Kenneth Grahame
O vento nos salgueiros
Este Li onllo a ☐ regalár no ☐ gañou uno o c ☐ mer no o p ☐ ato u
bro
I. A ribeira do río Toupa pasara toda a mañá moi atarefado, dándolle unha limpeza xeral á súa casiña. Primeiro coas vasoiras, e logo cos plumeiros; despois subida a escadas, tallos e cadeiras, cun cepillo e un balde de cal, ata rematar coa gorxa e mais os ollos cheos de po, salpicaduras de cal por todo o pelame negro, o lombo dorido e os brazos cansos. A primavera buligaba polo aire, pola terra e ó seu redor, e ata se internaba na súa escura e humilde casiña co seu espírito de nostalxia e descontento divinos. Non foi de estrañar, pois, que de súpeto guindase o cepillo ó chan, exclamase: “Diantre!”, e: “Recoiro!”, e tamén: “Ó demo coa limpeza!”, e saíse disparada da casa sen sequera parar a poñer o abrigo. Algo chamaba por ela de xeito imperioso dende a superficie, polo que se dirixiu cara ó escarpado e pequeno túnel que no seu caso cumpría a mesma función cá entrada empedrada que posuían os animais cuxas residencias se atopaban máis preto do sol e do aire. Así que rabuñou, raspou, escarvou e esgaduñou, e logo volveu esgaduñar, escarvar, raspar e rabuñar, traballando afanosamente coas súas gadoupiñas e murmurando para si: “Arriba! Arriba!”, ata que á fin, pop!, asomou o fociño á luz do sol e encontrouse dando rolos pola cálida herba dunha gran pradaría. “Non está mal”, dixo para si. “É mellor que dar cal!” As raiolas quentábanlle o pelame, as airexas acariñaban a súa fronte acalorada, e tras a reclusión no soto onde vivira dende había tanto tempo, os cantos dos alegres paxaros soábanlle nos abouxados oídos case coma se fosen berros.
7
Saltando sobre as catro patas, presa da alegría de vivir e da ledicia da primavera sen os seus labores de limpeza, continuou o seu camiño pola pradaría deica chegar á sebe do extremo oposto. –Alto! –díxolle un ancián coello dende o buraco–. Seis peniques polo privilexio de pasar polo camiño privado! Enseguida se viu derrubado polo impaciente e desdeñoso Toupa, que se puxo a trotar a carón da sebe, mofándose dos demais coellos que se asomaban dende os tobos para ver a que se debía tanto balbordo. –Salsa de cebola! Salsa de cebola! –moqueábase, e marchou antes de que puidesen pensar nunha réplica completamente satisfactoria. Entón empezaron a fungar entre eles. –Mira que es estúpido! Por que non lle dixeches…? –Contra, e por que non llo dixeches ti…? –Puidécheslle lembrar que… E así sucesivamente, tal e como adoita suceder. Pero, por suposto, para entón xa era demasiado tarde, coma sempre. Todo parecía demasiado bo para ser certo. Toupa ía deambulando afanosamente de acó para aló polas pradarías, a carón das sebes, atravesando arboredos, e por todas as partes atopaba paxaros a construír os niños, flores a abrollar e follas despuntando: todos eran felices, medraban e mantíñanse ocupados. E en vez de sentir a molesta picada da conciencia a bisbarlle: “A dar cal!”, por algún motivo só era quen de percibir o agradable que resultaba ser o único animal folgado entre todos aqueles cidadáns atarefados. Ó cabo, o mellor das vacacións se cadra non sexa tanto descansar como ver a todos os demais ocupados cos seus labores.
8
Pensou que a súa felicidade estaba completa cando, mentres ía vagando sen rumbo fixo, deu de socato coa marxe dun río caudaloso. Endexamais vira un río: aquel animal relucente, sinuoso e corpulento que perseguía cousas entre risas, as agarraba cun gurgullo e as soltaba cunha gargallada, para a continuación lanzarse sobre novos compañeiros de xogo que conseguían liberarse del a sacudidas e remataban presos unha vez máis. Todo eran abaneos e tremores, escintileos, resplandores e brillos, murmurios e remuíños, lapexadas e gorgolexos. Toupa estaba engaiolado, cativado, fascinado. Foi trotando pola beira do río, como trota un cando é neno e avanza a carón dun home que o ten engaiolado con emocionantes relatos; e cando á fin se cansou, sentou na ribeira mentres o río seguía conversando con el, nunha murmuradora sarta das mellores historias do mundo, enviadas dende o corazón da terra para lle seren contadas finalmente ó insaciable mar. Estando alí sentado na herba, ollando para o río, chamoulle a atención un buraco escuro na ribeira oposta, xusto a rentes da auga, e púxose a imaxinar o agradable e acolledora que resultaría aquela morada para un animaliño de poucas necesidades ó que lle apetecese vivir nunha fermosa residencia na marxe do río, por riba do nivel de enchente, e afastada do ruído e do po. Mentres o contemplaba, pareceulle que algo brillante e pequeno escintilaba no seu interior, que desaparecía e logo volvía escintilar, como unha estrela diminuta. Pero non sería moi probable atopar unha estrela nunha situación semellante, e era algo relucente e cativo de máis para ser un vagalume. Entón, mentres o seguía observando, fíxolle unha chiscadela, e dese xeito revelou que se trataba dun ollo; e ós poucos comezou a aparecer unha cariña ó seu redor, coma se fose o marco redondo dun cadro.
9
Unha cariña marrón, con bigotes. Unha cara redonda e seria, co mesmo escintileo nos ollos que de primeiras lle chamara a atención. Orelliñas ben coidadas e pelame abundante e sedoso. Era Rato de Auga! Entón os dous animais incorporáronse e observáronse con cautela. –Ola, Toupa! –dixo Rato de Auga. –Ola, Rato! –dixo Toupa. –Gustaríache vir ata a miña casa? –preguntou ó pouco Rato. –Oh, que fácil é dicilo –respondeu Toupa, algo rosmón, pois era un novato no tocante ó río e á vida e costumes da ribeira. Rato non dixo nada, simplemente se engruñou, desatou unha corda e tirou dela; deseguido, subiu con axilidade a unha barquiña na que Toupa non reparara. Estaba pintada de azul por fóra e de branco por dentro, tiña o tamaño ideal para dous animais, e Toupa encantoulle nada máis vela, malia que non comprendese exactamente a súa utilidade. Rato atravesou o río remando habilidosamente e largou amarras. Logo tendeulle a pata dianteira Toupa, que montou con precaución. –Agárrate aquí! –díxolle–. E agora, dá un bo chimpo! E Toupa, con gran sorpresa e fascinación, descubriuse realmente sentado na popa dunha barca de verdade. –Que día máis marabilloso! –dixo, ó tempo que Rato desatracaba e se poñía de novo a remar–. Sabes?, endexamais montara nunha barca. –O que? –berrou Rato, perplexo–. Endexamais… que nunca… vaia, pois… que estiveches facendo entón?
10
–Tan agradable é? –preguntou Toupa con timidez, aínda que xa se sentía máis que disposto a crelo, mentres se recostaba no asento e observaba os coxíns, os remos, os toletes e todos aqueles fascinantes accesorios, e notaba como a barca se mexía suavemente baixo ela. –Agradable? Non che hai cousa igual –dixo solemnemente Rato, entrementres se inclinaba cara adiante coa remada–. Creme, meu amigo, non che hai nada, absolutamente nada, que valla tanto a pena como navegar nunha barca. Navegar sen máis –continuou ensimesmado–, navegar nunha barca, navegar… –Mira para diante, Rato! –berrou Toupa de súpeto. Era demasiado tarde. A barca bateu de pleno contra a ribeira. E o soñador, o alegre remeiro, quedou tombado no fondo do bote coas patas para o aire. –… nunha barca… ou cunha barca –proseguiu Rato tan tranquilo, incorporándose cunha agradable risada–. Dentro ou fóra, tanto ten. O resto pouco parece importar, velaí o seu encanto. Tanto se marchas de viaxe coma se non, tanto se alcanzas o teu destino coma se vas dar en calquera outra parte, ou coma se nunca chegas a ningures, sempre estás ocupado, e nunca fas nada en particular; e unha vez que o fixeches, sempre tes algo máis do que te encargar, e podes facelo se queres, pero mellor sería que non. Atende! Se realmente non tes nada entre mans esta mañá, que che parece se imos xuntos río abaixo e pasamos o día de excursión? Toupa axitou as dedas de pura ledicia, inflou o peito cun suspiro de absoluto contento e deixouse caer felizmente nos brandos coxíns. –Que día máis marabilloso! –dixo–. Marchemos de inmediato!
11
–Entón agarda un momento –dixo Rato. Anoou a amarra nunha argola do seu peirao, gabeou ata o tobo e ó cabo dun pouco reapareceu cambaleándose baixo unha pesada cesta de vime repleta de comida. –Pon isto debaixo dos pés –díxolle Toupa unha vez que meteu a cesta na barca. A continuación desatou a amarra e colleu de novo os remos. –Que hai dentro? –preguntou Toupa, movida pola curiosidade. –Hai polo frío –respondeu Rato brevemente–, linguafríaxamónfríovitelafríacogombrosenvinagreensaladaboliñossándwichsdeagrónpatédecarnecervexadexenxibrelimoadagasosa… –Oh, para, para –berrou Toupa, extasiado–. É demasiado! –Paréceche? –preguntoulle Rato moi serio–. É o que adoito levar nestas excursionciñas, e os demais animais sempre me din que son un miserento e que corto unhas talladas moi finas! Pero Toupa xa non escoitaba nin unha palabra do que dicía. Absorto na nova vida que estaba a descubrir, embriagado polo escintileo, as ondas, os aromas, os sons e a luz do sol, meteu unha pata na auga e deixouse levar por longas fantasías. Rato de Auga, que tiña bo corazón, seguiu remando decontino e abstívose de molestalo. –Moito me gusta a túa roupa, amigo! –sinalou ó cabo dunha media hora–. Algún día eu tamén hei de ter un smóking de veludo negro. En canto poida permitirme un. –Desculpa –dixo Toupa, esforzándose por recobrar a compostura–. Debes de pensar que son un maleducado, pero é que todo isto é tan novo para min… Entón… isto… é… un… río! –O Río –corrixiuno Rato.
12
–E de verdade vives á beira del? Vaia vida máis estupenda! –Á beira del, con el, sobre el e dentro del –dixo Rato–. Para min é coma un irmán ou unha irmá, e tías e demais familia, e alimento e bebida, e (naturalmente) aseo. É o meu mundo, e non che quero ningún outro. O que non ten non paga a pena telo, e o que non sabe non paga a pena sabelo. Señor!, e o ben que o pasamos xuntos! Sexa no inverno ou no verán, na primavera ou no outono, sempre resulta divertido e emocionante. Cando teñen lugar as enchentes en febreiro, e as miñas bodegas e sotos rebordan dun líquido que non me serve para nada, e as augas turbias corren por diante da ventá do meu mellor dormitorio; ou cando todo volve desaparecer e deixa ó descuberto manchas de lama que cheiran a torta de cirolas, e os xuncos e as malas herbas atascan as canles, e podo andar ás voltas sobre a meirande parte do seu leito sen mollar os pés e atopar comida fresca e cousas que a xente descoidada deixou caer das súas barcas…! –Pero non che resulta algo aburrido ás veces? –atreveuse a preguntar Toupa–. Só ti e mais o río, e ninguén máis a quen dirixirlle a palabra? –Ninguén máis a quen… En fin, non podo ser severo contigo –dixo Rato pacientemente–. Todo isto é novo para ti, así que non o sabes. Hoxe en día a ribeira está tan poboada que moita xente se ten que mudar. Non, xa nada é coma antes, abofé que non. As londras, os picapeixes, os somorgullos, as galiñas de río, todos andan o día enteiro por aí e sempre queren que fagas algo… como se un non tivese asuntos propios dos que se encargar! –Que é aquilo que hai por alí? –preguntou Toupa, sinalando coa pata cara a un fondo arborado que lles poñía un marco escuro ás veigas dunha das marxes do río.
13
–Aquilo? Ah, non é máis que o Bosque Salvaxe –dixo Rato secamente–. Os ribeiráns non imos moito por alí. –Non son… non son moi simpáticos por esa zona? –dixo Toupa, un chisco nerviosa. –A ver… –respondeu Rato–, vexamos. Os esquíos non están mal. E os coellos… polo menos algúns, porque coellos hai de todo tipo. E logo está Teixugo, claro. Vive xusto no corazón do bosque, e non cambiaría a súa residencia nin por todo o ouro do mundo. O bo de Teixugo! Ninguén se mete con el. E máis lles vale –engadiu de maneira significativa. –Vaites, e quen querería meterse con el? –preguntou Toupa. –Ben, por suposto… hai… outros –explicou Rato cunha certa vacilación–. Doniñas… e armiños… e raposos… e outros polo estilo. Ó seu xeito tampouco son mala xente… eu sonche moi bo amigo deles… saudámonos cando nos atopamos e todo iso… pero ás veces desmándase, iso non o nega ninguén, e entón… vaia, o certo é que non te podes fiar moito deles. Toupa sabía perfectamente que era de mala educación entre os animais falar de posibles problemas, ou incluso aludir a eles, de maneira que cambiou de tema. –E alén do Bosque Salvaxe? –preguntou–. Onde todo é azul e borroso e se ve o que ben poderían ser lombas, malia que talvez non o sexan, e algo semellante ó fume das cidades, ou simplemente son nubes á deriva? –Alén do Bosque Salvaxe atópase o Ancho Mundo –dixo Rato–. E iso é algo que non ten ningún interese nin para ti nin para min. Eu nunca estiven alí, nin teño pensado ir, e ti tampouco deberías, se é que tes algo de sentidiño. Nin sequera o volvas mencionar, pídocho por favor. Olla! Velaquí temos por fin o remanso onde imos merendar.
14
Saíron da corrente principal e entraron no que a simple vista parecía un pequeno lago rodeado de terra. Verdes pradarías descendían ata ambas as marxes, raigañas marróns coma serpes relucían baixo a superficie da auga calma, mentres, en fronte deles, o lombo prateado e a caída escumosa dunha presa, do brazo dunha incesante e enchoupada roda dun muíño de gabletes grises, enchían o aire cun reconfortante murmurio, xordo e apagado, entre o que a intervalos se oían con claridade unhas vociñas que falaban alegremente. Era algo tan fermoso que Toupa non puido máis que levantar as patas dianteiras e suspirar: –Oi! Oi! Oi! Rato levou a barca ata a ribeira, amarrouna, axudoulle a desembarcar de xeito seguro Toupa, que aínda se movía con torpeza, e sacou a cesta da merenda. Toupa pediulle por favor que lle permitise desempaquetalo todo a ela, e Rato deulle o gusto encantado, estarricouse na herba e púxose a descansar, namentres o seu entusiasmado amigo sacudía e estendía o mantel, sacaba un por un todos os misteriosos paquetes e dispoñía pulcramente o seu contido, aínda suspirando: “Oi! Oi!”, ante cada nova revelación. –Veña, a meterlle o dente, compañeiro! –dixo Rato unha vez que estivo todo preparado. E Toupa estivo encantado de obedecer, pois comezara coa súa limpeza xeral ben cedo pola mañá, como é debido, e non fixera ningunha pausa para comer ou beber algo; e xa lle sucederan tantas cousas dende aquela que tiña a impresión de que pasaran días. –Que estás mirando? –díxolle Rato ó cabo dun tempo, cando xa conseguiran matar un chisco o becho da fame e os ollos de Toupa podían desviarse lixeiramente do mantel.
15
–Estou mirando –respondeu Toupa– unha fileira de burbullas que van viaxando pola superficie da auga. Éche algo que me resulta curioso. –Burbullas? Ahá! –dixo Rato, e púxose a chiar alegremente a xeito de invitación. Polo canto da ribeira asomou un fociño ancho e relucente, e Lontra arrastrouse cara a fóra e sacudiu a auga do pelame. –Que lambóns! –exclamou mentres se achegaba ás provisións–. Por que non me convidaches, Ratiño? –Foi algo de improviso –explicou Rato–. Por certo… este é o meu amigo, o señor Toupa. –Un pracer, de certo –dixo Lontra, e os dous se fixeron amigos de inmediato–. Vaia balbordo hai por todas as partes! –continuou Lontra–. Parece que hoxe veu o mundo enteiro ata o río. Eu achégome a este remanso na procura dun pouco de paz e xusto vou dar con vós os dous! Vaites… desculpádeme… non quería dicir iso, xa me entendedes. Oíuse un ganido tras deles, procedente dunha sebe da cal aínda penduraban as follas do ano anterior, e por alí asomou unha cabeza a raias sobre uns ombreiros elevados. –Ven, Teixugo! –berrou Rato. Teixugo avanzou un par de pasos e moumeou: –Hum! Xente! –viroulles as costas e desapareceu da vista. –Típico del! –dixo Rato, decepcionado–. Odia relacionarse coa xente! Hoxe xa non o volveremos ver diante. A ver, cóntanos, quen anda polo río? –Pois para empezar, Sapo –respondeu Lontra–. Na súa canoa do trinque, e con roupa de estrea, todo novo! Os dous animais observáronse e botáronse a rir. –Ó principio só se dedicaba á vela –dixo Rato–. Logo fartouse e afeccionouse ás lanchas. Nada lle gustaba máis que andar
16
de paseo en lancha todo o día, todos os días, e acababa metido en leas. O ano pasado deulle polas casas flotantes, e tivemos que ir visitalo á súa e finxir que nos gustaba. Seica ía pasar o resto da súa vida nunha casa flotante. Sempre sucede o mesmo, dá igual o que faga: axiña se farta e se pon a outra cousa. –É moi bo rapaz –observou Lontra, pensativa–, pero fáltalle estabilidade… sobre todo nunha barca! Dende onde estaban sentados podían espreitar o río por riba da illa que os separaba, e xusto naquel intre apareceu ante os seus ollos unha canoa cuxo remeiro –unha figura pequena e repoluda– batuxaba torpemente e se mexía arreo, a pesar de todo o empeño que lle poñía. Rato incorporouse e chamou por el, pero Sapo –pois del se trataba– sacudiu a cabeza e seguiu centrado no seu. –Se continúa mexéndose así, caerá da canoa en calquera momento –dixo Rato mentres sentaba outra vez. –Abofé que si –riu Lontra–. Algunha vez che contei a historia de Sapo co encargado da esclusa? Sucedeu así: Sapo… Unha mosca errante ía voando contra a corrente dese xeito abrio en que o fan as súas crías cando descobren a vida. Produciuse un remuíño de auga, un “glup!”, e a mosca desapareceu. Así como Lontra. Toupa baixou a mirada. Aínda lle resoaba a súa voz nos oídos, pero a herba onde estivera deitado achábase agora desocupada. Non se vía ningunha londra ata onde alcanzaba a vista, no afastado horizonte. Pero outra vez emerxeu unha fileira de burbullas na superficie do río. Rato estaba cantaruxando unha melodía, e Toupa lembrou que entre os animais era de mala educación facer cal-
17
quera comentario a respecto da súbita desaparición dun amigo nun momento determinado, por calquera razón ou malia que non houbese motivo aparente. –Vaia, vaia –dixo Rato–, supoño que deberiamos continuar a viaxe. Pregúntome a quen de nós lle apetecería recoller a cesta da merenda… –e non o dixo precisamente coma se lle parecese un plan emocionante. –Oh, déixame a min, por favor –dixo Toupa. E, obviamente, Rato deixoulle. Recoller a cesta non era unha tarefa tan agradable como baleirala. Nunca o é. Pero Toupa estaba decidido a gozar de todo, a pesar de que, nada máis acabar de enchela e deixala ben cerrada, caese na conta de que quedara un prato alí tirado na herba, e que unha vez feito o traballo de novo, Rato lle sinalase un garfo que ó parecer ninguén vira, e por último, ollo!, o frasco da mostaza, sobre o cal sentara sen decatarse… Así e todo, a torto ou a dereito, conseguiu rematar sen perder demasiado a calma. O sol da tarde comezaba a agocharse cando Rato se puxo a remar tranquilamente en dirección á casa, con aspecto distraído, murmurando poesías para si e sen facerlle moito caso a Toupa. Pero Toupa ía cheo de comida, satisfacción e orgullo, e naquela barca xa case se sentía coma na casa (ou iso pensaba), así que empezou a inquietarse e logo dun intre dixo: –Ratiño! Por favor, agora quero remar eu! Rato meneou a cabeza e sorriu. –Aínda non, amiguiño –dixo–, primeiro tes que recibir unhas leccións. Non é tan doado como parece. Toupa quedou calado uns minutos. Pero cada vez sentía máis envexa de Rato, que remaba con tanta forza e facili-
18
dade, e o seu orgullo comezou a bisbarlle que el o podería facer igual de ben. Entón abalanzouse sobre os remos dun chimpo, tan de súpeto que Rato, que contemplaba a auga mentres murmurando versos para si mesmo, se viu collido por sorpresa e caeu de costas no asento coas patas para o aire por segunda vez, namentres o triunfante Toupa ocupaba o seu sitio e agarraba os remos con total confianza. –Para, parvo! –berrou Rato dende o fondo da barca–. Non sabes facelo! Vas conseguir que envorquemos! Toupa botou os remos cara atrás cun floreo e deulles un bo apuxón contra a auga. Pero non alcanzou a superficie, así que as patas lle saíron voando por riba da cabeza e acabou caendo enriba do prostrado Rato. Sobresaltado, agarrouse ó costado da barca e entón… plaf! Alá foi a barca, e Toupa atopouse choupando no río. Miña nai, que fría estaba a auga! E miña nai, que mollada! Como lle asubiaban os oídos a medida que se ía afundindo máis e máis e máis! Que brillante e acolledor lle pareceu o sol cando logrou saír á superficie tusindo e farfallando! Que profunda foi a súa desesperación cando se decatou de que se volvía afundir! Entón unha pata agarrouna con firmeza pola caluga. Era Rato, que obviamente se estaba a rir… Toupa sentía como as súas gargalladas lle baixaban polo brazo ata as garras, para chegar ó seu pescozo. Rato empuñou un remo e meteullo a Toupa baixo o brazo; deseguido fixo o mesmo do outro lado e, nadando detrás del, foi empurrando o indefenso animal ata á marxe do río, onde o sacou da auga e o sentou na ribeira, feito un bandallo, desconsolado e mollado pingando. Logo de darlle unhas fregas para quitarlle algo da molladura, Rato díxolle:
19
–Veña, amigo! Bota a correr todo o que poidas polo camiño de sirga ata entrar en calor e quedar seco, mentres eu me somerxo en busca da cesta da merenda. Daquela, o coitado Toupa, mollado por fóra e avergonzado por dentro, púxose a corricar ata quedar máis ou menos seco, mentres Rato se mergullaba na auga, encontraba a barca, a endereitaba e a amarraba, ía carrexando ós poucos as pertenzas que atopaba á deriva, se volvía somerxer ata recuperar con éxito a cesta da merenda e forcexaba para levala a terra. Unha vez que estivo todo listo para marchar de novo, Toupa, ranqueante e apoucado, sentou na popa da barca, e cando emprenderon o camiño dixo nun ton baixiño, roto pola emoción: –Meu xeneroso amigo Ratiño! Pídoche perdón por comportarme de forma tan aloucada e desagradecida. Encólleseme o corazón cando penso que estiven a piques de perderche esta fermosa cesta. A verdade é que me portei como un auténtico parvo, ben o sei. Poderías non termo en conta nesta ocasión, perdoarme e deixar que as cousas continúen coma antes? –Non pasa nada, meu pobre! –respondeu alegremente Rato–. A un rato de auga pouco lle importa mollarse! A meirande parte dos días paso máis tempo dentro da auga que fóra. Non penses máis no asunto. E atende, coido que deberías quedar comigo unha tempada. A miña casa é moi humilde, sen grandes comodidades… non coma a de Sapo… malia que ti esa aínda non a viches. Con todo, un pode estar a gusto nela. E ensinareiche a remar e a nadar, e axiña te arranxarás tan ben na auga coma calquera de nós. Toupa quedou tan conmovido pola súa amabilidade que non atopou palabras para lle contestar, e tivo que enxugar un
20
par de bágoas co dorso da pata. Rato tivo o detalle de mirar para outro lado, e Toupa deseguida recuperou o ánimo. Mesmo foi quen de retrucarlles a dúas galiñas de río que se estaban a moquear da súa aparencia desamañada. Cando chegaron á casa, Rato acendeu un bo lume na sala, instalou a Toupa diante del nunha butaca, logo de lle emprestar unha bata e unhas zapatillas, e púxose a contarlle historias sobre o río ata a hora da cea. E para un animal de terra como Toupa, eran unhas historias do máis emocionantes. Historias sobre presas, inundacións repentinas, lucios saltaricos e barcos de vapor que guindaban botellas –ou polo menos as botellas caían dende barcos de vapor, así que era lóxico pensar que as guindaran–; e sobre garzas, e o rariñas que se poñían cando lles falaba alguén; e sobre aventuras polas canles, pescas nocturnas con Lontra ou excursións a campos afastados con Teixugo. A cea foi un acontecemento moi alegre; porén, ó pouco de rematar, o considerado anfitrión tivo que acompañar Toupa, que caía co sono, ó piso de arriba, deica o mellor dormitorio, onde axiña pousou a cabeza sobre a almofada con gran paz e contento, sabendo que o seu novo amigo, Río, lambía a repisa da ventá. Aquel día non foi máis que o primeiro de moitos parecidos para o liberado Toupa, cada cal máis longo e interesante, a medida que o verán avanzaba. Aprendeu a nadar e a remar, e descubriu a ledicia da auga corrente; e co oído pegado ós talos dos xuncos, de cando en vez captaba algunhas das palabras que o vento murmuraba sen cesar entre eles.
21