Selección vento mareiro

Page 1

VENTO MAREIRO CABANILLAS

SELECCIÓN DE POEMAS


1

A ti, miña muller, arca pechada que no seu fondo agarimoso encerra o que me queda santo sobre a terra, van estes versos de visión dourada. Eles diranche que, ó través da vida, sempre, sempre miña alma soñadora pideulle a Deus que na postreira hora cerre os meus ollos esa man querida. E neles vai, paxaro cara ó niño, agardando que o colla con cariño, este meu rogo que a visión completa: Quero na lousa que me dé sosego esta palabra que ten luz: "Galego" e esta palabra que ten ás: "Poeta".

Ramón Cabanillas (1915): Vento mareiro.


2 Á SOMBRA DO PINAL ¡Pinal de Tragove! ¡Zoador, barulleiro pinal enraizado nas laxes fendidas da beira do mar! ¡Que dozura no arume bravío ten a branda resina que cai das abertas feridas das ponlas en adoas de limpo cristal! ¡Que agarimo e brandura de berce nas secas faíscas alfombra do chan! ¡Pinal de Tragove! ¡Fungador, impoñente pinal que te enrugues altivo, rei da soedá, ó frente o misterio calado do ceo, ós pés o mistéreo bruante do mar! ¡Repouso encantado das tardes do vran! En bandadas chegaban as pombas no teu verde ramaxe a pousar... a alma viaxaba por terras non vistas en busca de Aquela que nunca virá... ¡os ollos seguían unha vela lonxana no mar...! ¡Segredo da calma dos mornos seráns! Na sombra do ceo refulxe a mirada cruel de Aldebarán... A trirreme do Ensono, en silenzo, vén da praia nos cons a atracar, coas bandas e os remos cubertos de rosas e na proa este nome: "Ideal". ¡Soídos lonxanos das prácidas noites de meigo luar! Voz de Scheherezada, mainiña e levián, que tece cos fíos de prata da lúa a máxica historia do vello Simbad... ¡unha fada enloitada que axexa o camiño de luz sobre o mar...! ¡Pinal de Tragove, rei da soedá, que rosmas altivo, diante dos misterios do ceo e do mar, do pobo gallego a queixa ancestral!


3 BÁGOAS DE NAI BALADA.

I Era unha probe nai que tiña un fillo en terra allea, máis alá dos mares, onde o levaran soños de aventura ilusións de emigrante. Sobre unha pedra da nativa praia, todos os días, ó morrer a tarde, polo filliño, mártir do recordo, choraba incosolable. Ó caer entre as augas do mar calmo as bágoas limpas, mornas e brillantes, eran por roibas fadas recollidas en nacarado cáliz. E trocándoas en perlas relocentes, como fillas do amor máis puro e grande, en segredo, agachábanas nun pazo de escumas e cristais. II Esquecido do chan en que nacera e da nai garimosa que o choraba, nuns roxos beizos de muller, o mozo presa deixou a alma. Un día que por prezo ós seus feitizos pediu ela unha xoia que soñara, fisque ó fondo do mar baixou en busca da milagreira alhaxa. E roubando ás ondinas o tesouro, fixo un colar de perlas encantadas que colocou, trunfante, sobre o peito da muller adorada. Mais cando ardendo en febre de desexos puxo os beizos no seo en que brillaban, palideceron de dolor as perlas e trocáronse en bágoas!


4 O PAXARIÑO NAMORADO MADRIGAL

Do sol da tarde ós raios derradeiros cun fol de gran de millo na cabeza, beira do río, mesta de ameniros, toda arume, frescura e xentileza, Ía cara ó múíño a moza por quen peno namorado, -arca e espello das esperanzas miñascando no medio e medio do camiño viu na lama, baténdose, abafado co piquiño entreaberto e as aíñas pingando, murchas como axada rosa, un pobre paxariño que, ó rebulir, caera da follosa ponla en que tiña feiticeiro niño. Para facer ben, nin tarda nin esquiva, pousou o fol a nena compasiva e agarrando o paxaro con tal xeito que dera envexa á nai máis garimosa, un pouco avergoñada, rindo leda, falándolle mimosa, púxoo, como nun leito de suave a branda seda, rente da carne morna do seu peito.

Acochado do seu na quentura un bo anaco tívoo prisioneiro, -ninguén xaula* gozou de tal dozura!e ó ver que lle facía cóxegas co peteiro, sentindo que xa ledo rebulía, colleuno con amor, deulle un biquiño, botoulle a man á ponla do ameneiro e deitouno no niño. Mais o paxaro tolo por súa dona, -ou milagre de amor, digno de sona!á prisión pracenteira e ós agarimos mólidos afeito, dende o niño arroxouse na lameira chiándo por volver ó morno peito.


5 DA TRAXEDIA DE PIERROT. I Camiño real. Mediodía. Arde o ceo enroxecido. e no berce da campía quedouse o vento durmido. .

V Sol. O sedento follaxe dos arbres múrchase. Cheira a fume ardido. A paisaxe finxe, ó lonxe, unha fogueira.

Canta o grilo no ruleiro. A araña, entre as silvas, fía. O enxame no laranxeiro funga a vella letanía.

Esténdese na campía e resoa na quebrada o estrondo da canturía das rans na ágoa empozada.

Unha pomba que, abafada, voa cruzando a valgada cara a fonte da arboreda pon, baixo a luz roxa e viva unha sombra fuxitiva na brancura da vereda. II Un carro de erba cargado, dos bois ó andar preguiceiro, vén costa abaixo e, deitado entre a erba, o carreteiro.

As veces, no aire brillante un ventiño saloucante bate as ás, maino e levián. Cansos, tristóns, resiñados, camiñan acompasados os bois, o burro e o can. IV Afógase Colombina e abrindo ó fresco unha veta descorre un pouco a cortina da bufarda da caseta.

Do carro labrego á veira, roda unha chouza ambulante: a caseta de madeira de Pierrot o comediante.

E ó mirar, ve o mozo forte que, deitado, o carro guía, san e garrido, co porte dun dios da mitoloxía.

Un burro cheo de amatas que xa non pode coas patas, tira dela, paso a paso.

Rindo, chisca os ollos ela, El, como alelado ó vela, rise tamén... E despois,

E detrás, medio tullido, triste, co rabo caído, coxea o can do paiaso.

ela que entorna a modiño a porta, baixa o camiño e sube ó carro dos bois.

III Pierrot que a noite pasada coa lúa anduvo de rúa coa cara inda enfariñada dorme, soñando coa lúa.

VI Cando, xa de volta, sube á caseta Colombina, aínda Pierrot nunha nube canta ó son da mandolina.

E Colombina que inxerta un traspés noutro traspés está soñando desperta coas alhaxas do Marqués.

E mentres co espello diante ela a serearse acerta, o pobre do comediante baixa do ceo e e desperta.

E así van. El condenado a non ser nunca escoitado da Muller nin da Ilusión. Ela correndo veredas a soñar citas segredas nostálxica da Traición.

Míranse. A falsa, tranquía ó ver que non desconfía, finxe desmaiar de amor. E Pierrot bícaa na frente todo apenado e doente... (porque en soños foi traidor!


6

ACCIÓN GALLEGA Himno ¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos! ¡Dende Ortegal ó Miño a folla do fouciño fagamos rebrilar! Que vexa a Vila podre, coveira da canalla, a Aldea que traballa disposta pra loitar.

Antes que ser escravos, ¡irmáns, irmáns gallegos! que corra a sangre a regos dende a montana ó mar. ¡Ergámonos sin medo! ¡Que o lume da toxeira envolva na fogueira o pazo siñorial! Xa o fato de caciques, ladróns e herexes, fuxe ó redentor empuxe da alma rexional. Antes que ser escravos, ¡irmáns, irmáns gallegos! que corra a sangre a regos dende a montaña ó val.


7 A TRAXEDIA DAS FOLLAS Son os días de outono. Son os días en que caen desfeitas, sen arume, as derradeiras rosas. En bandadas, sobre do mar, alónxanse, chíando, cara ás terras do Sol, as anduriñas. (…) Ou impiedá* do vento polo outono! Chega o refacho e o carballo envolve; tronza e esgaza as ponlas; as folliñas que se queixan minosas arrincando, xoga con elas un instante; lévaas ó longo do camiño; contra un valo vainas xuntando, pouco a pouco, en feixes; destrénzanse de pronto en remuíños, ergue o montón, encarraxado brúa e, baténdoas con rabia tola, guídaas nas rodeiras dos carros, entre a lama, nas cunetas de fondos enlixados ou nas revoltas augas dunha aberta… Como esas follas meus irmáns galegos! Como a espida arboreda aterra miña! Como ese vento, tráxico e bruante, os malditos caciques que a asoballan! Meus irmáns, meus irmáns como esas follas! (…) E alá van! Desde o pazo da ribeira o negreiro cacique que os empuxa a saída do barco asexa rindo. E verdá que son moitos e van lonxe, Mais… sobra xente! A ducias, sen queixarse, a mansa aldea, fábrica de escravos, cobre as baixas do exército dos pobres! (…) Deus os acolla! Baixo ignorados ceos, coa nostalxia dos eidos mimosiños, sobre do peito a pouta da morriña que afunde as almas como murcha os corpos, ó caer para sempre no desterro sen o bico dos seus, sen o consolo de durmir baixo a terra agarimosa do adro florido, na nativa aldea, nin cruz, nin pedra, nin letreiro falará das súas dores nin da impía man traicioneira que os botou da patria. Como as follas no outono! Como as follas que do vento o bruante remuíño guinda nas augas podres dunha aberta ou enterra na lama dun camiño!


8

CAMIÑO LONGO

Camiño, camiño longo, camiño da miña vida, escuro e triste de noite, e triste e escuro de día... ¡camiño longo da miña vida! Vereda, vereda torta en duras laxes aberta, arrodeada de toxos, crebada polas lameiras... ¡vereda torta, ti onde me levas! Camiño, camiño longo. A choiva, a neve e as silvas enchéronme de friaxe, cubríronme de feridas... ¡camiño longo da miña vida! Vereda, vereda fonda de fontes tristes, sin ágoa; sin carballos que den sombra, nin chouzas que den pousada... ¡vereda fonda, ti cando acabas!


9 FOI NUN VELLO XARDÍN Unha rosiña vermella abanéabase, feliz, na punta dunha roseira gala do vello xardín. Pasa un paxe do castelo, faille reverencia e di: -Volve o Rei, cheo de gloria, dun estranxeiro país: A Reina quere que o pago da vitoria sexas ti. E a rosiña dille ó paxe: -Non quero ir! Entra unha moza garrida e branca como un xazmín: -Vente comigo a unha xusta que a gloria vaite cubrir. Serás premio dun troveiro que en ti bicarame a min. E a rosiña dille á moza: -Non quero ir! Chega un galán namorado que suspira e que lle di: -Quero que á nena que adoro lle contes o meu sufrir. Daranche arume os seus beizos e o seu seo camarín. E a rosiña dille ó mozo: -Non quero ir! Unha virxe do Señor fálalle, pregando, así: -Lévote, rosa vermella, nun altarciño a lucir. Cando ti murches, ó ceo dereita irás dende alí. E a rosiña dille á monxa: -Non quero ir! Unha neniña enloitada chega, chorando, ó xardín. -Terás bágoas por orballo, terás salaios por bris. Vou a rezar por mi madre… Rosiña, ti queres vir? E a rosa díxolle á nena: -Lévame, lévame ti!


10 POMBAS FERIDAS Se a auga da túa fonte inda corre manina e limpa; se as rosas do teu xardín Inda non teñen espiñas… Non pouses, nena, teus ollos na tristeza destas rimas. Se tes a alma en repouso e as ilusións te enfeitizan; se non sabes das tormentas que desfán algunhas vidas… Non pouses, nena, teus ollos n tristeza destas rimas. Unha man que xa non bico teceunas na carne miña co puñal con que a rachou e co sangue das feridas… Olla se será tristeza a tristeza destas rimas! Máis “Pombas feridas” en Vento mareiro.


11 O PRIMEIRO MADRIGAL1 Nun curruncho do Olimpo, certo día que o dios fillo de Venus e de Marte, aínda neno e sen xeito no seu arte, no manexo do arco se impoñía, botou man dunha frecha afiada e forte e ó ceo a dirixiu tan por dereito, con tan cativa sorte, que, ó caer, encravóuselle no peito, Amor, de amor ferido, queixouse do dolor cun ¡ai! sentido, agre e doce, ridor e lastimeiro… E foi este salaio de Cupido o madrigal primeiro!

1

“O primeiro madrigal”, “O madrigal das rosas vermellas”, “O galo negro” e “Terra” foron incluídos na 2ª edición de Vento mareiro (1921).


12 O MADRIGAL DAS ROSAS VERMELLAS Conta unha lenda do país heleno que, nun comezo, as rosas eran brancas. Unha mañá que a diosa dos amores da beleza e da graza foi buscar flores nos xardíns veciños da fonte de Castalia tripou unha roseira de espiñas afiadas: espallouse en pingotas, relocentes como acesos rubís de luces claras, o roxo sangue, e o divino orballo trocou vermellas as rosiñas brancas. Dende aquela florecen neste mundo As rosas da dolor, as rosas santas! Ou ti, filla da diosa! Eu tamén tiña unha roseira de rosiñas brancas…! Dende o día sen sol que ma tripaches bota rosas que sangran!


13 O GALO NEGRO A Lois Peña Novo Locindo a crista como un sangrante casco guerreiro, a ollada dura e alumeante, o forte e áxil pescozo ergueito, empolainado, calzada a espuela co señorío dun cabaleiro, en circo o rabo de longas prumas cheas de escuros, limpos refrexos, como un rei mouro por antre escravos, solene, mudo, vibrante, teso, vai antre as pitas do seu comando o galo negro. Cando ó seu pazo rachando o vento chega o cantío dun compañeiro, detén o paso, fitando ó lexos, nun solo pulo rube ó poleiro e as ás abertas, inflado o peito, ventando loita, rabiado, aceso, a gorxa chea, devolve a inxuria nun outo berro longo, afiado como firente frecha de aceiro, méntra-las pitas, as mansas pitas asoballadas, fuxen tremendo, e os probes pitos, os aparvados pitos coirentos, acochadiños chían de medo. Toda Galicia é unha ringleira de galiñeiros. Cada viliña, cada parroquia, ten o seu galo ¡seu galo negro! Alma aforcada de traicioneiro, nin cre nos santos, nin cre no demo; pedáneo, abade, xuez, porteiro, nadie se mova sin a súa venia, sin o seu outo consentimento. Concencia ás costas, si no hai diñeiro vende a xusticia por un cadelo. Fai os repartos como lle peta, torce camiños, troca lindeiros, e ten as vidas, e ten as honras encadeadas ó seu deseio. ¡Irmáns, oíde! ¿Sempre teremos de ser escravos, pitiñas mansas, pitos coirentos? ¡Irmáns! Galicia é unha ringleira de galiñeiros... ¡Todos a unha! ¡Matemos todos os galos negros!


14

TERRA! A neve nos curutos, a brétema no val, o sol bicando as veigas, o vento no pinal, este berro de loita estenden polo chan: Esperta e érguete axiña, Terra de Breogán! Fillos do chan galego, rexos celtas irmáns! Os corazóns dispostos, nun feixe as voluntás*, respondamos ó berro que nos chama a loitar: Libertade á nobre e sagra Terra de Breogán!


15


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.