Memorias do famoso anano Joseph Boruwlaski (mostra)

Page 1

Memorias, etc.



É tan raro atopar razón, sentimento e afecto nobres e delicados nun home a quen, aparentemente, a natureza non completou e que, polo talle, non parece ser máis ca un neno, que estaba convencido de que non pagaría a pena nin tan sequera botar unha ollada a estas Memorias. Simplemente redacteinas para render contas ante min mesmo das diferentes situacións nas que me atopei, e así lembrar unhas escenas demasiado interesantes, e unhas emocións demasiado vivas como para ser esquecidas; de feito, xa comezara a plasmar en papel algúns dos principais acontecementos da miña vida. As reflexións que farei só poden interesar a aqueles que desexan coñecer a natureza en todas as súas manifestacións, que adoitan ollar os seres da miña clase coma monstruosidades que, tanto en corpo coma en espírito, ficaron claramente por debaixo doutros homes e que, polo tanto, terán curiosidade por ver como un destes seres se integra entre criaturas de talle normal na súa percepción, nos seus sentimentos, nas súas ideas e paixóns. Por este motivo, non tería tomado xamais a liberdade de presentalas ao público, se non fose porque mo encomendaron unhas persoas ás que nada podo negar. Considerareime moi afortunado se con esta miña mostra de gratitude consigo demostrarlles que percibín en toda a súa extensión o interese que eles tiveron a ben manifestar por min. Nacín nas proximidades de Halych, capital de Pocutia, na Rusia polaca, no mes de novembro de 1739. Os meus 13


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

pais eran de estatura media; tiveron seis fillos, cinco varóns e unha moza. E por un deses xogos da natureza que son imposíbeis de xustificar e dos que, talvez, non se atopará outro exemplo nos anais da especie humana, tres dos seus fillos alcanzaron a estatura media, mentres que os outros dous e mais eu ficamos por debaixo da altura dos nenos ordinarios de catro ou cinco anos. Fun o terceiro en nacer nesta abraiante familia. O meu irmán maior, que hoxe ten ao redor de sesenta anos, é uns sete centímetros máis alto ca min. Sempre gozou dunha saúde robusta e aínda ten unha forza e un vigor moi por enriba do seu tamaño e da súa idade. Dende hai moito tempo vive no castelo de Inowlódz, que o honrou coa súa estima e as súas bondades e que, ao considerar que tiña suficiente capacidade e bo xuízo, lle confiou a intendencia e a dirección dos seus negocios. O meu segundo irmán era dun temperamento feble e delicado; morreu á idade de vinte e seis anos, cunha estatura de 1,78 metros. Aqueles que naceron despois de min foron alternativamente altos e pequenos: entre eles houbo unha nena que morreu de varíola aos vinte e dous anos; daquela só medía uns 66 centímetros. Tiña unha figura moi fermosa e admirabelmente ben proporcionada. Dende que nacín foi evidente que ía ser extremadamente pequeno, xa que non medía máis de vinte centímetros. Pero, a pesar desa pequenez extraordinaria, non era feble nin enfermizo, todo o contrario: miña nai, que me aleitou, sempre sostiña que fun o que menos traballo lle deu ao alimentarme. Comecei a camiñar e falar practicamente á mesma idade ca os demais nenos, e o meu crecemento progresivo foi nas seguintes proporcións: Ao ano medía 28 centímetros. Aos tres anos, 35,5 centímetros. Aos seis anos, 43 centímetros. 14


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

Aos dez anos, 53 centímetros. Aos quince anos, 63,5 centímetros. Aos vinte anos, 71 centímetros. Aos vinte e cinco anos, 89 centímetros. E aos trinta anos, 99 centímetros, estatura que mantiven sen volver crecer nin un milímetro máis, o que proba a falsidade dun feito defendido por certos naturalistas: que os ananos medran durante toda a súa vida. Se este exemplo non abondase, citarei o do meu irmán, que, coma min, creceu ata os trinta anos e, a esa idade, coma min, deixou de medrar. Acababa de facer os nove anos cando o meu pai morreu deixando a miña nai con seis fillos e moi poucos bens para repartir. Esta circunstancia levoume a asumir o rol que xoguei dende aquela no mundo, xa que, de non ser así, sen dúbida tería vexetado escuramente no fondo dunha provincia á beira do Dniepr; se cadra tería sido máis feliz. A miña nai tiña unha amiga, a señora Starosta de Caorliz, que, téndome moito cariño, acotío pedira aos meus pais que lle confiasen o coidado da miña educación. Aproveitou a difícil situación na que se atopaba a miña nai para renovar o seu ofrecemento e, aínda que lle custou moito, o desexo de procurar a miña felicidade venceu o que ela tiña de conservarme ao seu carón, e miña nai aceptou, con bágoas nos ollos, a nosa separación e a señora de Caorliz levoume á súa propiedade, que non estaba moi lonxe da da miña familia. En canto chegamos, a señora Starosta apresurouse a cumprir as promesas que fixera á miña nai dándome todas as atencións propias da miña idade. Residín alí catro anos sen que pasase nada interesante, e a tenrura que me mostraba a miña benfeitora non diminuíra en absoluto. Parecía estar destinado a ficar para sempre ao seu carón ata que un evento imprevisto cambiou o rumbo das cousas. A señora de Caorliz era viúva; xa non era nova, mais conservara a frescura e a graza e gozaba dunha fortuna con15


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

siderábel. O conde de Tarnow, a quen as súas ocupacións levaran á rexión, namorara dela, e non tardei en decatarme de que ela o prefería ao resto das persoas do seu círculo. Mostrábase soñadora, distraída, xa non parecía divertirse co meu pequeno parrafeo e non me sorprendín ao ver o deus Himeneo unir estes dous amantes. Porén, non deixei de percibir todos os cambios que este matrimonio ocasionaba á miña situación; notei que a miña protectora, ao gañar un marido, gañara tamén un dono, e se eu lle desagradaba, corría o risco de converterme nun estorbo, pois a mala situación da miña familia non me deixaba outra saída. Entón pensei en redobrar os meus esforzos para resultar agradábel ao marido da miña protectora, e creo que o conseguiría se un novo evento non perturbase os meus plans e me brindase outras posibilidades. Tras algúns meses de matrimonio, a condesa de Tarnow creu estar embarazada. Imaxinen a felicidade dos dous esposos! Nesa ocasión recibiron os parabéns de todos os seus amigos, entre os que se atopaba a condesa Humieska. Esta dama pertencía a unha das máis antigas familias de Polonia e, tanto polo seu nacemento como polas súas riquezas e calidades persoais, gozaba do rango máis distinguido do país. As súas terras, dende había un tempo, lindaban coas da señora Starosta e, tendo a oportunidade de verme con frecuencia, semellaba gozar moito da miña compañía e acotío manifestábame o pracer que sentiría se a acompañase á súa casa en Varsovia. As miñas respostas ao seu amábel ofrecemento foron evidenciando que, pouco a pouco, ía gañando a miña amizade; seica foi entón cando decidiu solicitar a miña compaña á condesa de Tarnow e só agardaba unha ocasión favorábel para facelo. O aparente embarazo da miña protectora deulle o pretexto. Un día, mentres se atopaba coa parella, conduciu habilmente a conversa aos perigos aos que as mulleres emba16


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

razadas estaban expostas e, tras citar moitos exemplos de accidentes ocorridos a damas que coñecía, inclinouse cara ao conde e preguntoulle, cun ton de voz suficientemente alto para ser oída, se el non cría que podería ser un perigo para a súa esposa terme continuamente baixo o seu coidado, e se aquilo non podería influír no neno que levaba no seu seo. Ante esta pregunta, a parella, abraiada, ollouse sen dicir nada. A condesa Humieska, véndoos estremecidos, engadiu unha infinidade de feitos que ían facendo aumentar a súa inquietude. Aconselloulles que me mantivesen afastado deles e ofreceulles que, se decidían levar a cabo o que lles dicía, se faría cargo de min, e ademais prometeulles facer todo o posíbel para garantir a miña felicidade. Xa fose porque a parella estaba realmente atemorizada, ou ben porque temesen contrariar a unha dama coma a condesa, só se opuxeron debilmente e afirmaron que aceptarían a miña decisión. Eu non estaba presente, o criado que veu na miña procura informoume do que pasara; entrei na estancia, coa miña resposta decidida, e asegurei á condesa que se a señora de Tarnow, cuxas bondades a facían dona do meu destino, se dignaba a concederme o seu consentimento, me consideraría afortunado de vivir baixo a súa protección e obedecería o meu corazón e o meu deber facendo todos os meus esforzos para mostrarme digno da súa benevolencia. A condesa Humieska semellaba encantada coa miña resposta. Díxome: –Estou encantada, querido Joujou –era así como me chamaba–, de ver que vós non tendes ningunha oposición a vir morar no meu lar. Entón, dirixíndose ao señor e á señora de Tarnow, díxolles: –Non poden arrepentirse. Teño a súa palabra e a de Joujou. 17


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

O resto da visita desenvolveuse entre cumprimentos e a nosa viaxe foi acordada para uns días máis tarde. A pesar de que tiña unha gran débeda coa condesa de Tarnow, admitirei que me consolei bastante rápido tras separarme dela, algo que se me perdoará facilmente se se presta atención ao feito de que só tiña quince anos e a miña cabeciña estaba repleta das imaxes de todos aqueles praceres dos que gozaría na outra morada e que me describira tan vividamente a miña nova benfeitora. Levoume ás súas propiedades en Rychty, Podolia, onde ficamos durante seis meses; como se propuxera visitar Alemaña e Francia, a condesa Humieska decidiu que a acompañase, o que me causou un gran pracer por mor da prometedora idea que tiña daquela viaxe. Tras algúns preparativos indispensábeis, marchamos cara a Viena. Talvez non sexa aburrido ver cal é o modo no que se viaxa en Polonia: daquela eu era moi novo e pouco instruído para non impresionarme, mais esa experiencia levaríame máis adiante a ter tristes reflexións. En primeiro lugar, poderán imaxinar que nos camiños non se atopaba ningún tipo de pousada, ningunha casa decente na que o viaxeiro puidese encontrar a máis mínima comodidade; en consecuencia, estabamos obrigados a levar a batería de cociña, os mobles e os alimentos. No percorrido pola rexión non atopabamos máis ca algunhas vilas miserábeis habitadas principalmente por xudeus. É na casa destes desgraciados, nesas especies de tullas onde homes e bestas viven en desorde, onde os viaxeiros polacos atopan o seu refuxio. Estes teñen a precaución de ser precedidos por algúns criados que, unha vez escollido o espazo que lles parece máis adecuado, expulsan, a miúdo a punta de pistola, os propietarios, e incluso recorren a esa mesma violencia con outros viaxeiros que non teñen un rango tan distinguido como para ousar disputarlles o terreo; unha vez donos do 18


MEMORIAS DO FAMOSO ANANO JOSEPH BORUWLASKI

local, cobren as paredes con tapices, preparan os leitos e colocan os mobles que levan con eles de maneira que, cando os amos arriban, se atopan aloxados e cos mobles dispostos dun modo decente. Por suposto, tamén poderán imaxinar como estes criados insolentes collen as aves de curral e as legumes dos pobres xudeus que, mentres dispoñen deste xeito da súa propiedade, se refuxian nalgunha tulla veciña e esperan, con impaciencia, que a marcha daqueles hóspedes incómodos lles devolva, á fin, a liberdade de volver ás súas casas. Tras varios días de viaxe esgotadora, e unha monótona estancia dalgúns meses en Léopold, finalmente chegamos a Viena. Alí, as novas da nosa chegada non tardaron en estenderse, polo que fomos visitados, convidados e procurados coa maior dilixencia. Pouco despois tivemos a honra de ser presentados á Súa Maxestade a Raíña Emperatriz, que tivo a bondade de dicirnos que eu superaba en moito todo o que lle contaran de min, e que era unha das cousas máis divertidas que nunca vira. Esta gran Princesa estaba daquela en guerra co Rei de Prusia, e a súa firmeza, valor e prudencia volvérana tan temíbel ante os seus inimigos como apreciada aos ollos dos seus súbditos. Un día tiven o honor de acudir aos seus apousentos, mentres os seus cortesáns a felicitaban por unha vitoria das súas tropas, e cada un gababa as vantaxosas consecuencias de modo en que, ao seu entender, o Rei de Prusia non tardaría en atoparse reducido ao último extremo. A Emperatriz, xunto a quen me atopaba, preguntoume o que pensaba do Rei de Prusia en Polonia e que idea tiña dese Príncipe. –Señora –díxenlle–, non teño a honra de coñecelo, mais se eu estivese no seu lugar, en lugar de perder o meu tempo facendo unha guerra inútil contra a vosa mercé, viría a Viena facervos a corte; e atoparía mil veces máis gloria gañando a vosa estima e as vosas boas grazas que obtendo sobre as vosas tropas as vitorias máis rotundas. 19


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.