Sjรณn
O rapaz que nunca existiu
Esvarar na túa sombra ao abeiro da noite. Seguir os teus pasos, a túa sombra na ventá. Esa sombra na ventá es ti, non é outra, es ti. Non abras a ventá tras as cortinas que axitas. Pecha os ollos. Ben querería eu pechalos cos meus beizos. Mais a ventá ábrese e o vento, ese vento que [ondea dun xeito estraño a chama e a bandeira envolve co seu abrigo [a miña fuxida. Ábrese a ventá: non es ti. Xa o sabía eu ben. Robert Desnos
I
(12-13 de outubro de 1918)
i O serán de outubro avanza sereno e fresco. Dende o lonxe chega o bruído dunha motocicleta. O rapaz inclina a cabeza para percibir mellor o son. Mantena queda, calculando a distancia, escoitando para ver se se achega ou se afasta, se vai polo chairo, atravesando a escarpada pradería ou as brañas, ou se vai subindo a aba pedregosa que dá para a cidade. Polo baixiño, escápaselle un xemido ao home que está de pé, diante do rapaz axeonllado. Ten as costas apoiadas contra a parede do cantil e semella que se fundise coa súa propia sombra, abrollando da pedra mesma. O home volve xemer, máis alto e con máis queixume, bate as cadeiras de xeito que o seu membro inchado entra e sae da boca do mociño. O rapaz solta os folgos polo nariz. Zuga o membro meténdoo ata o fondo, con máis forza, e ponse de novo a remar coa cabeza adiante e atrás, ritmicamente. Porén, agora procede máis amodo e máis en silencio, deixa que a parte superior do glande xogue co seu padal, cando non o envolve por completo coa lingua. Así pode ocuparse de ambas as cousas, de zugarlla a aquel home e de escoitar. Dáselle moi ben recoñecer o bruído dos motores. Abofé que non hai moitas motos no país, e a xente adoita modificalas segundo as súas preferencias, coa esperanza de sacarlles máis potencia. Esta podería ser perfectamente unha Indian, o seu redobre é máis estrondoso ca o das Harley-Davidson. Pecha os ollos. Está claro, non é unha Indian calquera, senón “o Indio”. Aprendeu os distintos bruídos a propósito 11
para poder recoñecer esta entre o resto. E agora está seguro de que o son do motor se está a achegar e a moto vai subindo pola ladeira. Non queda moito para que chegue ata o cumio da costa, xusto por onde a cuíña descende pola súa vertente leste, e precisamente alí embaixo está o barranco onde el se atopa axeonllado con aquel “guicho” na boca. O home move as coxas ao contrario da cabeza do mociño, o cal lle dá a entender ao rapaz que o asunto vai rematar en breve. Apreixa o membro do home con toda a man e, mentres continúa a zugalo, refrégao con rapidez, ao compás do motor, endurecendo o apreixo mentres a motocicleta acelera e o motor canta. A técnica ten o efecto desexado. O home apóiase con máis forza contra o barranco. Por entre os seus dentes apertados escapan unhas cantas palabras indiscernibles, fragmentos do xogo de luxuria que está a escenificar no seu maxín. Co bruar in crescendo da motocicleta e os movementos da cabeza e da man, ao rapaz tamén comeza a poñérselle en pé. E malia que tivese pensado reservarse esta noite, non pode evitar meter a man que lle queda libre no peto e masturbarse ao mesmo ritmo que despacha aquel home. Dende o alto da cuíña chega un balbordo de mil diaños. O home xeme agora con frenesí, competindo co ruído do motor. É que esta vai saltar polo barranco? A pregunta relampa na mente do rapaz. Mais non ten tempo de esperar unha resposta, na súa boca ínchase repentinamente aquel membro. Pinza cos dedos na raíz e apártase da man do home que busca ás apalpadas a súa brouca para apertalo contra si. O rapaz consegue ceibarse do apreixo de modo que o seme sae disparado contra as follas murchas dun salgueiro branco que estaba alí agardando a quitar o inverno de enriba. 12
A motocicleta frea derrapando ao bordo do cantil. Choven terra e pedriñas por riba do rapaz e do home. Cun berro contido, o home despégase da parede do barranco levando a súa sombra consigo. Apúrase a abotoar a bragueta do pantalón coas mans tremelicantes, buscando ao seu redor un camiño de fuxida. O rapaz ponse en pé e córtalle o paso ao home. Sácalle unha cabeza ao “guicho”. O home lánzalle un billete envurullado e lisca sen dicir palabra en dirección á cidade. O rapaz estira o vurullo e bota unha risada; son dous billetes, nada menos que quince coroas. Entón no cumio do barranco apágase o motor do “Indio”. Cae o silencio.
13
ii A rapaza aparece ao bordo do cantil igual ca unha deusa emerxida das profundidades do océano, perfílase baixo un ceo ardente e tinxido cos lumes volcánicos do Katla, unha moza coma ningunha outra, vestida cunha funda de coiro negro que remarca todos os detalles que lle estaba encargado ocultar, con luvas negras nas mans, un casco abombado na cabeza, uns anteollos protectores e unha bufanda negra cubrindo nariz e boca. A rapaza baixa o pano, levanta os anteollos por riba do casco. Os seus beizos son vermellos coma o sangue. Os ollos, orlados de sombra negra que fai que a súa cute empoada pareza máis branca ca o branco. Sólborg Guðbjörnsdóttir, Sóla Guðb. O rapaz murmura: –Xa o sabía eu! E deseguido, pronuncia o nome da súa dobre: –Musidora… + Hai máis dun ano que o rapaz descubriu esta moza. Coma se por un instante lle concedesen visión de raios X e puidese vela tal como era en realidade.
15
El xa sabía como se chamaba, onde vivía, de que familia viña sendo, con quen se relacionaba –son da mesma quinta e nunha cidade de tan só quince mil habitantes resulta ineludible que a xente da mesma idade saiban os uns dos outros–, mais o mundo dela estaba fóra do seu alcance e por riba da parcela social á que el pertencía, así que non lle prestara máis atención a esta moza do que a outros da súa clase. O descubrimento fíxoo un sábado na sesión de sobremesa d’Os Vampiros, no Cine Vello. El estaba sentado no seu lugar de costume e comezara a pórse dos nervios cos murmurios e risiñas que viñan das mellores butacas, diante súa. Mais cando se dispuña a chamarlles a atención, pois a xente viñera para gozar do filme, non para oír as ruidosas garatuxas duns nenos burgueses, oíulle dicir a unha das mozas que non tiña gana de lles seguir estragando a película aos demais. E cando a rapaza se puxo en pé para marchar foi cando sucedeu. No instante no que a súa sombra caeu sobre a pantalla, fundíronse as dúas, ela e mais a personaxe do filme. Volveu a cabeza e o chorro de luz proxectou as faccións de Musidora sobre as súas. O rapaz quedou petrificado no asento. Eran idénticas. + O rapaz oe que o chaman dende a cima do cantil: –Máni Steinn Karlsson, sei que estás aí! El recúa, internándose máis nas matogueiras de salgueiro. A rapaza saca un fular vermello dun peto da funda, lánzao polo bordo do barranco e observa como cae, flotan16
do, ata o chan. Fica á espreita. Mais cando ve que o rapaz non dá aparecido, solta unha gargallada e volve sobre os seus pasos. A motocicleta acéndese e a rapaza marcha. O rapaz sae do seu agocho. Recolle o fular, achégao ao nariz. Aquel sedoso tecido aínda conserva a mornura do corpo da rapaza e recende a dozura feminina. –Oh, Sóla Guðb!
17