'Instrumental', de James Rhodes (mostra)

Page 1

James Rhodes

Instrumental



Ao meu fillo



Se convertemos o trauma nun fetiche de incomunicabilidade, daquela os superviventes quedan atrapados, pois xamais sentirán que ninguén os coñece de verdade (…) Non é mostra de respecto ningunha dicirlle a alguén: “Non podo nin imaxinar o que tal pasaches”. Mellor escoite a súa historia e tente imaxinarse dentro dela, por duro ou incómodo que lle resulte. Phil Klay, veterano do Corpo de Marines dos Estados Unidos



Preludio A música clásica ponme quente. Ben sei que a algunha xente non lle parecerá unha frase inicial moi prometedora que digamos. Pero se riscades o adxectivo “clásica”, igual non queda tan mal. Ao mellor mesmo pasa a ser comprensible. Porque entón, coa palabra “música”, xa estamos a falar de algo universal, algo emocionante, algo intanxible e inmortal. A música conéctanos instantaneamente. Eu escoito música. Vós escoitades música. A música imbúe e afecta á nosa vida tanto coma a natureza, a literatura, a arte, os deportes, a relixión, a filosofía e a televisión. É a grande unificadora, a droga predilecta dos adolescentes de todo o mundo. Brinda consolo, sabedoría, esperanza e calor desde hai milenios. É unha menciña da alma. Un piano ten oitenta e oito teclas e, dentro delas, un universo enteiro. Porén… A miña epígrafe profesional é “concertista de piano”, co cal a música clásica está moi presente neste libro, como non podía ser doutra forma. Non me estrañaría o máis mínimo que certos sectores da prensa fagan o imposible por obviar este dato cando informen da súa publicación. Será así porque a música clásica pura e dura non vende, de toda a vida, e moitas veces se considera absolutamente intranscendente. E tamén porque en todo o que ten que ver coa música clásica, desde os propios músicos á presentación do produto, pasando polas discográficas e os mánagers (a ética e a filosofía do sector en pleno, vaia), resulta practicamente imposible percibir unha soa característica positiva que a redima. Mais hai un feito irrefutable: a música salvoume a vida no senso literal, a min e coido que a moitísimas persoas máis. Proporciona compaña cando hai soidade, comprensión cando hai

11


desconcerto, consolo cando hai angustia e pura enerxía destilada cando hai unha casca baleira de creba e cansazo. E por iso, en calquera momento e calquera lugar en que se verifica a tentación omnipresente e instintiva de poñer cara de noxo e desconectar ao oír ou ler o termo “música clásica”, eu recordo as colosais equivocacións que cometín no pasado ao adoptar por simple preguiza o principio de desprezar sen investigar. E a aqueles de vós que teñades esa mesma reacción pídovos, implórovos, que aguantedes un segundiño e vos fagades esta pregunta: se existise unha cousa non fabricada por poderes públicos, operarios semiescravizados, Apple ou as grandes farmacéuticas, unha cousa capaz de lle engadir de maneira automática, fiable e sistemática unha miguiña máis de emoción, de brillo, de profundidade e de forza á vosa vida, non vos picaría a curiosidade? Unha cousa sen efectos secundarios, que non esixe compromiso, coñecementos previos nin cartos, unicamente un pouco tempo e como moito uns auriculares medio decentes. Interesaríavos? Todos contamos cunha banda sonora vital. A moitos xa nos ten inmunizados, aborrecidos, fartos e decepcionados. A música atácanos nas películas, na tele, nos centros comerciais, nas chamadas telefónicas, nos ascensores e na publicidade. Hai moito tempo que a cantidade venceu a calidade. Polo visto, canto máis, mellor. E estamos a pagalo caro de carallo. Por cada grupo de rock, banda sonora cinematográfica ou compositor contemporáneo que de verdade emociona hai varios milleiros de montes de merda en que nos sepultan así teñen ocasión. A industria musical trátanos con escasísimo respecto e aínda menos confianza. O éxito non se acada, senón que se merca, se paga, se prostitúe e se nos embute a funil con técnicas manipuladoras e insidiosas. Entre outras cousas quero que este libro ofreza solucións contra a deturpación descafeinadora e comenenciuda da industria da música clásica con que nos vimos obrigados a tragar a contragusto. Tamén espero demostrar que as fallas e as posibles solucións do

12


sector da música clásica tamén son de aplicación nun panorama moito máis amplo, inzado de tachas similares que eivan a nosa cultura en xeral e as artes en particular. E entretecida con todo o anterior vai a miña autobiografía. Porque a miña historia demostra que a música é a resposta a aquilo que non a ten. A base desta miña convicción é que eu non existiría en absoluto (xa non digamos existir de forma produtiva, consistente e de cando en cando feliz) a non ser pola música. Moitos opinarán que é prontísimo para poñerme a escribir as miñas memorias. Teño trinta e oito anos (no momento da redacción do libro) e a idea de publicar unha autobiografía a esta idade podería figurar petulante e egocéntrica. Mais escribir sobre aquilo en que creo, o que me salvou a vida, requintar as ideas en que levo tantos anos instalado, responder ás críticas e propoñer solucións a un problema preocupante e perentorio é, coido, unha empresa que paga a pena. O que me habilita para escribir este libro é que eu dei superado certas experiencias das que quizais outras persoas non sairían con ben. E como non perecín no camiño (de momento) e como, segundo a editora que lle vendeu a idea aos xefes, ao final dei “chegado a algo na vida”, resulta que me ofrecen a oportunidade de escribir un libro. Cousa que é para esmendrellarse de risa, porque (como habedes constatar nas 80 000 palabras que seguen) estou inmerso nunha loucura inherente, manexo un concepto bastante retorto da integridade, teño poucas relacións meritorias, aínda menos amizades e ademais –fóra caridades– sonvos un pouco cabrón. Ódiome a min mesmo, non teño paraxe, tendo a falar de máis, raño no cu en momentos inoportunos (e logo osmo os dedos), non me sei mirar no espello sen pedir a eutanasia. Son vaidoso, egocéntrico, superficial, narcisista, manipulador, dexenerado, lambecús, asfixiado, consentido, pedichón, desalmado, insensible, frío, autodestrutivo e un imbécil coma unha catedral. Velaquí un exemplo. Hoxe acordei un chisco antes das catro da mañá.

13


As catro da mañá son o peor momento das vinte e catro horas de calquera día dado. De feito, a hora que vai das 3:30 ás 4:30 é fodidísima. Desde as 4:30 en diante xa non tes dúbida: podes dar unhas cantas voltas na cama ata as 5 e logo erguerte sen problema, sabendo que hai xente que de feito se ergue decote ás 5 da mañá. Xente que se ergue ás 5 da mañá para coar esa idiotez do running antes de choiar, para entrar na quenda de mañá, para meditar, para facer ioga ou para dispoñer de tres deliciosos cuartos de hora en que non hai que pensar nos cativos nin na hipoteca. Ou para non pensar. Tanto ten. O caso é que, se te ergues da cama antes desa hora, queda claro que non es ben dado. Matemático, vaia. Púxenme a escribir isto ás 3:47 da madrugada. Non son ben dado. Se me poño a contar as veces que vin dar as 4 da mañá no Rolex (de imitación), na base do iPhone, no IWC (auténtico), no reloxo de pé, no reloxo de parede, no reprodutor auto-reverse/ FM/CD, no Casio, na esfera de Mickey Mouse (en orde anticronolóxica), non acabo máis. Logo chega ese inevitable clic mental, coma cando lle dás ao interruptor, ese momento “boh, que collóns” en que decides erguerte e encetar o día. Levantarte e saír ao mundo. Sabendo que vai doer. Que se che vai facer eterno. Por exemplo, vexo claro que antes das 9 da mañá xa terei liquidadas as catro horas de ensaio co piano, fumados catorce cigarros, baixada unha cafeteira, dada a ducha de rigor, lido o xornal, ventilados os correos electrónicos e enchido o depósito do coche. A xornada enteira e todas as obrigas que debo cumprir nela quedarán completadas, rematadas, sacadas do medio antes das 9 da mañá. E que fago eu con semellante panorama? A que carallo me dedico desde as 9 da mañá ata as 11 da noite, que é a hora máis temperá a que son capaz de apagar a luz e intentar adormecer sen sentirme un enfermo mental que non hai por onde collelo?

14


E ademais sei por que me ergo tan cedo tantas veces. É todo culpa da cabeza. O inimigo. O que acabará matándome; a mina terrestre, a bomba de reloxaría, Moriarty. Esta puta merda de cabeza que me fai chorar e berrar e ouvear e arrincar os ollos mentais de pura frustración. Omnipresente, coherente só na súa incoherencia, irada, botada a perder, podre, perturbada, equivocada, aguda, afiada, depredadora. Velaquí o que sucedeu esta madrugada: La Tête Drama breve nun acto de James Rhodes Dramatis Personae: Un home; desleixado, atormentado, mal afeitado, enxoito. Unha muller; belezón, roxa, demasiado boa para el. O home está deitado na cama a son da muller. Ábrenselle os ollos a son da súa moza. Ela dorme. El está esperto, non atopa a postura. O reloxo marca as 3:30 a.m. Co seu expresivísimo rostro, o home revela que non debería estar cunha persoa tan marabillosa coma ela. Non debería compartir cama con ninguén. Non debería estar nunha situación tan normal, perigosamente íntima, condenadamente cotiá. A rapaza é demasiado linda, boa, xenerosa. O home apértaa. Ela non se move. El pásalle a man por riba e retíralle o pelo dos ollos. Home: Canto te quero, neniña. Estráñote. Necesítote. Muller: (rouca e aínda medio durmida) Eu tamén te quero, lindo. Xa pasou, meu ben. De verdade. Volve adormecer. O home empeza a acariciarlle a mama dereita e bicarlle o pescozo. Con torpeza e con desesperación da mala. Muller: Mmmm. Déixasme durmir un pouquechiño máis, amor? Mira que es sexy. Aínda é supercedo.

15


Volve adormecer. O home érguese da cama con brusquidade pasivo-agresiva, vístese montando barullo e marcha batendo a porta. Vai á cociña e prende a cafeteira. Home: (remedándoa) Aínda é supercedo… Hai que foderse. Pausa haroldpinteresca Home: (dando voltas furiosas, dirixíndose ao público) Ódiame, cago na hostia. Chega a ser outro e xa estaba a foder nel ata deixarlle a pixa en carne viva. Aí a darlle sabe Deus canto tempo. Seguro que agora mesmo está a facer un dedo, pensando nalgún subnormal do ximnasio. Algún que non sexa un cagado e un choromicas. Un deses cabróns todos cheos que entran de cara. Que van por aí chamándolle “primo” á xente e non pasa nada. Que falan de fútbol e vese que saben. Que atopan a chave de paso e saben para que vale. Senta diante do ordenador co tanque de café. Abre un programa, prende un cigarro e ponse a teclear. Home: (falando mentres teclea) Meu amor: Mentres eu escribo isto, ti estás na cama a masturbarte pensando nalgún dos teus exes ou no teu xefe ou nalgún fillo de puta guapo de cara e mazado de corpo. Seino de sobra. De xeito que teño que castigarte desde o outro cuarto, usando unicamente o pensamento. Dá un groliño. Ben sei que os outros son todo o que eu non son. No meu maxín, asigneilles unha realidade máxica e fluída de “rabo xigantesco e cranio privilexiado”. Non podo crer que me fagas isto a min. Estou furioso contigo. Tanto que mesmo tremo. Estou a segregar adrenalina. Respiro a explosións. Maréome polo exceso ou pola falta de osíxeno, xa non sei como era. Eu levo razón e ti non. Sei o que estás a pensar de verdade, sei quen e o que constitúe o teu obxecto de desexo, e non vou ser eu, xamais, imposible. Grazas por deixarmo tan clariño. Por fin o meu mundo volve encaixar, por unhas ou por outras. Restableceuse a orde e as bolboretas poden marchar batendo as ás con impunidade. Unha vez máis, aquilo que ameazou con desvitimizarme un pouco, con

16


me inxectar un chisco de felicidade, satisfacción, humanidade, foi desestimado e debidamente desaloxado. E nin sequera son as catro e dez. É culpa túa, mala puta, que non tes corazón. O home move un pouquiño de nada o monitor. Abre o caixón da cociña, colle un coitelo e dególase. Fin

Esta escena, esta puta obra mestra brechtiana (agás a frase derradeira, porque son un botaporela que ao final sempre achanta) describe a palla mental a que me entreguei esta madrugada. Repíteseme de mil maneiras parecidas, día si, día tamén, e nela participan a maioría das persoas con quen teño contacto. Así é como me traballa a cabeza, como me traballou sempre e como seguramente me ha traballar toda a vida. Polo xeral logro que non se me note tanto. Ás veces achégaseme de esguello. Sempre está aí, sempre. E por iso non saco de encima a sensación de ser un enfermo mental que non hai por onde collelo. Un avisiño antes de que sigades a ler: é probable que este libro vos remova moitas cousas por dentro se vivistes algún episodio de abusos sexuais, autolesións, internamentos psiquiátricos, consumo de estupefacientes ou ideacións suicidas (ese tecnicismo médico tan estrañamente delicioso que denota a obsesión presente ou pretérita coa posibilidade de acabar coa propia vida). Cónstame que este tipo de advertencias adoitan ser unha artimaña cínica e morbosa para que sigades lendo e, se vos son sincero, un pouco acabo de facela xusto con ese obxectivo. Pero non, o que quero dicir é que non leades este libro se pensades facer cortes nos brazos, centrifugar a chola cismando naquilo que vos ocorreu na infancia, automedicarvos, meterlle unha tunda á muller/ao can/ao propio careto e logo vir botándome a min as culpas. Se sodes dese estilo, daquela non cabe dúbida de que levades toda a puta vida endosándolles aos máis a responsabilidade de todos eses actos que cometedes, así que cortade

17


de raíz e facede o favor de non me encambar a min o voso autoodio patolóxico. Eu mesmo teño caído máis dunha vez nesa trampa, que ademais de estar mal dá vergonza allea. A mellor parte de min nin sequera quere que leades este libro. Quere anonimato, soidade, humildade, espazo e intimidade. Mais esa mellor parte constitúe unha porción minúscula do total, e o voto da maioría dita que o merquedes, que o leades, que reaccionedes a el, que faledes del, que me amedes, que me perdoedes, que tiredes do libro algo especial. E, insisto, neste libro vaise falar, aquí e acolá, de música clásica. Se este detalle non vos convence demasiado, pídovos que fagades unha cousiña antes de tirar con el ou devolvelo ao andel. Comprade, pirateade ou escoitade en Internet estes tres discos: Sinfonías n.º 3 e n.º 7 de Beethoven (en iTunes estanvos as nove sinfonías, en interpretación da Orquestra Sinfónica de Londres, por 5,99 libras); Variacións Goldberg de Bach (na interpretación ao piano de Glenn Gould, a ser posible na gravación de estudio de 1981, que en iTunes non chega ás 5 libras); Concertos para piano n.º 2 e n.º 3 de Rachmaninov (Andrei Gavrilov ao piano, 6,99 libras). O peor que pode pasar é que paguedes, non vos gusten un carallo e perdades os cartos que vos había custar unha comida para levar. Chamádesme imbécil en Twitter e a vivir. O mellor que pode pasar é que vos asomedes a algo que vos ha deixar desconcertados, cativados, emocionados e arrebatados para os restos. Nos meus concertos falo das pezas que interpreto; explico por que as escollín, o que significan para min, o contexto en que se compuxeron. Pois ben, nesa mesma liña hei suxerir unha banda sonora para a lectura deste libro. De igual modo que os restaurantes periquiteiros indican cales viños fan maridaxe con cada prato, vouvos propoñer pezas de música para acompañar cada capítulo. Tédelas todas en http://bit.do/instrumental. Son gratuítas, escolleitas e importantes. Espero que vos gusten.

18


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.