'O hibisco púrpura' (mostra)

Page 1

Chimamanda Ngozi Adichie

O hibisco pĂşrpura



Para o profesor James Nwoye Adichie e a seĂąora Grace Ifeoma Adichie, os meus pais, os meus heroes, ndi o ga-adili mma.



Os deuses rompen Domingo de Ramos



Todo empezou a esfarelarse na casa cando o meu irmán, Jaja, non foi comungar e papá lanzou o seu pesado misal polo aire e rompeu as figuriñas do estante. Acababamos de regresar da igrexa. Mamá deixou na mesa do comedor as palmas frescas, aínda molladas de auga bendita, e subiu a cambiarse. Máis tarde, entrelazou as follas formando unhas cruces un pouco frouxas e colgounas na parede, baixo a foto de familia co marco dourado. Alí quedaron ata o seguinte Mércores de Cinza, en que as levariamos á igrexa para queimalas e reducilas a cinza. Papá, que levaba unha longa túnica gris, como o resto dos oblatos, todos os anos axudaba a distribuír as cinzas. A súa fila era a máis lenta porque premía con forza o polgar cuberto de cinza nas frontes para trazar unha cruz perfecta, mentres pronunciaba amodo, dando sentido a cada unha das palabras: “Po es e en po te converterás”. Papá sempre sentaba no primeiro banco para a misa, no lado do corredor central, e mamá, Jaja e eu sentabamos ao seu carón. El era o primeiro en recibir a comuñón. Case ninguén se axeonllaba para recibir a comuñón no altar de mármore, dominado pola loura Virxe María de tamaño natural, pero papá si. Pechaba os ollos con tanta forza que o rostro se lle tensaba nun aceno, e entón sacaba a lingua todo o que podía. A continuación volvía ao seu asento e contemplaba o resto da congregación desfilar cara ao altar coas palmas das mans xuntas e estendidas, coma se sostivesen un pratiño en posición vertical, tal como lles inculcara o padre Benedict. Malia que o padre Benedict levaba 11


xa sete anos en St. Agnes, a xente seguía chamándolle “o cura novo”. Talvez non o farían se non fose branco. Aínda tiña un aire novo. As cores do seu rostro, as cores do leite condensado e dunha guanábana aberta á metade, non escureceran o máis mínimo a pesar da intensa calor dos sete harmatáns que pasara en Nixeria. E o seu nariz británico seguía sendo tan estreito e afiado coma sempre, o mesmo nariz que me fixo temer que non fose capaz de aspirar suficiente aire o día que chegou a Enugu. O padre Benedict cambiara algunhas cousas na parroquia, como o feito de insistir en que o credo e o Kyrie só se recitasen en latín. O igbo non se admitía. Tamén se reduciron ao mínimo as palmas, para non comprometer a solemnidade da misa. Pero si permitiu os cantos ofertorios en igbo; chamáballes cantos indíxenas, e ao dicir “indíxenas” as comisuras dos seus labios rectos curvábanse ata formar un U invertido. Durante os seus sermóns, o padre Benedict adoitaba referirse ao papa, a papá e a Xesús (nesa orde). Servíase de papá para ilustrar os Evanxeos. –Cando facemos brillar a nosa luz diante dos homes, estamos reflectindo a entrada triunfal de Cristo –dixo aquel Domingo de Ramos–. Mirade o irmán Eugene. Podería elixir ser como outros grandes homes do seu país. Podería decidir quedar sentado na casa e non facer nada tras o golpe, para asegurarse de que o goberno non ameace os seus negocios. Pero non. Usou o Standard para contar a verdade, malia supoñer iso que o xornal perdese anunciantes. O irmán Eugene tomou partido pola liberdade. Cantos de nós defendemos a verdade? Cantos de nós reflectimos a Entrada Triunfal? A congregación dixo “si” ou “Deus o bendiga” ou “amén”, pero non demasiado alto para non parecer unha 12


desas igrexas pentecostais que proliferan coma cogomelos; logo escoitou con atención e en silencio. Ata os bebés deixaron de chorar, coma se tamén eles estivesen escoitando. Algúns domingos, a congregación escoitaba atentamente incluso cando o padre Benedict falaba de cousas por todos coñecidas, como que papá fixera as maiores doazóns ao óbolo de San Pedro e a San Vicente de Paúl. Ou que papá pagara o viño para a comuñón, os novos fornos do convento nos que as Reverendas Irmás cocían as hostias, as novas dependencias do hospital de St. Agnes onde o padre Benedict impartía a extrema unción. E eu permanecía sentada cos xeonllos moi xuntos, a carón de Jaja, tratando con todas as miñas forzas de manter o rostro inexpresivo, de evitar que se reflectise nel o orgullo, porque papá dicía que a modestia era moi importante. Ao mirar a papá vin que tamén el tiña o rostro inexpresivo, a mesma cara que exhibía na foto dun longo artigo que lle dedicaran cando Amnesty World lle concedera un premio pola defensa dos dereitos humanos. Foi a única ocasión en que se permitiu a si mesmo aparecer no xornal. O director, Ade Coker, insistira niso, dicindo que papá o merecía, que era demasiado modesto. A Jaja e a min contóunolo mamá, xa que papá non nos dicía ese tipo de cousas. Esa mirada inexpresiva mantívose no seu rostro ata que o padre Benedict rematou o sermón, ata que chegou o momento da comuñón. Despois de comungar, papá volvía sentar e observaba a congregación que avanzaba cara ao altar, e tras a misa informaba con preocupación o padre Benedict cando alguén deixaba de ir comungar dous domingos sucesivos. Sempre animaba o padre Benedict a ir buscar a persoa en cuestión para facela volver ao rego. Nada, agás o pecado mortal, podía manter a alguén afastado da comuñón dous domingos seguidos. 13


Por iso cando papá non viu a Jaja dirixirse ao altar aquel Domingo de Ramos en que todo cambiou, ao chegarmos á casa estampou na mesa o seu misal encadernado en coiro, do que asomaba unha cinta vermella e outra amarela. A mesa era de cristal, moi groso. Pero cambaleou, igual que as palmas que había sobre ela. –Jaja, non fuches comungar –dixo papá con calma, case preguntando. Jaja fitou o misal sobre a mesa, coma se se dirixise a el. –A oblea prodúceme mal alento. Mirei a Jaja en fite. Acaso toleara? Papá insistía en que a chamásemos hostia, porque a palabra “hostia” captaba mellor a esencia, o sagrado, do corpo de Cristo. “Oblea” resultaba demasiado laico, obleas era o que producían nas fábricas de papá: obleas de chocolate, obleas de plátano, era o que a xente lles mercaba aos seus fillos en vez de galletas para concederlles un capricho. –E o cura non deixa de tocarme a boca e danme náuseas –dixo Jaja. Sabía que eu o estaba mirando, que os meus ollos atónitos lle pregaban que calase a boca, pero non me mirou. –É o corpo do noso Señor. –Papá falaba en voz baixa, moi baixa. Xa tiña a cara inchada, completamente cuberta de grans purulentos, pero parecía que se estivese inchando aínda máis–. Non podes deixar de recibir o corpo do noso Señor. Iso significa a morte, xa o sabes. –Entón morrerei. –O medo escurecera os ollos de Jaja ata deixalos da cor do alcatrán, pero agora miraba a papá á cara–. Entón morrerei, papá. Papá botou unha rápida ollada pola estancia, coma se buscase unha proba de que caera algo do teito, algo que nunca imaxinara que puidese caer. Colleu o misal e lanzouno polo aire, contra Jaja. Nin sequera o rozou, se14


nón que foi parar ao andel de cristal que mamá limpaba a miúdo. Fendeu o estante superior, varreu as figuriñas de cerámica beixe, do tamaño dun dedo, que representaban bailarinas de ballet contorsionadas en distintas posicións, e logo caeu ao chan, sobre elas. Ou máis ben sobre os numerosos anacos aos que quedaran reducidas. Alí ficou o enorme misal encadernado en coiro que contiña as lecturas dos tres ciclos do ano litúrxico. Jaja non se moveu. Papá ía dun lado a outro. Eu quedei na porta, observándoos. O ventilador do teito xiraba sen parar, e as lámpadas que colgaban del titilaban unhas contra outras. Entón entrou mamá, coas súas zapatillas de sola de goma facendo slap-slap no chan de mármore. Quitara a túnica de lentellolas dos domingos e a blusa de mangas de globo. Agora levaba unha sinxela bata estampada atada frouxa arredor da cintura e a camiseta branca que poñía día si día non, souvenir dun retiro espiritual ao que asistira con papá. Sobre os seus peitos caídos podían lerse as palabras: deus é amor. Quedou mirando as figuriñas esnaquizadas no chan, e logo axeonllouse e empezou a recoller os anacos coas mans núas. Só rompía o silencio o rumor do ventilador ao cortar o aire inmóbil. O noso comedor era espazoso e estaba unido a un salón aínda máis amplo, pero malia todo o ambiente resultábame asfixiante. As paredes de cor óso nas que penduraban as fotografías enmarcadas do avó estreitaban, botábanseme encima. Ata a mesa de cristal do comedor parecía vir cara a min. –Nne, ngwa. Vaite cambiar –díxome mamá, sobresaltándome malia que pronunciara aquelas palabras en igbo en voz baixa e calma. Sen coller alento nin facer pausa ningunha, díxolle a papá–: Estache arrefriando o té. –E a Jaja–: Venme axudar, biko. 15


Papá sentou á mesa e serviuse o té presentado no xogo de porcelana con flores rosas nos bordos. Eu esperaba que nos pedise a Jaja e a min que tomásemos un grolo, como facía sempre. El chamábao un grolo de amor, porque un comparte as pequenas cousas que ama coas persoas que ama. Tomade un grolo de amor, adoitaba dicir, e o primeiro en ir era Jaja. Logo eu collía a cunca con ambas as mans e achegábaa aos labios. Un grolo. O té sempre estaba demasiado quente, sempre me queimaba a lingua, e se había algo picante no xantar, a lingua irritada proíame. Pero non importaba porque eu sabía que, cando o té me queimaba a lingua, me imprimía a lume o amor de papá. Pero papá non dixo: “Tomade un grolo de amor”. Non dixo nada mentres eu o miraba levar a cunca aos labios. Jaja axeonllouse a carón de mamá, formou un recolledor coa folla parroquial e colocou nel un anaco irregular de cerámica. –Coidado, mamá, que podes cortar os dedos cos anacos –dixo. Tirei dunha das miñas trenzas por baixo do pano negro co que ía á igrexa, para asegurarme de que non estaba soñando. Por que Jaja e mamá actuaban de xeito normal, coma se ignorasen o que acababa de ocorrer? E por que papá tomaba o seu té tan tranquilamente, coma se Jaja non lle fixese fronte? Volvinme devagar e subín a cambiar o vestido vermello dos domingos. Tras cambiarme, sentei a carón da ventá do meu cuarto. O anacardio estaba tan cerca que, de non ser pola malla prateada da mosquiteira, podería estirar o brazo e arrincar unha folla. Os froitos amarelos con forma de campá colgaban preguiceiramente e atraían as zunidoras abellas que batían contra a malla. Oín que papá subía ao seu cuarto para durmir a súa sesta. Pechei os ollos, quedei inmóbil e 16


agardei a oír como chamaba a Jaja, e como Jaja se dirixía ao seu cuarto. Pero tras uns longos minutos de silencio abrín os ollos e apoiei a fronte nas láminas da ventá para mirar fóra. O noso xardín era grande dabondo para albergar un cento de persoas bailando o atilogu, espazoso dabondo para que cada bailarín executase as viravoltas habituais e aterrase nos ombreiros do bailarín precedente. O muro, coroado de cable eléctrico en espiral, era tan alto que non vía os coches que pasaban pola nosa rúa. Ía comezar a estación chuviosa e os frangipanis plantados preto do muro xa enchían o xardín co recendo estoxadizo das súas flores. Unha fileira de buganvíleas violetas, cortadas de forma recta e regular coma unha mesa de bufete, separaba as árbores retorcidas do camiño de entrada. Máis preto da casa, radiantes arbustos de hibisco estendíanse e tocábanse uns a outros coma se estivesen a intercambiar os seus pétalos. As plantas púrpuras empezaran a botar casulos adurmiñados, pero a maior parte das flores eran vermellas. Os hibiscos vermellos parecían florecer moi rápido, considerando a frecuencia con que mamá os cortaba para decorar o altar da igrexa e a frecuencia con que os arrincaban as visitas ao volveren aos seus coches alí aparcados. Os que arrincaban as flores eran case sempre membros do grupo de oración de mamá. Unha vez, unha muller puxo unha detrás da orella; vina perfectamente dende a miña fiestra. Pero ata os representantes do goberno, dous homes con americana negra que viñeran había algún tempo, tiraran do hibisco ao marcharen. Chegaran nunha pickup con matrícula do goberno federal e aparcaran preto dos hibiscos. Non quedaron moito tempo. Máis tarde, Jaja dixo que viñeran para subornar a papá, que lles oíu dicir que tiñan a pickup chea de dólares. Non estaba segura de que Jaja oíse ben. Pero incluso agora pensaba niso ás veces. 17


Imaxinaba a camioneta chea de moreas e moreas de diñeiro estranxeiro, e preguntábame se o terían en varias caixas de cartón ou nunha moi grande, do tamaño daquela na que viñera o noso frigorífico. Aínda estaba xunto á fiestra cando mamá entrou no meu cuarto. Todos os domingos antes de comer, mentres lle pedía a Sisi que botase un pouco máis de aceite de palma na sopa e un pouco menos de curry no arroz con noz de coco, e mentres papá durmía a sesta, mamá trenzábame o pelo. Ela sentaba nunha cadeira de brazos preto da porta da cociña e eu no chan, coa cabeza suxeita entre as súas coxas. Aínda que a cociña era espazosa e a fiestra estaba sempre aberta, o meu pelo absorbía o recendo das especias e, despois, cando achegaba a punta dunha trenza ao nariz, volvía notar o cheiro da sopa egusi, do utazi e do curry. Pero esta vez mamá non entrou no meu cuarto coa bolsa dos peites e os aceites para o pelo e me pediu que baixase. No canto diso, díxome: –A comida está lista, nne. Quería dicirlle que lamentaba que papá rompese as súas figuriñas, pero as palabras que me saíron foron: –Lamento que rompesen as túas figuriñas, mamá. Ela asentiu rapidamente e sacudiu a cabeza para indicar que as figuriñas non tiñan importancia. Pero si que a tiñan. Anos atrás, antes de que eu puidese comprendelo, preguntábame por que lles sacaba brillo cada vez que se oían aqueles ruídos procedentes do seu dormitorio, coma se alguén estampase algo contra a porta. As súas zapatillas con sola de goma nunca facían ruído cando baixaba a escaleira, pero eu sabía que baixara cando oía que se abría a porta do comedor. Entón eu tamén baixaba e víaa xunto ao andel cun pano de cociña mollado en auga xabonosa. Botaba polo menos un cuarto de hora con cada bailarina. 18


Nunca tiña bágoas no rostro. A última vez, había só dúas semanas, cando aínda tiña o ollo inchado da cor morada escura dun aguacate pasado, reordenounas despois de limpalas. –Xa che trenzarei o pelo despois de comer –dixo, e volveuse para marchar. –Si, mamá. Baixei detrás dela. Coxeaba un pouco, coma se tivese unha perna máis curta ca a outra, e aquel andar facíaa parecer aínda máis baixa do que era. A escaleira facía unha elegante curva en forma de S, e eu estaba na metade dela cando vin a Jaja no vestíbulo. Normalmente, antes de comer ía ler ao seu cuarto, pero ese día non subira; quedara todo o tempo na cociña, con mamá e con Sisi. –Ke kwanu? –preguntei, aínda que non tiña necesidade de preguntarlle que tal estaba. Só tiña que miralo. No seu rostro de dezasete anos apareceran engurras, que lle cruzaban a fronte en zigzag, e en cada suco agochábase unha escura tensión. Estendín o brazo e estreiteille a man brevemente antes de entrarmos no comedor. Papá e mamá xa estaban sentados, e papá lavaba as mans no cunco de auga que Sisi sostiña diante del. Agardou ata que Jaja e eu sentamos fronte a el e iniciou a bendición. Durante vinte minutos pediulle a Deus que bendicise os alimentos. Logo invocou a Virxe con moitos apelativos diversos, mentres nós respondiamos: “Roga por nós”. O seu apelativo favorito era “Nosa Señora Protectora dos Nixerianos”. Creárao el mesmo. Se todo o mundo o usase decote, dicíanos, Nixeria non cambalearía coma un homón con perniñas de cativo. Para comer había fufú e sopa de onugbu. O fufú estaba suave e esponxoso. Sisi facíao ben; machucaba o iñame con moita enerxía mentres engadía gotas de auga no mor19


teiro, contraendo as fazulas co tum-tum-tum do mazo. A sopa era espesa e tiña anaquiños de vitela fervida, peixe seco e follas de onugbu de cor verde escura. Comemos en silencio. Convertín o meu fufú en boliñas cos dedos, que mollei na sopa, asegurándome de coller anacos de peixe, antes de levalas á boca. Estaba segura de que a sopa estaba boa, pero non lle notaba o sabor. Non podía. Sentía a lingua coma se fose de papel. –Pasádeme o sal, por favor –dixo papá. Todos estiramos a man ao mesmo tempo para coller o sal. Jaja e eu tocamos o saleiro de cristal, roceille o dedo co meu, suavemente, e entón soltouno. Paseillo a papá. O silencio prolongouse aínda máis. –Esta tarde trouxeron o zume de anacardio. Está bo. Estou segura de que se vai vender ben –dixo mamá por fin. –Dille á rapaza que traia un pouco –dixo papá. Mamá fixo soar a campaíña, que colgaba dun cable transparente sobre a mesa, e apareceu Sisi. –Si, señora? –Trae dúas botellas da bebida que mandaron da fábrica. –Si, señora. Desexei que Sisi preguntase: “Que botellas, señora?”, ou: “Onde están, señora?”. Calquera cousa para que ela e mamá seguisen falando, para disimular os movementos nerviosos de Jaja ao modelar o seu fufú. Sisi volveu axiña e deixou as botellas preto de papá. Tiñan as mesmas etiquetas de cor esvaída que o resto de produtos que se facían nas súas fábricas: as obleas, as galletas reenchidas, o zume embotellado e os chips de banana. Papá serviunos a todos a bebida amarela. Rapidamente, collín o meu vaso e bebín un grolo. Sabía augado. Quería parecer entusiasmada; quizais se falaba do ben que sabía, papá esquecería que aínda non castigara a Jaja. 20


–Está moi bo, papá –dixen. Papá saboreouno, inflando as fazulas. –Si, si. –Sabe coma o anacardio fresco –dixo mamá. Di algo, por favor, quería dicirlle a Jaja. Supoñíase que agora lle tocaba a el dicir algo, contribuír, gabar o novo produto de papá. Faciámolo sempre, cada vez que un empregado dalgunha das súas fábricas nos traía unha mostra de algo. –Parece viño branco –engadiu mamá. Sabía que estaba nerviosa, non só porque o sabor dun anacardio fresco non ten nada que ver co do viño branco, senón tamén porque o seu ton de voz era máis baixo do habitual–. Viño branco –repetiu mamá, pechando os ollos para saborealo mellor–. Viño branco afroitado. –Si –dixen. Unha bóla de fufú escorregoume dos dedos e caeu na sopa. Papá miraba a Jaja en fite. –Jaja, non bebes connosco, gbo? Quedaches sen palabras? –preguntoulle enteiramente en igbo. Mal sinal. Case nunca falaba en igbo e, aínda que Jaja e eu o falabamos con mamá na casa, a el non lle gustaba que o fixésemos en público. Dicíanos que en público tiñamos que parecer xente civilizada; tiñamos que falar en inglés. A irmá de papá, a tía Ifeoma, dixo unha vez que papá era un auténtico produto do colonialismo. Dixérao nun ton suave, indulxente, coma se papá non tivese a culpa, coma cando se fala de alguén que berra loucuras debido á gravidade da malaria que sofre. –Non tes nada que dicir, gbo, Jaja? –volveu preguntar papá. –Mba, quedei sen palabras –respondeu Jaja. 21


–Como? Unha sombra ofuscou os ollos de papá, unha sombra que antes cubrira os de Jaja. O medo. Abandonara os ollos de Jaja e instalárase nos de papá. –Non teño nada que dicir –dixo Jaja. –O zume está bo… –empezou a dicir mamá. Jaja empuxou a súa cadeira para atrás. –Grazas, Señor. Grazas, papá. Grazas, mamá. Volvinme para miralo. Polo menos daba as grazas da forma adecuada, como faciamos sempre despois dunha comida. Pero tamén estaba facendo algo que nunca fixeramos: estaba levantándose da mesa antes de que papá ofrecese a pregaria tras tomar os alimentos. –Jaja! –dixo papá. A sombra fíxose máis grande e envolveu o branco dos ollos de papá. Jaja saía do comedor co seu prato. Papá fixo por levantarse, pero logo deixouse caer no asento. As fazulas colgábanlle coma a un bulldog. Collín o meu vaso e fitei o zume, amarelo claro, coma a ouriña. Boteino todo á garganta, dun grolo. Non sabía que máis facer. Isto non ocorrera nunca en toda a miña vida, nunca. Os muros do cerre ían derrubarse, estaba segura, e esmagarían os frangipanis. O ceo afundiríase. As alfombras persas que cubrían o brillante chan de mármore encollerían. Algo ocorrería. Pero o único que ocorreu foi que sentín que afogaba. O meu corpo sacudiuse pola tose. Papá e mamá acudíronme. Papá batíame nas costas mentres mamá me fregaba os ombreiros e dicía: –O zugo. Deixa de tusir. Esa tarde paseina na cama e non ceei coa familia. Collín unha tose, e as fazulas queimábanme o dorso da man. Na miña cabeza, miles de monstros xogaban dolorosamente 22


a pasar a pelota, aínda que a pelota era un misal encadernado en pel marrón que se tiraban un ao outro. Papá entrou no meu cuarto; o colchón afundiuse cando sentou, acariñoume as fazulas e preguntoume se quería algo máis. Mamá xa me estaba preparando ofe nsala. Dixen que non e quedamos sentados en silencio, collidos das mans durante moito tempo. Papá sempre facía ruído ao respirar, pero agora alasaba coma se lle faltase o alento, e pregunteime en que pensaría, se quizais na súa mente estaba correndo, fuxindo de algo. Non o mirei á cara porque non quería ver os sarabullos que se estendían por cada centímetro da súa pel, tantos e tan homoxéneos que o facían parecer inchado. Algo máis tarde, mamá subiume un pouco de ofe nsala, pero a aromática sopa só me produciu náuseas. Tras vomitar no baño, pregunteille a mamá onde estaba Jaja. Non subira a verme despois do xantar. –No seu cuarto. Non baixou a cear. Acariñábame as trenzas. Gustáballe facelo, seguir a forma en que as mechas de distintas zonas do meu coiro cabeludo se imbricaban e entrelazaban. Non mo trenzaría ata a semana seguinte. O meu pelo era demasiado groso; apenas despois de que ela me pasase o peite, volvía converterse nunha mata densa e tesa. Tratar de peitealo naquel momento só alporizaría os monstros que había xa na miña cabeza. –Vas substituír as figuriñas? –preguntei. Notaba o cheiro a xiz do desodorizante baixo os seus brazos. O seu rostro marrón, impecable exceptuando a recente cicatriz de forma irregular que tiña na fronte, non mostraba ningunha expresión. –Kpa –dixo–. Non as vou substituír. Quizais mamá se decatara de que xa non necesitaba as figuriñas; de que cando papá lle guindou o misal a Jaja, 23


non só derrubara as bailarinas, senón todo. Só entón me dei de conta, ao pararme a pensalo. Cando mamá marchou, quedei deitada na cama e repasei mentalmente o pasado, os anos en que Jaja, mamá e eu falabamos máis co espírito que cos labios. Ata Nsukka. Todo empezara en Nsukka; o pequeno xardín da tía Ifeoma, xunto á terraza do seu piso de Nsukka, comezou a romper o silencio. O desafío de Jaja parecíame agora igual que o hibisco púrpura experimental da tía Ifeoma: raro, cun fondo fragrante de liberdade, pero dunha liberdade distinta da que reclamara a multitude, mentres axitaba follas verdes en Government Square, tras o golpe. Liberdade para ser, para facer. Pero os meus recordos non comezaban en Nsukka. Comezaban antes, cando todos os hibiscos do noso xardín eran dun vermello espléndido.

24


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.