A descriciรณn dun novo mundo chamado
O Mundo Resplandecente escrito pola tres veces nobre, ilustre e excelente princesa, a duquesa de Newcastle
Á duquesa de Newcastle, sobre o seu novo Mundo Resplandecente O noso vello mundo, con todos os seus saberes e artes, apenas dividía o orbe en tres partes. Colón unha ben célebre viaxe realizou e deu cun novo mundo, que América chamou. Mais agora sabemos que ese mundo non foi erixido, tan só rescatado da sombra do tempo no que permanecía esquecido. Daquela, quen é vostede, que ningún caos atopou, para crear un mundo en todo ou en parte como creou? Porén, a súa fantasía creadora non cedeu no empeño e logrou crear do nada un mundo, co puro enxeño. Por riba das máis brillantes estrelas, o seu Mundo Resplandecente brilla con fulgor celestial sobre todo o existente. William Newcastle
Prefacio á primeira edición de 1666 A quen isto lea Se quere coñecer o motivo polo que sumo un traballo de creación ás miñas serias contemplacións filosóficas1 non pense que o fago para menosprezar a Filosofía, nin que sexa algo fóra de lugar, coma se todo este nobre estudo non fose senón unha pura ficción da mente. Porque, aínda que os filósofos cometan erros na procura e especulación sobre as causas dos efectos naturais e, moitas veces, tomen o falso por verdadeiro, iso non proba que o alicerce da Filosofía sexa puramente ficticio, pois os erros proveñen dos diferentes movementos da razón. Estes movementos levan a posicións diferentes en partes distintas e nalgúns son máis irregulares que noutros por ser a razón divisíbel, xa que o material non se pode mover en todas as partes do mesmo xeito. Daquela, como non existe unha única verdade na natureza, todos aqueles que non se acheguen a ela están equivocados, algúns máis, outros menos. Por iso algúns poden chegar máis preto da meta ca outros, o que fai que as súas opinións sexan máis probábeis e racionais ca as dos outros e, na medida en que se desvíen desa única verdade, máis se situarán preto do erro. E, incluso así, todo o mundo fundamenta as súas opinións na razón; isto é, nas probabilidades racionais, ou polo menos así o cren. Agora ben, as ficcións están no eido da imaxinación das persoas, enmar1 O Mundo Resplandecente publicouse nas súas edicións de 1666 e 1668 xunto a Observations Upon Experimental Philosophy. 35
Margaret Cavendish
cadas na súa propia mente, segundo os seus desexos, sen preocuparse de se o que se imaxina existe en realidade fóra do pensamento ou non. Por esta razón buscan no fondo da natureza e procuran as verdadeiras causas dos efectos naturais. Porén, a imaxinación crea segundo a súa propia vontade e o que lle agrada, deleitándose na propia creación. O fin último da razón é a verdade, o da imaxinación é a ficción, mais non pense que me equivoco cando distingo a imaxinación da razón, pois non pretendo afirmar que a fantasía non sexa feita das partes non racionais da materia, xa que por razón entendo a indagación e a procura racional das causas dos efectos da natureza e por imaxinación a creación ou produción voluntaria da mente, sendo ambas as dúas efectos, ou máis ben accións, da parte racional da materia. Unha parte racional que é laboriosa e extenuante e que require en moitos momentos a axuda da fantasía para entreter a mente e afastala de máis serias contemplacións. Este é o motivo de que incluíse esta peza de ficción nas miñas observacións filosóficas e as unise como dous mundos polas extremidades dos seus polos. Fíxeno tanto por min mesma, co fin de distraer os meus pensamentos tan dedicados ao estudo e ás contemplacións, como por proporcionar algún lecer a quen o lea a través de algo diferente, o que sempre é agradábel. Secasí, para que a miña fantasía non se afastase demasiado, escollín esta forma de ficción que concorda, con certa harmonía, no asunto tratado coas partes anteriores. Trátase da descrición dun novo mundo, non como o de Luciano2 nin o do home francés na Lúa3, senón un mundo da miña propia creación, que denomino 2 Refírese aos Relatos verídicos, de Luciano de Samósata, navegación imaxinaria onde se narra a batalla entre os homes da Lúa e os homes do Sol. Esta obra pódese ler nesta mesma colección Vétera en tradución de Xurxo Pereira e Xosé Abilleira. 3 Referencia a Os estados e os imperios da Lúa (1657), de Savinien de Cyrano de Bergerac, tamén dispoñíbel na colección Vétera en tradución de Henrique Harguindey. 36
O Mundo Resplandecente
o Mundo Resplandecente. A primeira parte é novelesca, a segunda filosófica e a terceira simplemente unha fantasía ou, mellor, como prefiro eu chamalo, un relato fantástico. Polo tanto, se estas liñas lle producen calquera tipo de satisfacción, considerareime unha autora afortunada. En caso contrario, ficarei contenta de pasar unha vida melancólica no meu propio mundo, do que non podo dicir que sexa un mundo pobre, se por pobreza consideramos só a falta de ouro, prata ou xoias, pois nel hai máis ouro ca todo o que os químicos crearon ou, como verdadeiramente penso, serán quen de crear. En relación ás pedras de diamante, desexo con toda a miña alma que se repartan entre as miñas nobres amigas e, con esta condición, renuncio de bo grado á miña parte. Do ouro só preciso o suficiente para reparar as perdas do meu nobre señor esposo, pois non son avara, mais si tan ambiciosa como poida ser calquera outra do meu sexo. Por iso, aínda que non logre ser Henrique V4 ou Carlos II5, empéñome en ser Margaret I. E aínda que non teño poder nin ocasión para conquistar o mundo, como fixeron Alexandre ou César, e tampouco podo ser señora dun porque nin Fortuna nin as Parcas mo darían, creei o meu propio, polo que agardo que ninguén me critique, posto que calquera ten poder para facer o mesmo.
4 Henrique V, rei de Inglaterra de 1413 a 1422. 5 Carlos II, rei de Escocia de 1649 a 1651 e de Inglaterra, Escocia e Irlanda dende a restauración da monarquía en 1660 ata a súa morte en 1685. 37
Prefacio á segunda edición de 1668 A todas as nobres e dignas damas A presente Descrición dun novo mundo concibiuse como un apéndice ás miñas Observacións de filosofía experimental e, ao teren certa harmonía e coherencia entrambas, foron reunidas como dous mundos distintos que se unen polos seus dous polos. Porén, como á meirande parte das mulleres non lle gustan os argumentos filosóficos, separei algunhas das observacións amentadas e presenteinas á parte, polo que debo expresar os meus respectos á hora de ofrecer estas imaxinacións como soporte ás miñas contemplacións. A primeira parte é novelesca, a segunda filosófica e a terceira unha fantasía pura ou (como eu prefiro chamalo) un relato fantástico. Así pois, se vostedes, nobres damas, teñen a oportunidade de gozar ao ler estas fantasías, considerareime unha autora afortunada; en caso contrario, ficarei contenta por ter unha vida melancólica no meu propio mundo, do que non podo dicir que sexa un mundo pobre, se por pobreza consideramos só a falta de ouro ou xoias, pois nel hai máis ouro ca todo o que os químicos crearon ou, como verdadeiramente penso, serán quen de crear. En relación ás pedras de diamante, desexo, con toda a miña alma, que se repartan entre as miñas nobres amigas e, con esta condición, renuncio de bo grado á miña parte. Do ouro só preciso o suficiente para reparar as perdas do meu nobre señor esposo, pois non son avara, mais si tan ambiciosa como poida ser calquera outra do meu sexo. Por iso, aínda que non logre ser Henrique V ou Carlos II, empéñome en ser Margaret 39
Margaret Cavendish
I. E aínda que non teño poder nin ocasión para ser unha gran conquistadora, como Alexandre ou César, nin tampouco podo ser señora dun mundo, pois nin Fortuna nin as Parcas mo darían, creei o meu propio. Coido, ou polo menos agardo, que ningunha criatura me envexe por este mundo de meu. Nobres damas, a súa humilde servidora, M. Newcastle
40
A descrición dun novo mundo chamado O Mundo Resplandecente Un comerciante que viaxaba por un país estranxeiro namorouse con loucura dunha dama nova. Mais, ao ser estranxeiro e de condición social inferior á dela, tanto por nacemento coma por riqueza, tiña poucas esperanzas de ser correspondido. Secasí, como o seu amor medraba cada vez máis a pesar de todas as dificultades, decidiu fuxir con ela. Tivo a oportunidade de facelo porque a casa do pai da rapaza non ficaba lonxe do mar e ela adoitaba recoller cunchas na beira acompañada de, como mínimo, dúas ou tres criadas, o que o animou na súa determinación. Así que un día decidiu achegarse ao lugar polo que ela acostumaba a pasear. Fíxoo nunha pequena embarcación lixeira, non moi diferente a un paquebote, tripulada por uns cantos homes de mar, ben abastecidos por medo aos posíbeis accidentes que talvez puidesen atrasar a viaxe. E fuxiu con ela. Pero, cando se cría o home máis feliz do mundo, decatouse de que era o máis desgraciado, pois o ceo, anoxado ante o roubo, provocou tal tempestade que ningún deles soubo que facer nin a onde dirixir o curso. A embarcación, tanto polo seu peso coma pola acción violenta do vento, navegou coa rapidez dunha frecha lanzada en dirección ao Polo Norte e, en pouco tempo, chegou ao Mar Xeado, onde o vento a empuxou a través dos enormes bloques de xeo. Ende ben, grazas a ser pequena e lixeira e coa axuda e favor dos deuses cara á dama virtuosa, a embarcación xirou e voou salvando os precipicios, coma se fose guiada polo piloto máis experimentado ou o mariñeiro máis hábil. Pero, 41
Margaret Cavendish
ai!, os poucos homes que ían nela, ao non saberen a onde se dirixían nin o que facer ante unha aventura tan estraña e ao non estaren previdos para unha viaxe tan rigorosa, morreron conxelados. Só a dama nova, mercé á luz da súa beleza, á calor da súa mocidade e á protección dos deuses, permaneceu con vida. Non é de estrañar que os homes morresen conxelados, xa que non só non acabaron no límite do polo deste mundo, senón que alcanzaron o polo doutro mundo que quedaba preto deste, lugar onde o frío, por mor da conxunción dos dous polos, tiña unha dobre intensidade que o volvía insoportábel. Ao final, a embarcación foi arrastrada a outro mundo, pois é imposíbel rodear por mar este mundo de polo a polo tal e como facemos de leste a oeste, xa que os polos do outro mundo, unidos aos deste, non permiten outra vía para facelo. Porque se alguén chega a calquera destes polos ten que volver ou entrar no outro mundo. E se se dubida disto e se pensa que aqueles que viven nos polos poden ou ben ver dous soles á vez ou non ver o sol durante seis meses seguidos, como se cre habitualmente, débese saber que cada un destes mundos ten o seu propio sol para iluminalo e que se move seguindo a súa traxectoria particular e circular, dun xeito tan exacto que ningún oculta ou obstrúe o outro, pois non exceden os seus trópicos. E aínda que eles deben atoparse, neste mundo non nos decatariamos facilmente por mor da brillantez do noso sol, que ao estar máis preto de nós obstrúe o esplendor do sol dos outros mundos, que se atopan moi lonxe para seren captados pola nosa percepción óptica, agás que empreguemos bos telescopios, cos que os astrónomos máis destros teñen observado dous ou tres soles a un tempo. Mais volvendo á embarcación errante e á dama aflixida: ao ver todos os homes mortos, atopou pouco consolo na vida. Os corpos, que se mantiveran ata daquela preservados 42
O Mundo Resplandecente
tanto da putrefacción coma do fedor grazas ao frío extremo, empezaban agora a desconxelarse e corromperse. Porén, ao non ter forza abonda para tiralos pola borda, viuse obrigada a saír da pequena cabina de cuberta para evitar o cheiro nauseabundo. Nese momento, mentres navegaba entre dúas chairas de xeo como fío da corrente que flúe entre costas, avistou terra, toda ela cuberta de neve. Dende a terra achegáronse ata a embarcación, camiñando polo xeo, estrañas criaturas semellantes aos osos, pero que andaban coma persoas. As criaturas agarraron a embarcación coas súas poutas coma se fosen mans. De primeiras entraron dous ou tres deles e despois o resto, un tras doutro. Miraron e observaron con atención todo o que había e falaron entre eles nunha lingua descoñecida para ela. Despois de sacala da embarcación, afundiron esta xunto cos homes mortos. A dama atopábase entón nun lugar ben estraño e entre criaturas extraordinarias, o que a tiña completamente atemorizada, pois non podía deixar de pensar en que en calquera momento se podía ver sacrificada pola crueldade daquelas criaturas. Porén, aquela especie de osos que parecía tan terríbel a primeira vista estaba lonxe de provocarlle mal ningún e, ao revés do que pensaba, amosoulle toda a educación e cortesía que se poida imaxinar. Como ela non podía camiñar polo xeo esvaradío, collérona en brazos e levárona ata a súa cidade, na que, no canto de casas, había covas subterráneas. Ao chegar á cidade, tanto femias coma machos, igual novos ca vellos, arremuiñáronse para ver a dama, erguendo as poutas en sinal de admiración. Despois conducírona a unha cova grande e espazosa que amañaran para o seu recibimento e deixárona baixo a custodia das femias, que a entretiveron con toda clase de amabilidades e respectos e que lle ofreceron os alimentos que elas comían. Mais, ao comprobaren que a súa constitución 43
Margaret Cavendish
non se axeitaba nin ao clima nin á dieta, decidiron trasladala a outra illa cunha temperatura máis cálida. Nela vivían seres que asemellaban raposos, só que camiñaban erguidos. Recibiron os seus veciños os homes-oso con grande amabilidade e cortesía, ao tempo que admiraban a fermosísima dama. Tras falaren un anaco, acordaron levala como galano ao emperador do seu mundo. Con esta intención, e despois dunha breve estancia no lugar, cruzaron a illa ata chegaren a un gran río de caudal tranquilo e claro coma o cristal, onde había moitas embarcacións semellantes ás nosas trampas para raposos. Subiron a dama a unha na que había homes-oso e homes-raposo agardando por ela e, en canto cruzaron o río, chegaron a unha illa con homes con cabezas, peteiros e plumas semellantes a parrulos silvestres, só que camiñaban erguidos ao igual ca os homes-oso e os homes-raposo. Tiñan unha cola entre as pernas e ás da mesma lonxitude ca o corpo. Arrastraban a cola, de diferentes tamaños, coma se fose un vestido de gala. Despois de que os homes-oso e os homes-raposo amosasen as súas intencións aos homes-parrulo ou homes-paxaro, algúns destes últimos uníronse ao resto para acompañar a dama pola illa, ata que chegaron a outro río, longo e ancho, onde volveron organizarse en moitas embarcacións ben dispostas, semellantes a niños de paxaro, só que un pouco máis grandes. Tras cruzar o río, chegaron a outra illa de temperatura morna e agradábel, chea de bosques. Chamaban aos seus habitantes sátiros e eles recibiron tanto os homes-oso e raposo coma os homes-paxaro con gran respecto e educación. Despois de poñerse de acordo, pois uns coñecían as linguas dos outros, uníronselles algúns dos xefes dos sátiros, que acompañaron a dama fóra da illa ata outro río no que había algunhas embarcacións ben fermosas e preparadas con todo tipo de comodidades. Logo de cruzar o río, entraron 44
O Mundo Resplandecente
nun gran reino no que vivían homes coa figura da herba verde, que os acolleron moi amabelmente e os forneceron de todo o que precisaban para continuar a viaxe. Ata ese momento só cruzaran ríos, pero para o seu próximo destino era inevitábel entrar en mar aberto, polo que prepararon as embarcacións e todo o equipamento para navegar ata a illa onde tiña a residencia o Emperador do Mundo Resplandecente (que así o chamaban). Eran bos navegantes e, aínda que non sabían da pedra imán nin da agulla nin dos cronómetros mariños, si posuían a arte da sutil observación, ademais de gran práctica, o que lles era moi útil. Por tanto, non só eran quen de predicir a profundidade do mar en cada lugar, senón tamén se había bancos de area, rochas ou calquera outro escollo que tivese que evitar un mariñeiro hábil e experimentado. Ademais eran uns excelentes adiviños, habilidade que consideraban máis necesaria e beneficiosa ca o uso de compases, cartas de navegación, cronómetros e cousas así. Pero, por riba de todo, tiñan un artefacto extraordinario, moi a ter en conta polos filósofos experimentais, que era un tipo de máquina que producía unha gran cantidade de ar e lanzaba vento con moita forza. Tratábase dunha máquina que, cando o mar estaba en calma, se colocaba detrás do barcos e, cando ía tormenta, diante. Protexíaos da violencia das ondas, coma canóns contra unha armada hostil ou unha cidade asediada. Golpeaba e desfacía as ondas cando se volvían tan altas coma un campanario. Así, tan pronto se abría unha fírgoa, atravesaban as ondas aínda que soprase o vento máis furioso, pois servíanse de dous deses enxeños para cada embarcación: un diante para crebar as ondas e outro detrás para propulsala. Ocorría que o vento artificial era mellor ca o natural, pois proporcionaba unha maior vantaxe sobre as ondas. O natural, ao moverse por riba da capa de auga, non daba impul45
Margaret Cavendish
sado as embarcacións sen empuxalas cara abaixo, mentres que o artificial, cun movemento lateral, furaba as entrañas das ondas. Ademais, cómpre sinalar que durante unha gran tormenta dispoñían os seus barcos en formación de batalla e, se temían que o vento chegase a ser tan forte e as ondas tan feroces que os puidesen dividir, acaroábanse o máximo que lles permitían as circunstancias de navegación ou o elemento líquido, posto que as súas embarcacións estaban tan ben deseñadas que podían dispoñerse como nun panal de abellas sen desperdiciar espazo e, así unidas, nin o vento nin as ondas as podían separar. As embarcacións do emperador estaban feitas de ouro e de coiro as dos comerciantes e capitáns. As de ouro non eran moito máis pesadas ca as nosas de madeira, pois construíanse con esmero e non precisaban de tanto grosor. Non ían cubertas de brea nin chapapote e non levaban bombas, armas nin ningunha desas guarnicións que fan tan pesadas as nosas de madeira. E, aínda que non eran dunha soa peza, estaban tan ben soldadas que non había perigo de fugas, gretas nin fendeduras. En canto ás armas, non as usaban, pois os seus únicos inimigos eran os ventos. As embarcacións de coiro, pola contra, non eran tan seguras, pero si moito máis lixeiras. Amais, reforzábanse con piche para evitar a entrada de auga. Tras preparar e organizar a frota, continuaron viaxe tanto con calma coma con tormenta. De primeiras, a dama sentiuse triste, preocupada polas dúbidas e temerosa, pois non sabía se esta estraña aventura a salvaría ou a destruiría. Mais, como era de espírito xeneroso e de aguda intelixencia, tiña en consideración os perigos que pasara e viu que aqueles homes se amosaban atentos e dilixentes con ela, polo que se animou e propúxose aprender a súa lingua. Despois de aprender algunhas palabras e intercambiar algún xesto, deixou de ter medo e sentiuse non só a salvo, senón moi a 46
O Mundo Resplandecente
gusto na súa compaña. É fácil decatarse de que a novidade descompón a mente, mentres que o coñecemento lle proporciona paz e tranquilidade. Por fin, logo de pasar varias illas ricas e diversos reinos, achegáronse a Paraíso, onde se atopaba o trono do emperador. Cando tivo á vista o lugar púxose moi contenta. Ao principio a dama non viu máis ca rocas tan altas que chegaban ata o ceo e, aínda que semellaba que non tiñan a mesma altura, si formaban un bloque unido, sen divisións. Ao achegarse máis, percibiu unha fenda no medio das rochas, a través da cal avistou moitos botes que, ao lonxe, semellaban unha recua de formigas que marchasen unhas tras das outras. Os botes asemellábanse aos buratos ou celas dun panal de abellas e, ao aproximarse, encaixaron uns nos outros. Os homes eran de complexións moi diversas, mais sempre diferentes das do noso mundo. Cando os botes e os barcos se atoparon, saudáronse e falaron uns cos outros con gran cortesía. Naquel mundo existía unha única lingua e só un emperador, ao que todos se sometían con gran servidume e obediencia, o que lles permitía vivir en perpetua paz e felicidade, sen enfrontarse a guerras co exterior nin insurreccións civís. Cando arribaron, a dama pasou do barco a un daqueles botes que se dirixiu polo mesmo camiño (outro non había) ata a parte do mundo na que residía o emperador, un lugar moi agradábel e de plácida temperatura. Atravesaban aquel territorio moitos ríos, ben longos e anchos, que fluían e discorrían cara a diferentes illas, separadas unhas das outras por certa distancia, mais todas elas tan agradábeis, vizosas, ricas e frutíferas como só a natureza sabe crear. Como xa se dixo, era un lugar a salvo das invasións estranxeiras, pois só tiña unha pasaxe para entrar. Esta era tan labiríntica e retorta entre as rochas que non podían pasar máis que botes pequenos con non máis de tres pasaxeiros cada vez. A cada lado deste río sinuoso 47
Margaret Cavendish
e estreito atopábanse varias cidades, algunhas de marfil, outras de alabastro, unhas de ágata, outras de ámbar, tamén de coral e doutras pedras preciosas descoñecidas no noso mundo. Despois de deixalas atrás, a dama chegou á cidade imperial, chamada Paraíso. Paraíso semellaba estar formada por diferentes illas, pois os ríos corrían entre as rúas pavimentadas e baixo as moitas pontes que alí había. A cidade estaba feita de ouro e a súa arquitectura era nobre, maxestosa, impoñente, mais non como a moderna, senón como a dos tempos da antiga Roma. Porque os nosos edificios modernos son coma eses castelos de naipes que se adoitan facer na infancia, cun piso por riba do outro, máis axeitados para os paxaros que para as persoas. Porén, os seus eran máis grandes, amplos e elevados, sen superar, con todo, os dous pisos de alto. Tiñan tamén estancias baixo terra coma sotos e outro tipo de cuartos. O palacio do emperador ficaba nun altorelo ao pé da cidade imperial. Na parte superior desa elevación había un grande arco esteado en sete columnas que rodeaban o palacio ao longo de catro millas. Ao pé de todo o arco estaba apostada a garda imperial, formada por distintos tipos de homes. Cada media milla abríase un portón de acceso e cada portón presentaba un deseño diferente. O primeiro deles permitía a entrada dende a cidade imperial ao palacio e tiña a cada lado un claustro, cunha parte exterior sostida por arcos apoiados sobre piares e unha interna completamente pechada. Dende o portón de entrada, o palacio ficaba no medio e medio como o corredor dunha igrexa que medise unha milla e media de longo e media milla de ancho. O teito abovedado descansaba sobre columnas, colocadas de tal xeito que un estraño se perdería sen un guía. A cada lado, é dicir, entre o exterior e o interior do claustro, ficaban os cuartos dos serventes e, no medio do palacio, as estancias do emperador, coas entradas 48
O Mundo Resplandecente
de luz na parte superior por mor da calor. A estancia do emperador non se atopaba máis protexida ca o resto. Había nela un trono imperial e moitos outros adornos que non se percibían ata que se entraba, pois as columnas dispuxéranse de tal xeito que non podían verse dende fóra. A entrada do palacio era, como toda a cidade imperial, de ouro e a estancia do emperador estaba recuberta de diamantes, perlas, rubís e outras pedras preciosas imposíbeis de enumerar. Entre o resto dos cuartos, a sala de Estado destacaba como a máis espléndida. Estaba pavimentada de diamantes verdes, pois naquel mundo existían diamantes de todas as cores, que foran axeitados de tal maneira que o chan parecía unha única peza. As columnas brillaban cubertas de diamantes, tantos e tan xuntos que daba gloria mirar para elas. Uníanse por arcos adornados por un tipo de diamantes que non hai no noso mundo, dispostos en ringleiras que semellaban arcos da vella de diferentes cores. A bóveda era de diamantes azuis e, no centro mesmo, víase un rubí que representaba o sol. O amencer e solpor do astro no leste e no oeste estaban marcados por rubís. Fóra da estancia había un corredor que levaba ata o cuarto do emperador. Este tiña as paredes de acibeche e o chan de mármore negro, cun teito de madreperla no que a lúa e as estrelas brillaban en forma de diamantes brancos sobre a cama, cuberta tamén de diamantes e rubís. En canto a dama foi presentada ao emperador, este viuna como unha deusa e ofreceuse a venerala. Ela, que daquela xa aprendera bastante ben a súa lingua, rexeitou tal distinción e explicoulle que, aínda que viña doutro mundo, non era máis ca unha simple mortal. O emperador aledouse da resposta e converteuna na súa esposa, o que lle outorgaba un poder absoluto para gobernar todo aquel mundo como desexase. Mais os seus súbditos, que non acreditaban que fose só unha simple mortal, amosaban cara a ela a veneración e adoración que se lle profesa a unha deusa. 49