Sally Rooney
Xente normal
Un dos segredos dese cambio de disposición mental que se chamou, axeitadamente, conversión é que para moitos de entre nós nin o ceo nin a terra conteñen ningunha revelación ata que algunha personalidade toca a súa cunha influencia particular e os fai receptivos. George Eliot, Daniel Deronda
Xaneiro de 2011
Cando Connell chama ao timbre, Marianne abre a porta. Aínda leva o uniforme do instituto, pero quitou o xersei, así que só vai coa blusa e a saia, non ten zapatos, só as medias. Ah, ola, di el. Pasa. Ela vólvese e camiña polo corredor. El pecha a porta e séguea. Baixan os poucos chanzos que dan á cociña, a nai del, Lorraine, está quitando unhas luvas de goma. Marianne senta dun chimpo no mesado e colle un bote aberto de crema de cacao, no que deixara unha culleriña. Marianne estábame a contar que hoxe vos daban os resultados dos exames simulados, di Lorraine. Déronnos os de inglés, di el. Veñen por separado. Imos indo? Lorraine dobra as luvas de goma pulcramente e gárdaas debaixo do vertedoiro. Entón comeza a quitar as pinzas do pelo. A Connell parécelle que iso é algo que podería facer no coche. Seica che foi moi ben, di ela. O primeiro da clase, di Marianne. Si, di Connell. A Marianne tamén lle foi bastante ben. Podémonos ir? Lorraine fai unha pausa mentres desanoa o mandil. Non sabía que tivésemos présa, di.
9
El mete as mans nos petos e contén un suspiro irritado, pero conteno cunha inspiración audible, de xeito que segue a soar coma un suspiro. Só teño que subir un momento a sacar a roupa da secadora, di Lorraine. E logo marchamos. Vale? El non di nada, só agacha a cabeza mentres Lorraine sae da estancia. Queres un pouco disto?, di Marianne. Está sostendo o bote de crema de cacao. El afunde as mans un pouco máis nos petos, coma se intentase meter o corpo enteiro neles. Non, grazas, di. Déronche as notas de francés hoxe? Onte. Apoia as costas na neveira e obsérvaa lamber a culler. No instituto, Marianne e el fan coma quen que non se coñecen. A xente sabe que Marianne vive na mansión branca co seu camiño de entrada, e que a nai de Connell é limpadora, pero ninguén coñece a relación concreta que hai entre estes feitos. Saquei un A1, di el. Que sacaches ti en alemán? Un A1, di ela. Estasme vacilando? Vas sacar os 600 puntos de certificado, verdade? Ela encolle os ombreiros. Seguramente ti tamén, di. Pero ti es máis intelixente ca min. Non te sintas mal. Son máis intelixente que todos os demais. Agora Marianne mostra un sorriso burlón. Exhibe un aberto desprezo pola xente do instituto. Non ten amigos, e pasa a hora da comida soa, lendo novelas. Hai moita xente que a odia de verdade. O seu pai morreu cando ela tiña trece anos, e Connell oíu que agora ten unha enfermidade mental ou algo. É certo que ela é a persoa máis intelixente 10
do instituto. Dálle pánico estar só así con ela, pero tamén se descobre fantasiando con cousas que podería dicir para impresionala. En inglés non es a primeira da clase, apunta el. Ela pasa a lingua polos dentes, sen darse por aludida. Se cadra teríasme que dar clases particulares, Connell, di. El sente que lle arden as orellas. Seguramente ela fala por falar e non hai segundas intencións, pero se hai segundas intencións sería só para rebaixalo por asociación, xa que a ela a consideran repulsiva. Leva uns horribles zapatos planos de sola grosa, e non se maquilla. Hai xente que di que non depila as pernas nin nada. Connell oíu dicir unha vez que lle caera xeado de chocolate por riba no comedor do instituto, e que foi ao baño das rapazas, quitou a blusa e a lavou no lavabo. Era unha historia moi coñecida dela, todo o mundo a oíra. Se ela quixese, podería deixar a Connell en evidencia saudándoo no instituto. Vémonos pola tarde, podería dicirlle, diante de todo o mundo. Sen dúbida, iso poríao nunha situación incómoda, que é o tipo de cousa coa que ela parece gozar. Pero non o fixo nunca. De que falabas hoxe coa señorita Neary?, di Marianne. Ah. De nada. Non sei. Dos exames. Marianne fai xirar a culler dentro do bote. Gústaslle, ou algo?, di Marianne. Connell observa como move a culler. Aínda sente as orellas moi quentes. Por que dis iso?, di el. Deus, non estarás enleado con ela, non? Obviamente non. Paréceche gracioso facer bromas con iso? Perdoa, di Marianne. Ten unha expresión concentrada, coma se estivese mirando a través dos ollos del ata o fondo da súa cabeza. 11
Tes razón, non ten graza, di. Perdoa. El asente, bota unha ollada ao seu redor, afunde a punta do zapato nun suco entre as baldosas. Ás veces teño a sensación de que actúa dun xeito algo raro comigo, di. Pero non pensaba dicirllo a ninguén. Creo que ata na clase flirtea moito contigo. En serio o cres? Marianne asente. El raña a caluga. A señorita Neary dá economía. No instituto fálase moito dos seus supostos sentimentos cara a ela. Algúns ata din que intentou engadila no Facebook, cousa que el non fixo e nunca faría. De feito, el non fai nin lle di nada, e limítase a quedar calado mentres ela fai e lle di cousas. Ás veces pídelle que quede despois da clase para falar do rumbo da súa vida, e unha vez mesmo lle tocou o nó da gravata do uniforme. Non lle pode contar a ninguén como actúa ela, porque pensarían que intenta gabarse. Na clase séntese tan avergoñado e molesto que non se dá concentrado na lección, e queda alí sentado, mirando o libro de texto ata que os gráficos de barras empezan a facerse borrosos. A xente sempre está dándome a vara con que me gusta e tal, di. Pero de verdade que non me gusta, nadiña. É dicir, non crerás que lle dou pé cando actúa así, non? Non, que eu vise. El frega as palmas das mans na camisa do uniforme sen pensar. Están todos tan convencidos da súa atracción pola señorita Neary que ás veces empeza a dubidar dos seus propios instintos ao respecto. E se, a algún nivel por riba ou por baixo da súa propia percepción, resulta que si a desexa? Nin sequera sabe realmente o que se supón que se sente ao desexar alguén. Todas as veces que tivo relacións sexuais na vida real parecéronlle tan estresantes que acabaron resultando bastante desagradables, o que o leva a sospeitar que lle pasa 12
algo raro, que é incapaz de intimar con mulleres, que ten algún problema de desenvolvemento. Despois queda tombado e pensa: Foi tan horrible que teño gana de vomitar. Será que el é así? Serán as náuseas que sente cando a señorita Neary se inclina sobre a súa mesa o seu xeito de experimentar excitación sexual? Como o podería saber? Se queres podo ir falar eu co señor Lyons, di Marianne. Sen dicir que me contaches nada. Direi que o notei eu mesma. Deus, non. De ningún xeito. Non lle digas nada disto a ninguén, vale? Vale, de acordo. Míraa, coma para confirmar que o di en serio, e logo asente. Non é culpa túa que ela se comporte así contigo, di Marianne. Ti non estás facendo nada malo. Entón por que todo o mundo pensa que me gusta?, pregunta el en voz baixa. Se cadra porque te pos moi colorado cando che fala. Pero tamén é certo que te pos colorado por todo, é así a túa pel. El solta unha gargallada breve e triste. Grazas, di. É así. Si, son consciente. De feito, estaste poñendo colorado agora mesmo, di Marianne. El pecha os ollos e preme a lingua contra o ceo da boca. Oe rir a Marianne. Por que tes que ser tan túzara coa xente?, di. Non estou a ser túzara. A min tanto me ten que te poñas colorado. Non llo vou contar a ninguén. Que non llo vaias contar a ninguén non significa que poidas dicir o que che pete. 13
Vale, di ela. Perdoa. El aparta a vista e mira o xardín pola fiestra. En realidade, o xardín é máis ben un “terreo” que inclúe unha pista de tenis e unha grande estatua de pedra con forma de muller. Contempla o “terreo” e achega a cara ao alento fresco do vidro. Cando a xente conta a historia de Marianne lavando a blusa no lavabo faino coma se fose simplemente gracioso, pero Connell cre que a verdadeira intención desta historia é outra. Marianne non estivo nunca con ninguén do instituto, ninguén a viu xamais espida, ninguén sabe se lle gustan os rapaces ou as rapazas, non llo di a ninguén. Á xente moléstalle iso, e Connell cre que por ese motivo andan a contar a historia, coma un xeito de espiar algo que non lles está permitido ver. Non quero discutir contigo, di ela. Non estamos a discutir. Xa sei que probablemente me odias, pero es a única persoa que me fala. Eu nunca dixen que te odiase, di el. Isto capta a atención dela, e levanta a cabeza. Confuso, el segue apartando a mirada dela, pero co rabo do ollo ve que ela o observa. Cando fala con Marianne ten a sensación de que existe unha total privacidade entre eles. Podería dicirlle calquera cousa sobre si mesmo, mesmo cousas raras, e ela nunca llas contaría a ninguén, sábeo. Estar a soas con ela é coma abrir unha porta para saír da vida normal e pechala tras de si. Non ten medo dela, que en realidade é unha persoa bastante tranquila, pero si teme estar cerca dela porque fai que se comporte dun modo estraño, que diga cousas que normalmente nunca diría. Hai unhas semanas, mentres el agardaba a Lorraine no vestíbulo, Marianne baixou en albornoz. Era un albornoz branco, normal e corrente, atado do xeito normal. Tiña o 14
pelo mollado, e a pel brilláballe coma se acabase de botar crema facial. Ao ver a Connell vacilou nas escaleiras e dixo: Non sabía que estabas aquí, perdoa. Parecía quizais desconcertada, pero non esaxeradamente nin nada. Logo volveu ao seu cuarto. Cando ela marchou el quedou na entrada, agardando. Sabía que seguramente estaría vestíndose no seu cuarto, e que a roupa que levase cando volvese baixar sería a roupa que decidira poñer despois de velo a el no vestíbulo. No entanto, Lorraine estivo lista para marchar antes de que Marianne reaparecese, así que el non chegou a ver que roupa puxera. Tampouco é que lle importase moito. E dende logo non llo comentou a ninguén do instituto: que a vira en albornoz, nin que parecía desconcertada; non era asunto de ninguén. A min gústasme, di Marianne. Durante uns segundos el non di nada, e a intensidade da intimidade entre ambos é moi forte, oprímeo cunha presión case física na cara e no corpo. Entón Lorraine volve entrar na cociña, anoando a bufanda ao redor do pescozo. Peta moi lixeiramente na porta, malia que xa está aberta. Listos para marchar?, di. Si, di Connell. Grazas por todo, Lorraine, di Marianne. Vémonos a semana que vén. Connell xa está saíndo pola porta da cociña cando a súa nai di: Poderías despedirte, non? El xira a cabeza sobre o ombreiro pero descobre que non é capaz de mirar a Marianne aos ollos, así que lle fala ao chan. Claro, adeus, di. Non agarda a oír a súa resposta. No coche, a súa nai pon o cinto e nega coa cabeza. 15
Podías ser un pouco máis amable con ela, di. Non o está pasando precisamente ben no instituto. El mete a chave no contacto e mira polo retrovisor. Xa son amable con ela, di. O certo é que é unha persoa moi sensible, di Lorraine. Podemos falar doutra cousa? Lorraine fai un aceno coa cara. El mira en fite polo parabrisas e finxe que non o viu.
16