13


de xeito que apenas se conserva algo da continuidade orixinal dos feitos. Tamén me vin obrigado a obviar moitos sucesos e personaxes que me gustaría describir. É pouco probable que se escribise este libro sen a colaboración e o entusiasmo das persoas que menciono a continuación. Fago alusión a isto, para que as culpas recaian en quen teñan que recaer. O meu sincero agradecemento, pois, para: O doutor Theodore Stefanides. Coa xenerosidade que o caracteriza, facilitoume material procedente da súa obra inédita sobre Corfú, e proporcionoume un bo feixe de xogos de palabras malísimos, algúns dos cales empreguei. A miña familia. Eles, á fin e ó cabo, achegáronme de modo inconsciente moito material, e axudáronme considerablemente durante a redacción do libro, discutindo ferventemente e coincidindo moi rara vez nalgún suceso que lles consultei. A miña muller, que me compracía rindo estentoreamente cando lía o manuscrito, para despois confesarme que o que lle facía graza era a miña ortografía. Sophie, a miña secretaria, responsable da inserción de comas e da implacable supresión do infinitivo partido. Quero renderlle unha especial homenaxe a miña nai, a quen dedico este libro. Coma un Noé amable, entusiasta e comprensivo, conduciu con admirable destreza o seu navío, cheo de estraña prole, polos tempestuosos mares da vida, sempre enfrontada á posibilidade dun motín, sempre rodeada dos perigosos escollos dos descubertos bancarios e o desbaratamento, sen estar nunca segura de que a tripulación aprobase o seu rumbo, pero convencida de que cargaría coas culpas cando algo fose mal. Que sobrevivise á viaxe é un milagre, mais sobreviviu, e ademais fíxoo coas facultades mentais máis ou menos indemnes. Como ben sinala o meu irmán Larry, podemos estar orgullosos de como a fomos educando; é mérito noso. Que alcanzou ese feliz nirvana, onde xa nada estraña nin impresiona, demóstrao o feito de que hai pouco, estando

14


ela soa na casa durante unha fin de semana, se viu sorprendida pola súbita chegada dunha serie de caixas que contiñan dous pelicanos, un ibis escarlata, un voitre e oito monos. Un simple mortal asustaríase ante tal circunstancia, pero non mamá. O luns pola mañá, atopeina no garaxe, intentando darlle unha lata de sardiñas a un pelicano que a perseguía furibundo. –Que ben que viñeches, fillo –alasou–. Este pelicano é un chisco difícil de controlar. Ó preguntarlle como sabía que os animais eran meus, replicou: –Como non ía sabelo, fillo? Quen se non ía enviarme pelicanos? Isto demostra o ben que coñece polo menos un membro da súa familia. Finalmente, gustaríame deixar claro que todas as anécdotas sobre a illa e os seus habitantes son absolutamente verídicas. Vivir en Corfú era coma vivir nunha das óperas cómicas máis extravagantes e disparatadas. Penso que toda a atmosfera e o encanto do lugar quedaron perfectamente resumidos nun mapa do almirantado que tiñamos, o cal mostraba con gran detalle a illa e as costas adxacentes. Ó pé, había un breve inciso que dicía: Atención: As boias que sinalan os baixíos adoitan estar fóra do sitio. Advírtese ós mariñeiros que non baixen a garda cando naveguen por esas costas.

15



Primeira parte Hai un certo pracer na tolemia, que ninguén agás os tolos coñece. Dryden: O frade español, II, i



A migración Xullo extinguírase coma unha candea por mor dun vento cortante que marcou o comezo dun plúmbeo ceo de agosto. Caía un froallo agudo e penetrante, que ondeaba en capas grises e opacas cando o vento o alcanzaba. Ó longo da praia de Bournemouth, as casetas viraban os seus inexpresivos rostros de madeira cara a un mar gris verdoso, encadeado de escuma, que rompía ansioso contra o bastión de cemento. O vento empuxara as gaivotas cara ó interior da vila, e agora sobrevoaban os tellados con ás firmes, e chiaban malhumoradas. Era o tipo de clima deseñado para poñer a proba a resistencia de calquera. Vista en conxunto, aquela tarde a miña familia non ofrecía un aspecto moi atractivo, pois o clima trouxera consigo a habitual serie de males ós que eramos propensos. A min, tirado no chan mentres etiquetaba a miña colección de cunchas, trouxérame unha conxestión que callou no meu cranio coma cemento e me obrigaba a respirar estentoreamente coa boca aberta. Para o meu irmán Leslie, encurvado a carón do lume con aspecto lúgubre e mirada ameazadora, trouxéralle unha inflamación de oídos, e agora sangrábanlle sutil, pero persistentemente. Á miña irmá Margo saíralle unha nova fornada de grans nun rostro que xa estaba tan encarnado coma un veo vermello. Para a miña nai houbo un intenso e burbullante arrefriado, e unha punzada de reuma para aderezalo. Unicamente o meu irmán maior, Larry, se mantiña intacto, pero os nosos achaques xa supoñían para el suficiente fastío. Foi Larry, como non, quen empezou todo. Os demais sentiámonos demasiado apáticos para pensar en algo que non fosen os nosos males, mais a Larry a Providencia destinouno a pasar pola

19


vida como un fogo artificial pequeno e louro, que facía estalar ideas nas mentes alleas para despois enrolarse con untuosidade felina e rexeitar calquera responsabilidade polas consecuencias. A medida que avanzaba a tarde, a súa irritación ía en aumento. Por fin, paseando taciturno polo cuarto, decidiu atacar a mamá, por ser a causa evidente do problema. –Por que aturamos este maldito clima? –preguntou de súpeto, mentres sinalaba a ventá, distorsionada pola chuvia–. Mira para aí! E, xa de paso, mira para nós… Margo, inchada coma un prato de gachas encarnadas… Leslie, deambulando con vinte e cinco metros de algodón en cada orella… Gerry, emitindo sons coma se tivese o padal fendido de nacemento… E ti, mírate: cada día que pasa pareces máis decrépita e atormentada. Mamá mirouno por riba dun enorme volume titulado Receitas fáciles de Rajputana. –Diso nada –replicou indignada. –Claro que si –insistiu Larry–; estás empezando a semellar unha lavandeira irlandesa… e a túa familia parece unha serie de ilustracións dunha enciclopedia médica. A mamá non se lle ocorreu ningunha resposta verdadeiramente esmagadora, así que se conformou con lanzarlle unha mirada furibunda antes de retirarse de novo detrás do seu libro. –O que nós precisamos é sol –continuou Larry–; non estás de acordo, Les?… Les… Les! Leslie desenredou unha gran cantidade de algodón dunha orella. –Que dixeches? –preguntou. –Velaí! –dixo Larry, mentres se viraba triunfante cara a mamá–, manter unha conversa con el converteuse nunha cirurxía maior. Dime, a onde chegamos! Un irmán non pode oír o que lle dis, e ó outro non hai quen o entenda. Realmente, xa é hora de facer algo. Non se pode pretender que un escriba prosa inmortal nunha atmosfera de pesadume e eucalipto, mamá.

20


–Si, fillo –dixo mamá, vagamente. –O que todos necesitamos –dixo Larry, retomando o tema– é sol… un lugar onde poder crecer. –Si, fillo, iso estaría ben –asentiu mamá, sen escoitalo realmente. –Esta mañá recibín carta de George. Di que Corfú é marabilloso. Por que non facemos as maletas e marchamos para Grecia? –Moi ben, fillo; se che apetece… –contestou mamá de maneira automática. No tocante a Larry, adoitaba ter moito coidado de non deixarse comprometer. –Cando? –preguntou Larry, bastante sorprendido pola cooperación. Mamá apercibírase de que cometera un erro táctico, así que inclinou con tento as Receitas fáciles de Rajputana. –Creo que sería sensato que ti foses primeiro para preparar o asunto. Despois, escríbesnos, e se me dis que aquilo está ben, marchamos todos –dixo astutamente. Larry lanzoulle unha mirada fulminante. –Iso dixeches cando propuxen ir a España –lembroulle–, e agardei sentado en Sevilla dous interminables meses esperando por vós, mentres ti non facías outra cousa que escribirme cartas extensísimas sobre os desaugadoiros e a auga potable, coma se eu fose empregado do concello ou algo parecido. Non. Se imos a Grecia, imos todos xuntos. –Esaxeras, Larry –dixo mamá, sentida–; de calquera xeito, eu non podo marchar así como así. Teño cousas que arranxar nesta casa. –Arranxar? Arranxar o que, polo amor de Deus! Véndea. –Non podo facer iso, fillo –respondeu mamá, escandalizada. –Por que non? –Porque acabo de mercala… –Daquela, véndea mentres estea impoluta.

21


–Non sexas ridículo, querido –dixo mamá, firmemente–; iso queda fóra de toda discusión. Sería unha loucura. Así que vendemos a casa e fuximos do sombrío verán inglés coma unha bandada de andoriñas migratorias. Viaxamos lixeiros de equipaxe, unicamente levamos o que considerabamos imprescindible. Cando abrimos a equipaxe na inspección da aduana, o contido das nosas maletas dicía moito do carácter e dos intereses de cada un. Así, a equipaxe de Margo contiña unha chea de vestidos vaporosos, tres libros para perder peso e un rexemento de frasquiños con diversos elixires que garantían curar a acne. A maleta de Leslie encerraba un par de xerseis de colo alto e un pantalón que envolvía dous revólveres, unha pistola de aire comprimido, un libro titulado Sexa o seu propio armeiro e unha botella grande de aceite que vertía por fóra. Larry ía acompañado de dous baúis de libros e un maletín que contiña a súa roupa. A equipaxe de mamá dividíase sensatamente en roupa, por unha banda, e varios volumes de cociña e xardinaría, pola outra. Eu viaxaba só con aqueles artigos que consideraba necesarios para aliviar o tedio dunha longa viaxe: catro libros de historia natural, un cazabolboretas, un can e un frasco de marmelada cheo de eirugas, todas elas en perigo inminente de tornar en crisálides. Así, completamente equipados segundo nós considerabamos, abandonamos as frías e húmidas costas de Inglaterra. Francia, triste e pasada por auga; Suíza, coma un pastel de Nadal; Italia, exuberante, ruidosa e cheirenta, quedaron atrás, reducidas a un confuso recordo. O barquiño separouse tremente do tacón italiano e navegou cara ó mar crepuscular, e, mentres durmiamos nos nosos sufocantes camarotes, nalgún lugar daquela auga en cuxa superficie se reflectía o luar, cruzamos a invisible liña divisoria e entramos no luminoso e cristalino mundo de Grecia. Pouco e pouco filtrouse en nós esa sensación de cambio, e, así, á mañanciña, espertamos inquedos e subimos á cuberta.

22


Na alborada, o mar espreguizaba os suaves músculos de ondas azuis, e a escuma do noso ronsel estendíase suavemente coma unha branca cola de pavón formada por escintilantes burbullas. Ó leste, o ceo do horizonte era unha tenue mancha amarela. En fronte, estendíase un borrón de terra da cor do chocolate, envolta en néboa e cunha filigrana de escuma na base. Era Corfú. Aguzamos a vista para albiscar as formas exactas das montañas, para descubrir os vales, os cumios, os desfiladeiros e as praias, pero só se apreciaba unha silueta. Entón, de súpeto, o sol xurdiu polo horizonte, e o ceo adquiriu o azul esmaltado do ollo da pega. As interminables e meticulosas curvas do mar resplandeceron por un intre, e logo mudaron a unha intensa cor púrpura salpicada de verde. A bruma alzouse en cenefas esveltas e rápidas, e ante nós revelouse a illa; as súas montañas semellaban durmidas baixo unha engurrada manta marrón, e as engurras tinxidas co verdor dos oliveirais. Pola costa sucedíanse praias curvilíneas, brancas coma o marfil, entre cambaleantes cidades de brillantes pedras douradas, vermellas e brancas. Bordeamos o cabo setentrional, un promontorio con cantís de cor óxido, esburacados por unha serie de covas xigantescas. As escuras ondas elevaban o noso ronsel e conducíano suavemente cara a elas, e nas súas fauces estrullábase e asubiaba con avidez entre as rochas. Deixamos as montañas detrás do cabo, e a illa descendía suavemente, imprecisa por mor da iridescencia verde e prateada das oliveiras, e por un ocasional dedo amoestador de ciprés contra o ceo aquí e acolá. As augas pouco profundas das calas tiñan unha cor azul bolboreta, e mesmo por riba do ruído dos motores dos barcos podiamos oír, zoando debilmente dende a costa, os gritos agudos e triunfais das cigarras coma un coro de minúsculas voces.

23



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.