Unha troita de pé (mostra)

Page 1

Silvia Bardelás

Unha troita de pé

BARBANTESA



A Sandra, que vive escribindo a súa vida. Unha noite, tiña dez anos e saltou da cama porque non podía controlar a emoción de pensar na orixe do universo.



Canto máis saibas, máis libre. Iso dixérame á desesperada o Pelos, o profesor de Filosofía. Quería que rematase o bacharelato, a min o bacharelato non me dicía nada, pero a frase quedoume na cabeza para sempre porque sentín o desacougo de non saber e, polo tanto, de non ser libre. Como souben recoñecerme coma non libre. E tanto tempo despois aínda non sei nada e volve a frase xa como sentenza, todos ao redor vivindo coma se nada e eu que podo facer, non sei que podo facer, pero sei que algo teño que facer. Será verdade que teño que expresarme, sacar fóra todo sen saber que. Se o soubésemos todo claro que nos moveriamos, saberiamos onde ir, pero sempre falta un dato. Aínda así, aínda que me falten os datos, teño que facer algo, teño que, teño que, e o que non teño é tempo. Quen o collese. Non fixen nada, non atopei nada, non me integrei, non aportei nada, ninguén está contento comigo. Polo menos paguei os anos ou o que fose que lle fixen á miña nai, coa súa frase de o que me fas sufrir, tanto sufrir polos fillos, sempre, aí sentada na súa butaca, se cadra esa 7


imaxe, repetida ao longo de toda a vida, sempre de noite, coa lampadiña alumando un libro aberto, nunca souben ben o que le, quizais tiña que preguntarlle que les, nai, iso é o que di a miña irmá, un dos seus achados. Con ela é coa única que podo falar algo, aínda que nunca nos achegamos abondo, sempre están polo medio todas aquelas tardes de tarefas sen facer, de culpa compartida. Usamos poucas palabras, entendémonos, si, pero nunca nos dixemos que nos entendemos. Supoño que isto vai de sacar algo lembrando doutra maneira, ou da única maneira, porque nunca quixen lembrar, nin sequera o que pasara no minuto anterior. Pensaba que o mellor era esquecer, a verdade é que si que tiña algunha verdade, pensaba que o mellor era esquecer para poder enfrontarme ao minuto seguinte. E se non lembras nada, non tes nada co que enfrontarte ao minuto seguinte. Se lle tivese contado a alguén que era mellor esquecer, quizais me tivese dito que estaba nunha parvada e tantos anos perdidos non o estarían. O que fixen co tempo foi tentar amarrar un peixe vivo esvarando cara ao seu rego. Eu pensaba que se non lembrabas tiñas o tempo amarrado, pero cando te dás conta, non tes nada. É máis, ten graza, ao final tes que lembrar se non queres rematar tolo, ou así, doente. (Teño que coller outro caderno para anotar estas novas que vou vendo: fáltame lembrar e escoitar, escoitar outros), iso tamén é así, nunca escoitei, tamén é que ninguén me falou á cara, con naturalidade, sempre me sentín chamado, veña Xulio, temos que falar, temos que falar. Iso era estar a un lado da porta e esperar a que rematasen, o meu corpo púñase ríxido e quedaba fitando calquera cousa, neses momentos foi cando descubrín de que ía a familia, polas paredes cheas de 8


cousas, cadros, diplomas, imaxes, reloxos, retratos, o retrato do bisavó, que tiña a cara de fronte pero os ollos fitando o chan. Talvez foi o único referente, o único no que podía verme. Estaba seguro de que tampouco entendera nada, e levaba o seu nome, miña nai dicíao sempre, mira Xuliño, levas o nome do bisavó Xulio, era un home moi bo, respectado por todos. Por que o respectaban? Nunca o souben. Por que non o preguntei no canto de facerme esa pregunta unha e outra vez cando caía na conta de que estaba alí? Por que nunca preguntei nada? Iso tamén mo dixo Inés, si, quizais Inés sexa a única que pensa en min. Pero cando o souben xa era tarde, estaba alí sentada, eu acordei no hospital, non sabía que estaba nun hospital, ela estaba durmindo nunha cadeira, subírase enteira a ela, engruñada coma un feto apoiando a cabeza nos xeonllos. Inés, Inés, chamábaa tan baixiño que non ouvía, e entón deixeina estar, botei unha ollada e decateime de que aquilo era un hospital, de que me pasara algo, aquela tarde horríbel tivera unha mala fin. Aquela tarde foi o comezo de todo, ou o comezo da fin de todo, segundo se mire. Estivera co meu rapaz, pobre rapaz, ninguén sabe o que é mirar ao seu fillo e pensar, pobre rapaz. Como se leva iso? Outra vez sen falalo con ninguén, ollando para el e coa mesma, exactamente a mesma ollada que lle botaba ao retrato do bisavó Xulio. Pobre rapaz, non sei por que, pero non vou facer nada para esculcalo, pobre rapaz un ano e outro sempre encolleito nun recuncho. O recuncho da miña casa está ao carón da fiestra, é verdade que é o mellor sitio, tes todo o mar á fronte e podes ir ata o infindo, pero tampouco é que mire ao infindo, sempre lendo, lendo sen parar, este rapaz non sabe mirar á fronte, anda sempre a mirar ao chan, neniño, perdiches algo importante? Nai, déixao. Iso si que o sei, non o levo moito 9


a ver a miña nai porque non aturo a forma que ten de tratalo, coma se fose unha bolboreta nun laboratorio. O laboratorio da miña nai sempre ten que ver con estudar a xente dende os principios da perfección, o rapaz tiña que ir vestido doutra maneira, o rapaz tiña que ir a outro tipo de colexio, o rapaz non come coma é debido, o rapaz non sabe tratar á xente, parece que vive na montaña, o rapaz está aparvado porque os seus pais non o incorporan na vida normal que teñen os demais rapaces, non se trata de ser moderno, ser moderno non é nada, hai que buscar as cousas importantes da vida, esas non caducan. Cada vez desconfío máis dos que teñen remedios para todo, iso si, viven moitos anos e están bastante sans comparado cos outros, terei que telo en conta. O meu rapaz é tan fráxil que non podo ter unha relación real, só podo miralo e tratalo de xeito que non escache, non querería ter ese castigo, o de que un fillo escache, o problema é que preferín asumir esa fraxilidade sen pensar por que era así. Non é febleza, vai de aquí cara a alá sen pestanexar, fai as maletas soíño dende os cinco anos, sempre sabe o que ten que meter, de feito mete roupa polo si ou polo non, pensando que a min se me pode ocorrer levalo a bañar ao mar aínda que non sexa verán, leva o seu bañador e o seu albornoz para evitar a catarreira, el, o pobre, que se por el é, non se move do sofá. Unha vez fomos ao colexio a unha entrevista, a mestra dixera é un rapaz modelo, obedece sempre, tamén na casa, non é? Eu non puidera contestar, estaba pensando en calquera das entrevistas que os meus pais puideran ter pasado no meu colexio tratando o meu tema, falando da desobediencia, da falta de interese, segundo dicían, un afán desmedido por xogar, e velaí o meu fillo. Achegárase ao carón da fiestra grande onde falabamos coa mestra e quedara de pé coma esperando algo, 10


entón, aínda peor, non quixen pescudar nesta intuición pero aquel xeito de comportamento perfecto parecíame unha vinganza, e non era unha intuición, non, era unha certeza, e o que fixen ante a dor que producía foi pensar en termos da lóxica, a realidade é que era un rapaz boísimo que o único que quería era o recoñecemento dos seus pais pola súa conduta, en realidade era un feito de amor cara a nós, era un neno san que non tiña problemas coma min na súa escolaridade. A mestra despediunos con dous bicos e un gran sorriso, contenta polo resultado do seu mellor alumno, tivo o momento de falar da situación social do rapaz, era o tema de non vivir co pai, falou de familia monoparental, aínda que matizou que ten relación co pai, e aí si que o que me pedía o corpo era abandonalos para sempre, abandonar a mestra, Paula e o meu fillo, deixalo nas súas mans. Decateime de que eu era un problema, o que facía era que non tivese un tratamento de rapaz monoparental coma deus manda. As dúas miraban para min esperando que eu falase, e eu, que nunca o fixen, non vou falar agora, se algunha vez na miña vida non tivera nada que dicir era nese momento. É co tema dos horarios, dos xogos compartidos, a mestra mirábame directamente, o neno non vai aos aniversarios dos outros rapaces, o luns vén canso, di que queda lendo ata tarde, pregunteille polo xantar e díxome que non ten claro o tema das comidas, un día veu arrefriado por bañarse na praia, en fin, se son eu a que conta isto é porque estes temas son máis doados de tratar dende fóra do ámbito familiar, non é a nai a que pon isto diante da mesa, é o colexio, onde temos unha mirada máis obxectiva, en fin, espero que non pareza que me meto onde non me chaman. Eu mirábaa coma miraba ao meu pai, á miña nai, ás miñas mestras, aos meus profesores, aos meus irmáns maiores, 11


aos meus clientes, todos eran mirados ata o fondo da caluga, traspasando aquelas palabras incontestábeis, e miraba tamén sen ollos a Paula, a quen o que máis lle gustaría sería que o rapaz non fose comigo as fins de semana, á fin é ao cabo, dixérame, non foi un neno desexado, e agora ten unha oportunidade de vivir nunha familia normal, estou a piques de casar e todo sería moito máis doado. Alí si que falei, estaba claro que deixar de ver a un pai de súpeto, non, non, iso faise pouco a pouco e eu xa daba por feito que podería facer o sacrificio de renunciar a ser pai se me aseguraban que o rapaz non ía escachar. Ten en conta que para ti sempre foi unha cousa non querida, dábache ata medo, e iso o dixo coma se fose un pecado orixinal, que o teu fillo che dea medo, eu dixen, medo non, pánico, é que a ti non che daba pavor ter un rapaz? Non, non me daba medo ter un rapaz, dábame medo o pai. Imos deixalo, o que puiden sufrir co teu silencio ao lado, sen deixar de fumar e mirar ao infindo. Como son algunhas frases, que quedan enteiriñas cos seus puntos e comas e todo. Ter un fillo cunha muller que nunca pensou en nada, ver alí, preñada do teu fillo a unha muller que comezaba a ver nese momento, comezaba a ver que era unha rapaza, que nunca pensara nada, que empezaba a repetir cousas que podería dicir a miña nai, que de súpeto tiña o poder de decidir se quedabamos un pouco máis tomando algo ou marchabamos, eu deixábaa na súa casa, non estaba disposto a que o poder fose a máis, tiña razón, nin unha palabra doce, tampouco dura, nin unha palabra, tal coma ela dixo no colexio e calara durante anos. Ela facía coma se nada, coma se a partir dese momento a vida fose comezar a dispor de todo o que eramos. Eu non falaba nada, pero a miña nai deixara de nomear o tema dende o mesmo momento no que o contei, puxo a tele e 12


depositou o problema no fondo ese que tiña cheo de cousas que caían coma plumas e se depositaban para non saír máis. Ese foi o tempo que lle dedicou a unha das cousas coas que máis teima tivera toda a vida. Volvo ao colexio. Eu miraba xa máis que escoitaba, Xan alí nun curruncho sen ousar saber o que diciamos, e eu non sabía dicir a que se debía tanta sensibilidade. Non era febleza, ía de aquí para alá sen pestanexar, facía dende os cinco anos as maletas el soíño, sacaba a roupiña ao chegar e gardábaa no roupeiro mentres o pai pensaba, que pode ser dun rapaz de currunchos? (Entro de cheo a contarme afastándome de min, tal coma me dixo a rapaza. É difícil). Quedaba ollando pola fiestra porque lle gustaba o mar. O pai sentaba á súa fronte e ollaba para el, pero non parecía sentir nada. Gústache o mar? (Parece poesía, que impresión, non ten nada que ver co que pasou en realidade). O calafrío de falar cun fillo coma cun forasteiro, as preguntas típicas para encetar unha conversa con alguén que fala outra lingua. Asentía e seguía a mirar. E que, gústache o mar? Agora o ton era de entrevista xornalística, aborrecíao aínda máis porque o neno xa era consciente da imposibilidade do pai de relacionarse con el. Non sei, dicía unha voz mínima. Queres baixar a dar unha volta? Agora pasaba a acción, as palabras non funcionaban. Non, grazas. A vociña pequena pero moi segura. Imposíbel baixalo. E alí quedaba un bo anaco, despois erguíase e collía un dos seus libros, era de saber cousas do mundo, como a esa idade teñen todo por saber, non había moita orde nas preguntas e tampouco nas respostas. Xa 13


ledes estas cousas á túa idade? Eu a túa idade aínda comezaba a aprender. Os demais nenos non len aínda, pero eu si, como teño tempo. Os demais nenos non teñen tempo?, preguntáralle, seguro esta vez por gañar na lóxica e acadar unha frase longa dabondo. Non, teñen irmáns, avós, xogan ao fútbol, nadan. Ti se queres vas ao fútbol, diso encárgome eu, falo coa túa nai e organízoo. Por fin, vira un momento de necesidade de pai, pero o neno dixo seguro outra vez, non, non, non fai falta, a min o fútbol non me gusta. Ben, non o probaches. Non fai falta. De veras, tes que probalo. Non, grazas, gústame máis ler. Sacábao coma a un canciño, levábao a visitar algún amigo con fillos para facer algunha amizade, pero el non saía do meu lado. De verdade non queres xogar un pouquiño á pelota? A lene voz de Amalia, agochada e cofando os seus xeonllos. Non, grazas. Queres un colacao quentiño cunha madalena de chocolate? Non, grazas. Os outros nenos esperaban á beira da porta coa pelota na man e só saíran ao recibir o parabén cun xesto silandeiro. Entón, Amalia traía un café para min, (non son quen de verme dende fóra, non podo verme coma pai nin lembrando unha escena), un té para ela e poñiámonos a conversar pero sen poder evitar a presenza do fillo fitando o debuxo da alfombra. Era incómodo, violento, a psiquiatra preferiría que dixese violento, non probaba nin a saír do cuarto, de maneira que á terceira vez dun caso destes xa non houbo máis intentos de relacións. Dalgún xeito o pai deixouse coma con todo (inténtoo de novo, o de afastarme de min mesmo). Só era unha cousa máis a deixar. Gustáballe pasear con mal tempo, canto peor tempo mellor, así podía sentir o vento tentando tirar o paraugas, a choiva tentando meterse dentro do paraugas e el loitando por seguir a andar e chegar ou non chegar. O 14


único que quería era sentir a sensación de loita porque xa non tiña frontes, manda carallo que a única loita sexa manter o paraugas fronte ao vento. Foi un día de inverno cando caeu na conta desa parvada, abriu a porta da casa, deixou o paraugas no paraugueiro e pousouse na mesma porta coma se quedase sen forzas, coma se as gastase, coma se cumprise, puiden chegar, agora estou a salvo, teño calor e podo ver unha película. Entón ouviu con claridade o que estaba a pensar e pareceulle estarrecedor. Era un heroe de treboada, pero non metido nun barco, era un auténtico heroe de paraugas e gabardina de Loewe, compráraa nunhas rebaixas por aquilo de estar de paso en Madrid e a necesidade de compra que levan as viaxes consigo. Pensou iso, quedou paralizado, doeulle de verdade coma se estivese matando ao neno Xulio que pensaba noutras cousas, que cousas pensaba cando era un rapaz? Quen sabe, esquecérao todo, foi por ter que esquecer o dos estudos, por non facer carreira, por non facer nada á fin, se o pai non insistira tanto no sentido común, talvez. E alí parou por aquela tarde, quitou a gabardina, iso si, deixouna caer na cadeira coma se fose un farrapo que xa non servía, peiteouse coa man e deseguida buscou o mando e deulle ao botón do televisor. Intentou concentrarse na película pero non podía, tiña algo desagradábel metido no corpo, cambiou de canal, cambiou a documentais, cambiou de lingua, galego, inglés, a cada paso, cantas máis imaxes diferentes e máis velocidade, máis aumentaba o malestar no corpo, e de feito terminou por darlle ao botón e deixarse quedo, sentindo que morría cunha horríbel dor no peito (era horríbel, era horríbel, se continúo a lembrar vouna ter outra vez), sen poder respirar, lembrou o da bolsa de plástico para casos de ansiedade, vírao na televisión, fixo o que puido, pero aquilo non se ía, foi así coma empezou o malestar. (Teño que ir ao baño). 15


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.