Opinións dun pallaso (mostra)

Page 1

Heinrich Bรถll

Opiniรณns dun pallaso



Para Annemarie



Verano aqueles a quen aínda non se lles falara del, e comprenderán aqueles que nunca oíran.



1 Escurecera xa cando cheguei á estación do ferrocarril de Bonn e forceime a non deixar que a miña chegada transcorrese co automatismo que se foi formando en cinco anos de andar de viaxe: baixar as escaleiras da plataforma, subir as escaleiras da plataforma, pousar a bolsa, sacar o billete do peto do gabán, recoller a bolsa, entregar o billete, ir mercar os xornais do serán ao posto de venda, saír e chamar un taxi. Durante cinco anos, case todos os días partín de algures e cheguei a algures, polas mañás subín e baixei e polas tardes baixei e subín escaleiras de estacións, chamei taxis, busquei cartos nos petos da miña casaca para lle pagar ao taxista, merquei xornais do serán nos quioscos e gocei, nun curruncho da miña conciencia, da desenvoltura exactamente calculada deste automatismo. Desde que Marie me abandonou para casar con ese católico de Züpfner, o procedemento fíxose aínda máis mecánico e non perdeu desenvoltura. Hai un xeito de medir a distancia entre a estación e o hotel, e entre o hotel e a estación: o taxímetro. A dous marcos, a tres marcos, a catro marcos e cincuenta céntimos da estación. Desde que Marie non está teño perdido o ritmo algunha vez, confundindo o hotel coa estación, buscando nervioso na portaría o meu billete ou preguntándolle ao empregado na entrada da plataforma o número do meu cuarto, aínda que algo que se podería chamar “destino” fixo que lembre a miña profesión e a miña situación. Son un pallaso –denominación oficial: cómico–, non estou suxeito 11


ao imposto de ningunha igrexa, teño vinte e sete anos de idade e un dos meus números chámase “Chegada e partida”, unha pantomima (case demasiado) longa en que o espectador confunde a chegada coa partida até o final; dado que case sempre volvo repasar este número no tren (está composto de máis de seiscentos movementos, cuxa coreografía teño, por suposto, que saber de memoria), é natural que de cando en vez sucumba á miña propia fantasía: que irrompa nun hotel buscando o taboleiro dos horarios de saída dos trens, e o atope, ou que suba ou baixe correndo unha escaleira para non perder o meu tren, cando en realidade o único que teño que facer é ir ao meu cuarto e prepararme para a representación. Menos mal que na maior parte dos hoteis me coñecen; en cinco anos xérase un ritmo con menos posibilidades de variación do que polo común se supón, e ademais o meu axente, que coñece as miñas particularidades, ocúpase de que non haxa problemas. O que el chama “a sensibilidade da alma do artista” respéctase plenamente, e cando entro no meu cuarto rodéame unha “aura de benestar”: hai flores nun bonito vaso e tan pronto como saco o gabán e estrelo os zapatos (odio os zapatos) contra unha esquina, unha linda camareira tráeme café e coñac e prepárame un baño perfumado e calmante a base de ingredientes verdes. Na bañeira leo os xornais, todos eles faltos de seriedade, até seis, pero polo menos tres, e canto con voz moderadamente alta cousas exclusivamente litúrxicas: corais, himnos, secuencias que aínda lembro de cando ía á escola. Meus pais, protestantes ortodoxos, tributáronlle homenaxe á reconciliación confesional de moda na posguerra e enviáronme a unha escola católica. Eu mesmo non son relixioso, nin sequera practicante, e utilizo as melodías e os textos litúrxicos por motivos terapéuticos. 12


Son os que mellor me axudan a superar as dúas doenzas que sufro por natureza: a melancolía e a dor de cabeza. Desde que Marie se pasou aos católicos (aínda que a propia Marie é católica, esta expresión paréceme axeitada), a vehemencia destas dúas doenzas aumenta e mesmo o Tantum ergo ou a ladaíña lauretana, até agora os meus favoritos na loita contra a dor, xa apenas me axudan. Existe un remedio transitoriamente eficaz: o alcohol. Existiría unha curación duradeira: Marie. Marie abandonoume. Tarda menos en afundirse un pallaso borrachón que en bater no chan un tellador bébedo. Cando entro bébedo en escena executo de modo impreciso movementos que só se xustifican pola súa precisión, caendo no erro máis embarazoso que pode cometer un pallaso: ríome das miñas propias ocorrencias. Unha terríbel humillación. Mentres estou sobrio, o medo a actuar crece até o intre en que piso o escenario (case sempre me tiñan que arrastrar até o escenario), e o que máis dun crítico chamou “esta ledicia reflexiva, crítica, tras a que se oe latexar o corazón” non era outra cousa que unha frialdade desesperada con que me convertía en marioneta; mala cousa, por certo, cando rompía o fío e recaía sobre min mesmo. É posíbel que os monxes en estado de contemplación sexan parecidos; Marie sempre cargaba con moita literatura mística e lembro que alí as palabras “baleiro” e “nada” aparecían con frecuencia. Había tres semanas que entraba en escena case sempre bébedo e cunha confianza enganosa, e as consecuencias fixéronse notar con máis rapidez que no caso dun alumno descoidado, que pode facerse ilusións até que saian as cualificacións; medio ano é moito tempo para soñar. Pasadas tres semanas xa non tiña flores no cuarto, á metade do segundo mes xa non tiña cuarto con baño e ao comezo do 13


terceiro mes o soldo reducírase a un terzo e xa había sete marcos de distancia até a estación. Nada de coñac, senón augardente de trigo; nada de teatros de variedades, senón estrañas asociacións que se reunían en salas escuras, onde eu actuaba nun escenario cunha iluminación desastrosa, onde xa non facía nin movementos inexactos, senón meras carantoñas con que se divertían os xubilados do ferrocarril, do correo ou das aduanas, amas de casa católicas ou enfermeiras protestantes, carantoñas con que embelecía a fin dos cursos de formación de oficiais do exército que bebían cervexas e non sabían ben se podían rir ou non cando presentaba os restos do meu número “Consello de defensa”. E onte, en Bochum, escorreguei perante uns mozos mentres imitaba a Chaplin e xa non fun quen de me pór en pé. Nin sequera houbo asubíos, só unha murmuración compasiva, e cando por fin o pano caeu sobre min saín axiña coxeando, xuntei os meus trapos e partín, sen quitar a maquillaxe, para a pensión, onde houbo unha rifa tremenda porque a miña patroa se negou a prestarme os cartos para o taxi. Só puiden calmar o taxista rosmón entregándolle a miña máquina de afeitar eléctrica, non como prenda, senón en pagamento. Aínda tivo a amabilidade de me dar de volta un paquete aberto de tabaco e dous marcos en efectivo. Boteime vestido sobre a miña cama sen facer, bebín o resto da miña botella e sentinme, por primeira vez desde había meses, completamente libre de melancolía e dores de cabeza. Estaba deitado sobre a cama nun estado que ás veces desexo para o final dos meus días: bébedo e como na miseria. Estaba disposto a ofrecer a miña camisa a cambio dun vaso de augardente, só me afastaron do negocio as complicadas negociacións que serían necesarias para o troco. Durmín de marabilla, profundamente e con soños en que o pesado pano caía sobre min convertido nunha mortalla suave 14


e grosa, como un escuro alivio, e aínda así xa ía sentindo, a través do sono e do soño, o medo a espertar: a maquillaxe aínda na cara, o xeonllo dereito inchado, un almorzo miserábel nunha bandexa de plástico e ao lado da cafeteira un telegrama do meu axente: “Coblenza e Maguncia anularon actuacións stop Chamo serán Bonn. Zohnerer”. Despois unha chamada do empresario, de quen só daquela souben que presidía a Obra Educacional cristiá. –Aquí Kostert –díxome ao teléfono dun xeito subalternamente glacial–. Aínda temos que aclarar o asunto dos honorarios, señor Schnier. –Por favor –dixen–, nada o impide. –Ah, non? Calei, e cando continuou a falar, a súa glacialidade barata xa se convertera en simple sadismo. –Acordamos cen marcos de honorarios para un pallaso que daquela valía douscentos. Fixo unha pausa, se cadra para darme a posibilidade de pórme furioso, pero calei e el púxose como era por natureza, ordinario, e dixo: –Presido unha asociación de utilidade pública e a miña conciencia prohíbeme pagar cen marcos por un pallaso que con vinte está moi ben, mesmo xenerosamente ben pagado. Non vin o motivo para romper o meu silencio. Acendín un pito, servinme aínda algo do mísero café, oín como abafaba. Dixo: –Segue á escoita? E eu dixen: –Sigo á escoita. E esperei. Calar é unha boa arma. Durante os meus anos de escola sempre fun consecuente ao calar cando tiven que comparecer perante o director ou perante o claus15


tro. Deixei que o moi cristián señor Kostert suase alí atrás, ao outro extremo da liña; para ter compaixón de min era demasiado mesquiño, pero aínda era capaz de sentir autocompaixón. Finalmente murmurou: –Pero fágame unha oferta, señor Schnier. –Escoite ben, señor Kostert –dixen–, propóñolle o seguinte: vostede colle un taxi, vai para a estación, mércame un billete de primeira clase para Bonn, mércame unha botella de augardente, vén para o hotel, paga a miña conta, incluída a propina, e deposita aquí nun sobre os cartos que preciso para ir á estación en taxi. Ademais comprométese pola súa conciencia cristiá a enviar a miña equipaxe gratuitamente a Bonn. De acordo? Fixo contas, tusiu levemente e dixo: –Pero eu quería darlle cincuenta marcos. –Ben –dixen–, entón colle o tranvía e así a cousa sáelle por menos de cincuenta marcos. De acordo? De novo fixo contas e dixo: –Non podería vostede levar a equipaxe no taxi? –Non –dixen–, estou lesionado e non podo ocuparme dela. Polo visto a súa conciencia cristiá comezou a axitarse con vehemencia. –Señor Schnier –dixo docemente–, sinto moito que eu… –Está ben, señor Kostert –dixen–, non sabe como me alegro de poder facer que a causa cristiá aforre entre cincuenta e catro e cincuenta e seis marcos. Cortei a comunicación e deixei o auricular a carón do aparello. El era o tipo de persoa que chamaría outra vez para desafogarse longa e viscosamente. Era moito mellor deixalo só, remexendo na súa conciencia. Sentíame fatal. Esquecín mencionar que non só estou dotado de melancolía e dor de cabeza, senón tamén doutra calidade case 16


mística: son quen de percibir olores a través do teléfono, e Kostert ulía a doces pastillas de esencia de violeta. Tiven que erguerme e lavar os dentes. Gargarexei cun resto de augardente, quitei a maquillaxe con dificultade, deiteime novamente e pensei en Marie, nos cristiáns, nos católicos e no futuro. Pensei tamén na miseria que un día me esperaría. Para un pallaso que se achega aos cincuenta só existen dúas posibilidades: a miseria ou o palacio. Eu non cría no palacio e aínda me quedaban máis de vinte e dous anos para dalgún xeito chegar aos cincuenta. O feito de que Coblenza e Maguncia anulasen as actuacións era o que Zohnerer cualificaría de “alerta amarela”, pero aquilo compensábase con outra calidade que esquecín mencionar: a miña indolencia. Bonn tamén tiña as súas miserias, e quen me obrigaba a esperar até os cincuenta? Pensei en Marie: na súa voz e no seu peito, as súas mans e o seu cabelo, nos seus xestos e en todo o que fixeramos xuntos. Tamén en Züpfner, con quen quería casar. De mozos coñecerámonos moi ben, tan ben que cando volvemos vernos de maiores non sabiamos se debiamos tratarnos de ti ou de vostede, os dous tratamentos desconcertábannos e sempre que nos viamos eramos presa daquel desconcerto. Non comprendía que Marie se pasase xustamente a el, pero quizais nunca “comprendera” a Marie. Púxenme furioso ao ser espertado das miñas reflexións precisamente por Kostert. Rabuñou na porta como un can e dixo: –Señor Schnier, escóiteme. Necesita un médico? –Déixeme en paz –berreille–, meta o sobre por debaixo da porta e marche para a casa! Meteu o sobre por debaixo da porta e eu erguinme, collino e abrino. Dentro había un billete de segunda clase de Bochum a Bonn e os cartos para o taxi, que estaban cal17


culados con precisión: seis marcos e cincuenta céntimos. Albergara a esperanza de que os redondearía até os dez marcos, e xa botara contas sobre o que sacaría cambiando con custo o billete de primeira clase por un de segunda. Serían uns cinco marcos. Berrou desde fóra: –Todo ben? –Si –dixen–, lisque dunha vez, miserábel paxaro cristián. –Oia, faga o favor –dixo. E eu bramei: –Fóra! Por un momento fíxose o silencio, despois oín como baixaba polas escaleiras. Os fillos deste mundo non son só máis listos, son tamén máis humanos e xenerosos que os fillos da luz. Collín o tranvía até a estación co fin de aforrar algo para a augardente e o tabaco. A patroa aínda me cargou na conta os gastos dun telegrama que eu enviara no serán a Bonn, a Monika Silvs, e que Kostert se negara a pagar. De modo que os cartos tampouco chegarían para coller un taxi até a estación. Puxera o telegrama antes de saber que Coblenza se descomprometera: adiantáranse á miña propia negativa e iso rillábame un pouco por dentro. Sería mellor para min poder ser eu o que fixese a anulación mandando un telegrama: “Actuación imposíbel por grave lesión de xeonllo”. En fin, polo menos saíra o telegrama para Monika: “Por favor prepare casa para mañá. Saúdos cordiais Hans”.

18


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.