Gottland (mostra)

Page 1

Mariusz Szczygieł

Gottland



Nin un paso sen Bata A Egon Erwin Kisch

1882: O fedor –Por que cheira tan mal? –pregunta Tomáš Bata1, de seis anos, ao seu pai, Antonín, mostrando así, por primeira vez, interese por entender a realidade que o rodea. Non se sabe que lle respondeu o pai. Probable­mente fose pouco falador. Antonín Bata, de profesión zapateiro, está casado en segundas nupcias. Unha vez máis cunha viúva con fillos. Con ambas as mulleres tivo fillos propios. No seu pequeno taller crecen en total doce fillos de catro matrimonios; e ademais, con Antonín traballan sete persoas. Á súa segunda esposa non lle gustan as correntes de aire. Doce anos despois: a esixencia Tres dos fillos do primeiro matrimonio, Anna, Antonín e Tomáš, o último de dezaoito anos, preséntanse ante o seu pai, que ten cincuenta. Esíxenlle a herdanza da súa nai. Tamén lle propoñen que lles dea o que ten previsto deixarlles tras a súa morte. Non teñen gana de esperar tantos anos e, ademais, na casa hai pouco espazo. Reciben do seu pai seiscentos floríns en moedas de prata. Danlles traballo a catro persoas. 1 En realidade a familia chámase Baťa, pero debido a que os seus clientes se afixeron ao apelido Bata decidín deixalo así, con sabor internacional.

9


Un ano despois, 1895: a máxima As súas débedas ascenden a oito mil floríns. Non se poden permitir material novo, nin teñen con que pagar o vello. A Antonín chámano a filas, mentres que Anna vai traballar a Viena de serventa. Tomáš bota unha ollada ao material que queda e, na súa desesperación, dá coa máxima máis importante da súa vida: converter as desvantaxes en vantaxes. Como non dispón de diñeiro para comprar coiro debe facer zapatos co que ten: lona. A lona non custa moito, e cos restos de coiro pode facer solas. É así como Bata inventa un dos éxitos do próximo século: as zapatillas de lona con sola de coiro. En Viena consegue nun día miles de pedidos destas zapatillas, que se popularizarán co nome de batovky. Grazas a elas constrúe a súa primeira fábrica: en vinte metros cadrados traballan cincuenta homes. 1904: a pregunta Os traballadores danse conta de que Tomáš Bata non pode estar tranquilo. Anda sempre tan inquieto que a xente se cansa da súa compañía. Le un artigo nunha revista sobre unhas máquinas americanas. Vaise aos Estados Unidos e na cidade do calzado, Lynn (Massachusetts), ponse a traballar de obreiro nunha gran fábrica. Leva consigo tres traballadores, aos que coloca noutros lugares e obriga a que se fixen con detalle en todas as fases de produción. Cada sábado, os zapateiros de Zlín quedan no saloon para intercambiar as súas impresións. Sorpréndeos que nos Estados Unidos ata os nenos teñen que gañar a vida. O que máis impresiona a Bata é un neno de seis anos que vai de casa en casa cazando moscas a cambio dunha propina. 10


Algúns morren na miseria, mentres outros fan pancakes na rúa e os venden por un centavo. Tomáš observa nos americanos un trazo característico moi interesante: adáptanse en masa a calquera novidade que se lle ocorra a alguén. Levou consigo aos Estados Unidos seiscentas oitenta e oito preguntas para as que buscaba resposta. Durante a súa estancia xurdíronlle setenta máis. Bata chega á conclusión de que o nivel de vida do americano medio, máis alto ca o dun europeo, non se debe á rutina. (“Obviamente, Tomáš Bata foi espía industrial nos Estados Unidos”, escriben os historiadores checos sesenta anos despois.) 1905: O tempo Tomáš entende cada vez mellor o inglés, e un día oe falar de Henry Ford. Este empresario, segundo palabras de E. L. Doctorow, estaba convencido dende había tempo de que a maioría da xente era demasiado parva para saber gañar o pan e levar unha boa vida. Así que tivo unha idea. Dividiu a montaxe dun automóbil en operacións separadas e simples que podería realizar mesmo un parvo. En lugar de ensinarlle a un traballador un centenar de tarefas, decidiu colocalo nun só lugar e propoñerlle unha única actividade para todo o día, enviando as pezas necesarias a través dunha cinta móbil e alixeirando así a mente do traballador. (A Ford levaríalle algúns anos poñer esta idea en práctica.) Nos Estados Unidos Tomáš Bata atópase por primeira vez co “reloxo de pulso”, un trebello que xa existe dende hai catro anos. A principios do século xx moitos americanos empezaron a contar o tempo en minutos, que se converteron na unidade de medida básica da produción. O “rendemento” e o “tempo americano”, novos fetiches, 11


determinaron a repartición do traballo en unidades iguais de tempo. A xornada laboral deixou de depender de amenceres e atardeceres. 5 de setembro de 1905: os segundos O seu pai falece durante a noite. Tomáš regresa pronto a Zlín, que segue sendo unha cidade de mala morte onde “se acaba o pan e só quedan pedras”, segundo se di en checo, e na parede da súa fábrica pinta con grandes letras “o día ten 86 400 segundos”. A xente que o le non fai máis ca repetir que ao fillo de Bata se lle foi a cabeza. 1905: o amor Namórase e comprométese. Rompe o compromiso cando a súa amada revela que non pode ter fillos. 1905-1911: a render Compra máquinas alemás e americanas. A fábrica xa ten varios centos de traballadores. Cando en 1908 Ford saca ao mercado a súa liña de automóbil “ao alcance de todos”, Tomáš emociónase: Ford xa utiliza a súa cinta! En América, producir un par de zapatos leva sete horas; en Francia, seis. Tomáš escribe con letras do tamaño dunha persoa na parede da sección onde se traballa a goma: “As persoas, a pensar. As máquinas, a render!”. Na fábrica de Bata, facer un par de zapatos agora só leva catro horas. Os zapateiros de toda Moravia están desolados. Tomáš cerca a súa fábrica e nas paredes de ladrillo fai escribir: “Non temamos os demais, senón a nós mesmos”. (Durante máis de vinte anos desdeña tal máxima. Non lle pasa pola cabeza que morrerá vítima de si mesmo.) 12


Xaneiro de 1912: Maňa Vai a Viena a un famoso baile checo, pois Chequia pertence ao Imperio austrohúngaro. É xa un zapateiro coñecido, exporta o seu calzado aos Balcáns e a Asia Menor. Espera coñecer no baile a súa futura esposa. Gústalle Maňa Menčíková, a filla do encargado da Biblioteca Imperial. A rapariga toca o piano e fala tres idiomas. Tomáš sabe que todo implica a firma dun contrato. Envía un amigo para que lle pregunte á rapaza se asinaría a seguinte cláusula: se non pode ter fillos, sepáranse. –E que saco eu en limpo se non cumpro as súas expectativas? –responde a futura Marie Batová. (Tras dous anos de intentos frustrados de ter un fillo, Marie compra en segredo un frasco de veleno.) Decembro de 1913: o frasquiño Dende hai varios meses viven nunha casa nova que Tomáš construíu antes da voda para que a súa muller non notase a diferenza entre vivir en Viena e en Zlín. Cando teñen moitos encargos e a fábrica debe funcionar de noite, Marie dálles limoada aos traballadores e reparte bocadillos. (Imaxino que cando regresa á casa se pregunta se se debería cortar unha árbore que non dá froito e mira o frasquiño.) 28 de xuño de 1914: guerra O arquiduque Fernando falece en Saraievo. Austria-Hungría anuncia mobilizacións. O checo máis destacado do século xx, o profesor de filosofía Tomáš Garrigue Masaryk, deputado do Parlamento vienés, regresa das súas vacacións. –Cando fun a Praga puiden comprobar como se vai alistar a nosa xente: con aversión, coma se fosen ao ma13


tadoiro –di despois–. Os nosos cidadáns van á guerra ou ao cárcere, e nós, os deputados, quedamos de brazos cruzados. Tomáš Bata está aterrado: todos os traballadores da súa fábrica se teñen que alistar para ir a unha guerra desatada pola monarquía austrohúngara. Ao día seguinte, fronte a uns ovos con touciño e unha cunca de café, ten unha idea: ir a Viena para conseguir un encargo de botas militares. Deixa os ovos, monta nun coche de cabalos e vai disparado á estación de trens de Otrokovice, ao lado de Zlín, pero o tren xa saíu. Cómpralle entón os cabalos ao cocheiro e faino seguir o tren. Pasan por tres vilas tan rápidos coma un galgo, pero na cuarta o coche rompe. En cuestión de seis minutos, Tomáš compra outro coche e os seus cabalos. Alcanza o tren e, tras unhas horas, chega a Viena. Dáse conta de que non se pode evitar a realidade, de que hai que saber sacarlle partido en proveito propio. En dous días consegue un pedido de medio millón de botas e a garantía de que os seus traballadores non irán á guerra. Quédanlle sete minutos para chegar ao tren de volta porque a policía, mentres tanto, está concentrando os seus traballadores na praza por consideralos desertores. Polo camiño, o coche de Tomáš provoca un accidente, así que el pega un salto e bota a correr cara á estación. Monta no tren que vai a Brno. Contrata tamén obreiros e zapateiros que non traballaban con el. Mesmo aqueles que eran os seus inimigos declarados. Parece ser que salvou a toda a zona de ir á fronte. Cara ao final da guerra, malia a crise, conta con arredor de cinco mil traballadores para poder producir diariamente mil pares de botas militares. Talvez ese día Marie Batová xa non recorda o frasquiño de veleno que mercara antes do Nadal, nin a promesa 14


de que, se non funcionase o undécimo tratamento do oitavo médico, se suicidaría. O último médico dixéralle que non podería quedar embarazada en Zlín, que Tomáš Bata debía apartarse do seu traballo, así que se foron dez días a Krkonoše, as Montañas dos Xigantes. (Todos dubidaban que Bata puidese aguantar tantos días sen falar da produción.) Cando o zapateiro deixa o prato de ovos con touciño para perseguir o tren, a súa muller está xa de sete meses. 17 de setembro de 1914: Tomík Nace Tomáš, a quen chaman Tomík para diferencialo do pai. 1918: a batización Ao final da guerra estase creando o estado checoslovaco. Unha parte significativa del está “batizada” dende hai algún tempo. “Tomáš abre unha filial de Bata en case todas as vilas de Moravia, co cal pronto non queda case ninguén en Bohemia, Moravia, Silesia e Eslovaquia que non se dedique aos zapatos. Os zapatos a medida pasan á historia. Despois, Bata abre a súa propia rede de talleres, onde se remendan zapatos, e o gremio de zapateiros desaparece por completo”, escribe Egon Erwin Kisch. Bata deféndese: –No mundo hai dous mil millóns de cidadáns –repite–. En todo o planeta prodúcense só novecentos millóns de pares de zapatos ao ano. A necesidade mínima de calquera persoa é de dous pares ao ano. Un zapateiro ambicioso pode vender miles de millóns de pares de zapatos, todo depende do prezo e do grao de desenvolvemento da sociedade.

15


1919: o rumor Dise (repito as palabras do reporteiro comunista Kisch) que un zapateiro de Ostrava, cando soubo que se arruinara por culpa de Bata, cerrou o seu taller, ancorado aínda no século xvii, meteu todos os seus útiles en dous baúis e enviounos á fábrica de Bata para que llos entregasen na man ao director. Despois tirouse ao río coa súa muller e os seus dous fillos. Tomáš Bata, que recibiu a noticia de tan desesperada decisión ao mesmo tempo que a herdanza, declarou: –Colocádelles un cartel encima que poña que se trata de ferramentas da época na que eu empecei a traballar. 1920: descalzo Aos seis anos Tomík vai ao colexio descalzo. O seu pai non quere que nada o diferencie dos seus compañeiros de Zlín. 1921: o panfleto Circula o rumor de que Bata está ingresado nun psiquiátrico. Unha revista mesmo proporciona o enderezo do hospital. Entón, inesperadamente, aparecen panfletos por toda Checoslovaquia: Non son rico. Non son pobre. Non estou na bancarrota. Pago bos soldos. Pago os meus impostos como corresponde. Produzo zapatos de calidade. Por favor, convénzanse. Tomáš Baťa

16


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.