O hobbit, de J. R. R. Tolkien (mostra)

Page 1



E

sta é unha historia de hai moito tempo. Daquela, as linguas e as letras eran bastante diferentes das nosas de hoxe en día. Imos usar o galego para representar as linguas, pero temos que fixarnos nunha cousa: orco non é unha palabra galega. Aparece unha ou dúas veces, pero normalmente tradúcese por trasno. Orco é o nome que lles dan os hobbits a esas criaturas. As runas son letras usadas antigamente, que se facían con fendas ou incisións en madeira, pedra ou metal, e por tanto eran estreitas e angulosas. No tempo no que transcorre esta historia só os Ananos as usaban con regularidade, especialmente para rexistraren información privada ou secreta. As súas runas están representadas neste libro por outras runas que agora pouca xente coñece. Se comparamos as runas do Mapa de Thror coas transcricións a letras modernas, podemos descubrir o alfabeto e ler o título rúnico desta páxina. No Mapa atopamos todas as runas normais, agás x para o X. I e U serven tamén para J e V. Non hai runa para Q (úsase CW); tampouco hai para o Z (se fai falta pódese empregar a runa dos ananos z). Porén, podemos encontrar algunhas runas que substitúen dúas letras modernas. A porta secreta estaba marcada cun p. Unha man sinálaa dende un lado do mapa e, debaixo, pon: a • porta • ten • cinco • pes • de • altura • e • tres • pasan • con • folgura w • w •

As dúas últimas runas son as iniciais de Thror e Thrain. 5


O hobbit

As runas lunares que leu Elrond son: cwedade • na • pedra • gris • cando • o • tordo • chame • e • o • sol • ponente • coa • derradeira • luz • do • dia • de • durin • ha • brillar • no • burato • da • fechadura •

No Mapa, os puntos cardinais están indicados con runas, co Leste na parte de arriba, como é común nos mapas dos ananos, e lense no sentido das agullas do reloxo: L(este), S(ur), O(este), N(orte).

6


Capítulo I

Unha reunión inesperada

n

un burato no chan vivía un hobbit. Non era un burato noxento, sucio, húmido, cheo de restos de vermes e con cheiro a lama, e tampouco un burato seco, baleiro e areento, sen nada no que sentar ou que comer: era un buratohobbit, e iso significa comodidade. Tiña unha porta perfectamente redonda coma un ollo de boi, pintada de verde, cunha brillante aldraba de bronce xusto no medio. A porta daba a un recibidor cilíndrico coma un túnel: un túnel moi cómodo, sen fume, coas paredes revestidas de madeira e os chans lousados e alfombrados, provistos de lustrosas cadeiras e moreas e moreas de perchas para chapeus e abrigos (ó hobbit encantábanlle as visitas). O túnel cobregueaba e internábase bastante, aínda que non directamente, na ladeira do outeiro (O Outeiro, como lle chamaba todo o mundo moitas millas ó redor), e nel abríanse moitas portiñas redondas, primeiro nun lado e despois no outro. Nada de subir escaleiras para o hobbit: dormitorios, aseos, adegas, despensas (moitas), armarios (cuartos enteiros destinados á roupa), cociñas, comedores…, todos quedaban no mesmo andar, e certamente no mesmo corredor. Os mellores cuartos estaban todos á man esquerda (segundo se entra), xa que eran os únicos que tiñan xanelas, xanelas redondas fondamente cavadas que daban ó xardín e ós prados de máis alá, baixando cara ó río. Este hobbit era un hobbit moi acomodado, e apelidábase Bulseiro. Os Bulseiro viviran na veciñanza do Outeiro dende había moitísimo tempo, e a xente considerábaos moi respectables, 7


O hobbit

non só porque a maioría deles eran ricos, senón tamén porque nunca viviran aventura ningunha nin facían cousas inesperadas: podíase saber o que diría un Bulseiro de calquera asunto sen ter que preguntarllo. Esta é a historia de como un Bulseiro viviu unha aventura, e se atopou a si mesmo facendo e dicindo cousas absolutamente inesperadas. Poida que perdese o respecto da veciñanza, pero gañou… ben, xa veredes se ó final gañou algo. A nai do noso hobbit particular… pero, que é un hobbit? Supoño que nos nosos días ós hobbits hai que describilos dalgún xeito, dende que se fixeron raros e tímidos coa Xente Grande, que é como nos chaman. Son (ou eran) xente miúda, máis ou menos da metade da nosa altura e máis pequenos ca os ananos barbados. Os hobbits non teñen barba. Hai pouca ou ningunha maxia neles, agás esa común e cotiá que lles axuda a desaparecer silenciosa e rapidamente cando algún estúpido tipo grande coma vós ou coma min se achega facendo un ruído de elefantes que se pode oír a unha milla de distancia. Tenden a ter un bandullo groso; visten de cores brillantes (sobre todo verde e amarelo); non levan zapatos, porque nos pés teñen unhas solas naturais duras coma o coiro e un pelo castaño mesto e quentiño como o que lles medra na cabeza (que é crecho); teñen longos e mañosos dedos morenos, caras apracibles, e rin con risas profundas e frescas (especialmente despois de cear, cousa que fan dúas veces ó día cando poden). Agora sabedes dabondo para continuar. Como ía dicindo, a nai deste hobbit –é dicir, Bilbo Bulseiro– era a afamada Beladona Tuk, unha das tres excepcionais fillas do Vello Tuk, patriarca dos hobbits que vivían ó outro lado de Aiauga, o regato que corría ó pé do Outeiro. Dicíase a miúdo (noutras familias) que, moito tempo atrás, un devanceiro dos Tuk casara sen dúbida cunha fada. Por suposto isto era absurdo, pero certamente había aínda algo neles que non era hobbit de todo, e de cando en vez, algún membro do clan Tuk ía vivir aventuras. Desaparecía discretamente e a familia botaba terra sobre o asunto, mais o feito era que os Tuk non resultaban tan respectables coma os Bulseiro, aínda que sen dúbida eran máis ricos. 8


Unha reunión inesperada

Polo menos Beladona Tuk non vivira ningunha aventura despois de casar con Bungo Bulseiro. Bungo, que era o pai de Bilbo, construíu para ela –e en parte cos cartos dela– o burato-hobbit máis luxoso de cantos se puidesen atopar por baixo do Outeiro ou por riba do Outeiro ou ó outro lado de Aiauga, e alí ficaron ata o final dos seus días. Aínda así, é probable que Bilbo, o seu único fillo, malia semellarse e comportarse exactamente como unha segunda edición do seu recto e sosegado pai, tivese no seu carácter un chisco do lado dos Tuk, algo que só agardaba unha oportunidade para saír. A oportunidade só chegou unha vez que Bilbo medrara (cando tiña uns cincuenta anos e vivía no fermoso burato-hobbit que vos acabo de describir) e en aparencia se establecera alí para sempre. Por algunha curiosa casualidade, unha mañá, hai moito tempo, na tranquilidade do mundo, cando había menos ruído e máis verdor, e os hobbits eran aínda numerosos e prósperos, e Bilbo Bulseiro estaba diante da súa porta despois do almorzo, fumando nunha longuísima pipa de madeira que case lle chegaba ás laúdas dedas dos pés (perfectamente peiteadas), apareceu Gandalf. Gandalf! Se oísedes só un cuarteirón do que eu oín del, e eu só oín unha pequena parte do que se pode oír, estariádesvos preparando para escoitar algún relato meritorio. Contos e aventuras xurdían aló por onde el ía, do xeito máis extraordinario. Certamente non baixara por aquel carreiro á beira do Outeiro dende había anos e anos, dende que morrera o seu amigo o Vello Tuk, e os hobbits case esqueceran o seu aspecto. Permanecera lonxe do Outeiro e ó outro lado de Aiauga por algúns asuntos particulares dende que todos eles eran nenos-hobbit e nenas-hobbit. Todo o que vira aquela mañá o confiado Bilbo era un vello cun caxato. Levaba un alto e afiado chapeu azul, unha longa capa gris, unha bufanda prateada sobre a que lle colgaba a barba longa e branca ata máis abaixo da cintura e unhas inmensas botas negras. –Bo día! –dixo Bilbo, e iso era o que quería dicir. Brillaba o sol e a herba era moi verde. Pero Gandalf ollouno dende debaixo das longas e mestas cellas que sobresaían máis cá aba do seu sombrío chapeu. 9


O hobbit

–Que queres dicir? –dixo el–. Deséxasme un bo día, ou queres dicir que é un bo día tanto se me gusta coma se non, ou que hoxe te sentes ben, ou que é un día no que habería que ser bo? –Todo iso xunto –dixo Bilbo–. E, ademais, un día estupendo para unha pipa de tabaco na soleira. Se levades unha pipa convosco, sentade e collede do meu tabaco! Non hai présa, temos todo o día para nós! –Entón Bilbo sentou nunha cadeira á beira da porta, cruzou as pernas, e fixo un fermoso anel de fume gris que subiu polo aire sen se romper e marchou flotando por riba do Outeiro. –Moi bonito! –dixo Gandalf–. Pero esta mañá non teño tempo para poñerme a facer aneis de fume. Ando na procura de alguén con quen compartir unha aventura que estou artellando, e é moi difícil atopalo. –Créovolo ben! Por estes lugares sómosvos xente tranquila e sinxela, non moi dada ás aventuras: cousas desagradables, molestas e incómodas que fan chegar tarde á cea! Non sei o que lles ve a xente! –dixo o noso señor Bulseiro, e meteu un polgar por dentro do tirante e fixo outro anel de fume aínda meirande. Entón sacou o correo da mañá e comezou a ler, coma quen que non lle facía caso ó vello. Decidira que non era do seu agrado e agardaba que liscase. Pero o vello non se moveu. Continuou apoiado no caxato, ollando o hobbit sen dicir nada, ata que Bilbo se sentiu bastante incómodo e mesmo algo anoxado. –Bo día! –dixo finalmente–. Non queremos aventuras por aquí, grazas! Deberiades probar ó outro lado do Outeiro ou na outra beira de Aiauga. Con isto quería dicir que a conversa chegara á súa fin. –Para cantas cousas empregas o “bo día”! –dixo Gandalf–. Agora queres dicir que che gustaría zafarte de min e que o día non será bo ata que lisque. –De ningún xeito, de ningún xeito, meu querido señor! Vexamos, paréceme que non coñezo o voso nome… –Si, si, meu querido señor, e eu coñezo o teu nome, señor Bilbo Bulseiro. E ti coñeces o meu, aínda que non lembres que é a min a quen pertence. Eu son Gandalf, e Gandalf quere dicir 10


Unha reunión inesperada

eu! Pensar que tería que vivir para que o fillo de Beladona Tuk me despedise cun “bo día” coma se fose vendendo botóns polas portas! –Gandalf, Gandalf! Deus me valla. Non sodes vós o mago errante que lle deu ó Vello Tuk un par de botóns máxicos de diamante que se abotoaban eles mesmos e non se desabotoaban ata que llelo ordenaban? Non sodes quen adoitaba contar nas reunións marabillosos contos sobre dragóns, trasnos, xigantes, rescates de princesas e a inesperada boa sorte dos fillos de nai viúva? Non sodes o home que creaba aqueles fogos artificiais tan excelentes? Como os lembro! O Vello Tuk acostumaba preparalos no solsticio de verán. Eran espléndidos! Subían coma grandes lirios, coma bocas de dragón e codesos de lume, e quedaban flotando no solpor toda a noitiña! Xa vos decatariades de que o señor Bulseiro non era tan prosaico como el mesmo pensaba, e tamén de que era moi afeccionado ás flores. –Diaño! –continuou–. Non sodes o Gandalf responsable de que tantos rapaces e rapazas repousados saísen cara ó Descoñecido na procura de tolas aventuras? Calquera cousa, dende gabear ás árbores ata visitar elfos… ou navegar en barcos, rumbo a outras costas! Recoiro, daquela a vida éravos ben intere… é dicir, hai algún tempo tivestes o costume de trastornar todo por estes lugares. Prégovos que me desculpedes, pero non tiña nin idea de que aínda estabades en activo. –Daquela onde ía estar? –dixo o mago–. De todos os xeitos compráceme ver que aínda lembras algo de min. Seica recordas con agrado os meus fogos de artificio, e iso é esperanzador. E, certamente, pola memoria do teu avó, o vello Tuk, e pola da pobre Beladona, vouche outorgar o que me pediches. –Desculpádeme, eu non vos pedín nada! –Si que o fixeches! Dúas veces xa! Que te desculpe. Desculpado quedas. De feito, aínda vou ir máis lonxe e permitireiche embarcar nesta aventura, moi distraída para min, moi proveitosa para ti, e seguro que tamén moi rendible, se saes dela para contalo. 11


O hobbit

–Desculpade! Non quero aventura ningunha, grazas. Hoxe non. Bo día! Pero vinde tomar o té cando vos apeteza! Mañá mesmo! Si, vinde mañá! Abur! Dito isto, o hobbit deu a volta e liscou pola redonda porta para dentro, e pechouna tan axiña como puido, aínda que tentando non parecer túzaro. Despois de todo, os magos son sempre magos. –Por que o convidaría eu a tomar o té? –preguntouse mentres ía cara á despensa. Había pouco que almorzara, pero pensou que un pasteliño ou dous e un grolo lle farían ben despois do susto. Gandalf, entrementres, estaba aínda á beira da porta e ría longa e caladamente. De alí a un pouco deu un paso, e coa punta do caxato fixo un misterioso signo na bonita porta verde do hobbit. Despois afastouse alancando, máis ou menos cando Bilbo remataba o segundo pasteliño e comezaba a pensar que lograra evitar moi habilmente as aventuras. Ó día seguinte case se esquecera de Gandalf. Non lembraba moi ben as cousas a menos que as anotase no seu Caderno de Compromisos deste xeito: “Gandalf té mércores”. E o día anterior estivera demasiado confuso para poñerse a facelo. Xusto un pouquiño antes da hora do té soou un formidable golpe de campá na porta principal, e daquela lembrouse! Deuse présa e puxo a marmita ó lume, sacou outra cunca e outro pratiño, e un ou dous pasteliños máis, e correu á porta. “Desculpádeme por vos facer agardar!”, ía dicir, cando se decatou de que non se trataba de Gandalf. Era un anano coa barba azul recollida nun cinto de ouro e ollos moi brillantes baixo a carapucha verde escura. Así que se abriu a porta, meteuse dentro coma se estivesen agardando por el. Deixou a capa con carapucha no colgadoiro máis próximo e: –Dwalin ó voso servizo! –dixo, facendo unha pequena reverencia. –Bilbo Bulseiro ó voso! –dixo o hobbit, demasiado sorprendido para preguntar nada polo momento. Cando o silencio que seguiu se fixo incómodo, engadiu–: Xustamente ía tomar o té; por favor, acompañádeme e tomade algo comigo. 12


Unha reunión inesperada

Quizais un pouco teso, pero falou amablemente. Que fariades vós se un anano ó que ninguén convidou viñese e colgase as súas cousas no voso recibidor sen dar ningunha explicación? Non levaban moito tempo á mesa, de feito apenas chegaran ó terceiro pastel, cando soou outra vez a campá, aínda con maior forza. –Desculpade! –dixo o hobbit, e saíu cara á porta. “Así que por fin chegades!” Iso era o que lle ía dicir a Gandalf esta vez. Pero non era Gandalf. No seu lugar había na soleira un anano que semellaba moi vello, con barba branca e carapucha escarlata; e tamén entrou cun chimpo así que a porta se abriu, coma se fose un convidado. –Vexo que xa comezaron a chegar –dixo cando viu a carapucha verde de Dwalin pendurada no colgadoiro. Colgou tamén a súa, de cor vermella, e–: Balin ó voso servizo! –dixo coa man no peito. –Graciñas! –dixo Bilbo boquexando. Non era o máis correcto, pero aquel “comezaron a chegar” deixárao atordado. Gustábanlle as visitas, pero prefería coñecelas antes de que chegasen, e ser el quen as convidase. Tiña o horrible presentimento de que os pasteis non ían chegar a nada, e como coñecía as súas obrigas de anfitrión e as cumpría, por moi dolorosas que fosen, quizais el tivese que quedar sen ningún. –Pasade e tomade un pouco de té! –acertou a dicir despois de dar un profundo suspiro. –Iríame mellor unha pouca cervexa, se vos é o mesmo, meu querido señor –dixo Balin, o da barba branca–. Aínda que non me desagradaría tomar un pasteliño, un pasteliño de sementes, se tedes algún. –Moreas! –atopouse respondendo Bilbo, sorprendido; e atopouse tamén correndo á adega para encher unha xerra cunha pinta de cervexa, e logo á despensa por un par de fermosos e redondos pasteis de sementes que enfornara esa tarde para o refrixerio de despois da cea. Cando chegou de volta, Balin e Dwalin estaban falando á mesa coma vellos amigos (de feito eran irmáns). Bilbo pousara 13


O hobbit

a cervexa e os pasteis diante deles cando a campá soou outra vez furiosamente, e despois outra vez máis. “Desta vez seguro que é Gandalf ”, pensou mentres folguexaba polo corredor. Pero non era el. Eran dous ananos máis, ambos con carapuchas azuis, cintos prateados e barbas amarelas; e cada un deles levaba un saco con ferramentas e unha espada. Entraron dun chouto así que a porta se comezou a abrir. Bilbo non se sorprendeu moito. –Que podo facer por vós, meus ananos? –dixo. –Kili ó voso servizo! –dixo un–. E Fili! –engadiu o outro; e ambos os dous sacaron as súas carapuchas azuis e inclináronse cortesmente. –Ó voso e ó das vosas familias! –replicou Bilbo, lembrando desta vez as súas maneiras. –Vexo que Dwalin e Balin xa están aquí –dixo Kili–. Xuntémonos ó tropel! “Tropel!”, pensou o señor Bulseiro. “Non me gusta como soa iso. Debería sentar un minuto e reflexionar e beber algo.” Apenas botara un groliño –nunha esquina, mentres os catro ananos, sentados ó redor da mesa, falaban de minas de ouro e problemas cos trasnos, e das depredacións dos dragóns, e moitas cousas máis que non entendeu e non quixo entender, porque semellaban demasiado aventureiras– cando, din-don-e-din-dan, a campá soou de novo, como se algún revoltoso neno-hobbit tentase arrincar o chamador. –Alguén chama á porta! –dixo, pestanexando. –Eu diría que uns catro, pola forma de chamar –dixo Fili–. Ademais vímolos vir detrás nosa ó lonxe. O pobriño do hobbit sentou no recibidor, puxo a cabeza entre as mans e preguntouse que fora o que pasara, e que ía pasar, e se todos eles quedarían á cea. Entón a campá soou outra vez, máis forte que nunca, e tivo que correr á porta. Ó final non eran catro, eran CINCO. Outro anano chegara mentres el estaba cavilando no recibidor. Apenas xirara o picaporte e xa se meteran todos dentro, facendo reverencias e dicindo “ó voso servizo” un tras outro. Chamábanse Dori, Nori, Ori, Oin e Gloin, e axiña dúas 14


Unha reunión inesperada

carapuchas cor púrpura, unha gris, unha marrón e unha branca pendían dos colgadoiros, e aló marcharon coas grosas mans metidas nos cintos dourados e prateados onda os outros. Xa case eran un tropel. Algúns pedían cervexa loura, outros cervexa negra, un deles café, e todos pasteis, de xeito que mantiveron ben ocupado o hobbit durante un anaco. Acababa de poñer ó lume unha pota de café, os pasteliños de sementes voaran e os ananos comezaran unha rolda de bolos con manteiga, cando de súpeto soou un forte golpe. Non un golpe de campá, senón un rudo pun-pun na bonita porta verde do hobbit. Alguén estaba a petar cun pau! Bilbo galopou polo corredor, moi anoxado, e completamente atordado e consternado. Este era o mércores máis desagradable que lembraba. Abriu a porta dun tirón e caeron todos dentro, un por riba do outro. Máis ananos, catro máis! E alí detrás estaba Gandalf, apoiado no caxato e rindo. Fixera unha boa marca na fermosa porta, e de paso borrara o signo secreto que deixara alí a mañá anterior. –Con coidado! Con coidado! –dixo–. Non é propio de ti, Bilbo, ter os amigos agardando no felpudo e logo abrir a porta de súpeto! Déixame presentarche a Bifur, Bofur, Bombur e especialmente a Thorin! –Ó voso servizo! –dixeron Bifur, Bofur e Bombur en ringleira. Entón colgaron dúas carapuchas amarelas e unha verde clariña; e tamén unha azul celeste cunha longa borla prateada. Esta última pertencía a Thorin, un anano enormemente importante; de feito non era outro que o gran Thorin Escudo de Carballo, ó cal non lle fixera graza caer de fociños no felpudo de Bilbo con Bifur, Bofur e Bombur enriba del, pois Bombur era inmensamente gordo e pesado. Thorin era en verdade moi fachendoso, e non dixo nada de “servizo”, mais o pobre señor Bulseiro desculpouse tantas veces que ó final rematou cun: “por favor, esquecédeo”, e deixou de poñer mala cara. –Aquí estamos todos xa! –dixo Gandalf, ollando a fileira de trece carapuchas (unha reunión das máis rechamantes) e mais 15


O hobbit

o seu propio chapeu que penduraban das perchas–. Que alegre reunión! Espero que quede algo de comer e beber para os que chegamos tarde. Que é iso? Té? Non, graciñas! Para min un pouco de viño tinto. –E para min –dixo Thorin. –E marmelada de framboesa e torta de mazá –dixo Bifur. –E empanada e queixo –dixo Bofur. –E pastel de carne de porco e ensalada –dixo Bombur. –E máis pasteis, e cervexa, e café, se non vos importa –pediron os demais ananos dende o outro lado da porta. –Frite uns poucos ovos. Que bo amigo! –berrou Gandalf tras del mentres o hobbit trotaba cara ás despensas–. E saca o polo frío e as conservas en vinagre! “Parece que coñezan o interior da miña despensa mellor ca min!”, pensou o señor Bulseiro, que se sentía completamente desorientado e empezaba a preguntarse se non acontecería xusto na súa casa a máis malfadada aventura. Cando recolleu todas as botellas, coitelos, garfos, vasos, pratas, culleres e o resto das cousas, e amoreou todo encol de grandes bandexas, estaba acalorado, coa cara encarnada e moi amolado. –Enrabechados e condenados ananos! –dixo en alto–. Por que non veñen botar unha man? Meu dito, meu feito! Alí estaban Balin e Dwalin na porta da cociña, e Fili e Kili tras deles, e antes de que lle dese tempo a dicir “garfo” xa levaran á sala as bandexas e dúas mesiñas e dispuxeran cada cousa no seu sitio. Gandalf sentou na cabeceira, cos trece ananos ó redor; e Bilbo sentou nunha banqueta a carón do lume, rillando nunha galleta (case perdera o apetito) e tentando aparentar que todo era perfectamente normal e de ningún xeito unha aventura. Os ananos comían e comían, e falaban e falaban, e o tempo pasaba. Ó final botaron para atrás as cadeiras e Bilbo empezou a recoller os pratos e os vasos. –Supoño que quedaredes á cea –dixo el co seu ton máis educado e inexpresivo. 16


Unha reunión inesperada

–Por suposto! –dixo Thorin–. E tamén despois. Non arranxaremos o asunto ata máis tarde, e primeiro temos que tocar un pouco de música. Agora, a recoller isto! Entón os doce ananos (Thorin non, era demasiado importante, e ficou a falar con Gandalf) erguéronse dun chimpo e fixeron altas moreas con todas as cousas. Saíron, sen agardar polas bandexas, balanceando nunha soa man columnas de pratos, cada unha rematada cunha botella, mentres o hobbit corría tras deles case laiándose co medo: “Por favor, con coidado!” e “Por favor, non vos molestedes! Xa me ocupo eu”. Pero os ananos só comezaron a cantar: Esportela os vasos e escachiza os pratos! Cega os coitelos e torce os garfos! Iso é o que Bilbo Bulseiro aborrece. Esnaquiza as botellas e queima as rollas! Racha o mantel e pisa a manteiga! Verte o leite no chan da despensa! Deixa os ósos na alfombra do cuarto! Esparexe o viño por todas as portas! Baleira os tarros nunha pota a ferver, escáchaos baténdolles cun pau e cando remates, se queda algo enteiro mándao a rodar polo corredor abaixo. Iso é o que Bilbo Bulseiro aborrece, así que coidado!, coidado cos pratos! E, naturalmente, non fixeron ningunha destas horribles cousas, senón que lavaron e gardaron todo coa rapidez do lóstrego, mentres o hobbit daba voltas e voltas no medio da cociña tentando ver que estaban a facer. Despois volveron e atoparon a Thorin cos pés no gardafogo, fumando unha pipa. Facía enormes aneis de fume, e aló onde dicía que fose cada un, ía (pola cheminea arriba, por detrás do 17


O hobbit

reloxo da repisa, por debaixo da mesa ou dando voltas e voltas ata o teito); pero fosen onde fosen non eran rápidos dabondo para escapar de Gandalf. Pop! El mandaba un anel máis pequeno dende a súa curta pipa de barro que atravesaba cada un dos de Thorin. Entón, os aneis de fume de Gandalf poñíanse de cor verde e quedaban flotando sobre a cabeza do mago. Tiña unha nube deles ó seu redor, e na penumbra dáballe unha aparencia estraña e fantasmagórica. Bilbo permaneceu inmóbil, contemplándoo –encantábanlle os aneis de fume–, e púxose colorado ó lembrar o satisfeito que quedara a mañá anterior cos aneis que el mandara ó vento, Outeiro arriba. –Agora un pouco de música! –dixo Thorin–. Sacade os instrumentos! Kili e Fili correron ós seus sacos e trouxeron uns pequenos violíns; Dori, Nori e Ori sacaron frautas dalgún lugar das súas capas; Bombur improvisou un tambor no recibidor; Bifur e Bofur tamén saíron, e volveron cuns clarinetes que deixaran no medio dos caxatos. Dwalin e Balin dixeron: –Desculpade, deixei o meu no soportal. –Trae o meu tamén –dixo Thorin. Volveron cunhas violas tan grandes coma eles, e coa arpa de Thorin envolta nun pano verde. Era unha fermosa arpa dourada, e cando Thorin a fixo soar, tan repentina e docemente, Bilbo esqueceuse de todo, e deixouse transportar a escuros lugares baixo estrañas lúas, moi lonxe de Aiauga e máis lonxe aínda do seu burato-hobbit baixo O Outeiro. A escuridade entrou no cuarto dende a ventaíña que se abría na ladeira do Outeiro; a luz do lume escintilaba –era abril– e eles aínda tocaban, mentres a sombra da barba de Gandalf bailaba contra a parede. A escuridade encheu todo o cuarto, o lume morreu e as sombras desapareceron, e eles aínda seguían tocando. E de socato, primeiro un e despois o outro, comezaron a cantar mentres tocaban, o canto rouco dos ananos, que entoaban nos máis fondos lugares das súas antigas moradas. Este é un fragmento do seu canto, se é que pode ser un canto malia que lle falte a música: 18


Unha reunión inesperada

Alén das frías montañas bretemosas, a fondos calabozos e cavernas antigas temos que ir, antes de que naza o día, na procura do amarelo ouro encantado. Os antigos ananos fixeron poderosos feitizos mentres os martelos soaban coma campás en abismos profundos onde dormen seres escuros, en ocas estancias baixo as montañas. Para o antigo rei e o señor dos elfos alí un brillante tesouro amoreado moldeaban e forxaban, e a luz collían para escondela en xemas na empuñadura da espada. En colares de prata engastallaban estrelas florecentes, en coroas penduraban o lume do dragón, en arame retorcido tecían a luz da lúa e do sol. Alén das frías montañas bretemosas, a fondos calabozos e cavernas antigas temos que ir, antes de que naza o día, reclamar o noso ouro tanto tempo esquecido. Alí labraron para si fermosas copas e arpas de ouro; onde ninguén cavaba, eles moito tempo botaron, e moitas cancións cantaron, que homes nin elfos nunca oíron. Os piñeiros bramaban no alto, os ventos zoaban na noite, o lume vermello flamexaba e espallábase, as árbores coma fachos escintilaban.

19


O hobbit

As campás soaban na valgada e homes de branca faciana miraban o ceo; entón a ira do dragón, máis fera có lume, botou abaixo as súas torres e febles casas. A montaña fumegaba ó luar; os ananos oíron as pegadas do destino, fuxiron da súa estancia para caer morrendo baixo os seus pés, baixo a lúa. Alén das ásperas montañas bretemosas, a fondos calabozos e cavernas antigas temos que ir, antes de que naza o día, rescatar o noso ouro e as nosas arpas. Mentres cantaban, o hobbit sentía dentro de si o amor das cousas fermosas feitas á man con destreza e maxia, un fero e celoso amor, o desexo dos corazóns dos ananos. Entón algo dos Tuk espertou dentro del, e desexou marchar e ver as grandes montañas, e oír os piñeiros e as fervenzas, e explorar as covas e levar unha espada en vez dun caxato para camiñar. Mirou pola xanela. As estrelas saíran nun escuro ceo sobre as árbores. Pensou nas xoias dos ananos que brillaban en escuras cavernas. De socato, no bosque, alén de Aiauga, ergueuse unha chama –probablemente alguén facendo unha fogueira–, e pensou en dragóns saqueadores que invadían o seu tranquilo Outeiro, incendiándoo todo. Estarreceu, e axiña volveu ser o sinxelo señor Bulseiro de Vila Bulsa, Baixo do Outeiro. Ergueuse a tremer. Non tiña gana ningunha de traer a lámpada, e pouca gana máis tiña de finxir que a ía buscar para acocharse no medio dos bocois de cervexa da adega e non saír ata que os ananos marchasen todos. De súpeto decatouse de que a música e as cancións remataran, e que todos o estaban a observar con ollos que escintilaban na escuridade. –Onde vas? –dixo Thorin, cun ton que semellaba mostrar que adiviñaba os pensamentos contraditorios do hobbit. 20


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.